Última revisión
09/04/2014
Sentencia Civil Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 657/2012 de 24 de Enero de 2014
Texto
Relacionados:
Voces
Jurisprudencia
Prácticos
Formularios
Resoluciones
Temas
Legislación
Tiempo de lectura: 13 min
Orden: Civil
Fecha: 24 de Enero de 2014
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Núm. Cendoj: 36057370062014100037
Resumen:
RESPONSABILIDAD EXTRACONTRACTUAL
Encabezamiento
Resumen:
RESPONSABILIDAD EXTRACONTRACTUAL
Idioma:
Gallego
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00038/2014
CIVIL
Rolo: 657/2012
Procedemento de orixe: Ordinario 629/2011
Órgano de procedencia: Instancia núm. 10 de Vigo
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, Presidente, D. Julio Picatoste Bobillo, e D. Eugenio Francisco Míguez Tabarés, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA NUM. 38/2014
Vigo, vinte e catro de xaneiro de dous mil catorce,
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 629/2011 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 10 de Vigo ós que correspondeu o rolo 657/2012 nos que aparece como parte apelante e demandado MURIMAR MUTUA DE SEGUROS A PRIMA FIJA, representada polo/a procurador/a D./D.ª Paz Barreras Vázquez e asistida do/da letrado/a D./D.ª Francisco Peleteiro Gallego , e comoparte contra da que se apela e demandante D. Demetrio , representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª José Toro Rodriguez e asistida do/da letrado/a D./D.ª Alberto Viejo López.
É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 10de Vigo, con data do 17/4/2012 ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva: 'ESTIMANDO PARCIALMENTE LA DEMANDA interpuesta por D. Demetrio frente a MURIMAR SEGUROS, DEBO CONDENAR Y CONDE NO a ésta a abonar al actor la cantidad de 41.550 ? más los intereses legales y costas.' Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Paz Barreras Vázquez, en representación de MURIMAR MUTUA DE SEGUROS A PRIMA FIJA, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 9/1/2014.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro: A compañía de seguros demandada, antes de entrar na cerna propiamente dita do asunto, invoca a falta de competencia obxectiva do xulgado dr primeira instancia, ao estimar que a competencia corresponde aos xulgados do mercantil, ao abeiro do artigo 86 ter 2. c) da Lei orgánica do poder xudicial , que confire a estes últimos órganos xudiciais o coñecemento das pretensións relativas á aplicación do dereito marítimo, en relación cos artigos 737 e seguintes do Código de comercio , que regulan os seguros marítimos. Pois ben, a formulación da parte non se acepta por dúas razóns: A) A primeira, porque para que a parte litigante poida denunciar a falta de competencia obxectiva se require forzosamente da promoción dunha declinatoria, tal como de xeito explícito e inequívoco dispón o artigo 49 da Lei de axuizamento civil . B) Porque, en todo caso, e en trance de poderse declarar de oficio a incompetencia desa orde por parte do órgano xudicial, a mesma non resulta procedente, dado que o propio condicionado da póliza litixiosa ( cláusula preliminar, ao folio 69) reseña que ese contrato de seguro se atopa sometido á Lei de contrato de seguro 50/1980, de 8 de outubro, ou o que é o mesmo, a unha norma civil ordinaria e non á específica normativa mercantil do seguro marítimo.Segundo: A parte demandada, fronte á reclamación do seu asegurado, derivada do sinistro de lite, alega un doble comportamento imprudente deste último -que levaría á causa de exclusión da cobertura que deseguido reseñaremos-, consistente, por unha banda, na falta de mantemento da embarcación, que provocaría unha significada e grave corrosión da cola do motor, e por outra, unha indilixente actuación nos intres inmediatamente posteriores ao golpe do barco cos fondos mariños que orixinou o afundimento e, en fin, na conservación do mesmo. E a apelante cita, en apoio da exclusión, o artigo 25-1 das Condicións xerais da póliza, a teor do cal exclúense da garantía 'as consecuencias de sinistros causados por dolo ou culpa grave do tomador do seguro, do asegurado...', e a cláusula novena das Cláusulas inglesas para embarcacións de recreo, que exclúe igualmente as perdas ou avarías 'que sexan consecuencia da falta da debida dilixencia do asegurado'.
Terceiro: Incumbindo á parte demandada, ex artigo 217 da L. A. C., a proba das exclusións da cobertura da póliza, en canto que é ela as que as postula, revisado todo o acervo de probas achegado á causa estimamos, en coincidencia coa xulgadora a quo, que esa litigante non deu satisfacción cumprida a esa carga probatoria. Valoramos novamente as probas.
