Convenio Colectivo de Emp...de Ourense

Última revisión
23/01/2004

Convenio Colectivo de Empresa de LIMACO EMPRESA DE INSERCION, S.L.U. (32000940012006) de Ourense

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico



CONVENIO COLECTIVO: EMPRESA LIMACO-EMPRESA DE INSERCION, S.L. DE OURENSE (COD. 3200940) (Boletín Oficial de Ourense num. 146 de 27/06/2002)

Unha vez visto o texto do convenio de ámbito inferior á empresa "Limaco-Empresa de Inserción, S.L. de Ourense", (código de convenio número 3200940), que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de abril de 2002, subscrito con data 10 de abril de 2002, dunha parte polo representante legal da empresa, doutra polo representante dos traballadores da empresa, esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común, acorda:

Primeiro.- Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que está nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.- Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).

Terceiro.- Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Ourense, 12 de xuño de 2002.- O delegado provincial. Asdo.: José Lage Lage.

Convenio colectivo de ámbito inferior á empresa LIMACO Empresa de Inserción, S.L. (con carácter de convenio franxa) para o grupo de traballadores da actividade de asesoría e servicios a empresas

Capítulo 1: Ámbito de aplicación

1.- Ámbito territorial e funcional

O presente convenio é de ámbito inferior ó de empresa, tendo carácter de convenio franxa e afecta ó grupo de traballadores da empresa de Ourense LIMACO Empresa de Inserción , S.L. que desenvolven a actividade de asesoría e servicios a empresas, con exclusión dos que desenvolvan a actividade de limpeza de edificios e locais.

2.- Ámbito persoal

Encóntranse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos empregados dependentes desta empresa, teñan ou non contrato indefinido, e que desenvolven a actividade de asesoría e servicios a empresas, con exclusión dos que desenvolvan a actividade de limpeza de edificios e locais.-

3.- Vixencia e duración

O presente convenio comezará a rexer dende o día 1 de xaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2004, e manterá a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro convenio entre as partes, se ben comezarase a súa negociación no mes de novembro de 2004, data na que se constituirá a comisión negociadora. En calquera caso, o seu articulado quedará vixente ata a substitución por outro convenio.

Capítulo 2: Organización do traballo

4.- Xornada de traballo

A xornada laboral será de 40 horas semanais.

O horario de traballo establecerase en cada centro de traballo en función das necesidades dos programas e proxectos en curso e/ou das horas de apertura e peche das instalacións nas que se presten os servicios, sen prexuízo das modificacións puntuais que poidan sufrir en función das actividades para as que sexa requirido o traballador. Os cambios de horarios serán comunicados ós traballadores con antelación suficiente.

Salvo por circunstancias obxectivas que o impidan, a xornada laboral durante os meses de xullo e agosto será de 35 horas semanais.

5.- Traballo nocturno

Enténdese por horario nocturno o realizado entre as 23:00 e as 7:00 horas.

No caso de que o desenvolvemento da actividade pola que fora contratado o empregado deba ou poida desenvolverse neste período, compensarase con períodos de descanso da mesma duración máis un 25% a gozar na semana posterior, sempre e cando o traballador non se contratara para desenvolve-lo seu labor en horario nocturno.

En todo caso, o empregador porá tódolos medios ó seu alcance para que estes traballadores gocen en todo momento dun nivel de protección en materia de saúde e seguridade adaptado á natureza do traballo, incluíndo servicios de protección e prevención adecuados equivalentes ós dos restantes traballadores da organización.

6.- Festivos

O traballador que por causas de organización do traballo desenvolva a súa actividade en domingo ou festivo, gozará en compensación dun día e medio de descanso que poderá gozar, de mutuo acordo coa empresa, na semana posterior ó festivo traballado. En ningún caso poderán compensarse economicamente.

A cláusula anterior non se aplicará se o traballador foi contratado para realiza-lo seu súa labor en días festivos.

7.- Mobilidade funcional

A mobilidade funcional non terá outras limitacións que as esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional.

Acórdase o establecemento de polivalencia funcional pola cal calquera traballador poderá realizar tanto as funcións propias do posto de traballo contratado (funcións prevalentes), como as funcións doutros postos de traballo doutros grupos profesionais e/ou niveis retributivos, sempre que se dispoña da preparación necesaria para o correcto desempeño das ditas funcións.

