Sentencia Civil Nº 125/20...yo de 2015

Última revisión
14/07/2015

Sentencia Civil Nº 125/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 376/2013 de 19 de Mayo de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 14 min

Orden: Civil

Fecha: 19 de Mayo de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 125/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100275

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00125/2015

Rollo de apelación civil nº 376/2013

Ilmos. Sres. Magistrados:

D. ÁNGEL PANTÍN REIGADA, PRESIDENTE

Dª LORENA TALLÓN GARCÍA

Dª MARÍA DEL CARMEN MARTELO PÉREZ

SENTENZA

Núm. 125/15

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2015.

Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do procedemento ordinario núm. 401/2012, procedentes do Xulgado de Primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 376/2013, nos que aparece como parte apelante Calefacciones Rois SL, representada polo procurador don Domingo Núñez Blanco, e como parte apelada PROGASCA SL, representada polo procurador don Manuel Merelles Pérez, sendo Xuíz Relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos xurídicos e parte dispositiva.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Seguido o litixio en cuestión polos trámites legais ante o Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón, ditouse Sentenza en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Se estima integramente la demanda formulada por el procurador sr. Merelles Pérez en representación de la entidad PROGASCA SL, contra la entidad CALEFACCIONES ROIS SL, representada por el procurador sr. Núñez Blanco, condenando a la demandada a abonar a la actora la cantidad de 18.105,77 euros, más el interés legal del dinero desde la fecha de recepción del requerimiento fehaciente de pago (22/03/12) hasta la de esta sentencia, devengándose a partir de esta de esta fecha los intereses previstos en el artículo 576 de la Ley de Enjuiciamiento civil hasta el completo pago y con imposición de las costas del procedimiento a la demandada.'

SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes a representación procesual de Calefacciones Rois SL presentou recurso de apelación que foi admitido e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a súa deliberación, votación e dispoño, o 29 de abril de 2015, en que tivo lugar o acordado.

TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.


Fundamentos

Acéptanse os da Sentenza apelada en canto non se opoñan aos que se exporán.

PRIMEIRO.-A entidade demandante, PROGASCA SL, no escrito inicial que encabezou este procedemento, exercitou unha acción de cumprimento contractual interesando a condena da demandada ao pagamento da suma de 18.105,77€ máis os xuros legais xerados dende o 22 de marzal de 2012, data do requirimento de pago. Segundo argumentou entre xuño de 2010 e xaneiro de 2011 PROGASCA SL -mercantil dedicada ao subministro de produtos para instalacións de gas, calefacción, fontanería e derivados- recibiu diversos encargos de material da entidade Calefacciones Rois SL. Dito material, pese a ser entregado e facturado, non lle foi abonado, ascendendo a suma do mesmo a cantidade de 18.105,77€, unha vez descontados 4.000€ da factura número 0-3543, xa satisfeitos e incluídos 330,49€ de gastos financeiros por devolución dun efecto impagado.

A entidade demandada, Calefacciones Rois SL, opúxose ás pretensións da demandante deducindo, con carácter principal, a excepctio non adimpleti contractus, invocando a aplicación da doutrina aliud pro alio. Todo elo sobre a base das seguintes consideracións de feito: as relacións comerciais entre a demandante e a demandada remóntanse no tempo; tanto así que entre o ano 2007 e o ano 2009 a demandante subministrou á Calefacciones Rois SL -para os proxectos de edificacións de vivendas unifamiliares realizados nas localidades de Melide e Burela nos que Calefacciones Rois SL executou a instalación de fontanería, saneamento e calefacción- diversos materiais; concretamente a demandante subministrou, entre outros, á demandada uns colectores que non se correspondían cos convidos polas partes xa que, fronte aos colectores niquelados para tubo multicapa que se debían subministrar, a demandante entregou uns colectores para tubo de politileno reticulado. Isto é a demandante entregou unha cousa distinta da concertada, inadecuada para o fin o que estaba destinada. Como consecuencia da instalación dos colectores inadecuados, subministrados pola demandante, ocasionáronse filtracións de auga cos conseguintes danos nun total de 70 vivendas das 85 que integraban as promocións de Melide e Burela polo que as promotoras deixaron pendente de pago a Calefaccións Rois SL a cantidade de 60.101€ ata a efectiva reparación dos danos ocasionados. Subsidiariamente, a demandada invocou a excepción de compensación polos gastos, danos e perdas, incluído o lucro cesante, derivados da instalación dos colectores subministrados pola demandante. A demandada tivo que adquirir novos colectores e asumir os custes de reparación dos danos nas vivendas afectadas, todo o cal supera as cantidades reclamadas de contrario. Concretamente, a demandada, asumiu danos por importe de 8.360€ nas vivendas, 5.5.645,72€ máis IVE, e 2.616€ correspondentes a factura abonada pola demandada para facer fronte aos danos causados, máis reposición de material, máis ganancias deixadas de percibir.

