Sentencia Civil Nº 138/20...zo de 2016

Última revisión
21/09/2016

Sentencia Civil Nº 138/2016, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 167/2015 de 13 de Marzo de 2016

Relacionados:

Tiempo de lectura: 14 min

Orden: Civil

Fecha: 13 de Marzo de 2016

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 138/2016

Núm. Cendoj: 36057370062016100130

Resumen:
DIVISION COSA COMUN

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00138/2016

CIVIL

Rolo:167/2015

Procedemento de orixe: ORDINARIO 983/2012

Órgano de procedencia: INSTANCIA NUMERO OCHO DE VIGO

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JAIME CARRERA IBARZABAL, PRESIDENTE, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO E D. JULIO PICATOSTE BOBILLO,pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA NUM. 138/2016

En Vigo, a catorce de marzo de dous mil dezaseis.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do Xuizo Ordinario 983/2012 procedentes do Xulgado de Primeira Instancia núm. 8 de Vigo, ós que correspondeu o rolo 167/2015, nos que aparece como parte apelante- demandado D./ Indalecio representada polo/a procurador/a D./D.ª Carmen Hermida Portela e asistida do/da letrado/a D./D. Isabel Pérez Exposito e como parte contra da que se apelada- demandante D./Dª Purificacion , representada polo/a procurador/a D./D.ª Susana Arca Veloso e asistida do/da letrado/a D./D.ª Carlos Fontán Domínguez.

É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 8 de Vigo, con data do 29/12/214, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

'Que estimando en parte la demanda formulada en autos de juicio ordinario nº 983/2012 por la Procuradora doña Susana Arca Veloso, en nombre y representación de doña Purificacion , contra don Indalecio , sobre división cosa común, y la reconvención planteada por la Procuradora doña Carmen Hermida Portela en nombre de don Indalecio , contra doña Purificacion , debo declarar y declaro disuelta la comunidad de bienes existente sobre la finca descrita en el Hecho Cuarto del escrito de demanda, divisible en dos lotes, atribuyendo a don Indalecio la propiedad del lote compuesto por las fincas con referencia catastral 564 , 565 y 566 y a doña Purificacion , la propiedad de la finca con referencia catastral 181, debiendo abonar don Indalecio a doña Purificacion , la suma de VEINTICUATRO MIL DOSCIENTOS NOVENTA Y SEIS EUROS CON SETENTA Y SEIS CENTIMOS ( 24.296,76 €), sin hacer expresa imposición de las costas procesales causadas.'

Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ªCarmen Hermida Portela, en representación de D./D.ª Indalecio , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 11/2/2016.


Fundamentos

Primeiro: O demandado apelante, nunha postura non exenta de erraticidade, tanto interna ou do propio escrito do recurso, como na súa comparación co suplico da súa demanda reconvencional, fai ata catro formulacións. A primeira, que se declare non haber lugar á división da cousa común, e citamos literalmente 'mentres documentalmente e pola parte demandante non se acheguen os documentos nos que alicerza o seu dereito...'. No seu defecto, e tamén reproducimos a petición na súa literalidade, 'que se efectúe a partición de xeito que ningún dos litigantes teña que desembolsar cantidades económicas de consideración, como se recolle na sentenza, procedéndose á división do fundo número 566, adxudicándose a parte sur a D. Indalecio , ao ter alí ubicada a súa vivenda, e vendéndose os demais predios '. E subsidiariamente, 'se acollan calesquera das alternativas e valoracións económicas propostas no informe pericial redactado por D. Jose Augusto , evitándose na medida do posible calesquera desembolso económico por ambas partes'. En último termo, e como un cuarto motivo da apelación, o recurrente combate o xustiprezo que deuse pola sentenza ditada en primeira instancia ao metro cadrado dos fundos en litixio, estimando que debe acollerse a valoración do perito por el proposto.

Segundo:A primeira petición carece de todo apoio normativo. En efecto, a lei non anoa a falta de achegamento por parte dun dos litigantes, da documentación requerida pola outra, cunha suspensión do proceso, que é o que ven realmente interesar o apelante coa formulación 'entrementres'. E a condicionalidade da formulación tampouco é xuridicamente viable. A única consecuencia que a lei dispón para o suposto contemplado, da negativa á exhibición documental da parte, é a que recolle no artigo 329 da L. A. C., de atribuir valor probatorio á copia que do documento achegue a parte solicitante da exhibición, achegamento de copia que, en último termo, non realiza esta última. E todo iso, partindo, claro é, da obviedade de que os documentos se atopen en poder do litigante requerido, o que en absoluto consta demostrado nesta causa.