A compañía de seguros alicerza a súa versión exculpatoria no ditame pericial que achega coa contestación á demanda, prestado pola entidade Insermar Consultores, S. L. (perito, Sr. Moises ), e adornado con diversas fotografías, nas que se pode apreciar, en efecto, que está corroido o soporte do motor intraborda, ou se se prefire, ous dous brazos que integran ese soporte, e un dos cales partíu por efecto do golpe da embarcación contra o fondo. Máis, por unha banda, eses instrumentos de proba non resultan dabondo para levar afirmar con seguridade a culpa do asegurado demandante, e por outra, esas probanzas aparecen contratitas por outras, igualmente obrantes na lite.
Tres son os vicios -achacables ao actor-, que denuncia o perito, un primeiro, a rotura por corrosión da carcasa, o segundo, a inexistencia de ningún tipo de zinc nin outra medida anticorrosión, e o terceiro e principal, a corrosión do soporte da cola do motor. Pero fronte a esas afirmación cómpre indicar: A) Que a carcasa ten unha finalidade practicamente de pura estética -así se colixe das restantes probas-, máis non protexe realmente o motor contra golpes de certa entidade, como sucede, por lóxica, cando unha embarcación cun peso propio das que teñen 7,60 metros de eslora, sumado ao peso do motor, tripulante e occesorios, se atopa navengado e choca contra un fondo, como secedeu no caso. B) Que a inexistencia de ánodos de zinc ou outros elementos anticorrosión ao tempo do sinistro non deixa ser máis que unha mera conxetura xa que, dunha parte, o perito recoñece que eses elementos se poderon perder por mor do golpe, e doutra, a testemuña, representante legal de DIRECCION000 CB, á que logo aludiremos, asevera que quedaban no barco restos ou cachos deses elementos. C) Finalmente, non consideramos que a corrosión do soporte da cola do motor sexa relevante na producción do sinistro e das súas consecuencias, se temos en conta que estamos ante un mero artiluxio de soporte, e non propiamente protector da cola. Ou o que é igual, atopámonos ante unha mera abrazadeira ou forquilla, cuxa función estriba, ademáis de dotar de estabilidade á cola a través dos dous brazos, en facilitar a elevación, baixada e xiros laterais da cola -e da hélice-, é dicir, a operativa deste último instrumento e a conseguinte e desexada maniobrabilidade do barco, en conxunción co timón. Pero a súa hipotética función protectora sería practicamente inexistente e irrelevante ante un impacto importante, tal como quedou sentado, fronte á conclusión do perito, que minimiza, sen fundamento empírico, ese golpe. E boa proba de que esta última finalidade non resulta propia e específica do soporte é o material, de aluminio, de que se compón, metal que é un feito notorio que non ofrece a mesma consistencia e resistencia que outros metais, como o aceiro ou, simplemente, o ferro.
Pero é que, ao carón desa feble proba, as demáis se opoñen a ela.
En efecto, o representante legal de Krug Naval (ditame escrito, e completado oralmente), ademáis de informar de que o mantemento do barco foi o correcto, e da misión puramente estética das carcasas, fala do forte impacto sufrido pola cola, así como, recoñocendo a súa corrosión, de que ese elemento non presenta desgastes de materiais máis aló do normal nunha cola desa antigúidade.
A testemuña, representante legal de DIRECCION000 CB, autor do orzamento que obra ao folio 86, e que reparara o barco en épocas anteriores, afirma que este estaba en bó estado, cunha corrosión como a de calquer outro, que podía navegar perfectamente, que os ánodos de zinc ainda existín -en cachos-, que a cola estaba torta, o que sería demostrativo da violencia do impacto, e, en fin, que ocurriría o mesmo sen a corrosión denunciada.
A testemuña, responsable de certificar a navegabilidade da embarcación, coincide coas anteriores, no senso de que a corrosión que presentaba era superficial.
Finalmente, o perito que informou a instancia da parte actora ditamina que a corrosión da cola era normal, que non afectaba á navegabilidade nin seguridade do barco, que maila cunha cola nova a conseceucnia sería a mesma, ou que a causa do accidente foi o impacto, que califica de fortísimo, como o demostra tanto que rompese un bulón de aceiro, como que se torcese a cola.
Atopámonos, en consecuencia, ante un feito puramente fortuito e alleo ao estado da embarcación, non existindo ningún obrar indilixente por parte do asegurado - e menos ainda o dolo ou culpa grave que require o clausulado de exclusión da póliza-, nin na conservación do mesmo, nin no seu comportamento posterior ao suceso, actuar postreiro que debemos estimar, pola contra, como pronto, xuizoso e atinado, dado que o asegurado, na perigosa coxuntura na que se encontrou, chama inmediatamente, primeiro ao mecánico, que acude cun barco e intenta remolcar a embarcación, e logo, ante o inicio do afundimento do barco, chama ao equipo de Salvamento Marítimo, que remata por remolcalo ata o peirao. O que non impedíu, a pesar dos denodados esforzos deste equipo, do mecánico e do propio demandante, a inmersión do barco, a entrada da auga no motor e no casco, e, en fin, a súa inservibilidade irreversible, tal como aseveran as testemuñas e o perito propostos pola parte demandante.