A demandante opúxose á compensación argumentando que as deficiencias nas edificacións de Melide e Burela referidas de contrario non se poden imputar á Progasa SL por canto esta subministrou á demandada os colectores que lle foran solicitados e estes non eran defectuosos. Finalmente argumentou que na cantidade que pretende compensar a demandada non concorren os requisitos de liquidez e esixibilidade.

A Sentenza apelada estimou integramente a reclamación de cantidade por incumprimento contractual deducida pola demandante condenado á demandada ao pagamento da cantidade de 18.105,77 euros, máis os xuros legais dende a data de recepción do requirimento fehacente de pago (22/03/12) ata a da Sentenza, xerándose a partir de dita data os xuros previstos no artigo 576 da LAC.

Fronte a dita Resolución alzouse en apelación a entidade demandada quen, invocando erro na valoración da proba e infracción da doutrina xurisprudencial, reiterou os argumentos deducidos en primeira instancia, e impugnou o pronunciamento de condena ao pagamento das custas xeradas na primeira instancia ao entender que o suposto que nos ocupa presentaba serias dúbidas de feito e de dereito.

SEGUNDO.-A recorrente cuestionou, en primeiro termo, o pronunciamento polo que se desestimou a excepción de incumprimento contractual, invocando erro na valoración da proba e na aplicación da doutrina xurisprudencial sobre o principio aliud pro alio.

A 'exceptio non adimpleti contractus' ou excepción de contrato non cumprido constitúe un medio de defensa que pode utilizar a parte prexudicada nun contrato sinalagmático ou de cumprimento simultáneo e que lle permite enervar o cumprimento interesado pola contraparte en tanto esta non cumpra coa súa prestación previamente ou non ofreza o seu cumprimento. Neste sentido, cabe conceptualizar esta excepción como un medio de oposición de carácter defensivo que se concede ao debedor dunha obrigación recíproca para que poida negarse lexitimamente a execución da prestación debida por el, en tanto non se cumpra ou se ofreza cumprir a prestación que lexitimamente se lle debe, encontrando fundamento legal, entre outras, nas previsións contidas nos arts. 1.100 e 1.124 do CC .

O Tribunal Supremo en Sentenza número 949/2011 (Sala 1) de 27 de decembro, reiterando consideracións previas, veu a sinalar: 'Debe recordarse que la excepción de incumplimiento contractual, en cualquiera de sus dos modalidades -exceptio non adimpleti contractus y exceptio non rite adimpleti contractus-, supone, simplemente, la negativa total o parcial al pago de la obligación reclamada y constituye una de las consecuencias más importantes del carácter sinalagmático de un contrato y del principio de reciprocidad de las obligaciones en ella comprendidas, pues se funda en la regla del cumplimiento simultáneo de las prestaciones recíprocas y en la idea de que cada parte puede rehusar o rechazar el cumplimiento de la obligación prevista a su cargo, mientras la otra parte no cumpla con la suya y, a la inversa, en que ninguna de las partes puede demandar el cumplimiento de la obligación contraria, sin cumplir u ofrecer el cumplimiento de la obligación propia (...).'