A práctica da polivalencia funcional propiciará a formación, o desenvolvemento profesional e o traballo en equipo.

Capítulo 3: Vacacións, permisos, licencias e excedencia

9.- Vacacións

A duración das vacacións será a estipulada no Estatuto dos traballadores a razón de 30 días naturais por ano traballado. Os traballadores gozarán preferentemente de, polo menos, quince dos seus días de vacacións en período de verán.

En ningún caso serán compensadas económicamente as vacacións non gozadas, salvo finalización do contrato.

10.- Licencias e permisos

Trala solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída en tempo que se indica nos seguintes casos:

- Por matrimonio ou inclusión no rexistro de parellas de feito: 15 días naturais

- Por matrimonio de familiares en primeiro e segundo grao: 1 día natural

- Por nacemento de fillos ou irmáns: 2 días naturais

- Por morte ou falecemento do cónxuxe ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días naturais se é na mesma provincia, 5 días naturais se é fóra dela. No caso de hospitalización ou enfermidade grave: 2 días naturais.

Os traballadores disporán de ata un máximo de tres días ó ano para o desenvolvemento de actividades familiares tradicionais e autóctonas como vendima, matanza etc. Estes días seranlles comunicados á empresa con alomenos 30 días de antelación ó seu goce.

11.- Reducción da xornada por motivos familiares

As traballadoras, por lactación de fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. Este permiso poderá ser gozado indistintamente polo pai ou a nai no caso de que ambos traballen.

Aqueles que por razón de garda legal teñan ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico ou psíquico ou sensorial, que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo cunha diminución proporcional do salario entre un mínimo dun tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción da xornada prevista no presente apartado constitúe un dereito individual dos traballadores homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da organización xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empregador poderá limita-lo seuexercicio simultáneo polas razóns xustificadas do funcionamento da empresa.

12.- Suspensión do contrato por maternidade, risco durante o embarazo, adopción ou acollemento

O contrato de traballo suspenderase, segundo o establecido no artigo 48.4 do Estatuto dos traballadores, por unha duración de 16 semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata 18 semanas, seis delas inmediatamente posteriores ó parto.

No caso de adopción ou acollemento, a duración da suspensión será de dezaseis semanas se o neno é menor de 9 meses ou de seis semanas se ten entre 9 meses e cinco anos.

13.- Excedencias

Todo traballador fixo cunha antigüidade na organización de polo menos un ano, terá dereito a que se lle recoñeza na situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos e mínimo de dous.

Una vez terminada a excedencia voluntaria non poderá gozarse de novo este dereito ata pasados 4 anos.

Todo traballador desta empresa pasará automaticamente a situación de excedencia forzosa polo nomeamento de cargos públicos ou sindicais que esixan dedicación plena que imposibilite a asistencia o traballo.

Capítulo 4: Réxime económico

14.- Táboa salarial

O salario base será como mínimo o establecido para cada categoría na táboa salarial do anexo I. Na dita táboa figuran os importes brutos anuais incluídas as 14 pagas establecidas polo presente convenio. Os citados importes serán obxecto de estudio para a súa revisión anual, se procede, en reunión da Comisión Paritaria de Seguimento do presente convenio.

A retribución determinada no anexo I será aboada en doce pagas mensuais con inclusión, rateadas nestas, das dúas pagas extras, e no modelo de recibo de salario que conforma o anexo II do presente convenio. O pagamento realizarase mensualmente na primeira semana de cada mes e preferentemente en efectivo.

15.- Pagas extraordinarias

O persoal comprendido no presente convenio percibirá dúas pagas extraordinarias, na contía cada unha de 30 días do salario base e na forma establecida no artigo anterior.

16.- Desprazamentos

Nos desprazamentos por motivos laborais os gastos de quilometraxe aboaranse cun máximo de 0,17 euros (28 ptas.) por quilómetro percorrido, esta cantidade actualizarase automaticamente á alza ou á baixa na función da normativa de máximos que o Goberno dicte en cada caso nesta materia. Se se optase por outro tipo de transporte aboaranse os gastos do billete.