Cuarto: Discrepa a parte demandada coa indemnización outorgada á parte demandante pola sentenza de primeira instancia, de 41.550 euros, solicitando que esa suma 'sexa moderada prudencialmente' pola Sala con fundamento nos criterios que reseña no escrito de apelación. Pois ben, para decidir sobre este extremo cómpre lembrar: A) Que a suma asegurada constitúe o tope máximo a indemnizar, de conformidade co artigo 27 da L. C. S .. B) Que a indemnización non pode supor un enriquecimento inxusto para o asegurado, debendo atenderse, para determinar o dano, ao valor do interese asegurado no intre inmediatamente anterior ao sinsitro, agás do suposto, que non é do caso, das pólizas estimadas (artigos 26 e 28). C) Que a acreditación do montante do dano incumbe ao asegurado, de tal xeito que, en caso de incerteza sobre ese quantum, o tribunal debe inclinarse pola contía menor.
Quinto: O perito proposto pola parte actora, en trance de valorar os danos da embarcación propiamente dita, os cifra en 47.278 euros. Máis semella que establece, alomenos para algún dos capítulos, un valor de novo, o que non resulta aceptábel para un barco da antigüidade como o litixioso. Así sucede, por exemplo, cando fala de 'parabrisas original Chaparral', ou de 'tapizados originales', taxados, respectivamente, nas elevadas cifras de 4.600 e 5.100 euros. E igual semella suceder respecto do motor, xustipreciado en 21.200 euros. Por outra banda, e no acto do xuizo, aclara que un barco da antigüidade e caracteríticas do de lite tería un valor de 34.000 euros.
O perito que informou a instancia da aseguradora demandada ditamina oralmente que o valor no mercado desa embarcación, de segunda man, oscilaría entre os 17.000 e 18.000 euros. Maís no seu informe escrito recolle o valor do orzamento da entidade DIRECCION000 CB, e non apreciamos que discrepe realmente desa valoración, agás respecto do motor.
O representate legal desta sociedade indica oralmente un prezo para un barco de similares características entre 35.000 e 36.000 euros.
Á hora da inscrición do barco no rexistro no ano 2001 se lle deu un valor de 25.800 euros.
Finalmente: A) Non se achega pola parte actora o contrato de compravenda do barco, no que se reflictaría loxicamente o prezo. B) Non temos en conta, pola súa falta de autenticidade, e por non coincidir o correspondente barco co de lite, a valoración obtida de internet.
Ponderando todos eses factores fixamos en trinta mil euros a suma a satisfacer pola aseguradora demandada.
Sexto: Non atopamos, nin a parte apelante o alega na súa apelación, a concurrencia de causa ningunha para que a parte demandada se opuxera a cubrir o sinistro e as súas consecuancias. Primeiramente, ningunha actuación dolosa nin de culpa grave se podía apreciar no asegurado, para excusar o sinistro, tal como, polo demáis, ficou dito. En segundo lugar, o asegurado notificou o sinistro á compañía de seguros inmeditamente de acaecido, e o perito por ela designado inspecciona o barco dous días despois (folio 114). En terceiro lugar, ven pudo a compañía de seguros -e ese perito- advertir ao asegurado da necesidade de salvar o motor, meténdoo en auga -operación segundo ela que o salvaría supostamente-, e non interesou do taller esa medida. Derradeiramente, ningunha suma ofreceu aoa segurado nin extraxudicialmente nin acudindo ao procedimento xudicial de consignación ou de suficiencia.
Sétimo: A estimación parcial do recurso e da demanda conleva non facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias (artigos 394 e 398 da L. A. C.).
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con acollida parcial do recurso de apelación promovido pola MUTUA DE SEGUROS A PRIMA FIJA, MURIMAR, representada pola procuradora Dña Paz Barreras González, contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 10 de Vigo o día 17/4/2012, condenamos á demandada apelante a que satisfaga ao actor a suma de trinta mil euros, cos xuros legais establecidos polo artigo 20 da L. C. S .. Non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias.Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
MODE DE IMPUGNACION :Contra a presente sentenza cabe interponer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art. 477 da LEC , debendo interponer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecido no art. 479 da LEC . Asimesmo cabe interponer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art. 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecida no art. 479 da LAC.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