Incidindo no exposto na STS de 20 de decembro de 2006 afirmábase: '...La llamada exceptio non adimpleti contractus enerva la reclamación hasta en tanto no se realice la prestación de la contraparte, como cabe ver, entre otras, en las Sentencias de esta Sala de 21 de marzo de 2001 ( RJ 2001, 4748), 12 de julio de 1991 ( RJ 1991, 1547), 17 de febrero de 2003 (RJ 2003, 1165), aunque ciertamente en ocasiones se ha conectado a la facultad de resolver del artículo 1124 CC ( Sentencia de 14 de julio de 2003 [RJ 2003, 4635]). La excepción, pues, enerva la reclamación temporalmente, y tiene sentido en tanto la prestación no realizada siga siendo útil. Si en ese estado de cosas se genera una situación irreversible, por darse uno de los llamados incumplimientos esenciales, de diversa tipología, que comprenden la imposibilidad sobrevenida fortuita, el transcurso del término llamado esencial, el aliud pro alio, la imposibilidad de alcanzar los rendimientos o utilidades previstos, o la frustración del fin del contrato, estaremos ante un incumplimiento resolutorio y el remedio habrá de buscarse por la vía del artículo 1124 CC a través de las acciones pertinentes, de cumplimiento o de resolución y de indemnización.'

Así pois o primeiro presuposto que debe concorrer para a acoller a exceptio non adimpleti contractus é a existencia entre as partes dunha relación xurídica recíproca ou bilateral. Sendo isto así, no suposto que nos ocupa, tomando en consideración o relato fáctico do demandado, agora apelante, debe concluírse que dito requisito non concorre. O incumprimento contractual que o demandando imputa á demandante, co fin de enervar a pretensión de cumprimento deducida por esta, ten como marco unha relación contractual claramente distinta ou diferenciada da invocada pola demandante como fundamento da súa pretensión. O incumprimento contractual que aduce o demandado prodúcese, segundo sostivo no seu escrito de contestación, no contexto dun contrato de subministro de materiais vinculado a actuación da demandada en dous proxectos de edificación realizados entre o 2007 e 2009. Pola súa parte, a demandante, interesou o cumprimento da obriga de pago de materiais subministrados entre xuño de 2010 e xaneiro de 2011. Polo tanto, debe concluírse que as obrigas que invocou á demandante e as opostas pola demandada teñen a súa orixe en relacións xurídicas distintas, non gardando relación de reciprocidade entre si, circunstancia que debe levarnos a excluír a posibilidade de acoller a excepción promovida polo demandado, sen entrar a valorar, para desbotar dita excepción, se concorren elementos que permitan ter por acreditado o incumprimento imputado á demandante.

TERCEIRO.-Así mesmo a recorrente cuestionou o pronunciamento polo que se desestimou a pretensión de compensación deducida con carácter subsidiario.

Un novo exame dos elementos de proba achegados a estas actuacións debe conducir necesariamente a desestimación do segundo dos motivos de apelación deducidos. Este Tribunal comparte ás consideracións recollidas na Sentenza apelada que conduciron á Xulgadora a quo a desestimar a excepción de compensación ao non ter por acreditado a existencia do crédito invocado pola agora apelante.

Non consta nas actuacións elementos de proba que permitan ter por certo que os colectores subministrados foran defectuosos. O perito sr. Rodolfo manifestou que os colectores subministrados non eran defectuosos, consideración que referendan os albaráns de entrega, e as comunicacións entre as partes que constan documentalmente nas actuacións, non podendo, polo tanto, obviar que dito material foi recepcionado pola apelante sen que conste que esta rexeitase a entrega por falta de conformidade dos materiais co contratado.

Así mesmo, sobre a base da declaración do devandito perito, tampouco se pode ter por acreditado que os mencionados colectores foran inadecuados para a instalación de calefacción na que se colocaron, resultando, segundo o criterio deste, indiferente que fosen de latón ou niquelados, pois ambos terían que estar preparados para soportar a calor propia das instalacións de calefacción. Neste punto compre subliñar que non consta que a dirección técnica e material das promocións nas que o apelante utilizou os colectores litixiosos manifestasen a inadecuación dos mesmos.

