Sentencia CIVIL Nº 141/20...zo de 2017

Última revisión
16/09/2017

Sentencia CIVIL Nº 141/2017, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 477/2016 de 20 de Marzo de 2017

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 13 min

Orden: Civil

Fecha: 20 de Marzo de 2017

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 141/2017

Núm. Cendoj: 36057370062017100103

Núm. Ecli: ES:APPO:2017:543

Núm. Roj: SAP PO 543:2017

Resumen:
CUMPLIMIENTO OBLIGACIONES

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00141/2017

N10250

C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO

Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387

BN

N.I.G.36057 42 1 2014 0012221

ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000477 /2016

Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 9 de VIGO

Procedimiento de origen:PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000657 /2014

Recurrente: Mariana

Procurador: ALBERTO NIETO QUILES

Abogado: JUAN MANUEL REGAL MENENDEZ

Recurrido: Sofía

Procurador: MARIA JESUS NOGUEIRA FOS

Abogado: MANUEL CARPINTERO ALVAREZ

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistradosD. JAIME CARRERA IBARZABAL, PRESIDENTE, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO E D. JULIO PICATOSTE BOBILLO,pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

SENTENZA Nº 141/17

En Vigo, vinte de marzo de dous mil dezasete.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos de Xuízo Ordinario 657/2014 procedentes do Xulgado de Primeira Instancia núm. 9 de Vigo, ós que correspondeu o rolo 477/2016 nos que aparece como parte APELANTE-DEMANDANTED./Dª Mariana ,representada polo/a procurador/a D./D.ª Alberto Nieto Quiles e asistida do/da letrado/a D./D.ª Juan Manuel Regal Menendez e comoparte contra da que se apela e demandado D./Dª Sofía ,representada polo/a procurador/a D./D.ªMaría Jesus Nogueira Fos e asistida do/da letrado/a D./D.ªManuel Capintero Alvarez.

É o maxistradorelatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm 9 de Vigo, con data do 15/9/2016, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

'Desestimo íntegramente la demanda interpuesta por Dª Mariana contra Dª Sofía a la que absuelvo con expresa condena en costas de la demandante.'

Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ªAlberto Nieto Quiles, en representación de D./D.ª Mariana , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 16/2/2017.


Fundamentos

Primeiro: Ao abeiro dos artigos 243 e seguintes da Lei de Dereito Civil de Galicia de 14 de xuño de 2006 a parte actora exercita a acción de complemento da lexítima respecto do patrimonio do seu pai, que outorgou testamento notarial o día 6 de abril de 2011, e falecido o día 29 de febreiro de 2012, disposición testamenteira na que nomeaba heredeira á hoxe demandada, coa estaba casada en segundo matrimonio, e legaba a súa filla, a agora demandante, a lexítima que lle correspondía dacordo con aquelas normas.

Procedeuse liquidar a sociedade de gananciais que tiña existido entre o pai da demandante e a súa primeira dona, a través de escritura de aceptación e adxudicación de herdanza de data 17 de marzo de 2011, e completada polo auto de 16 de decembro de 2013, ditado polo Xulgado de Primeira Instancia número 7 desta cidade de Vigo, en procedimento de liquidación de sociedade de gananciais número 346/2001, resolución esta última hoxe firme.

Coincidindo as partes litigantes no inventario de bens, as súas discrepancias radican sobre a valoración dos mesmos, concretamente, e dunha parte, sobre o importe dos saldos das contas bancarias -ademáis dos títulos que se relacionan-, e doutra, sobre o valor dos bens inmobles.

En síntese, e partindo do inventario e da respectiva valoración que fai de cada partida, considera a demandante que o Activo do causante ascendía a 969.497,47 euros, dos que deducidos os 95.000 euros por débedas, obtemos como caudal partible a suma de 874.497,47 euros. A lexítima -cuarta parte- alcanzaba entón a suma de 218.624,37 euros. E como a actora xa obtivese a suma de 106.698,38 euros (76.698,38 euros por exceso de adxudicación e os 30.000 euros restantes polo pagamento polo pai do imposto de sucesións que correspodía sufragar á filla demandante), a diferenza sería de 111.925,99 euros. Máis como, finalmente, a demandante percibira despois 24.054,41 euros (dos saldos bancarios), e tivera reembolsado igualmente despois á demandada aqueles 30.000 euros, a suma total resultante desas operacións ascendería a 117.871,58 euros, que é o que reclama na demanda reitora deste preito, e agora reproduce nesa alzada.

Segundo: Sentados estes antecedentes, o punto conflictivo de maior calado radica na determinación do valor dos bens inmobles inventariados dado que, de partirse da valoración feita pola actora, a contía da lexítima sería loxicamente máis elevada e, conseguintemente, tería dereito a percibir o correspondente complemento ata acadala. Pois ben, a sentenza ditada en primeira instancia rexeita a pretensión da demandante partindo da valoración resultante da pericia que achega a demandada, e rendida por escrito polo perito, D. Jose Luis , e á postre completada oralmente no acto do xuizo, onde o técnico someteuse ás preguntas e aclaracións interesadas polos litigantes. Fronte a esa pericia existirían, sen embargo, outros instrumentos de proba, que seguidamente reseñaremos, e que desdicirían en grande medida ese informe pericial.

