Última revisión
09/02/2023
Dictamen de Consello Consultivo de Galicia 1101 de 17 de enero de 2008
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 45 min
Órgano: Consello Consultivo de Galicia
Fecha: 17/01/2008
Num. Resolución: 1101
Cuestión
Reclamación de responsabilidade patrimonialResumen
Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por dona J. Á. R. e don J. C. Á., polos danos e perdas ocasionados ao seu esposo e pai, paciente en tratamento con sintrom por valvulopatía, preparado para intervención de fractura de cóbado e finalmente diagnosticado de luxación.
Organismo: Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia)
Letrado: López Paz
Propuesta: Desestimatoria
Conclusion: Favorable
Relator: Carro Fernández - Valmayor
Contestacion
ANTECEDENTES
1.- O 17 de maio de 2006, dona A. L. P., actuando en nome e representación de don J. C. Á. e dona J. Á. R., presentou escrito
de reclamación patrimonial ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
No seu escrito a reclamante relata que, o 24 de abril de 2005, don M. C. L., pai e esposo, respectivamente, dos seus representados,
sufriu unha caída fortuíta que obrigou ao seu traslado ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.
Ao seu ingreso no mencionado centro hospitalario, e tras a realización das probas que se consideraron pertinentes, se lle
diagnosticou rotura de cóbado, decidíndose polo equipo médico que lle atendía a necesidade de intervirlle cirurxicamente.
Co fin de preparalo para a intervención, e como sexa que o paciente estaba en tratamento de Sintrom por unha valvulopatía,
decidiuse o ingreso en planta con un tratamento alternativo a este que permitira a operación que, segundo se explicara tanto
ao paciente como aos familiares, era necesaria.
Así, segundo o relato dos accionantes, durante a semana seguinte o paciente permaneceu ingresado cos brazos inmobilizados
e con intensos dores no costado esquerdo que se intensificaban ao tusir. Durante a semana de estancia no centro o paciente
tivo tamén un episodio de hemorraxia.
Continúan os accionantes relatando que, a primeiros de maio, supostamente, se lle tiñan feito as probas preanestésicas pertinentes
e a familia se informara acerca da conveniencia de non intervir ao paciente dada a súa idade, 82 anos, e os seus antecedentes
de valvulopatía, ademais do feito de que o paciente padecese de síndrome de QT alargado. Non obstante, o equipo de traumatólogos
informou de que a única solución era a cirúrxica, polo que a mesma foi consentida.
Así, o dous de maio de 2005, realizadas as probas que se estimaron convenientes, e cando a xuízo do persoal que lle atendía
se entendeu que o paciente estaba preparado para ser intervido, o señor C., entrou a quirófano co fin de someterse á intervención.
Non obstante, dez minutos máis tarde os familiares do paciente foron chamados explicándoselles que ao pasalo á mesa de operacións
o pacinte tivera unha taquicardia ventricular, polo que fora trasladado á U.C.I.
O paciente permaneceu neste servizo de coidados intensivos tres días en estado semiinconsciente, ao largo da súa estancia
tivo dous episodios cardíacos máis.
Os accionantes rematan o relato de feitos indicando que, unha vez foi estabilizado déuselle o alta na UCI pasando a planta.
No informe de alta faise constar que o paciente tiña o síndrome de QT alargado que xa presentaba en ECG antigos e estaba con
hipopotasemia. Segundo se manifesta no escrito rector da reclamación, xa en planta quitóuselle o aparato que lle inmobilizaba
o cóbado e o señor C. movíao con toda naturalidade. Visitado polo traumatólogo este comentoulle que non existía motivo ningún
para intervirlle o cóbado.
2.- Instruido o correspondente expediente de responsabilidade patrimonial e concedida audiencia aos reclamantes, formulouse proposta
de resolución en sentido desestimatorio da reclamación.
3.- O expediente de razón foi remitido para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo Sr. presidente da Xunta
de Galicia, tendo entrada neste organismo con data dezaoito de decembro de dous mil oito.
4.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.
CONSIDERACIÓNS
Primeira.-
O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de razón, con base no previsto no artigo 11, j) da
Lei de Galicia 9/1995, do 10 de novembro, e 10 e 17.1, e) do seu regulamento, aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio,
por tratarse dunha reclamación de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.
Segunda.-
O expediente sobre o que se solicita emisión de ditame suscita un caso de responsabilidade patrimonial das administracións
públicas que, como tal suposto, vén regulado basicamente polo artigo 106.2 da Constitución española, polos artigos 139 a 144
da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
(en adiante LRXPAC), e polo Regulamento dos procedementos das administracións públicas en materia de responsabilidade patrimonial,
aprobado polo Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.
