Convenio Colectivo de Sector de INDUSTRIA DE EBANISTERIA E AFINS (27000245011982) de Lugo
Convenios
Convenio Colectivo de Sec...2) de Lugo

Última revisión
01/11/2003

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de INDUSTRIA DE EBANISTERIA E AFINS (27000245011982) de Lugo

Sector Autonómico. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2001

Tiempo de lectura: 17 min

Tiempo de lectura: 17 min

Resolución do 16 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo. (Diario Oficial de Galicia num. 183 de 20/09/2001)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo (código 2700245) , asinado o día 22 de xuño de 2001, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de Ebanistería de Lugo e das centrais sindicais UGT (60,9%) , CC. OO. (13%) e USO (13%) , e de conformidade co disposto no artigo 90 epígrafes 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro

Ordena- la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo

Remiti- lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro

Dispoñe- la súa publicaión no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 16 de xullo de 2001. Manuel Teijeiro Álvarez Delegado provincial de Lugo

CONVENIO COLECTIVO PROVINCIAL PARA A INDUSTRIA DA EBANISTERÍA E AFÍNS DA PROVINCIA DE LUGO

 
Artigo 1º.- Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación a tódalas empresas da provincia de Lugo, establecidas ou que se establezan no futuro, que rexéndose polo convenio colectivo estatal da madeira publicado no BOE do 20 de maio de 1996 e tendo os seus centros de traballo na provincia, teñan ó seu servicio traballadores encadrados nas actividades de ebanistería, mobles curvados, fábricas de mobles en serie, carpintería e carpintería mecánica, envases e embalaxes, brochas, cepillos, pinceis e vasoiras, almacéns de madeira e tapicerías, fábricas de cadaleitos, carpintería de ribeira e demais actividades de 2ª transformación da madeira previstas no anexo I do convenio colectivo estatal da madeira. As condicións pactadas neste convenio teñen o carácter de mínimas obrigadas.

Artigo 2º.- Vixencia e duración.

Este convenio terá unha duración dun ano, desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001, con independencia da data de publicación no BOP ou Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.- Comisión mixta paritaria.

Constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes do convenio. O citado órgano- integrado por 7 representantes da asociación empresarial asinante, 5 membros de UXT, 1 de CC. OO. e 1 de USO, igualmente asinantes do convenio- cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así coma do seu seguimento. Caso de non chegar a acordo na dita comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) e xurisdicción competente.

Artigo 4º.- Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que anteriormente a este convenio viñeran gozando de mellores condicións cás aquí pactadas, poderán acollerse a elas, séndolles respectadas para tódolos efectos.

Artigo 5º.- Denuncia.

A denuncia do convenio deberá presentarse cunha antelación mínima de 30 días á data de finalización do convenio por calquera das partes. A ausencia de denuncia deste convenio significará, en todo caso, a súa prórroga por un ano, en iguais termos, salvo no referente a táboa salarial que se verá incrementada en igual contía có IPC anual.

Artigo 6º.- Xornada laboral.

A xornada laboral de traballo queda fixada para o ano 2001 en 1.780 horas ó ano de traballo efectivo, tanto en réxime de xornada continuada coma partida, que se distribuirá de luns a venres, ámbolos dous inclusive, salvo nos casos de que entre empresa e traballadores se tome un acordo en contra con respecto ó traballo dos sábados.

Independentemente do anterior, a empresa queda facultada, naqueles supostos de que non se traballe o sábado, para nomear un servicio de urxencia para manter un nivel mínimo de servicios de asistencia ó público, sendo os ditos nomeamentos de carácter representativo. A compensación ós traballadores que traballen en sábado, efectuarase de forma horaria con carácter mensual.

As empresas poderán distribuí- la xornada establecida no parágrafo primeiro deste artigo ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso, a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do convenio colectivo estatal da madeira.

Para os efectos dunha mellor organización do traballo, as empresas poderán estabrecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 7º.- Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio gozará dun período anual de 30 días naturais de vacacións, preferentemente entre os meses de xuño e setembro. No primeiro trimestre do ano, as empresas poñerán en coñecemento de todo o persoal o calendario de vacacións, así coma os criterios seguidos para o seu establecemento. Despois da citada exposición, existirá sempre a posibilidade de reaxuste do calendario proposto, ben por medio dun prazo de reclamación daqueles traballadores que sexan prexudicados ou polo establecemento dun acordo entre empresa e traballador.

No suposto de desacordo, haberá que aterse ó que dispoña a autoridade laboral ou a xurisdicción laboral.

Artigo 8º.- Período de proba.

O persoal comprendido neste convenio, para os efectos de establece- la duración dos períodos de proba, terá que aterse á seguinte escala:

- Peón: 15 días.

- Resto categorías: 30 días.

Artigo 9º.- Licencias retribuídas.