Este tribunal de apelación atópase, xa que logo, na tesitura de fixar o valor real dos bens litixiosos partindo desas probanzas, tarefa nada doada certamente, dados os diveros medios de proba existentes, e as distintas valoracións resultantes dos mesmos, sendo de resaltar, finalmente, que malia que un informe pericial sole ser o instrumento de proba idóneo para estes mesteres, dado o carácter eminentemente técnico da cuestión dilucidada, iso non comporta que este medio probatorio non poida ceder ante outros que se estimen máis ponderados e fundados, pois no noso ordeamento xurídico non rixe o principio de proba legal ou taxada (en esencia, artigo 299. 3 da L. A. C.), nin existe unha prioridade xeralizada duns instrumentos de proba sobre outros senón que, contrariamente, o principio rector é o da libre valoración da proba (por exemplo, e verbo da proba pericial, o artigo 348 da mesma Norma). Relativismo probatorio de especial relevancia cando, como sucede no caso contemplado, se observan certos baleiros na pericia, que poñen en cuestión as súas conclusións.

Analizamos coa debida separación a valoración dos bens.

Terceiro: Vivenda sita no andar terceiro do edificio número NUM000 da RUA000 de Vigo.

O perito valora definitivamente este ben en 148.480 euros. Sen embargo, non compartimos esta valoración polos seguintes datos e circunstancias: A) O perito parte de dous predios testemuños, que non poden servir realmente de referencia. En efecto, e respecto do primeiro, o perito reseña un 'chalet', e ubicado en Matamá, é dicir, na periferia de Vigo, e non unha vivenda, e descoñecemos ademáis o estado de conservación do chalet, fronte ao estado da vivenda litixiosa, que o perito califica de óptimo e con materiais de boa calidade. E en segundo lugar, verbo do segundo fundo, menciona unha vivenda, pero nun ático, e situada na zoa do Calvario, zoa alonxada do centro de Vigo, no que atópase, pola contra, a RUA000 . B) En segundo lugar, o perito valora o metro cadrado da vivenda en 1.659,8 euros, pero se observamos a tábula que achega, o prezo do metro cadrado na escala reseñada, e atendendo á data do falecimento do causante, en febreiro de 2012, é de 1.838 euros. A cifra resultante da correspondente multiplicación sería entón de 128.660 euros, e non dos 116.186 euros expresados polo perito. C) O informe silencia datos trascendentes como as valoracións tributarias e os valores dados nas escrituras notariais que inmeditamente mencionamos, escrituras todas que, polas súas datas, estaban ao alcance do perito, quen emite o ditame o día 22 de outubro de 2015. D) En efecto, existe, por unha banda, unha valoración, definitiva, da Axencia Tributaria, en 190.000 euros. E) Hai tamén unha escritura notarial de compra da vivenda polo causante, de data 18 de xullo de 2011, moi próxima entón ao seu falecimento, na que se declara como prezo 200.000 euros. F) Existe un acto propio da hoxe demandada, como é o outorgamento da escritura pública de adxudicación parcial da herdanza do seu marido, de data 4 de outubro de 2012, ou sexa, no ano de falecimento, e anterior á demanda reitora deste preito, valorando o ben na mesma suma. G) Certo é que na escritura de venda do ben outorgada pola agora demandada a favor dun terceiro, a través de instrumento notarial de 17 de abril de 2015, véndese agora a vivenda polo prezo declarado de 140.000 euros tan só, pero non cabe descoñecer, dunha parte, que o ano de valoración a tomar de referencia é o ano 2012, e non o 2015, e doutra, que esta última escritura de compravenda é posterior á presente demanda, en canto formulada o día 23 de xullo de 2014, e cando a demandada xa fora emprazada. As circunstancias relatadas, e moi especialmente o prezo declarado nas escrituras públicas de 18 de xullo de 2011 e 4 de outubro de 2012, levaríamos valorar ponderadamente a vivenda de lite en 200.000 euros, se non for porque a actora fixou na súa demanda un valor de 190.000 euros, do que temos entón que partir polo elemental postulado dispositivo, dado que, por outra banda e derradeiramente, resulta excepcional, polas repercusións negativas que normalmente ten a efectos impositivos, fixar un prezo de venda superior ao documentado.

Cuarto: Valoración dos tres locais sitos en Nigrán.

