Última revisión
17/09/2017
Sentencia CIVIL Nº 226/2020, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 893/2019 de 04 de Junio de 2020
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 7 min
Orden: Civil
Fecha: 04 de Junio de 2020
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 226/2020
Núm. Cendoj: 36057370062020100225
Núm. Ecli: ES:APPO:2020:955
Núm. Roj: SAP PO 955:2020
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00226/2020
Modelo: N10250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Teléfono:986817388-986817389 Fax:986817387
Correo electrónico:
Equipo/usuario: BN
N.I.G.36057 42 1 2018 0008200
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000893 /2019
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 11 de VIGO
Procedimiento de origen:ORD PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000493 /2018
Recurrente: Bernardo
Procurador: MARTA ROBES CABALEIRO
Abogado: RICARDO MANUEL GOMEZ LOUREDA
Recurrido: Erica
Procurador: MANUEL JUAN LAMOSO REY
Abogado: XESUS SANXUAS FORMOSO
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, Presidente, Dª MAGDALENA FERNÁNDEZ SOTO e D. JOSÉ FERRER GONZÁLEZ,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
S E N T E N Z A Nº 226/20
Vigo, catro de xuño de dous mil vinte.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 493/18 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 11 de Vigo ós que correspondeu o rolo 893/19, nos que aparece como parte apelante e demandado D./D.ª Bernardo, representada polo/a procurador/a D./D.ª MARTA ROBES CABALEIRO e asistida do/da letrado/a D./D.ª RICARDO GÓMEZ LOUREDA,e como parte contra da que se apela e demandante D./D.ª Erica, representada polo/a procurador/a D./D.ª MANUEL LAMOSO REY e asistida do/da letrado/a D./D.ª JESUS XANXUAS FORMOSO.
É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 11 de Vigo, con data do 16 de outubro de 2019, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'Que estimo íntegramente la demanda interpuesta por el Procurador Sr. Lamoso Rey, actuando en nombre y representación de doña Erica, contra don Bernardo, y condeno al demandado a que abone a doña Erica la suma de 21.035 euros, más los intereses legales de dicha cantidad desde la fecha de la interposición de la demanda, todo ello con imposición de costas a la parte demandada.'
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª MARTA ROBES CABALEIRO, en representación de D./D.ª Bernardo, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 28 de maio de 2020.
Fundamentos
Primeiro: A sentenza ditada en primeira instancia estima íntegramente a demanda, condenando ao demandado a pagar á actora a suma por esta reclamada, de 21.035 euros. E recurre esta decisión o demandado, quen reproduce esencialmente nesta alzada as mesmas invocacións que na primeira instancia, e que procedemos analizar coa debida separación, comezando, por razóns metotolóxicas, e ainda que pareza un contrasentido, pola cuestión de fondo, de se a débeda de lite é privativa o ganancial, pois segundo sexa o sentido da decisión sobre este extremo podería ter cabida -hipoteticamente- a excepción de inadecuación do procedimento, e de non terse liquidado previamente a sociedade de gananciais.
Segundo: O argumento que o apelante aduce para soster que a débeda é ganancial, e non privativa del, estribaría en que a débeda foi contraída en beneficio da sociedade 'R AND F MANIA', fundada polos cónxuxes durante o matrimonio. Estaríamos, en definitiva, ante unha débeda da sociedade de gananciais, ex artigo 1347 -números 3 e 4 cítase- do CC.
Terceiro: A liña argumental da parte recurrente carece de consistencia xurídica, pois se aparta da literalidade, clara e inequívoca, do pactado polos litigantes no convenio regulador da separación de mutuo acordo, de 15 de xuño de 2004, e homologado pola sentenza de separación de 6 de setembro do mesmo ano.
En efecto, o convenio non pode ser máis explícito, diáfano, indubidable e esclarecedor sobre a condición privativa da débeda, e da súa conseguinte asunción de pagamento íntegro por parte do agora apelante. Resulta dabondo con transcribir tres paraxes do convenio: '... Bernardo recoñece adebedar a... diñeiro que pediulle para investir no seu negocio privativo...'. '... Para montar os seus negocios...'. E 'dito crédito bancario... será pagado integra e exclusivamente polo esposo Bernardo...'. O recurrente ven recoñecer no convenio que a débeda é privativa del, e que asume o seu pagamento, non podendo soster agora a tese da ganancialidade, pois este posicionamento contravén o postulado pacta sunt servanda e a doutrina dos actos propios.
Pero se o dito non for dabondo -que sí o é-, cómpre engadir: A) Que se a débeda for ganancial, non se comprende nin ofrece explicación do por qué non se declara así no convenio, afirmándose pola contra a súa condición privativa. B) Que ningunha referencia faise tampouco no documento á empresa 'R AND F MANIA', como suposta beneficiaria do préstamo e conseguinte debedora. C) Que doado sería acreditar que os cartos foran destinados efectivamente a esa sociedade, mediante o achegamento, por exemplo, da oportuna proba documenal contable, e non se fai. D) En fin, a operación dual, por unha banda, da concertación do préstamo por parte da esposa, exclusivamente ou con marxinación daquela sociedade, e por outra, a asunción do pagamento por parte do apelante, tamén de xeito exclusivo, e unha vez que aquela tiver amortizado totalmente o préstamo, se compedece mal coa tese da ganancialidade.
Por outra banda, en fonda relación coas anteriores reflexións, e dando resposta á excepción de inadecuación de procedimento, a mesma non pode ser acollida pois: A) Declaramos como probada a condición privativa da débeda, e non ganancial. B) Que dun exame do propio convenio regulador cabería inferir a innecesariedade de liquidar a sociedade de gananciais, pois ese convenio sería utilizado precisamente como instrumento de disolución e liquidación, tal como se pode colexir das previsións contidas nel, de que 'o réxime económico do matrimonio é o da sociedade de gananciais que pensan modificar e a tal fin para a súa disolución acordan as seguintes medidas....'. 'Todos os créditos....serán pagados exclusivamente polo esposo...'. Ou, e conseguintemente desas operacións liquidadoras, 'a esposa afástase e renuncia a calquer tipo de reclamación derivada da Sociedade de Réxime de Gananciais'.
Como corolario obrigado de todo o razoado, non resulta tampouco xurídicamente viable estimar a formulación alternativa da parte apelante, no senso de que soamente teña que pagar a mitade do reclamado, pois a débeda é propia del, reiterámolo, e non da sociedade de gananciais.
Polo dito, o motivo do recurso non pode acollerse se, derradeiramente, a proba testemuñal ofrecida non faría máis que confirmar a asunción en exclusiva da débeda de lite por parte do demandado, como propia del.
Cuarto: Non apreciamos que concurra alguna circunstancia de excepción para deixar de aplicar o criterio xeral do vencimento obxectivo, que para as custas procesuais desta alzada sanciona o artigo 398 da L. A. C..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitamos o recurso de apelación promovido por D. Bernardo representado pola Procuradora Sra. Robes Cabaleiro contra a sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº 11 de Vigo o día 16 de outubro de 2019, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte recurrente.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC. Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