Terceiro:Tampouco pode acollerse o segundo os pedimentos pois: A) A pretensión, pola súa xeralidade e indeterminación (que realícese a partición de xeito que ningún dos litigantes teña que desembolsar cantidades económicas de 'consideración'), choca frontal e irreconciliablemente cos postulados de defensa, de precisión de todo acto procesual e de exhaustividade das sentenzas (en esencia,artigos 219 e 399. 1 da L. A. C.). A postura do apelante , indecisa, carecente da necesaria contificación, e sen expresión, en fin, das bases para contificar as sumas a desembolsar, coloca ao tribunal nun estado de incerteza na súa pronuncia, que non é tolerable, nin podería superarse in extremis en faxe de execución de sentenza co sinalamento dunhas bases que a parte recurrente non remata por reseñar, insistimos. B) O pedimento do apelante era o último ou o máis subsidiario dos interesados na reconvención, e a sentenza atende a outro máis preferido por el (a adxudicación ao seu favor dos fundos 1, 2 e 3, con compensación económica).

Cuarto:Rexeitadas as anteriores postulacións, solicita o recurrente que 'se acolla calesquera das alternativas e valoracións económicas propostas no informe pericial redactado por D. Jose Augusto , evitándose na medida do posible calesquera desembolsos económico por ambas partes'. Pois ben, tampouco esta solicitude pode ser acollida, tanto por razóns formais como referidas á cerna propiamente dita do asunto. En efecto, e primeiramente, se o apelante pide que se estime 'calesquera' das alternativas -e valoracións económicas- propostas polo perito, e este establece entre elas a escollida pola sentenza de primeira instancia (adxudicación ao recurrente dos fundos 1, 2 e 3, e á actora apelada o fundo 4), carece de interese o recurso. Ainda máis, e en segundo termo, a falta de interese, e de sentido, da apelación resulta máis patente se cabe, se a solución da sentenza recurrida é a proposta, como primeira, precisamente, polo perito. Pero é que, en todo caso, e derradeiramente, a pronuncia da sentenza ditada en primeira instancia se axusta á normativa reguladora da división da cousa común, e aos criterios que neste eido se sentan por tal normativa, e que a Xulgadora a quo reseña de xeito atinado, e con cita da oportuna doutrina xurisprudencial que aquí damos por reproducida.

Quinto:Entrando xa na cerna da lite, a argumentación esencial da parte apelante xira sobre un pilar: Que estamos ante catro predios perfectamente diferenciados e separados, e moi especialmente, que o predio número 4 (referencia catastral número NUM000 ) non formaba parte do fundo, que como número 1 (ben ganancial) se expresa na escritura de liquidación de sociedade de gananciais e de partición de bens, do pai dos litigantes, D. Calixto , de data 13 de xuño de 1989. Pois ben, a argumentación do recurrente carece do necesario apoio probatorio, e choca co propio e claro contido desa escritura. En efecto, e por unha banda, indiscutido que a casa que constituíu o domicilio familiar ubícase nese fundo, o número NUM000 , e se a escritura particional fala verbo do ben ganancial nomeado ' DIRECCION000 ', dun 'fundo con casa', e 'da casa-habitación que serviu de domicilio conxugal', resulta evidente que ese ben ganancial comprendía o predio número NUM000 , non que estaba, e está, esa construcción. E a conclusión resulta ainda máis evidente se o apelante non ofrece outro fundo con vivenda, alternativo ao anterior. Se existe un único fundo coa vivenda familiar, non é sostible a afirmación de que ese fundo non está comprendido no predio ' DIRECCION000 '. E dende logo resulta inimaxinable que este último predio, obxecto das operacións particionais, e no que está a casa familiar, for exclusivamente o predio número NUM000 , pola inusitada diferenza de superficial entre este último, de 269 metros cadrados, e aquel primeiro, de máis de 1.000 metros. Máis é que, por outra banda, a tese do apelante non aparece avalado por ningunha probanza, atopándonos ante unha simple afirmación de parte. Efectivamente, ningún vestixio documental temos verbo de que o fundo en discusión -número NUM000 - non estiver incluido naquel outro. E a ausencia documental non aparece salvada por ningún outro medio de proba. E non debemos esquecer que a carencia probatoria poido -e debeu- colmarse mediante o ofrecimento dunha proba testemuñal, nas persoas dos heredeiros do irmán dos contendentes, D. Calixto , declaracións testemuñáis que serían, en fin, de especial relevancia se, como asevera o apelante, podían ostentar dereitos no fundo número NUM000 . E de ser así, non ten explicación que ante esa formulación, e ante as distintas alternativas que propón na súa demanda reconvencional, non chamase ao proceso a estes últimos.

