Última revisión
23/12/2011
Sentencia Civil Nº 1002/2011, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3256/2010 de 23 de Diciembre de 2011
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 15 min
Orden: Civil
Fecha: 23 de Diciembre de 2011
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 1002/2011
Núm. Cendoj: 36057370062011101013
Núm. Ecli: ES:APPO:2011:3331
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 01002/2011
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN SEXTA
SEDE EN VIGO
CIVIL
Rolo: 3256/10
Procedemento de orixe: ORDINARIO 573/09
Órgano de procedencia: 1ª INSTANCIA Nº 14 DE VIGO
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Julio Picatoste Bobillo, D. Juan Manuel Alfaya Ocampo e D. Eugenio Francisco Míguez Tabarés, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 1002/11
Vigo, vinte e tres de decembro de dous mil once.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 573/09 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 14 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3256/10, nos que aparece como parte apelante e demandado D./D.ª Debora , representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSÉ FERNÁNDEZ GONZÁLEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª ANA ALONSO OTERO, e como parte contra da que se apela e demandante COMUNIDADE DE PROPIETARIOS C/ DIRECCION000 , NUM000 , representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSÉ VICENTE GIL TRÁNCHEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª CELIA MARÍA TIELAS AMIL .
É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 14 de Vigo, con data do 6 de abril de 2010, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Con estimación parcial de la demanda interpuesta por el procurador D. José Vicente Gil Tránchez, en nombre y representación de la COMUNIDAD DE PROPIETARIOS " DIRECCION000 NUM000 " debo CONDENAR y CONDENO a Dª Debora , representada por el Procurador D. José Fernández González, a pagar a la actora la cantidad de siete mil doscientos diecinueve euros y quince céntimos de euros (7.219,15 euros) que devengará, desde la fecha de ésta sentencia hasta el pago, un interés anual igual al del dinero incrementado en dos puntos , sin hacer condena en costas."
Segundo: Contra a dita sentenza o/a Procurador/a D./D.ª José Fernández González, en representación de D./D.ª Debora, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC ).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 22 de decembro de 2011.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro : Como primeiro motivo de recurso contra a sentenza ditada en primeira instancia invoca a demandada a nulidade de actuacións, con cita dos artºs. 238 e 240 da L. O. P. X. e 216, 218 e 406 da L. A. C ..
Ainda que o discurso argumental da parte sobre este motivo encerra , por unha banda, unha importante dose de inconcreción e de erratismo, e ainda que o remedio procesual elexido , da nulidade de actuacións, non sería, por outra , o adecuado para que se lle dese resposta as súas discrepancias coas decisisóns xudiciais , unha , do rexeitamento da proba documental que propuxo, e a outra, da necesidade de demanda reconvencional para -e por decilo resumidamente- poder atacar a validez dos acordos adoptados pola Comunidade de propietarios demandante , acordos comunitarios que sirven de fundamento á referida Comunidade para efectuar contra a demandada as reclamacións de cuotas litixiosas, intentaremos dar resposta a esa denuncia de nulidade, que esta parte circunscribe: A) Ao antecedente de feito segundo , "ao non indicarse que a demandada negou os feitos da demanda que contradixesen ou non coincidisen cos do escrito de contestación". B) Ao antecedente de feito terceiro , cando ao referirse ao trámite da Audiencia previa , "se omite que o Xuiz dixo que non ía ter en conta os feitos primeiro a décimo terceiro da contestación á demanda". C) Ao negarse a ter en conta eses feitos dende a audiencia previa, nunha especie de "pre-xuizo", xurídicamente inaceptábel, en tese da recorrente. D) Ao rexeitar toda a proba documenal proposta pola demandada. E) Ao exixir, en fin, a xulgadora a quo unha demanda reconvencional para artellar a invocación de nulidade dos acordos da Xunta de propietarios. Pois ben, as evocacións de nulidade da parte apelante carecen de consistencia.
