Sentencia Civil Nº 316/20...re de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Civil Nº 316/2015, Audiencia Provincial de A Coruña, Sección 6, Rec 334/2013 de 24 de Septiembre de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 38 min

Orden: Civil

Fecha: 24 de Septiembre de 2015

Tribunal: AP - A Coruña

Ponente: TALLON GARCIA, LORENA

Nº de sentencia: 316/2015

Núm. Cendoj: 15078370062015100691

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 (DESPL)

A CORUÑA

SENTENCIA: 00316/2015

AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA

SECCIÓN SEXTA

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Rollo de apelación civil nº 334/2013

Ilmos. Sres. Magistrados:

D. ÁNGEL PANTÍN REIGADA, PRESIDENTE

D. JOSÉ GÓMEZ REY

Dª LORENA TALLÓN GARCÍA

SENTENZA

Núm. 316/15

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015.

Vistos en grao de apelación ante esta Sección 6ª da Audiencia Provincial de A Coruña, con Sede en Santiago de Compostela, os autos do procedemento ordinario núm. 1289/2010, procedentes do Xulgado de Primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela, aos que correspondeu o rolo recurso de apelación núm. 334/2013, nos que aparecen como partes apelantes don Sergio , don Jose Manuel , e DIRECCION000 comunidad de bienes, representados, respectivamente, polos procuradores dona Beatriz Cerviño Gómez, don Victorino Regueiro Muñoz e don Rafael Trigo Trigo, e como parte apelada a Comunidade de propietarios do edificio sito nos núm. NUM000 , NUM001 , NUM002 e NUM003 da RUA000 de Santiago de Compostela , representada polo procurador don Avelino Calviño Gómez, sendo Xuíz relator dona LORENA TALLÓN GARCÍA, quen expresa o parecer da Sala, formulando os seguintes antecedentes de feito, fundamentos

xurídicos e parte dispositiva.

Antecedentes

PRIMEIRO.- Acéptanse e danse por reproducidos os antecedentes de feito contidos na resolución apelada, ditada polo Xulgado de primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela en cuxa parte dispositiva se estableceu: 'Debo estimar y estimo parcialmente la demanda de juicio ordinario deducida por el procurador Sr. Calviño Gómez nombre y representación de la Comunidad de propietarios de la RUA000 NUM000 , NUM001 , NUM002 y NUM003 de Santiago de Compostela asistida de la letrada Sra. Rodríguez Baleato frente a DIRECCION000 comunidad de bienes representada por el procurador Sr. Trigo Trigo y asistida de la letrada Sra. Arnoso Moure, frente a don Sergio representado por la procuradora Sra. Cerviño Gómez y asistido del letrado Sr. Abal Lourido, y frente a don Jose Manuel representado por el procurador Sr. Regueiro Muñoz y asistido del letrado sr. López Fernández y en consecuencia procede:

I.- La condena conjunta y solidaria de los demandados a la reparación de la fachada que deberá incluir el previsto análisis pormenorizado de la instalación ejecutada (practicando las actuaciones constructivas y destructivas precisas para determinar de manera exacta la causa originaria de las diferentes deficiencias acreditadas) y, una vez diagnosticada la misma. La reparación deberá comprender la totalidad de las actuaciones que fueran necesarias (observando los criterios señalados por el Sr. Justo en sus informes) incluida en su caso y de ser precisa la sustitución de paneles y demás estructuras de sujeción de los mismos en su integridad, en términos que garantice un sistema integral de fachada en condiciones de calidad análogas a la prescrita inicialmente en el Proyecto (Luxalon 400 o similar), sin perjuicio de su eventual repetición a terceras entidades suministradoras y/o instaladoras.

II.- La condena del promotor Sr. Oscar a ejecutar las reparaciones de las humedades acreditadas en el garaje en los términos descritos, valorados y presupuestados en los informes Don. Justo (fundamento de derecho 7º), sin perjuicio de su eventual repetición a la entidad JARAMI SL.

III.- La condena del promotor Don. Oscar a la realización de las obras de reparación descritas por Don. Justo referidas a las humedades en plantas superiores, a excepción del portal NUM000 , sin perjuicio de su eventual repetición a la entidad JARAMI SL

IV.- La condena conjunta y solidaria del arquitecto superior Sr. Sergio y del promotor Don. Oscar a la realización de las siguientes actuaciones para observar el cumplimiento de la Normativa Comunidad de Propietarios- NUM004

1.- Dotar al sótano con una salida en los términos descritos por la Sra. Candida .

