Última revisión
17/09/2017
Sentencia CIVIL Nº 183/2020, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 883/2019 de 22 de Mayo de 2020
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 22 de Mayo de 2020
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 183/2020
Núm. Cendoj: 36057370062020100199
Núm. Ecli: ES:APPO:2020:890
Núm. Roj: SAP PO 890:2020
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00183/2020
Modelo: N10250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Teléfono:986817388-986817389 Fax:986817387
Correo electrónico:
Equipo/usuario: BN
N.I.G.36057 42 1 2018 0015012
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000883 /2019
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 15 de VIGO
Procedimiento de origen:DCT DIVORCIO CONTENCIOSO 0001271 /2018
Recurrente: Inés
Procurador: PURIFICACION RODRIGUEZ GONZALEZ
Abogado: MARIA DEL CARMEN LOPEZ RODRIGUEZ
Recurrido: Mariano
Procurador: MARIA JESUS NOGUEIRA FOS
Abogado: JOSE MANUEL LORENZO FERNANDEZ
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e Dª MAGDALENA FERNÁNDEZ SOTO,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
S E N T E N Z A Nº 183/20
Vigo, vinte e dous de maio de dous mil vinte.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Divorcio 1271/18 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 15 de Vigo ós que correspondeu o rolo 883/19, nos que aparece como parte apelante e demandada D./D.ª Inés, representada polo/a procurador/a D./D.ª PURIFICACIÓN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª CARMEN LÓPEZ RODRÍGUEZ,e como parte contra da que se apela e demandante D./D.ª Mariano, representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª JESUS NOGUEIRA FOS e asistida do/da letrado/a D./D.ª JOSE M. LORENZO FERNÁNDEZ.
É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 15 de Vigo, con data do 7 de outubro de 2019, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'Estimo la demanda formulada por Mariano contra Inés y declaro disuelto su matrimonio por divorcio con todos los efectos legales inherentes a dicha declaración. Igualmente desestimo las pretensiones de la reconvención, sin fijar pensión compensatoria.
Todo ello sin imposición de costas a ninguna de las partes.'
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª PURIFICACIÓN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, en representación de D./D.ª Inés, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 21 de maio de 2020.
Fundamentos
Primeiro: A sentenza ditada en primeira instancia estima a demanda de divorcio prantexada polo esposo, e rexeita a demanda reconvencional da súa exdona, na que a reconviniente interesaba unha pensión compensatoria -de 1000 euros ao mes-. E recurre esta última esta decisión, solicitando agora no recurso a pensión por ese importe ou, subsidiariamente, 'a cantidade que o tribunal considere axustada'.
Segundo: A parte recurrente ven basear a súa formulación reconvencional en dous pilares. O primeiro, que por mor do novo matrimonio deixou de percibir a pensión compensatoria a cargo do seu anterior esposo, inicialmente de 300 euros ao mes, que actualizada acadaría agora a suma en torno aos 390 euros. E o segundo, e á marxe da anterior circunstancia, que o divorcio que agora se decreta lle produce un patente desequlibrio económico, comparativamente coa posición do seu marido, ao perder o importante nivel de vida de que gozaba constante matrimonio, grazas aos ingresos do reconvido, moito maiores que os dela.
Terceiro: Antes de entrar na cerna propiamente dita da controversia cómpre realizar as seguintes puntualizacións: A) Que as circunstancias que o artigo 97 do código civil dispón -nunha enumeración aberta- xogan nun doble sentido, primeiramente, como determinantes da procedencia ou improcedencia da pensión compensatoria, e en segundo termo e en conxunción coa anterior advertencia, como criterios para fixar o quantum da pensión. B) Que este instituto non persigue lograr unha igualdade de economías, senón simplemente recompensar ou resarcir ao cónxuxe da situación de desequilibrio na que queda por razón do divorcio. C) Finalmente, que se os dous cónxuxes seguen dispor durante a relación matrimonial de fortuna e ingresos parellos aos que tiñan antes do matrimonio falta a razón de ser desta figura xurídica. Pois ben, as tres reflexións precedentes levan, xa que logo e necesariamente, a examinar as circunstancias persoais, familiares e económicas da unidade familiar, existentes durante a relación matrimonial e convivencial, e as que haberá posteriormente, a consecuencia do divorcio, nunha comparativa da que poderá resultar no seu caso o desequilibrio para un dos esposos.