O empregador poderá compensar, mediante o aboamento dunha gratificación de distancia, os gastos de desprazamento do traballador que viva lonxe do centro de traballo.

17.- Axudas de manutención e aloxamento

Os gastos de manutención e aloxamento causados pola asistencia ou representación institucional aboaranse contra xustificación da nota de gastos proporcionada ó efecto cun máximo de 52,29 euros (8.700 ptas.). diarios por manutención no caso de pasa-la noite fóra en municipio distinto do habitual á residencia do trabajador máis os gastos da estancia debidamente xustificados. No caso de non durmir fóra a axuda de manutención terá un límite máximo de 26,14 euros (4.350 ptas.). Estas cifras revisaranse automaticamente á alza ou á baixa en función da normativa de máximos que o Goberno dicte en cada caso nesta materia.

No caso de que a organización do evento corra con estes gastos, non se lle aboará ningunha cantidade ó traballador.

18.- Gratificación de actividade e gratificación de responsabilidade

O empregador poderá unilateralmente aboar estas gratificacións, en ambos casos non consolidables, na contía que estime oportuna, en función do nivel de desempeño mostrado, da eficacia laboral demostrada, da consecución de obxectivos esixidos ou do grao de responsabilidade asignado, cesando o seu pagamento cando cese a causa que orixinou o seu aboamento.

Así mesmo, poderase recoñece-las ditas gratificacións coas mesmas condicións descritas no parágrafo anterior pola realización de accións formativas, xornadas, seminarios, conferencias, etc. ou outros.

19.- Gratificación de toxicidade, penosidade, perigosidade e nocturnidade

Estas gratificacións aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

En todo caso, o empregador poderá decidi-la súa aplicación cando considere que as tarefas desenvolvidas conleven un evidente desgaste emocional ou físico, como pode se-lo traballo con persoas ou colectivos especialmente desfavorecidos previamente determinados.

Estas gratificacións tampouco serán consolidables.

20.- Contía das gratificacións de actividade e responsabilidade

Estando estas gratificacións suxeitas a cotización á Seguridade Social non existirá límite para a súa contía, decidíndoa en cada caso o empregador en función das circunstancias e funcións individuais de cada traballador, en ningún caso o feito de que supere o salario fixado para a categoría superior implicará o ascenso de categoría do traballador

21.- Complementos sociais

Establécese un complemento social de 300,50 euros (50.000 ptas.) que se lle aboarán ó traballador/a polo nacemento dun fillo.

A empresa poderá conceder, en función do expediente académico, unha bolsa de ata o 50% do importe da matrícula ós traballadores que acrediten ter cursado estudios universitarios ou doutro tipo durante o ano académico anterior á solicitude da bolsa; esta poderá ser compatible co goce doutras axudas ou bolsas doutros organismos ou administracións. A formación cursada e obxecto da bolsa deberá ter relación co desenvolvemento da súa actividade profesional na empresa.

22.- Horas extraordinarias e incapacidade laboral

Durante a vixencia deste convenio non se realizarán horas extraordinarias de carácter normal, non obstante poderanse facer horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural nos termos legalmente establecidos polo artigo 35 do Estatuto dos traballadores, que serán compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

No suposto de baixa por incapacidade temporal motivada por enfermidade común ou accidente non laboral, o empregador estará obrigado a aboar ó traballador ou traballadora nesta situación o 100% do seu salario dende o cuarto día no que se produza a baixa.

No suposto de baixa por incapacidade temporal motivada por enfermidade profesional ou accidente laboral, o empregador estará obrigado a abonarlle ó traballador ou traballadora nesta situación o 100% do seu salario dende o primeiro día no que se produza a baixa.

Capítulo 5: xestión contratación, saúde laboral e formación do persoal

24.- Contratación

Para unha correcta xestión de recursos humanos adaptada á natureza da actividade realizada, poderase aplicar calquera modalidade contractual que a lexislación estableza.

Serán de aplicación preferente as seguintes modalidades contractuais:

- Contratos indefinidos

- Contratación por obra ou servicio: o empregador poderá realizar contratos por obra ou servicio para cubri-las necesidades de persoal derivadas da realización de proxectos e programas concretos de duración determinada. O encadeamento sucesivo de contratos por obra ou servicio non derivará en contratación indefinida sempre e cando se teñan realizado funcións distintas ou o traballador fóra adscrito a tarefas, encargos ou proxectos de distinta natureza xurídica aínda cando se teñan realizado similares cometidos.