2.- Atribuir a las puertas de salida del sótano de garaje de fácil apertura manual y ventilación superior procediendo la subsanación en los términos descritos y valorados por Don. Justo .

3.- Instalar dos bies en el garaje y la red de suministro, en los términos presupuestados y valorados por Don. Justo .

4.- Señalizar las vías de evacuación y los medios de protección en los mismos términos presupuestados y descritos por Don. Justo .

5.- Instalarse puertas RF-60 mínimo, en cada acceso de planta a la escalera protegida de uso vivienda en los términos descritos y valorados por Don. Justo .

6.- Compartimentarse el espacio de trasterios del portal NUM001 en los mismo términos presupuestados y descritos por Don. Justo .'

SEGUNDO.-Notificada dita resolución ás partes as representacións procesuais de don Sergio , don Jose Manuel e DIRECCION000 comunidad de bienes presentaron os seus respectivos recursos de apelación que foron admitidos e, cumpridos os trámites correspondentes, eleváronse as actuacións a este Tribunal, sinalándose para a súa deliberación, votación e dispoño, o 22 de abril de 2015, en que tivo lugar o acordado.

TERCEIRO.-Na tramitación deste procedemento observáronse as prescricións legais.


Fundamentos

Acéptanse os da Sentenza apelada en tanto non contradigan aos que a continuación se expoñen

PRIMEIRO.- Cuestión litixiosa. Posicións das partes

No escrito reitor deste procedemento, sobre a base dos arts. 1.101 , 1.144 , 1.258 , 1.124 e 1.591 do Código civil (CC ), a parte demandante interesou a condena conxunta e solidaria dos demandados: 1) a realizar a súa costa as obras necesarias de reparación dos vicios construtivos determinantes da ruína funcional e de aqueles outros defectos construtivos especificados nos informes periciais achegados coa demanda, así como todas aquelas actuacións necesarias para deixar o inmobles nas debidas condicións que impidan a aparición de deficiencias ou vicios de construción ; 2) alternativamente, se non o fixeran no prazo que, prudencialmente, se estime en Sentenza ou se se executara de modo defectuoso, a pagar a actora a cantidade equivalente ao custe das obras de reparación no momento da súa execución, incluíndo en dita cantidade todos os gastos necesarios para a súa execución; 3) subsidiariamente, para o suposto de non estimar os pedimentos que anteceden, a reparar os vicios, defectos, danos e/ou omisións que se determinen en Sentenza dentro dos especificados polos informes periciais acompañados cao demanda, ou dos que resulten en período probatorio.

A sentenza de primeira instancia estimou parcialmente a demanda nos seguintes termos:

1.- Condenando, conxunta e solidariamente, aos demandados a reparación de la fachada que deberá incluír a análise pormenorizada da instalación executada (practicando as actuacións construtivas e destrutivas precisas para determinar de maneira exacta a causa orixinaria das diferentes deficiencias acreditadas) e, unha vez diagnosticada a mesma, a reparación deberá comprender a totalidade das actuacións que foran necesarias (observando os criterios sinalados polo Don. Justo nos seus informes) incluída, no seu caso, e de ser precisa a substitución de paneis e demais estruturas de suxeición dos mesmos na súa integridade, en termos que garantan un sistema integral de fachada en condicións de calidade análogas a prescrita inicialmente no Proxecto (Luxalon 400 ou similar), sen prexuízo da súa eventual repetición a terceiras entidades subministradoras e/ou instaladoras.

2.- Condenando ao promotor a executar a reparación das humidades acreditadas no garaxe nos termos previstos no informe do perito Don. Justo .

3.- Condenando ao promotor a realizar as obras de reparación descritas no informe do perito Don. Justo referidas as humidades en andares superiores, coa excepción do portal NUM000 .

4.- Condenando, conxunta e solidariamente, ao sr. Sergio e ao promotor a realizar as seguintes actuacións ordenadas a observar a Normativa Comunidade de Propietarios- NUM004 :

A.- Dotar o soto dunha saída nos termos descritos pola perito Doña. Candida .

B.- Atribuír ás portas de saída do soto de garaxe de fácil apertura manual e ventilación superior procedendo a validación termos descritos polo perito Don. Justo .