Cuarto: En coincidencia argumental esencial co xulgador a quo, e descartando as declaracións testemuñais que obran no litixio, dadas as relación parentais e laboráis das testemuñas coa apelante, estimamos que non resulta procedente establecer unha pensión compensatoria tendo en conta os seguintes factores: A) A duración do matrimonio, que contado ata a data da formulación da demanda inicial de divorcio, foi de tan só tres anos e medio, e da convivencia, por un prazo menor, fixándo a esposa a ruptura matrimonial no mes de marzo de 2018, ou sexa, un tempo de convivencia algo inferior aos tres anos. O reducido periodo matrimonial e de vida en común constitúe xa loxicamente un feito pouco propicio, non só para fixar unha cantidade como pensión compensatoria, senón incluso para declarar a súa pertinencia. B) Ningunha constancia temos da dedicación, pasada e futura, á familia dos cónxuxes, e máis concretamente, da agora apelante. Pénsese a este respecto que non houbo descendencia á que atender. E coídese igualmente que os litigantes alternaban a convivencia entre as súas respectivas vivendas, como os mesmos recoñecen. C) A recurrente xa antes de contraer matrimonio -dende o ano 2012- era acredora dunha pensión de xubilación, que segue hoxe a disfrutar, e pola contía de 789 euros ao mes (catorce pagas de 677 euros). D) A apelante posúía e posúe vivenda propia. E) Dispón igualmente dunha carteira de valores que ainda que non podemos contificala exactamente, dada a confusa proba documental que obra na lite, podemos valorala en torno a uns 15.000 euros (ao 31 de marzo de 2018 18.952,28 euros, ao folio 102). F) A invocación da apelante, da perda de acceso ao mercado laboral dada a súa idade, carece de consistencia, pois esa posibilidade xa non existía ao tempo de contraer matrimonio no ano 2015, no que contaba xa con sesenta e sete anos.
Quinto: A xeito de recapitulación, non temos constancia do sacrificio persoal e económico que o matrimonio supuxo para a recurrente, provocando unha merma do seu patrimonio e ingresos, e unha correlativa contribución cos seus conxeturados labores familiares a un incremento da posición económica do seu consorte, todo iso no desfavorable contexto temporal, de tan efímero matrimonio. Sen que todo o razoado poida verse desvirtuado pola sentenza do Tribuna Supremo de data 9 de outubro de 2018, que a recurrente cita en apoio da súa tese, pois estamos ante supostos entre nos que non existe a igualdade xurídica esencial que a doutrina xurisprudencial require, dado que nesa resolución a esposa perdía a pensión compensatoria anterior, quedando absolutamente sen ningún recurso, nin tan siquera cativo ou mínimo, contrariamente ao caso por nós contemplado, tal como queda sentado.
Por todo o dito o recurso non pode prosperare, non só en canto á contía inicial postulada, de nada menos que 1000 euros ao mes, claramente fora de lugar, xa que a pensión anterior non chegaría aos 400 euros, senón tamén en canto á formulada de maneira subsidiaria, na contía que o tribunal 'considere axustada', nun pedimento inatendible por falta de precisión ou de determinación, por contradecir o postulado dispositivo, e que provocaría, en fin, a natural indefensión da parte recurrida.
Sexto: Non apreciamos que concurra alguna circunstancia de excepción para deixar de aplicar o criterio xeral do vencimento obxectivo, que para as custas procesuais desta alzada sanciona o artigo 398 da L. A. C..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitamos o recurso de apelación formulado por Dª Inés representada pola Procuradora Sra. Rodríguez González contra a sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº 15 de Vigo o día 7 de outubro de 2019, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte apelante.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC. Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
NOTA INFORMATIVA:Conforme á D.A. Décimo quinta da L.O.P.J., para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.
O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANCO SANTANDER, sucursal r/ Coruña, na conta deste expediente 0915000012088319, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local e organismo autónomo dependente. Se o ingreso se efectúa a medio de transferencia o núm. de conta IBAN é o seguinte: ES55 3569 9200 0500 1274 facendo constar, no campo concepto e observacions no xustificante de ingreso