- Contrato eventual por circunstancias da producción. O empregador poderá optar por esta modalidade contractual cando así o esixan as circunstancias productivas, rexéndose para iso polo establecido na lexislación laboral vixente

- Contratación a tempo parcial: entenderase realizado contrato a tempo parcial cando o traballador realice unha prestación efectiva menor á máxima establecida na normativa laboral vixente.

- Contratos formativos: enténdese por contratos formativos os denominados contratos en prácticas e contratos para a formación. Realizarase este tipo de contratación co fin de facilita-lo acceso ó mercado de traballo de traballadores sen a necesaria experiencia laboral, ós que se dotará dos coñecementos necesarios para desempeña-la súa profesión.

a) Contratos en prácticas: este tipo de contratos terán como duración mínima e máxima a establecida na lexislación vixente

b) Contratos para a formación: os traballadores en calidade de aprendizaxe están ligados á empresa mediante o contrato para a formación, polo cal, o empregador utiliza o traballo do que aprende obrigándose a ensinarlle o oficio ou profesión correspondente.

O contrato para a formación estará regulado ademais de polo establecido nas disposicións legais, polas seguintes condicións:

- Non poderán realizar horas extraordinarias

- O persoal baixo a modalidade de contrato para a formación que teñan a necesidade de desprazarse dende o seu domicilio ó seu centro de traballo e formación, utilizando un medio de transporte público urbano, terán dereito á compensación destes gastos.

24.1 Período de proba

O período de proba para os traballadores de novo ingreso, calquera que sexa a súa modalidade contractual, será de seis meses para os traballadores adscritos ós grupos profesionais 0 e 1, e de dous meses para o resto de traballadores. Durante este período tanto o traballador como o empregador poderán pór fin á relación contractual sen necesidade de alegar causa xustificativa.

24.2 Avisos previos

O traballador que desexe voluntariamente cesar na súa prestación de servicios para esta empresa deberá poñelo en coñecemento desta cunha antelación mínima de 15 días á data da baixa. En caso de incumprimento por parte do traballador, o empregador descontará da liquidación o importe do salario dun día por cada día de retraso no aviso previo.

25.- Saúde laboral

A empresa e o/os representante/s dos traballadores designarán, de común acordo, de entre os traballadores con cualificación suficiente para desempeña-lo cargo, ó traballador responsable de tarefas de prevención de riscos laborais, que se ocupará da actividade de prevención de riscos profesionais no ámbito da empresa, todo isto de acordo co establecido na Lei de prevención de riscos laborais, o dito responsable contará, por parte do empregador, en todo momento con todo o apoio material e económico que precise para o desempeño das súas funcións.

26.- Formación do persoal

Tódolos traballadores veranse obrigados a participar activamente nas actividades de formación programadas pola empresa para o seu persoal.

Así mesmo, se a empresa entendese necesaria para o seu desenvolvemento profesional a participación dalgún traballador en concreto nas actividades formativas determinadas, este verase obrigado a participar nelas coa compensación necesaria dos gastos que isto derivara.

Capítulo 6. Grupos e categorías profesionais

O persoal que presta os seus servicios baixo este convenio clasificarase de acordo coas funcións que realice dentro dalgún dos grupos e categorías seguintes:

27.- Grupo 1: directivos

Pertencen a este grupo profesional aqueles postos que, formando parte do equipo de dirección, participan na elaboración das directrices da empresa, sendo responsabilidade súa a correcta aplicación das ditas directrices nos seus respectivos ámbitos de actuación.