C.- Instalar dous bies no garaxe e rede de subministro, nos termos presupostados e valorados polo perito Don. Justo .

D.- Sinalizar as vías de evacuación e os medios de protección nos termos presupostados e descritos polo Don. Justo .

E.- Instalar portas RF-60 mínimo, en cada acceso de andar a escaleira protexida de uso vivenda nos termos descritos e valorados polo Don. Justo .

F.- Compartimentarse o espazo de trasteiros do portal nº3 nos termos presupostados e descritos polo Don. Justo .

Fronte a dita Sentenza interpuxo recurso de apelación don Sergio argumentado:

1º.- Incongruencia do pronunciamento contido no apartado primeiro da parte dispositiva da Sentenza de instancia que concede máis do pedido pola actora ou, cando menos, algo distinto ao peticionado por esta. Por medio de dito pronunciamento a actora obtén a condena dos demandados a prestacións que exceden con moito da reparación de defectos postulada por esta, incluíndo actuacións de comprobación da entidade e orixe dos vicios e defectos ao tempo que impón aos demandados a determinación da causa ou orixe dos desprendementos rexistrados e defectos de instalación relacionados no informe do Don. Justo .

2º.- Erro na valoración da proba que conduciu ao Xulgador a quo a afirmar a responsabilidade do recorrente en relación cos vicios e defectos que afectan á fachada. Segundo expuxo: a) O proxecto básico e de execución, realizado polo apelante, determina o sistema de fachada a executar acollendo un sistema de fachada trasventilada de aluminio, respondendo a dita configuración o sistema executado Anolac 326 que non representa ningún tipo de modificación da solución acollida no proxecto; b) a causa dos desprendementos sucedidos derivan da instalación.

3º.- Infracción do art. 1591 do CC e da doutrina xurisprudencial que o desenvolve. Na tese do apelante a Resolución recorrida acolle unha incorrecta delimitación do concepto de ruína o integrar dentro do mesmo incumprimentos nímio de parámetros normativos que non afectan ás condicións de uso e seguridade do inmoble. Consecuentemente, non pode reputarse vicio accionable ao abeiro do citado precepto:

1.- O feito de que o recorrido de evacuación dende o portal núm. NUM003 ata o portalón do garaxe exceda en 1,80 metros os 50 metros esixidos normativamente, segundo a medición do Don. Justo da que discreparon os peritos Jose Francisco e Candida .

2.- A falta de compartimentación en bolsas dos trasteiros do portal 3 por unha diferenza igualmente irrelevante de 2 metros.

3.- A falta de sinalización de emerxencia e extintores cando pola configuración do garaxe quedan a vista de calquera usuario, desde calquera punto do mesmo.

A Resolución de instancia foi tamén apelada pola representación de don Jose Manuel aducindo:

1º.- Infracción do art. 218 da Lei de Axuizamento civil (LAC). Segundo argumentou na medida en que a resolución de instancia condenou ao recorrente a sufragar o custe dun estudo sobre as causas determinantes do estado da fachada, sen que este fose solicitado na súplica da demanda, debe concluírse que dita resolución incorre en incongruencia extrapetita.

2º.- Falta de acordo da Comunidade de propietarios para demandar ao Sr. Jose Manuel , omisión que debe provocar a desestimación da demanda fronte a este. Este defecto procesual, invocado polo recorrente en conclusións, na medida en que constitúe unha cuestión de orde público, pode ser evidenciado en calquera momento das actuacións.

3º.- Erro na valoración da proba, infracción da doutrina xurisprudencial sobre a responsabilidade solidaria e infracción dos arts. 217 e 218 da LAC.

Na tese do apelante non se pode soster a responsabilidade do Sr. Jose Manuel por canto os vicios que presenta a fachada son vicios de proxecto e de dirección facultativa da obra dos que debe responder, no seu caso, o proxectista e o promotor, pero non o recorrente, quen tan so asumiu a dirección material da obra. Non obstante o anterior, no suposto de que se puidesen apreciar vicios de dirección material na execución da fachada non podería imputárselle ao sr. Jose Manuel ningún tipo de responsabilidade por canto este non desempeñou funcións de dirección material en relación coa mesma. Subsidiariamente, non pode afirmarse unha responsabilidade solidaria dos distintos axentes que interviñeron no proceso construtivo por canto tanto o art. 17 da LOE como o art. 1591 do Cc esixen individualizar a responsabilidade analizando as condutas concorrentes, extremo que non se levou a cabo neste caso.