Segundo : Polo que fai á anomalía que achaca ao antecedente de feito segundo da sentenza debemos proclamar: A) Que a norma (en esencia, artº 209 da Lei de axuizar ) non require que na sentenza se faga constar específicamente que a parte demandada nega os feitos da demanda. B) Que nese antecedente fáctico se expresa que a demandada na súa contestación á demanda se opuxo a ela "polos feitos que estimou aplicables", nunha palmaria e inequívoca remisión , polo demáis usual na práctica do foro, ao propio escrito de contestación onde, en efecto, a demandada manifestaba, mediante unha fórmula, por certo, estereotipada e usual, que "se negan os feitos da demanda que contradigan ou non coincidan en todo ou en parte co que se expón". C) Que a sentenza non debe ser criticada de xeito illado, ou atacando interesadamente unha paraxe concreta da mesma con esquecimento das demáis , senón que debe ser estudiada na súa globalidade. E o certo é que un criterio integrador entre todas partes da sentenza nos leva a rexeitar categóricamente a imputación formulada, dado que nos fundamentos de dereito de referida resolución se fai una análese esmiuzado da postura do demandado respecto dos feitos invocados pola actora. D) En último termo, e en conxunción coas reflexións anteriores, descoñecemos onde se atopa a indefensión da parte, derivada desa anomalía, puramente especulada.
Terceiro : Consideracións moi parellas ás precedentes conducen, en segundo lugar, ao fracaso da segunda das alegacións da parte no tocante ao antecedente de feito terceiro da sentenza. A norma tampouco exixe a mención indicada pola recorrente. E ningunha indefensión se observa tampouco para esta por esa omisión , pola poderosa razón de que a parte era plenamente coñecedora da postura da xuiz, de requerir reconvención para a estratexia seguida pola demandada -impugnación dos acordos da Comunidade-.
Cuarto : A decisión da xulgadora a quo, de deixar á marxe do preito os feitos relatados nos antecedentes de feito primeiro a décimo terceiro do escrito de contestación á demanda, foi, en terceiro lugar , acertada e oportunamente tomada dado que: A) Se analizamos eses feitos, compartimos aquela decisión xudicial en canto que se tratan de feitos, ora irrelevantes, ora non discutidos realmente. Así , se alude nos antecedentes de feito primeiro e oitavo a comportamentos da Comunidade de propietarios e dos seus membros (silencios, actitudes insultantes e ameazantes, comportamentos danosos contra a propiedade...), que podendo ter repercusión outros eidos, nada contribúen á Resolución desta causa civil. Nos antecedentes de feito segundo, terceiro, cuarto e quinto se mencionan feitos tales como as cuotas comunitarias ou os acordos da Xunta de propietarios de datas 13 d marzo de 1987 e 18 de maio de 1988, que tampouco presentean relevancia para a presente controversia. E nos antecedentes de feito restantes (sexto, séptimo , noveno, décimo , décimo primeiro , décimo segundo e décimo terceiro) se aluden a acordos comunitarios e a preitos sobre impugnación dos mesmos , xa fenecidos, e dos que non reseña a parte apelante a trascendencia que podan ter para decidir o actual. B) Latexa no discurso da recorrente a súa discrepancia con algunha desas decisións xudiciais, discrepancia absolutamente inútil polo inevitable postulado da cousa xulgada. C) Ante a irrelevancia e inutilidade apuntadas, a toma de postura que nese senso adoptou a Xulgadora de primeiro grao no trámite da Audiencia previa foi axeitada a dereito e oportuna, ao despexar o obxecto de debate , deixando fora de el, tanto o que en realidade non se discutía, como o que non podía ser obxecto de discusión por inpedilo aquel principio como, en fin, pola súa carencia de utilidade. D) Derradeiramente, tampouco indica a apelante, nin a trascendencia para este litixio daquela decisión, nin a indefensión que padeceu por mor da mesma. En conclusión , o obxecto da lite debía quedar limitado á reclamación -das cuotas- da Comunidade actora fronte á demandada, e á postura de esta última, negándose a pagalas.
Quinto : O rexeitamento da proba documental non ten cabida no mecanismo utilizado, da nulidade de actuacións. En todo caso , a decisión xudicial rexeitadora desas probas deveu firme e intacable ante o aquietamento da parte. Por se fose pouco, a parte apelante non reproduce esa petición de probas nesta segunda instancia. O motivo do recurso non se acepta entón.