Directivos (serán o persoal de dirección da empresa)

28.- Grupo 2: técnicos e administrativos

Intégranse neste grupo profesional o conxunto de persoal cualificado profesionalmente que desempeña funcións técnicas de responsabilidade, así como aqueles empregados que realizan tarefas administrativas consistentes na execución de operacións que requiren adecuados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas. A este grupo, e a título meramente enunciativo, pertencen as seguintes categorías:

Técnicos (persoal titulado especializado con alta capacitación profesional)

Administrativos (persoal con capacitación administrativa que puidera ter ó seu cargo a auxiliares administrativos)

29.- Grupo 3: persoal de apoio

Inclúense neste grupo profesional aqueles empregados que desempeñan tarefas que se realizan seguindo un método de traballo preciso, baixo supervisión, así mesmo inclúese todo aquel persoal que realice tarefas de apoio ó persoal do grupo 2; a este grupo, e a título meramente enunciativo, pertencen as seguintes categorías:

Auxiliares técnicos (persoal titulado que desempeñe funcións de asistencia e apoio ós técnicos e directivos da empresa)

Auxiliares administrativos (persoal que desempeñará funcións administrativas básicas, estando a cargo e baixo a supervisión de persoal)

Ordenanzas (desempeñarán as funcións propias e comúnmente asignadas a este posto de traballo: realización de xestións na rúa, recados, encargos etc)

Peóns: desempeñarán traballos de natureza manual tanto para a propia empresa como para clientes desta.

30.- Grupo 4: persoal en formación.

Inclúese neste grupo todo o persoal que figure baixo a modalidade de contrato en prácticas ou ben baixo a modalidade de contrato para a Formación con independencia do grupo e a categoría que lles correspondera desempeñar á finalización dos seus contratos en prácticas ou formación

Capítulo 7. Réxime disciplinario

Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa como consecuenciade incumprimentos laborais de acordo coa graduación de faltas que se establece a continuación.

31.- Clases de faltas

Para os efectos de sanción enténdese por falta toda acción e omisión que supoña quebranto dos deberes establecidos nas disposicións laborais e nas que figuran no presente convenio.

As faltas cometidas polo traballador cualificaranse de leves, graves e moi graves en función da súa importancia, trascendencia ou intencionalidade.

32.- Faltas leves

- Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen xustificación, nun período de trinta días naturais.

- Abandono do posto de traballo sen causa xustificada, aínda cando sexa por breve espacio de tempo. Se como consecuencia desta ausencia se causasen prexuízos á empresa, esta falta considerarase grave ou moi grave en atención as súas circunstancias.

- Non notificar con carácter previo ou, se resultase imposible, dentro das 24 horas seguintes, a razón da ausencia ó traballo.

- Pequenos descoidos na conservación dos locais, materiais, documentos e ferramentas de traballo, sempre que non orixinen consecuencias prexudicadas para a empresa que derivarían na cualificación da falta en grave ou moi grave en atención ás súas circunstancias.

- A incorrección no trato cos clientes dos servicios, co público, compañeiros e superiores, dentro da xornada laboral, sempre que tal conducta non orixine consecuencias prexudiciais para a empresa, de tal xeito que sería considerada falta grave ou moi grave en función das circunstancias.

- Non acudir ó posto de traballo co tipo de vestiario que a criterio da empresa sexa o adecuado para cada posto ou función.

- A inexactitude ou incumprimiento de prazos nos datos, partes, informes, listados ou demais documentación que teña que facilitarse, sen que se deriven prexuízos para a empresa, se así fose sería cualificada a falta como grave ou moi grave en función das circunstancias.

- Calquera outra conducta de natureza análoga que, sen afectar ó normal funcionamento da empresa, implique descoido no traballo ou alteración das formas sociais de lóxica observancia.

- O incumprimento das súas obrigacións derivadas da normativa de prevención de riscos laborais sempre que carezan de trascendencia grave para a integridade física ou a saúde do traballador ou os seus compañeiros de traballo.

Se como consecuencia dunha falta cualificada como leve se ocasionase algún prexuízo económico ou que afecte ó prestixio social da empresa, dos compañeiros ou terceiros, a dita falta, en atención ás súas circunstancias, poderá ser considerada como grave ou moi grave

33.- Faltas graves

- Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas durante un período de trinta días naturais.

- Faltar dun a tres días ó traballo durante un período de trinta días naturais sen causa que o xustifique. Se como consecuencia da dita ausencia se causara grave prexuízo para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

- A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización do traballo. Se destas conductas se derivara prexuízo notorio para a Empresa poderá ser considerara como falta moi grave.

- A neglixencia ou descoido no servicio que poida afectar á boa marcha do traballo.