A xeito de recapitulación: A) Se o demandado reconviniente non acredita en absoluto que o predio NUM000 está excluido do predio ' DIRECCION000 '. B) Se da escritura particional -aceptada pola viuva e os tres irmáns, tamén o hoxe apelante- resulta patentemente esa inclusión. C) Se aquel primeiro non ofrece outro predio alternativo, no que poida estar a vivenda que constituíu o domicilio familiar. D) Se a primeira petición do reconviniente é que se supedite a extinción da situación de proindivisión -punto primeiro do suplico-, 'a que se aclare os fundos que son propiedade de ambos litigantes', nunha formulación preferente que se compadece mal con aquela categórica exclusión. E) Se a sentenza de primeira instancia acolle a solución de reparto primeira, precisamente, das propostas polo perito nomeado polo apelante. F) E, finalmente, e por se for pouco -que non o é-, se o recurrente, no escrito de interposición do recurso da a opción a este tribunal de apelación de escoller libremente entre as diversas alternativas e valoracións económicas dese perito. A conclusión de todo iso non podía ser xa outra que a de proclamar a improcedencia dos tres primeiros motivos do recurso, sen que todo o razoado quede desvirtuado, nin polas diferencias superficiais que se observan, pois ningunha das versións dos litigantes casan coas superficies, nin porque o fundo número NUM000 estea fisicamente separado ou non sexa lindeiro cos outros tres,dado que esta circunstancia non é absolutamente incompatíbel coa vontade das partes de configurar todo como un mesmo predio, e esta situación anómala non pode prevalecer fronte a unha proclamación palmaria e inequívoca da escritura particional, a que reflicta que o predio comprende a casa familiar.

Sexto:O recurrente pon en cuestión as valoracións dos fundos, que fai a sentenza de primeira instancia e, conseguintemente, mostra o seu desacordo coa compensación económica que a favor da hoxe recurrida fixa esa resolución, que condena ao apelante a satisfacer a esta a suma de 24.296,76 euros. E de xeito máis concreto, e dado que a sentenza acepta como partida a ter en conta na compensación económica a casa familiar existente no predio NUM000 , así como o valor que a mesma da a pericia proposta polo recurrente e, por outra banda, coinciden practicamente os peritos no valor inicial ou en abstracto do metro cadrado dos terreos (130 e 130,41 euros), a controversia queda realmente circunscrita a un único punto: O valor final do metro cadrado dos terreos, tendo en conta as características específicas dos mesmos, e moi especialmente a súa edificabilidade.

Os peritos discrepan neste último extremo, pois mentres que o que informa a proposta da demandante da a todos os metros cadrados o mesmo valor, o perito que ditamina a instancia do demandado parte de valores finais distintos, segundo as características específicas de cadanseu dos catro predios, e aplica entón uns factores correctores. Pois ben, dentro desa disxuntiva, a Sala inclínase por unha solución intermedia, más próxima á postulada polo segundo dos peritos que polo primeiro, e que tende a compaxinar a doble circunstancia, do valor inicial e do valor final. Efectivamente, e ainda que é certo que o valor do metro cadrado de cada predio, considerado cadanseu deles na súa propia individualidade, é loxicamente diferente (pénsese que os predios números 2 e 3, polas súas cativas superficies e pola carencia de saída á camiño público, non son edificables), sen embargo, ao formarse os dous lotes, o primeiro, resultante da unión deses dous predios co número 1, para constituir finalmente o fundo que se atribúe ao demandado, e o segundo, integrado polo predio número 4, atribuido á actora, se produce na práctica unha nova e mellorada realidade, na que o valor do metro cadrado daquel primeiro lote increméntase evidentemente por mor da integración operada, dos predios 2 e 3, que pasan a confundirse co predio 1, salvándose así os iniciais inconvenientes, da escasa superficie e de carencia de saída a vía pública, que impedían unha valoración superior nun contexto individualizado. Pero a solución última e máis xusta non é a de dar o mesmo valor a cada metro cadrado de terreo do lote número un e do lote número dous, indiscriminadamente, pois ainda que é patente o incremento de valor, reiteramos, dos fundos 2 e 3, non é tanto como para equiparalos aos outros, dado que tales predios non resultan por si edificables. Ou por expresalo doutro xeito, ainda que o hoxe recurrente sae beneficiado pola agrupación realizada, pois os funos 2 e 3 deixan de estar enclavados, a utilidade non é tanta como para equiparalos aos outros dous, pois mentes que estes dous últimos son edificables -e están edificados-, aqueles outros dous non son edificables.

Como consecuencia do razoado resulta: A) Que fixamos como valor do lote adxudicado á demandante inicial o de 83.486,49 euros (34. 970 euros polo solo, máis 48.516,49 euros polo valor da casa e demáis inmbobles). B) O valor do lote do hoxe recurrido o establecemos en 111.807,25 euros (92.907,25 euros polo valor do solo máis do predio número 3, máis 10.000 e 9.000 euros, que fixamos ponderadamente para os fundos 1 e 2). C) Resulta así un beneficio para o agora apelante de 28.320,76 euros, do que debe compensar conseguintemente este último á recurrida na mitade, é dicir, en 14.160,38 euros.

Sétimo:A estimación en parte do recurso conleva non facermos unah especial declaración sobre custas procesuais desta alzada (artigo 398 da L. A. C.).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que estimando en parte o recurso de apelación promovido por D. Indalecio , representado pola procuradora Dña Carmen Hermida Portela contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia núm. 8 de Vigo o día 29/12/2014, fixamos como cantidade a satisfacer polo recurrente á recurrida en 14.160,38 euros, confirmándose a sentenza apelada nas súas demáis pronuncias. E sen facermos unha especial declaración sobre as custas procesuais desta segunda instancia.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.

MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.