Última revisión
31/05/2000
Sentencia Civil Nº 258, Audiencia Provincial de Pontevedra, Rec 142 de 31 de Mayo de 2000
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 31 de Mayo de 2000
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: CARRERA IBARZABAL, JAIME
Nº de sentencia: 258
Fundamentos
AUDIENCIA PROVINCIAL
SECCIÓN PRIMEIRA
PONTEVEDRA
Rolo civil: 142/99
P. civil: 126/97
Orixe: XDO. 1ª INST. VIGO 7
Tipo asunto: MENOR CONTÍA
A SECCIÓN PRIMEIRA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, composta por D. JAIME CARRERA IBARZABAL, presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e DONA MARÍA JESÚS GONZÁLEZ REBOLO, maxistrados, pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENCIA NÚM. 258
Pontevedra, o 31 de maio do año 2000.
O recurso de apelación interposto fronte á sentencia deitada nos actos do proceso civil núm. 126/98, vindo do Xulgado de 1ª Inst. Vigo 7, foi movido entre as partes: dunha beira, como apelante e demandante, "A", representado polo procurador dos tribunais Sr. Giménez Campos, baixo a dirección do letrado Sr. Albors Méndez; doutra, como apelado e demandado, N CO. N.V, a quen representa o procurador Sr. Álvarez Vázquez e dirixe o letrado Sr. Tojeiro Sierto; e, amais diso, dunha outra, como apelado-demandado SEATRADE GROUP. Xuizo de menor contía.
ANTECEDENTES DE FEITO
Acéptanse os da sentencia de primeira instancia e, alén diso:
PRIMEIRO. Nos actos a que este rolo atinxe, na data de 23 de febreiro de 1999, o Sr maxistrado-xuíz do Xulgado de 1ª Inst. Vigo 7 pronunciou sentencia, a resolución da cal, rigorosamente, di:
DECISION: "Que estimando la falta de jurisdicción debo absolver y absuelvo a la entidad S N.V. y N CO.N.V. de la pretensión planteada contra los mismos en la demanda interpuesta por el procurador don José Fernández González, en nombre y representación de A S.P.A., imponiendo el pago de las costas a esta última". Fronte á devandita sentencia, a parte demandante interpuxo recurso de apelación que foi admitido en ámbolos dous efectos, polo que as actuacións foron elevadas a esta Sala, tras as partes seren emprazadas. Por estas se teren constituido en parte perante ela no tempo e do xeito que acae, tívoselles por comparecidas; axiña, entregáronselle aquelas para instrucción por termo de seis días ao maxistrado relator, e, tendo sido devoltas, sinalouse o día 5 de maio do año que andamos para a vista do recurso. A seguir, pasáronselle os actos aos litigantes, tamén para instrucción, polo prazo de catro días a cada un deles.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
PRIMEIRO. Con independencia doutros problemas de fondo, que poderian suscita-los pedimentos da demandante, e hoxe recorrente, como o de se pode obter dos tribunais unha condena de futuro, ou o de se cabería esa condena ao pagamento -dito de xeito moi sintético- das cantidades que se sinalen no procedemento arbitral que se está a seguir no estranxeiro, mentres o futuribel laudo careza do recoñecemento polo instrumento do exequatur, existe un prius que é preciso examinarmos e resolvermos denantes daquelas e outras cuestións, cal é o de se a xurisdicción española é territorialmente competente, cuestión que foi resolta pola sentencia recorrida en senso negativo, non entrando conseguintemente no fondo do asunto.
A parte actora impugna esa decisión por entender que a xuíza a quo non pode apreciar de oficio esa falta de competencia, tendo que ser, pola contra, invocada pola parte demandada, o que non fixo. Amais de que esa imposibilidade de que o órgano xudicial non poida apreciar de oficio a falta de competencia territorial internacional non aparece sancionada legalmente, existindo, pola contra, un amplo sector doutrinal que defende que o tribunal nacional teña esa facultade no caso de que sexa manifesta esa falta de competencia internacional por afectar á soberanía nacional, o certo é que aquela afirmación da demandada non se axusta á realidade. Se se examina o escrito de contestación á demanda pódese observar que a demandada invoca a correspondente excepción de xeito tan expreso como inequívoco (fundamento de dereito primeiro, no folio 96).
Mais o problema máis interesante e crucial é que a demandada se constitúe en parte nos autos, contestando ao fondo da demanda -sen prexuízo da invocación daquela excepción-, e ese xeito procesual de actuar vén suscita-la cuestión de se se debe ou non se debe entender que hai submisión tácita.
Verbo disto, o Tribunal Supremo vén sinalando que "como con reiteración tiene declarado esta Sala (SS 31 de mayo 1993 y 5 febrero y 15 octubre 1994, por citar sólo algunas) la modificación aprobada en la Ley Procesal Civil por la reforma de 6 de agosto de 1984, limitando el ámbito de las excepciones en materia de competencia ex-art. 533 de dicha Ley, a la objetiva o funcional obliga, en todo caso, a plantear la relativa al territo en la vía incidental en que leglamente han de ser decididas, tanto la inhibitoria como la declinatoria, lo que impide que pueda traerse ahora a examen casacional un tema de competencia territorial incorrectamente planteado en su momento por el recurrente, el cual, por otra parte, como subraya el Tribunal, se sometió tácitamente al Juzgado inicial que dictó la sentencia recurrida, cuando contestó la demanda en vez de limitarse a proponer en forma la declinatoria (art. 75 en relación con el 58,2, ambos de la LEC)". Esa consolidada doutrina xurisprudencial conduciría nunha primeira lectura a estimarmos que no caso axuizado houbo pola parte demandada unha submisión tácita, por non se limitar a propor esa excepción en forma, é dicir, pola canle dos incidentes, establecido polo art. 79 daquela norma.