Terceira.-
Ao longo do proceso evolutivo do marco normativo de referencia, e en moitas ocasións a impulso dos pronunciamentos xurisprudenciais,
foise consolidando o principio da obxectivación da responsabilidade extracontractual das administracións públicas, de xeito
que o deber da Administración de indemnizar os danos producidos polos seus servizos, nace con independencia da mediación de
culpa, neglixencia ou ilegalidade, é dicir, pode ser reclamado polos particulares polo simple feito de que estes sufran no
seu patrimonio un dano, prexuízo ou lesión, abondando con que poida demostrarse que o dano foi consecuencia do funcionamento
normal ou anormal dos servizos públicos.
O abandono do criterio subxectivista de responsabilidade non supón, nembargantes, a inexistencia de límites fronte a unha
eventual aplicación automática do principio resarcitorio sobre a base dunha vinculación máis ou menos ampla entre o funcionamento
do servizo e o dano padecido; e así, como máis significados lindes daquel principio xeral poden destacarse tres acotacións
de formulación legal: a forza maior (artigo 139.1 da LRXPAC), os danos derivados de feitos e circunstancias que non se puideran
evitar ou prever segundo o estado da ciencia e a técnica existentes na produción daqueles (artigo 141.1 LRXPAC, inciso 2º),
e a obriga xurídica de soportar os danos (artigo 141.1 LRXPAC, inciso 1º); así como aqueloutras de creación xurisprudencial:
culpa da vítima e feito de terceiro (recollidas en incontables pronunciamentos do Tribunal Supremo, entre outros, o contido
na súa sentenza do 15.3.2005).
De maneira particularizada, no que concirne á responsabilidade da Administración no ámbito sanitario, por este Consello Consultivo
con ocasión de diferentes pronunciamentos (entre outros o ditame CCG 218/99), concretáronse as modulacións ás que está sometida
con relación ao sistema xeral de responsabilidade noutras esferas de actuación pública, bastando recordar neste momento que
con relación ao dito sistema existen certas variantes en canto aos requisitos precisos para poder esixila, fundados en postulados
tales como o que determina que a asistencia sanitaria é unha prestación de medios e non de resultado, o que predica a necesidade
e correlativa esixencia de que a actuación médica se desenvolva conforme á denominada lex artis ad hoc, ou aquela outra que sinala o dereito dos pacientes a obter cumprida información sobre o seu proceso curativo e, en relación
con esta, a necesidade do consentimento que aqueles deben prestar con ocasión do acto cirúrxico.
Cuarta.-
Tendo en conta os elementos técnicos que se acaban de describir e pasando a examinar o fondo da reclamación presentada, hai
que sinalar que, de acordo coas previsións do artigo 12.2 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, resulta preciso determinar
neste ditame se existe, no caso que se nos presenta a exame, relación de causalidade entre o funcionamento do servizo e a
lesión aducida.
A tal efecto, procede centrar, primeiramente, os aspectos fundamentais dos reproches que a parte actora dirixe verbo do funcionamento
do servizo público sanitario.
A este respecto, das argumentacións realizadas pola representación dos reclamantes despréndese que estes aducen, en primeiro
lugar, a existencia dun erro de diagnóstico, porque non existía fractura de cóbado senón luxación. En segundo lugar, unha
indebida prescrición dunha arriscada intervención cirúrxica que non era necesaria, e precisamente por isto, como terceiro
reproche, unha errónea información, porque en todo momento antes da intervención se lles indicou que era preciso acometer
a súa práctica.
Por contra, a instrutora do expediente basea a súa proposta de resolución desestimatoria da reclamación nunha serie de consideracións
que, en esencia, se fundamentan na apreciación de que a atención sanitaria prestada foi axeitada ás circunstancias do caso,
considerándose, con base nos informes médicos obrantes no expediente, que as complicacións cardíacas que deron inicio ao
fatal proceso tórpido que provocou o falecemento do señor C. L. obedeceu a circunstancias alleas á atención sanitaria que
lle foi prestada, por estar vinculadas a doenzas xa previamente arrastradas polo paciente.
Quinta.-
Aos efectos de realizar un pronunciamento sobre a contraposición de posturas cristalizadas no expediente, hai que partir da
regra xeral, reiterada por este Consello Consultivo en numerosos ditames -por todos, cítase o CCG 148/06-, segundo a cal,
con carácter xeral, a proba da vinculación do dano co funcionamento do servizo público corresponde ao reclamante. Tal criterio,
extraído tradicionalmente no noso dereito do agora derrogado artigo 1.214 do Código Civil, obtense na actualidade do disposto
no artigo 217.2 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, que grava ao actor coa carga de probar a certeza dos feitos dos que ordinariamente
se desprenda, segundo as normas xurídicas a eles aplicables, o efecto xurídico correspondente ás pretensións da acción exercitada.
Con esta regra xeral interactúa outro criterio básico aplicable no eido das reclamacións de responsabilidade patrimonial no
ámbito sanitario, que, polo marcado carácter técnico da materia sobre a que versan, introduce importantes restricións na marxe
de apreciación dos feitos e o material probatorio a eles atinxente.