Sexto : A decisión de exixir ao dono da vivenda demanda reconvencional para impugnar os acordos da Comunidade demandante, nos supostos que esta reclama de aquela determinados gastos ou cuotas, apoiada esa reclamación, precisamente , neses acordos comunitarios, aparece sancionada pola doutrina xurisprudencial, da que é expresión a sentenza do Tribuna Supremo de data 19 de Outubro de 2.005, ao proclamar que " se está alegando la nulidad de los acuerdos de la Asamblea General en que se fijaron las cantidades con que deben contribuir los copropietarios, por no haberse observado los requisitos exigidos por la Ley de Propiedad Horizontal para su adopción; no se está , por tanto , ante una simple oposición sino que lo pretendido es que se declare la nulidad de tales acuerdos lo que, necesariamente, exige el ejercicio de la correspondiente acción, ejercicio inexistente en este caso al no haberse formulado la oportuna reconvención...".
En definitiva, fronte á pretensión da Comunidade demandante, reclamando as sumas que especifica na súa demanda, non pode invocarse por vía de mera excepción a nulidade dos acordos nos que se basea esa pretensión, senón que se precisa de reconvención , hoxe necesariamente explícita. E non se diga que estamos ante acordos radicalmente nulos, e como tales, nin suxeitos a prazo prescriptivo, nin necesitados da correspondente invocación da parte demandada, sendo apreciables de oficio, pois a alegación de vulneración da parte non trascende do ámbito normativo da L. P. H., o que conleva que os acordos comunitarios tan só sexan calificables, no seu caso , de actos meramente anulables, todo iso de conformidade coa xurisprudencia. En efecto, neste senso, di a sentenza do Tribunal Supremo de data 9 de decembro de 1997 que "la nulidad radical sólo opera cuando se trata de acuerdos que infringen disposiciones legales imperativas o prohibitivas que no tengan establecido un efecto distinto en caso de contravención y también cuando resultan contrarias a la moral, al orden público o impliquen fraude de ley ( SS de 2 de marzo de 1992, 22 de mayo de 1992, 26 de junio de 1993 y 19 de noviembre de 1996 ). E con igual criterio a sentenzas de 5 de maio de 2000 e 17 de xuño de 2002 .
Sétimo : Entrando na cerna do asunto , a demandada recorrente formula no seu escrito de apelación, con certa confusión e misturanza, as seguintes causas de oposición -algunha novidosa- á pretensión da Comunidade actora: A) A insuficiencia da certificación e das actas da Xunta de propietarios, nas que a demandante apoia a súa reclamación. B) As irregularidades formales observadas nas actas. C) Que non se lle notificaron oportunamente os acordos comunitarios. D) Os defectos de fondo, propiamente ditos, na adopción dos pertinentes acordos , como erros de cálculo na contificación de ingresos e gastos, a falta de concreción de cuotas a pagar por cada comuneiro o, en fin, o desviamentos nas cuotas en relación coas determinadas polo título constitutivo. E) Que non se xustifica o pagamento das débedas aos acredores da Comunidade. F) A iliquidez da débeda.
Pois ben, por razóns sistemáticas procedemos examinar a causa de oposición , da falta de notificación á demandada dos acordos da Xunta de Propietarios, causa de oposición que debemos rexeitar sen paliativos pola súa novidade. Efectivamente , aduce a recorrente no seu escrito de apelación (alegación oitava), por unha banda, que ignora o contido dos sobres remitidos, e por outra, que a Comunidade non esgotou os medios legais de notificación, ao non expor os acordos no tablón de anuncios do edificio. Pois ben , se examinamos detidamente o escrito de contestación á demanda reitora deste preito observaremos que nel non se fai esa denuncia. Conseguintemente, elementais postulados dispositivo, de contradicción e de defensa impiden agora entrar nesa cuestión. En todo caso: A) A correspondencia certificada con aviso de recibimento foi dirixida ao domicilio da demandada , sen que tiñamos a máis mínima constancia da designación pola mesma de outro domicilio, a aqueles fins, de conformidade co artº 9. 1 , letra h) da L. P. H .. B) Todos os intentos de comunicación resultaron frustrados -a pesar de ir dirixidos ao domicilio legalmente requerido- ante a ausencia sistemática da demandada, poñendose as cartas en lista de espera nas oficinas de correos, o que implica deixar os correspondentes avisos , sen que a destinataria atendera eses avisos. C) Esa incuria da demandada exclúe o mecanismo supletorio, da notificación no tablón de anuncios, pois a norma alude á imposibilidade da súa práctica no domicilio efectivo da destinataria , e no suposto de lite non existía tal imposibilidade , ao bastar que esta última acodira ao aviso deixado polo funcionario de correos.