O persoal gozará das seguintes licencias retribuídas:

- 15 días en caso de matrimonio.

- 2 días por cambio de domicilio na cidade.

- 5 días por cambio de residencia fóra do municipio. Considérase non laborable a xornada de tarde do 24 e 31 de decembro.

Así mesmo, considerarase non laborable a xornada de mañá do día 24 ou 31 de decembro, segundo acordo entre empresa e traballadores.

Nos restantes casos, haberá que aterse ó disposto no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II do convenio colectivo estatal da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 10º.- Pezas de roupa de traballo.

As empresas entregarán ós traballadores dúas pezas de roupa anualmente, unha en xullo e outra en decembro. En traballos especiais entregarase, se fose necesario, a roupa oportuna.

Artigo 11º.- Salarios.

Durante o ano 2001 os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa, resultado de aplicar un incremento do 5,8% sobre das táboas do ano 2000, do que o 1,8% correspóndese á aplicación da cláusula de revisión sen efectos retroactivos pactada para o ano 2000 pola comisión negociadora do convenio estatal da madeira, e o 4% restante ó incremento salarial do ano 2001.

Artigo 12º.- Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2001 rexistre un incremento superior ó 4%, a diferencia que se produza adicionarase ó incremento salarial que se pactase para o ano 2002.

Artigo 13º.- Pagas extraordinarias.

Establécese unha en xullo de 30 días, pagados antes do 30 de xuño, denominada paga de verán e outra en decembro de 30 días que se aboará antes do 20 do citado mes, denominada paga de Nadal. A contía das pagas mencionadas será de 30 días de salario base máis a antigüidade e a compensación por perda da antigüidade.

As pagas extraordinarias reguladas neste artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 14º.- Premio de xubilación.

Os traballadores que se xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa terán dereito ó desfrute de vacacións retribuídas nas seguintes duracións:

- Ós 65 anos: 1 mes.

- Ós 64 anos: 2 meses.

- Ós 63 anos: 2 meses e medio.

- Ós 62 anos: 3 meses.

- Ós 61 anos: 3 meses e medio.

- Ós 60 anos: 4 meses.

O desfrute destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu cesamento efectivo, debendo o traballador comunicar de forma constatable a súa decisión á empresa. Esta faralle entrega ó traballador que solicite as vacacións, dun certificado acreditativo do seu desfrute, no que constará o número de meses ós que ten dereito.

Artigo 15º.- Seguro de invalidez ou morte.

As empresas suxeitas a este convenio contratarán un seguro por accidentes de traballo polas contías de 4.000.000 de pesetas por invalidez permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, e de 2.500.000 pesetas no caso de morte.

Artigo 16º.- Axudas de custo.

Aboaranse conforme a gastos habidos ou xustificaranse segundo factura.

Artigo 17º.- Aprendices.

Os anos traballados como aprendiz nunha empresa serán computables, para os efectos de duración da aprendizaxe, noutra das mesmas especialidades, logo de certificación do aproveitamento pola empresa anterior, ou certificación de capacitación por un centro de formación profesional.

O tempo de aprendizaxe nunha empresa será computable para os efectos de antigüidade. Para os efectos de determina- los salarios que corresponden, tratarase o establecido na táboa salarial anexa.

Artigo 18º.- Dereitos sindicais.

As empresas vinculadas a este convenio recoñecen os sindicatos debidamente implantados no sector como elemento básico ou representativo, para afrontar a través dos seus delegados de persoal e comité de empresa as necesarias relacións entre traballadores e empresario. Para o exercicio das súas funcións representativas recoñécense ós membros dos comités de empresa e delegados de persoal o número mínimo de horas retribuídas mensuais previstas no artigo 68 do Estatuto dos traballadores segundo o número de traballadores de cada centro de traballo, sen que en ningún caso o crédito horario mensual poida ser inferior a 16 horas.

Cota sindical: as empresas, por requirimento dos traballadores ou dos seus representantes sindicais (comité ou delegados) , descontarán da nómina mensual do traballador o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará, con claridade, a orde do desconto, a central sindical ou sindicato ó que pertence, a contía da cota e o número de contas correntes e entidades a onde debe ser transferida a dita cantidade. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical se a houbese.

Taboleiro de anuncios: os delegados de persoal e seccións sindicais constituídos a teor da lexislación vixente, disporán dun taboleiro de anuncios para expoñer comunicados relativos a problemas laborais da empresa ou do sector.

Artigo 19º.- Compensación en caso de baixa por enfermidade ou accidente.