Mais esta Sala entende que esa normativa non é de aplicación ao caso examinado, senón que hai que aterse, tanto por razóns constitucionais e de xerarquia normativa (arts. 93 e 96 da Carta Magna, en relación cos arts. 21.1 da LOPX e 8.2 do Cc), como por criterios de especialidade, ás regras recolidas no Convenio de Bruxelas de 27 de setembro de 1968, ratificado por España polo Convenio de San Sebastián de 26 de maio de 1989. Pois ben, este convenio, despois de sinalar no seu art. 16 as materias de competencia exclusiva, que non son do caso, e de engadir no seu art. 18 que será competente o tribunal do Estado contratante ante o que comparecese o demandado, apostila de seguido que esta última regra non será de aplicación "se a comparecencia tivese por obxecto impugna-la competencia".
Aínda que o Tribunal Supremo non tivo ocasión de se manifestar verbo da interpretación que se debe dar a este último precepto, foi o Tribunal de Xustiza da Comunidade Europea, o que, interpretando e aplicando esa norma, veu admitir que o demandado poida, non só impugna-la competencia, senón tamén presentar ao mesmo tempo e a título subsidiario defensa de fondo, sen que neste segundo caso perda por isto o dereito a promove-la excepción de incompentencia e se entenda a súa submisión tácita. Neste senso as ss. de 22 de outubro de 1981 (asunto 27/81, Rohr/Ossberber), 31 de marzo de 1982 (asunto 25/81, C.H.W/G.J.H.), e 14 de xullo de 1983 (asunto 201/82, Goerling/Administrazioni del Tesoro dello Stato Italiano). Para concluirmos, o TJCE, sen afirmar cales deban se-los mecanismos procesuais axeitados para impugna-la competencia internacional, dado que esa cuestión compete á lexislación procesual de cada Estado, proclama que a necesidade de preserva-los dereitos de defensa do demandado impide consideralo sometido tácitamente se, á vez que aduce a pretensión de incompetencia, formula alegación de fondo de xeito subsidiario.
Tendo comparecido no suposto que examinamos, a parte demandada, e non se limitando a contestar ao fondo do asunto, constituido pola pretensión indemnizatoria da compañía de seguros demandante, senón que propuxo a excepción de incompetencia territorial internacional, non se pode entón afirmar que houbo submisión tácita.
SEGUNDO. Desbotada a submisión tácita, a interrogante queda agora circunscrita a se son competentes os tribunais españois para coñeceren da controversia formulada, interrogante que merece unha resposta negativa, tanto se siga a tese da actora, consonte coa cal vén afirmar que a base da súa pretensión se acha no contrato de salvamento, como a da demandada, a que entende que o titulo de pedir da contraparte se acha no coñecemento de embarque. Ou o que é o mesmo, esa diverxencia amósase banal, pois se siga unha ou outra versión, a conclusión da incompetencia española é a mesma.
Velas, de se partir do contrato de salvamento, este foi asinado no estranxeiro cunha entidade estranxeira, e áchase pendente para o seu cumprimento dunha decisión arbitral, tamén no estranxeiro, co que non serian nunca competentes os tribunais españois, de acordo co art. 22, Núm 3, da LOPX, que establece esa competencia en materia de obrigas contractuais cando estas nacesen ou se debesen cumprir en España, o que non é do caso, como queda dito. E, igualmente, se se ten en conta o coñecemento do embarque, este contén unha cláusula de submisión expresa aos tribunais de Rotterdam (cláusula quinta, no folio 307, volto). Nun e outro caso a consecuencia é a mesma: a incompetencia dos tribunais españois.
TERCEIRO. O rexeitamento do recurso leva a impórmoslle as custas procesuais desta alzada á parte recorrente por non concorrer motivo ningún de excepción que aconselle non aplicármo-lo criterio xeral do vencemento obxectivo, proclamado polo art. 896, alínea terceira, da LAC.
Cómpre atérmonos a todo o que levamos dito e, desenvolvendo a potestade xurisdiccional que a Constitución española nos outorga,
DECIDIMOS
Que é mester nós rexeitarmos, e de feito rexeitámolo, o recurso de apelación movido por A SPA, contra da sentencia pronunciada polo Xulgado de 1ª Inst. Vigo 7, na data de 23 de febreiro de 1999, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte recorrente.
Devólvanselle os actos orixinais ao xulgado de orixe, con testemuño desta resolución, para a súa execución e cumprimento.
Deste xeito, por esta a nosa sentencia, cabeiramente xulgando, pronunciámolo, mandámolo e, asemade, asinámolo.