O perito valora definitivamente os tres locais en 135.322,63 euros, 110.296,73 euros e 44.588,52 euros. Sen embargo, e por semellantes motivos aos precedentemente expostos, non participamos deses xustiprezos, dado que: A) Novamente o perito cita uns locais testemuñas que non semellan adecuados pois, por unha banda, descoñecemos o estado de conservación dos mesmos, fronte ao litixiosos, conceptuados polo perito, dous deles,como cun estado de conservación excelente e cunhas calidadaes construtivas óptimas; por outra, descoñecemos por igual se estamos ante zoas comerciais e de tránsito parecidas; e por outra, e finalmente, porque incluso un dos locais que serven ao perito de testemuño está lógobre, polo que a comparativa con este último predio é manifestamente improcedente, e a pesar desa carencia, en fin, anúnciase o local referencial por un prezo de 250.000 euros, moi superior ao hoxe peritado. B) A Axencia Tributaria ten valorado os bens en 465.661,92 euros, 449.874,59 euros e 171.059,48 euros. C) Certo é que que actora e o seu pai causante impugnaron estas valoración, pero non o é menos que propuxeron unhas valoracións alternativas, moi superiores ás propostas polo perito, concretamente, de 284.130,01 euros, 313.097,01euros e 94.710 euros. D) A Axencia Tributaria da Xunta de Galicia, aos efectos do imposto de sucesións, valora os bens en 300.000, 252.000 e 90.000 euros. Pois ben, todas estas consideracións condúcenmos a establecer como valores para os predios estes últimos, sen que a conclusión apareza desvirtuada, en derradeiro lugar, polas dúas escrituras de aceptación e adxudicación parcial da herdanza do causante, outorgadas pola súa viúva, agora demandada, de datas de 28 de maio e 14 de 2015, con valor declarado para os tres locais, dun total de 200.000 euros tan só, cifra inaceptábel por entrar en contradicción con todas as anteriores valoracións, incluso coas realizadas polo perito da parte demandada, D. Jose Luis , e que se declararon despois de iniciado o actual proceso, no que a valoración dos bens inmoble resulta o elemento máis importante e decisivo para estimar ou desestimar a demanda.

Quinto: Na tese da parte demandante, a súa lexítima aparecería prexudicada ou mermada igualmente polos saldos resultantes do doce valores e contas bancarias que relaciona no escrito de demanda, e que serían superiores aos anteriormente declarados. E en apoio do seu posicionamento achega as oportunas certificacións das entidades bancarias, expresivas duns saldos ao día 29 de febreiro de 2102, de falecimento do causante, D. Florencio . Mais a invocación da actora carece da necesaria consistencia dado que con cabe descoñecer a realidade das disposicións que de devanditos saldos mesmos poideran ter feito unha e outra parte litigante. En efecto: A) No acordo das partes, demandante e demandada, homologado xudicialmente, de data 16 de decembro de 2013, relátanse esas disposición unilaterais dunha e outra. B) Xa fanse entón as oportunas correccións ou compensacións. En definitiva, non podemos tomar como punto referencial aqueles saldos, indicados pola parte demandante na súa demanda, pois despois do pasamento do causante realizáronse actos dispositivos que modificaron os mesmos, e que levaron aos contendentes a realizar, insistimos, os oportunos axustes, nuns actos dos interesados, que pola súa claridade e inequivocidade, merecen ser conceptuados de actos propios, que agora non se poden, xa qaue logo, contradecir.

Sexto: Facendo as contas, o valor a computar para os catro bens inmobles é de 737.000 euros (o 50% de 190.000 euros, da vivenda na RUA000 de Vigo, máis 300.000, 252.000 e 90.00 euros, dos tres locais en Nigrán). Pero chegados a este punto, e resultando indicutiblemente prexudicada, xa que logo, a lexítima da demandante, ao darse maior valor a estes catro bens, comparartativamente cos valores ateriormente fixados, non pode este tribunal, sen embago, contificar exactamente nestes intres a contía desa lexítima nin, conseguintemente, reseñar a suma a compensar. O que non veda a que esta contificación poda deferirse definitivamente para a faxe de execución de sentenza, na que partirase das bases, en primeiro termo, daquela valoración, e en segundo termo, das restantes premisas xa sentadas en procedimentos a acordo anteriores.

Sétimo: A estimación en parte do recurso e da demanda conleva non facermos unha especial declaración sobre as custas procesuasis de ningunha das dúas instancias (artigos 394 e 398 da L. A. C.).

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que estimándose en parte o recurso de apelación e a demanda formulados por Dª Mariana representada polo Procurador Sr. Nieto Quiles, reseñamos como valor dos bens inmobles de lite os mencionados nos fundamentos de dereito terceiro e cuarto da presente resolución, debendo proceder en faxe de execución de sentenza a completar a lexítima da demandante dacordo coas bases dispostas no fundamento de dereito quinto. Non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución.

MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

NOTA INFORMATIVA:Conforme á D.A. Décimo quinta da L.O.P.J ., para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANCO SANTANDER, sucursal r/ Coruña, na conta deste expediente 0915000012047716, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local e organismo autónomo dependente. Se o ingreso se efectúa a medio de transferencia o núm. de conta IBAN é o seguinte: ES55 3569 9200 0500 1274 facendo constar, no campo concepto e observacions no xustificante de ingreso e como concepto o número de conta expediente antes salientado.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.