Nestes supostos a empresa aboaralles ós seus traballadores o complemento necesario para que unidas á compensación económica, debida a incapacidade temporal, por accidente de traballo e enfermidade profesional, o traballador perciba o salario que se establece neste convenio a partir do día seguinte ó inicio da baixa e mentres perciba a indemnización económica a cargo da Seguridade Social podendo a empresa controla- la evolución da enfermidade ou accidente por medio dos seus servicios, deste dictame médico dependerá a subsistencia do referido beneficio, sen prexuízo das sancións que resulten pertinentes.

Igualmente, no caso de enfermidade común, o 100% aboarase a partir das 20 semanas de baixa e, en todo caso, cando exista hospitalización e durante o tempo que dure esta.

Artigo 20º.- Dos traballo tóxicos, penosos e perigosos.

En todo caso para a súa cualificación e determinación fidedignas- logo de comunicación á empresa do traballador e traballadores supostamente afectados- haberá que aterse ó que determine a autoridade laboral logo de expediente legalmente tramitado para tal efecto.

En canto á súa retribución e demais aspectos normativos haberá que aterse no convenio colectivo estatal da madeira.

Artigo 21º.

Cando no cumprimento das obrigacións laborais puideran producirse a retirada do carné de conducir, por infracción ou accidente, a empresa comprometerase a ocupar ó traballador afectado naquelas tarefas que non requiran tal condición. Esta medida non será de aplicación no caso de infracción reiterada ou de retirada definitiva do carné.

Artigo 22º.A idade de xubilación voluntaria será de 64 anos cumpridos.

Todas aquelas empresas ás que lle sexa solicitada por un traballador a dita xubilación á idade xa citada, veranse obrigadas a contratar outro traballador, titular de dereito ás prestacións de desemprego ou novo demandante de primeiro emprego, mediante un contrato da mesma condición có extinguido na forma e condicións que establece a lexislación vixente.

Artigo 23º.- Normas supletorias.

En todo o non previsto neste convenio colectivo, haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo estatal da madeira e demais lexislación vixente.

Artigo 24º.- Recoñecemento médico.

As empresas vinculadas a este convenio colectivo están obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para todo o persoal, a través do gabinete técnico provincial de seguridade de hixiene ou a través da mutua patronal de accidentes de traballo. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa, quen facilitará os medios de transporte para este desprazamento.

Artigo 25º.- Traballo da muller.

Os dereitos e obrigacións establecidas na lexislación laboral e neste convenio afectarán por igual ó home e á muller.

As empresas están obrigadas a pagar, por igual traballo, os mesmos salarios e complementos sen discriminación de sexo.

Para os efectos da extinción do contrato de traballo por causas obxectivas non se computarán como faltas de asistencia as dos traballadores en período de licencia por maternidade.

Artigo 26º.- Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes asinantes acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios de Ebanistería de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas dúas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da Comisión de Seguridade e Hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove- la observancia das disposicións legais vixentes para a previsión dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci- los riscos que atenten á integridade física e saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece- las normas e procedementos e que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos recoñecementos médicos que se realicen ós traballadores deste sector.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 27º.- Comisión de formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Ebanistería de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

- Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afectan ó sector de ebanistería, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como nos que poidan programar máis adiante.

- Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini- la organización e programación desta, tanto ocupacional coma regulada (observatorio ocupacional)

- Elaborar plans formativos necesarios para consegui- la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativas e manuais, coas súas equivalentes na Comunidade Económica Europea.

- Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 28º.- Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengan por este concepto novos dereitos quedando polo tanto suprimido.

Non obstante os traballadores que tiveran xerado antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade manterán a cantidade consolidada na dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo o concepto de antigüidade consolidada non sendo tal contía absorvible nin compensable. Para tales efectos, fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Artigo 29º.- Vinculación á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas neste convenio colectivo son o resultado da adaptación do mesmo ó convenio colectivo estatal da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase, habendo resolución firme, algúns ou tódolos seus pactos e polo tanto quedase sen efecto o convenio colectivo estatal pola aplicación do seu artigo 16, o convenio colectivo estatal deixará de rexer no futuro no que respecta a este convenio colectivo provincial.

Por outra parte e no suposto de que a xurisdicción competente estimase que algunha das condicións pactadas neste convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz debendo reconsiderarse a seu contido íntegro pola comisión negociadora.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
Disposición adicionai Primeira

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo interprofesional galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposición adicionai Segunda

As empresas disporán dun mes desde a publicación deste convenio no BOP ou Diario Oficial de Galicia para aboa- las diferencias salariais entre as cantidades que viñeran percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos desde o 1 dexaneiro de 2001 ata a data da publicación.

DISPOSICIONES DERRADEIRAS

 
Disposición derradeira única

As partes firmantes, tendo en conta do retraso na publicación do convenio colectivo estatal da madeira, acordan o pacto económico para o ano 2001 que supón este convenio, procedendo a adaptar- lo seu texto ó convenio colectivo estatal cando este se publique.

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le- los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)