Así, fóra dos casos nos que opera un desprazamento da carga probatoria, fundamentalmente, a través dos principios de dispoñibilidade
e facilidade probatoria do artigo 217.6 da Lei de axuizamento civil, o accionante ten a carga de probar aqueles feitos nos
que basea a súa reclamación, que dado o ámbito que se analiza, insístese, en boa parte das ocasións terán carácter técnico
e precisarán, por iso, dun aval de tal natureza, que dote a aquelas alegacións de verosimilitude suficiente.
Trasladando estes criterios ao caso resulta que do contraste das alegacións formuladas pola representación dos interesados
coa documentación que integra a historia clínica do paciente apréciase, efectivamente, a compatibilidade dalgunhas apreciacións
da parte actora co recollido nos distintos informes e demais documentación clínica elaborada no curso da asistencia sanitaria
prestada ao señor C. L. En particular, constátase que a intervención inicialmente prescrita estaba afectada por un ?riesgo quirúrgico sustancialmente incrementado?, segundo informa o xefe do servizo de medicina interna. Igualmente se confirma que a operación foi descartada
tras a aparición das complicacións cardíacas, recolléndose nos informes clínicos que non resultaba necesario practicar a intervención;
en concreto, no informe de alta de UCI, do 5.5.2005, indícase textualmente que ?los traumatólogos comentan que no es necesario operarle?.
Sexta.-
Con todo, nos distintos informes médicos incorporados ao expediente -tanto os anteriores como os posteriores á reclamación-
adúcese unha circunstancia que creba a base da argumentación de parte, pois se nega a premisa da que parte toda a dialéctica
dos reclamantes, desbotándose o carácter iatroxénico da complicación cardíaca sofrida polo paciente, segundo se indica, no
antequirófano e antes do inicio da intervención.
Así, por unha parte, desvincúlase a parada cardíaca sofrida polo paciente da práctica da propia intervención cirúrxica, pois
segundo informa o Servizo de Medicina Interna ?Antes de recibir medicación anestésica presentó parada cardiaca. Se trata de un evento muy grave, probablemente relacionado a su enfermedad cardiaca previa?. Neste sentido, os propios familiares do señor C. L. manifestan que foron avisados da incidencia dez minutos máis tarde da
entrada en quirófano do paciente.
Igualmente, rexeítase toda eventual conexión entre a complicación cardíaca e a asistencia preoperatoria prestada ao paciente
-no curso da cal se modificou un tratamento con anticoagulantes ao que aquel estaba sometido- desbotando que a hipopotasemia
detectada con posterioridade -e vinculada causalmente coas arritmias cardíacas sofridas polo doente- estivera xa presente
antes do inicio da intervención. Segundo se sinala no informe do servizo de medicina interna, de constante cita, ?La analítica preoperatoria realizada el 24 de abril muestra glucosa, creatinina y potasio normales? engadíndose que ?En los días siguientes el paciente continuó con un tratamiento similar al que venia haciendo en domicilio, con sustitución de Sintrom por Celxane con vistas de intervención? e que o paciente ?No recibió fármacos adicionales que pudieran hacer variar las cifras de potasio en sangre o inducir arritmias?.
Negada a preexistencia da hipopotasemia, apórtase, paralelamente, unha explicación técnica ao seu posterior diagnóstico, indicándose
que ?La analítica donde se aprecia hiponatremia e hipopotasemia fue realizada después de efectuadas las maniobras de reanimación y posiblemente las alteraciones se relacionan con la reanimación y no con trastornos previos?.
Sétima.-
Así as cousas, os referidos xuízos sobre a cuestionada atención sanitaria, ainda procedendo dos distintos servizos nos que
o paciente foi atendido, constitúen o único criterio médico que analiza os puntuais feitos determinantes da reclamación, e
nesta tesitura, as argumentacións realizadas pola representación dos reclamantes, carecen do aval técnico necesario para combater
as consideracións realizadas nos citados informes médicos, sendo improcedente que, ante a falta de evidencias que autoricen
a chegar a outra conclusión, se fagan primar sobre aquelas as apreciacións técnico-médicas contidas nos escritos presentados
pola parte actora. Deste xeito, sen perder de vista o chamativo dato obxectivo de que a parada cardíaca se produciu no momento
mesmo no que se ía iniciar a intervención cirúrxica de risco, este Consello Consultivo carece de elementos de xuizo para contradecir
a versión científica sostida pola sanidade pública, non cabendo outro pronunciamento sen escapar da marxe de apreciación que
corresponde a este Consello Consultivo, asentada sempre sobre parámetros xurídicos.
Consecuentemente, ante o estado probatorio no que se atopa o expediente que se somete a este Consello Consultivo hai que entender
que a alegación da parte actora centrada na existencia dunha mala praxe na asistencia sanitaria analizada, non está suficientemente
demostrada, polo que procede a desestimación da reclamación presentada.
CONCLUSIÓN
Por todo o anteriormente exposto, a Sección Segunda do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade de todos os seus membros,
ditamina:
?Que informa favorablemente a proposta de resolución á que o presente expediente se refire?.