Doutra banda, tampouco cabe asumir que Progasa SL realizase ningún tipo de asesoramento ou recomendación sobre o tipo de colectores a empregar. As manifestacións do perito, Don. Rodolfo , conforme as que, Progasa SL, en consulta previa a colocación dos colectores, tería asegurado a idoneidade e adecuación dos mesmos non permiten acadar a referida conclusión. Tal e como precisou o Don. Rodolfo no seu informe, dita circunstancia de feito, constitúe unha manifestación do representante legal de Calefacciones Rois SL, que carece do máis mínimo referendo indiciario.

Xunto ao anterior compre subliñar que non constan nas actuacións elementos de proba que acrediten que tipo de colectores foron os que a demandada mercou a Progasa SL; os presupostos remitidos por Calefacciones Rois SL á promotora Fincas y Boceto SL, permiten acreditar que tipo de colectores se comprometeu a primeira a colocar nas instalacións pero non inferir que eses foran os efectivamente encargados á apelada.

Consecuentemente, posto que a proba achegada a estas actuacións non posibilita ter por acreditado nin que a demandante subministrara uns colectores defectuosos, nin que entregara colectores de características distintas a aqueles que se comprometeu a entregar, nin tampouco que a demandante efectuase ningún tipo de actuación de asesoramento ou recomendación á demandada sobre o tipo de colectores que resultaban máis axeitados, debe excluírse a posibilidade de imputar a una actuación da apelada os danos invocados pola apelante e, polo tanto, debe excluírse que esta última ostente fronte a primeira o crédito que pretende facer valer, nestas actuacións, por vía de compensación.

CUARTO.-Finalmente, cuestionou a apelante o pronunciamento de condena ao pagamento das custas xeradas na primeira instancia, aducindo a concorrencia, no suposto que nos ocupa, de dúbidas de feito ou de dereito.

A Lei de axuizamento civil no seu art. 394 establece o sistema xeral de imposición de custas sobre a base de dous principios: o do vencemento e o de distribución, no caso de que fose parcial a estimación ou desestimación das pretensións, excepcionando os supostos nos que o órgano xudicial aprecie serias dúbidas de feito ou de dereito. Polo tanto, non basta nin é suficiente para impedir a condena en custas que se invoque a mera existencia de dúbidas, senón que estas terán que ser serias, obxectivas e supoñer un plus de de incertidume ao que normalmente se suscita en toda contenda xudicial. Polo tanto, as dúbidas invocadas deberán ser fundadas, razoables e baseadas nunha grande dificultade para determinar ben a realidade dos feitos ou circunstancias que fundamentan a pretensión, ben os efectos xurídicos dos feitos invocados por ser as normas aplicables aos mesmos susceptibles de varias interpretacións ou porque sobre eles exista doutrina xurisprudencial contraditoria.

Sentado o anterior, neste caso, non cabe apreciar dúbidas de feito dotadas da entidade e da razonabilidade necesaria para excepcionar o principio xeral do vencemento obxectivo. A pretensión actora gozaba, no momento de contestar a demanda, considerando os feitos descritos na demanda e a proba documental achegada coa mesma, de indicios de viavilidade, sen que os feitos invocados na mesma se visen alterados polos aducidos pola demandada. Doutra banda tampouco cabe apreciar dúbidas de dereito por canto nin as normas aplicables son susceptibles de interpretacións contraditorias nin sobre as mesmas existe doutrina xurisprudencial contraditoria.

QUINTO.-A tenor do disposto no art. 398 en relación co art. 394, ambos da LAC, desestimado integramente o recurso de apelación interposto pola demandada, procede a imposición das custas derivadas desta segunda instancia á mesma.

Por todo o exposto, vistos os preceptos legais citados, os seus concordantes e demais de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

A Sala acorda desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Calefacciones Rois SL e, en consecuencia, confirma a Sentenza de 18 de setembro de 2013 ditada polo Xulgado de primeira instancia e instrución núm. 1 de Padrón no procedemento ordinario núm. 401/2012. Todo elo con imposición das custas procesuais xeradas nesta instancia á parte apelante.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz que a ditou, estando celebrando audiencia pública nomesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.