Finalmente, deduciu recurso de apelación a entidade promotora quen impugnou o primeiro pronunciamento de condena contido na Sentenza de instancia, aducindo infracción dos principios de xustiza rogada e incongruencia, recoñecidos nos arts. 216 e 218 da LAC. A Sentenza de instancia non ten por probados os vicios ou defectos que segundo a demandante afectarían á fachada. Tampouco contén ningún tipo de valoración sobre se o sistema integral de fachada é axeitado ou presenta vicios que permitan a súa cualificación como ruinóxena. Así mesmo invocou erro na valoración da proba:

a)En relación cos vicios ou defectos que segundo a demandante afectan á fachada aducindo a falta de responsabilidade contractual da promotora nos mesmos por canto o sistema instalado correspóndese co proxectado.

b)Respecto das humidades en garaxes e andares superiores non debe responder o promotor por canto os catro peritos están de acordo en que a causa non é un deficiente funcionamento da fachada trasventilada senón defectos de selado da carpintería. Ademais JARAMI SL sumiu a súa responsabilidade no acto do xuízo polo que debe ser esta quen responda por ditas deficiencias e, no seu caso, o director material de obra.

Finalmente, alegou infracción do art. 1591 do CC argumentando que o incumprimento da normativa en materia de incendios non se pode reputar vicio ruinóxeno ao amparo do citado precepto.

Tendo en conta os termos nos que se somete a debate a controversia nesta alzada e conxugando a análise dos distintos motivos de apelación na medida en que suscitan, dende distintas perspectivas, cuestións coincidentes, compre analizar por este orde as responsabilidades en relación coas deficiencias que afectan á fachada e a súa delimitación, as responsabilidades na causación das humidades que afectan os portais, coa excepción do portal NUM000 , e escaleiras, a solución construtiva acollida en instancia en relación coas humidades que afectan ao garaxe, a cualificación como vicio ruinóxeno das deficiencias derivadas da infracción da NBE-CPI-96 e, en último extremo, a infracción dos principios de xustiza rogada e congruencia previstos nos arts. 216 e 218 da LAC.

SEGUNDO.-Responsabilidade na causación das deficiencias que afectan á fachada. Delimitación de responsabilidades.

Tendo en conta as posicións asumidas polos recorrentes debemos partir, en tanto que feito non discutido en alzada, da circunstancia de que a fachada presenta as deficiencias de alcance ruinóxeno que se describen na Sentenza de instancia, centrándose a controversia na imputación de responsabilidades.

Aos efectos de resolver sobre a citada cuestión litixiosa resultan probas fundamentais os distintos ditames periciais emitidos que, conforme ao disposto no art. 348 da LAC, deberán ser valorados segundo as regras da sa crítica; previsión que nos sitúa ante un elemento de proba de libre valoración, no sentido de que o Xulgador non ten o deber de aceptar sen máis a opinión do perito en todos os seus extremos, nin ten a facultade de desbotar sen máis un ditame ben fundado ( STS de 16 de setembro de 2010 ). Recoñecer maior valor probatorio a un informe pericial fronte a outros constitúe unha manifestación máis do exercicio da potestade xurisdicional, pois fronte á disparidade de criterios periciais é precisamente o xulgador quen, apoiándose nas regras da sa crítica, está chamado a decidir cal deles merece unha maior credibilidade (STS de 1 de xuño de 2011). Así pois se, como acontece no suposto que nos ocupa, son varias as periciais practicadas, pode o tribunal en uso da referida prerrogativa atribuír maior valor a unhas sobre outras en orde a procurar a convicción sobre os feitos aos que se refiran ( STS de 14 de outubro de 2010 ).

O xulgador de instancia respectou escrupulosamente as regras da sa crítica na valoración das catro periciais achegadas a estas actuacións, realizando unha análise comparativa dos razoamentos contidos nas mesmas e dos vertidos polos peritos no acto do xuízo para concluír dotando dunha maior verosimilitude obxectiva e, polo tanto, dunha maior credibilidade ao informe subscrito polo perito sr. Justo . Todo elo ponderando extremos tales como que: a) o Don. Justo foi o único perito que emitiu informes de maneira sucesiva entre 2008 e 2012, realizando a tal fin diversas inspeccións técnicas; b) os devanditos informes analizan con exhaustividade as deficiencias advertidas; c) foi quen de modular e matizar as súas consideracións técnicas de maneira non contraditoria en función dos elementos de xuízo que se foron achegando ás actuacións e d) as consideracións técnicas do perito foron substancialmente corroboradas polo resultado doutras probas practicadas no proceso.