- A imprudencia no traballo. Se implicase risco de accidente para o traballador ou para os seus compañeiros, ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

- O incumprimiento das obrigacións derivadas da normativa de prevención de riscos laborais, sempre que o dito incumprimento cree un risco grave para súa saúde ou integridade física ou a dos seus compañeiros.

- A realización, sen autorización de traballos particulares durante a xornada de traballo ou o uso de documentación, ferramentas de traballo e material da empresa aínda fóra das horas de traballo.

- O quebranto ou violación de segredos ou información de reserva obrigada sen que se produza grave prexuízo para a empresa, no que será considerada como falta moi grave.

- A solicitude e exercicio dunha licencia ou permiso alegando causas inexistentes ou a súa utilización con fíns distintos ós solicitados.

- Sacar materiais, documentación e ferramentas de traballo dos centros de traballo sen autorización.

- Mal uso das ferramentas informáticas da empresa así como da conexión a Internet e correo electrónico, entenderse por mal uso a súa utilización para tarefas de ocio e persoais distintas das exclusivamente profesionais.

- A reincidencia en falta leve, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun prazo de trinta días, sempre que mediara sanción que non sexa a de amoestación verbal.

- Calquera outra conducta de natureza análoga que revele un grao de neglixencia ou ignorancia inescusable ou que cause prexuízo ó traballador, á empresa ou a terceiros.

34.- Faltas moi graves

- Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de tres meses.

- O incumprimento das obrigacións derivadas da normativa de prevención de riscos laborais, cando da dita conducta se derive nun risco grave e inminente para a saúde e seguridade do traballador ou dos seus compañeiros de traballo.

- O acoso sexual mediante agresións verbais ou físicas dirixidas contra a dignidade ou intimidade das persoas.

- A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo, tanto a compañeiros de traballo coma á empresa ou a calquera outra persoa, dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar onde se desprazara por conta desta.

- A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que existe falta cando un traballador en situación de baixa médica por tales motivos realice traballos de calquera índole, por conta propia ou allea, incompatibles coa situación de baixa. Así mesmo comprenderase neste apartado toda manipulación feita para prorroga-la baixa por accidente ou enfermidade, así como as conductas dirixidas a pretender que un accidente non laboral sexa cualificado como laboral ou "in itinere".

- A embriaguez durante o traballo ou o consumo ou introducción nos centros de traballo de drogas, estupefacientes e a permanencia no traballo en estado de intoxicación producido polas ditas substancias.

- A violación do secredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa,ou clientes desta, e a revelación de datos de reserva ou sixilo obrigado, que foran expresamente considerados como tales pola empresa.

- A mala atención a usuarios e/ou clientes da empresa.

- Os malos tratos de palabra ou de obra ós usuarios e/ou clientes.

- Os malos tratos de palabra ou de obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto ou consideración ós compañeiros, superiores ou ós seus familiares, así como as ameazas ou coaccións en forma individual ou colectiva. A estes efectos considerarase abuso de autoridade aquela conducta na que un superior cometa un feito arbitrario con infracción manifesta dun precepto legal ou normas de procedemento interno de onde se derive un notorio prexuízo material ou moral para o traballador.

- A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa, actos de espionaxe, sabotaxe ou outros que afecten gravemente ós resultados económicos da empresa ou menoscaben gravemente o seu prestixio.

- Aceptar remuneracións, comisións ou vantaxes de usuarios, subministradores ou terceiros por cumprimento dun servicio da empresa.

- A provocación voluntaria de danos a propiedades da Empresa ou doutros traballadores.

- A diminución voluntaria e continuada do rendemento normal do traballo.

- A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun trimestre e fosen sancionadas.

- Calquera outra falta de natureza análoga ás anteriores sempre que mediara sanción.

35.- Sancións

As sancións que poderá impoñe-la empresa, nos termos estipulados no presente convenio, serán as seguintes:

Por faltas leves: amoestación verbal; amoestación por escrito.

Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo dun a vinte días.

Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de 21 a 60 días e/ou despedimento.