A parte actora fundamenta a súa reclamación das cuotas ordinarias e extraordinarias adebedadas pola copropietaria demandada nos acordos acadados nas Xuntas de Propietarios de datas e contidos seguintes: 7 de outubro de 1999 (cuota extra adebedada a esa data) , 23 de abril de 2001 (cuota extra por obras), 13 de marzo de 2002 (cuota extra pola cuberta do inmoble), 14 de setembro de 2005 (primeira cuota extra por arranxamento da fachada) , 5 de xuño de 2006 (segunda cuota extra polo mesmo capítulo), 30 de outubro do mesmo ano (cuota extra por baixantes), e 30 de maio de 1999 , 12 de maio de 2005 e 5 de xuño de 2007 (por cuotas ordinarias). Por último , igualmente trae loxicamente a colación a demandante a máis relevante Xunta de Propietarios , de 10 de xuño de 2008, de apobación da liquidación da débeda da demandada - entre outros-. Pois ben, sen necesidade doutros e máis complexos comentarios, as imputacións da parte apelante, tanto formais (ausencia de sinaturas, inelixibilide das mesmas, falta dos quorums preceptivos), como sobre a cerna dos acordos (erros na determinación dos ingresos e dos gastos e, por conseguinte , do saldo liquidado, ou desvios na determinación das cuotas resultantes para a demandada comparativamente coas cuotas estatutariamente asumidas), non poden ser nin atendidas nin tan siquera analizadas, ao prescindir a parte apelante do remedio da impugnación por anulabilidade daqueles acordos, que debeu facer valer, ora mediante a formulación das correspondentes e sucesivas demandas autónomas dentro dos prazos legais, ora pola promoción de demanda reconvencional dentro do actual proceso -que non se formulou moi probablemente pola súa extemporaneidade-.
Derradeiramente, e ademáis do obstáculo, insuperado , representado pola anterior falta de impugnación dos distintos acordos da Comunidade de Propietarios demandante, debemos puntualizar: A) Que o sinalamento e exixencia das distintas cuotas, ordinarias e extraordinarias, a cargo de cada un dos propietarios das distintas vivendas e locais de negocio dun inmoble en réxime de propiedade horizontal non require, como semella indicar a apelante, do pagamento previo e efectivo das débedas contraidas pola Comunidade aos distintos acredores senón que, moi contrariamente, e tal como atinadamente lembra a sentenza de primeira instancia , aquelas cuotas están moitas veces establecidas en previsión do pagamento de obrigas futuras e para poder facer fronte, precisamente, aos gastos proxectados. B) Que como consecuencia da anterior afirmación tampouco se precisa dunha liquidación antecedente de ingresos e gastos. C) Que no suposto litixioso practicouse incluso a liquidación, aprobada pola Xunta de Propietarios de data 10 de xuño de 2008, con un saldo final á postre distribuido entre todos os copropietarios , co que a débeda da apelante estaba axactamente determinada e resultaba, en fin, exixíbel.
Oitavo : O rexeitamento da apelación conleva impor as custas procesuais de esta alzada á parte apelnate, ao non concorrir circunstancia ningunha de excepción para prescindir do criterio xeral do vencimento obxectivo , disposto nesta materia polo artº 398, en relación co artº 394, ambos da L. A. C ..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitamos o recurso de apelación promovido por Dª Debora contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 14 de Vigo o día 6 de abril de 2010, con expresa imposición das custas procesuais de esta alzada á parte apelante.
Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional , sobre a base do establecido no art.º 477 da L.E.C., debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC .
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia , aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