Esta Sala comparte no esencial a valoración da proba pericial efectuada polo Xulgador de instancia, e consecuentemente, referenda os pronunciamentos polos se declarou a responsabilidade solidaria dos demandados respecto das deficiencias detectadas na fachada.

A imputación das devanditas deficiencias ao sr. Sergio , na súa dobre condición de arquitecto proxectista e arquitecto director de obra, atopa fundamento, como se subliña na Resolución apelada, nas seguintes circunstancias de feito:

1)A falta de prescrición previa suficientemente detallada do sistema a empregar na fachada no proxecto de execución e as contradicións que neste punto se aprecian nos 4 documentos do proxecto, que afirma o perito da demandante pero tamén recoñece a perito dona Candida e o Don. Jose Francisco .

2)O cambio do sistema LUXALON 400 ao sistema A NO LAC 326 sen xustificación técnica e sen reflexo documental no Proxecto ou nalgún dos seus modificados, representou -segundo manifestou o perito Don. Justo sen que os seus argumentos fosen rebatidos coherentemente polos peritos das demandadas-, a instalación dun sistema cuxas lamas nun cumprían coa especificación 'tipo paneles de sistema luxalon 400' prevista no proxecto, propiciando a instalación dun sistema distinto ao proxectado.

Os referidos feitos están directamente vinculados coas funcións propias do arquitecto proxectista director de obra, tal e como estas se veñen delimitando lexislativa e xurisprudencialmente, o que necesariamente debe conducir a afirmar a súa responsabilidade. Así a Sentenza do Tribunal Supremo de 26 de xuño de 2008 indicou que o arquitecto é o '... responsable de la coordinación del equipo técnico facultativo de la obra, de la interpretación técnica, económica y estética del proyecto de ejecución, así como la adopción de medidas necesarias para llevar a término el proyecto de ejecución, estableciendo las adaptaciones, detalles complementarios y modificaciones que puedan requerirse con el fin de alcanzar la realización total de la obra '. Engadindo a Sentenza de 14 de febreiro de 2011 , resumindo a doutrina do Alto Tribunal sobre a responsabilidade deste profesionais, que: 'La STS de 4 de diciembre de 2007 , con cita de la de 3 de abril de 2000 , declara lo siguiente: 'la responsabilidad de los arquitectos se centra en la especialidad de sus conocimientos y la garantía técnica y profesional que implica su intervención en la obra' ( STS de 27 de junio de 1994 )'; 'en la fase de la ejecución de la obra le corresponde la dirección de las operaciones y trabajos, garantizando la realización ajustada al proyecto según la lex artis ( STS de 28 de enero de 1994 )'; 'al no tratarse de simples imperfecciones, sino de vicios que afectan a los elementos esenciales de la construcción, de los mismos no se puede exonerar al arquitecto en su condición de responsable creador del edificio' ( STS de 13 de octubre de 1994 ); 'al arquitecto le afecta responsabilidad en cuanto le corresponde la ideación de la obra, su planificación y superior inspección, que hace exigente una diligencia desplegada con todo el rigor técnico, por la especialidad de sus conocimientos' ( STS de 15 de mayo de 1995 , con cita de otras); 'corresponde al arquitecto , encargado de la obra por imperativo legal, la superior dirección de la misma y el deber de vigilar su ejecución de acuerdo con lo proyectado (...), no bastando con hacer constar las irregularidades que aprecie, sino que debe comprobar su rectificación o subsanación antes de emitir la certificación final aprobatoria' ( STS de 19 de noviembre de 1996 y amplia cita); 'responde de los vicios de dirección, es decir, cuando no se vigila que lo construido sea traducción fáctica de lo proyectado (...), y los defectos del caso son objetivos, obedecen a una falta de control sobre la obra y su origen se debe a una negligencia en la labor profesional' ( STS de 18 de octubre de 1996 ); 'en su función de director de la obra le incumbe inspeccionar y controlar si la ejecución de la misma se ajusta o no al proyecto por él confeccionado y, caso contrario, dar las órdenes correctoras de la labor constructiva' ( STS de 24 de febrero de 1997 )'.