Os períodos de prescrición das faltas serán os seguintes: as leves ós 10 días, as graves ós 20 días e as moi graves ós 60 días a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

36.- Procedemento sancionador

O procedemento sancionador comezará cunha comunicación escrita ó traballador onde constará a data e os feitos que motivan a sanción, esta comunicación tamén poderá ser verbal no caso das faltas leves, causando idénticos efectos cá escrita. Contra esta comunicación, o traballador poderá realizar alegacións de descarga nun prazo de 3 días hábiles, achegando as probas que estime oportuno.

Finalizado o prazo anterior, a dirección da empresa contará cun máximo de cinco días hábiles para impoñe-la sanción que lle será comunicada ó traballador, así como ós representantes dos traballadores no caso de falta grave ou moi grave.

A cualificación de faltas graves ou moi graves por acumulación de sancións de inferior cualificación, só terá efectos se constaran fidedignamente as sancións previas e estas non prescribiran.

No caso de que o traballador sancionado fose un delegado de persoal, gozará dos dereitos específicos establecidos na lexislación vixente.

O inicio dos procedementos sancionadores interromperá en tódolos casos os prazos de prescrición.

Capítulo 8. Do procedemento electoral e representatividade

37.- Do procedemento electoral

O procedemento electoral desenvolverase conforme co establecido no Estatuto dos traballadores e as disposicións regulamentarias que o desenvolvan.

Para presentarse como candidato esixirase unha antigüidade mínima de 6 meses na empresa no momento de publicación do censo.

En caso de finalización do contrato do traballador durante o seu mandato como delegado de persoal, este perderá a condición de representante dos traballadores ou delegado de persoal. No caso de reincorporación á empresa sen que se cubrira a súa vacante, o traballador poderá seguir desempeñando estas funcións representativas polo tempo de mandato que restase dende o primeiro nomeamento.

As eleccións realizaranse no horario laboral e nas dependencias da empresa, a menos que se acorde por maioría dos traballadores realizalas en horario e localización distinta.

38.- Mesa negociadora e mesa paritaria de seguimento

A mesa negociadora será a encargada da negociación do presente convenio, así como de acorda-las súas posibles modificacións e de negocia-los novos convenios en caso de denuncia do actual.

A mesa paritaria de seguimento será o órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio, terá entre as súas funcións a de interpretar calquera cláusula do convenio no caso de discrepancia interpretativa, a de revisar anualmente a táboa salarial dacordo co establecido no art. 14 deste convenio, así como a de determina-la inaplicabilidade do presente convenio acordando o correspondente descolgamento no caso de que a criterio das partes a situación económica da empresa así o requira.

Ambas mesas terán idéntica composición, estando integradas polo/os delegados de persoal electo/s e polos representantes da empresa en igual número de votos.

Ó comezo do proceso negociador ou da primeira reunión da Mesa paritaria de seguimento elixirase por consenso un presidente da mesa negociadora que terá como funcións a moderación das sesións. Elixirase igualmente un secretario que recollerá as actas correspondentes ás sesións negociadoras e procurará a sinatura destas por un membro de cada unha das partes.

Como representante da empresa, entenderase legalmente lexitimado ó administrador deste, ou quen este designe.

Os representantes dos traballadores serán o/os delegados de persoal elixidos conforme ó artigo 37 do presente convenio colectivo.

As partes poderán facerse acompañar, se así o solicitan, por asesores externos da empresa (no caso da empresa) e por asesores da forza sindical á que representen (no caso do/os delegado/s de persoal) estes asesores terán voz pero non voto.

Ós acordos chegarase por maioría de ambas partes, gozando cada unha delas de dereito de veto sobre calquera acordo. En calquera momento durante as deliberacións poderase acorda-la intervención dun mediador designado polas partes.

A empresa deberá ter un exemplar deste convenio, así como a copia dos boletíns de cotización á Seguridade Social no taboleiro de anuncios desta para o coñecemento de tódolos traballadores.

39.- Do convenio colectivo

Este convenio colectivo producirá efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2002, independentemente da data da súa publicación.

Disposición final. Unidades de negociación

A representación das partes que negociaron, aproban e subscriben o texto deste convenio, está constituída da seguinte forma:

Pola empresa:

Miguel Ángel Rodríguez Ojea (administrador único da empresa).

Polos traballadores

Eduardo González Tombo (delegado de persoal ­CIG-)