Así mesmo esta Sala comparte as consideracións que levaron ao Xulgador de instancia a facer partícipe de dita responsabilidade ao arquitecto técnico director de execución. A STS de 20 de decembro de 2004 veu a sinalar en relación coas funcións propias deste técnico 'aun cuando es cierto que dichos profesionales de la construcción no tienen facultades en orden a la realización del proyecto de obra o su modificación, sin embargo, como técnico que conoce las normas tecnológicas de la edificación, debe advertir al arquitecto de su incumplimiento y vigilar que la realidad constructiva se ajuste a la lex artis , que en modo alguno le es ajena, como viene reiterando la doctrina de esta Sala (SS, entre otras, de 5 de octubre de 1990 , 27 de junio de 2002 , 20 de octubre de 2003 , 26 de febrero y 6 de mayo de 2004 ).'

Por conseguinte, do abandono de facto das funcións de inspección da obra, especialmente na fase de instalación inicial, que invocou o apelante, na medida en que supón un incumprimento das obrigacións propias dos directores de execución, non cabe derivar a súa exoneración de responsabilidade, máxime cando existindo canles para deixar constancia de extremos tales como a falta de especificacións técnicas do proxecto, a disconformidade con que este fixera uso delas, nin sequera que deixara de subscribir o certificado final de obra, coas responsabilidades que desta circunstancia hai que derivar.

En absoluto cuestiona o exposto a ausencia de acordo da Comunidade de propietarios para dirixir a demanda fronte ao sr. Jose Manuel . Sobre esta circunstancia, esgrimida extemporaneamente polo recorrente en primeira instancia en fase de conclusións e reproducida en apelación, cabe, no entendemento de que incide no eido da lexitimación, entrar de oficio se ben para desbotar o argumento do recorrente. A doutrina xurisprudencial que, determinando o alcance das previsións contidas no art. 13.3 da Lei de propiedade horizontal , ven requirindo a necesidade dun acordo da Xunta de propietarios que autorice expresamente ao Presidente da Comunidade para o exercicio de accións xudiciais en representación da Comunidade non considera necesario que dito acordo entre a delimitar as persoas fronte ás que se van a dirixir.

En último extremo, debe afirmarse a responsabilidade da promotora codemandada quen pretendeu nesta alzada substituír a valoración do Xulgador de instancia, terceiro imparcial, pola súa propia, sen evidenciar elementos que cuestionen a razonabilidade ou evidencien a arbitrariedade das argumentacións recollidas na Sentenza de instancia. A disconformidade entre o sistema proxectado e o sistema efectivamente instalado, evidenciada polo perito Don. Justo , así como a participación da promotora nas decisións tomadas en relación coa fachada, tanto na fase de instalación inicial como nas actuacións de reparación executadas a partir de 2012, que se puxo de manifesto coas declaracións dos representantes legais das empresas que participaron en ditas actividades, e a doutrina xurisprudencial que desenvolve o alcance da responsabilidade deste axente da construción impoñen a conclusión anteriormente exposta. Non cabe obviar que constitúe criterio xurisprudencial consolidado a imputación xenérica de responsabilidade decenal á figura do promotor da obra, pola súa decisiva intervención no proceso de construción, que se traduce na transmisión dos inmobles edificados e, polo tanto, nas obrigacións de garantía que contrae fronte aos adquirentes, así como na elección da entidade construtora e dos técnicos intervintes no proceso construtivo ( STS Sala 1ª 3-7-1999 ).

En nada cuestionan o exposto as deficiencias na limpeza e a falta de mantemento da fachada reiteradas pola representación procesual da promotora, no seu escrito de apelación, reproducindo os argumentos esgrimidos en primeira instancia. Os referidos extremos resultan incuestionables, sen embargo, non se pode ter por acreditada a incidencia que estes puideran ter no estado de ruína funcional que afecta a fachada tal e como recoñeceron os peritos Don. Justo e Don. Jose Francisco , sobre todo, se se ten en conta que o deficitario comportamento da fachada se manifestou antes do remate da conclusión da execución da obra.

Polo tanto, correspondendo a carga de acreditar dito extremo á promotora, quen o invoca como circunstancia atenuante ou exoneradora da súa responsabilidade, a falta de proba tan so pode prexudicar a esta.

Finalmente, os apelantes cuestionaron a atribución dunha responsabilidade solidaria a todos os demandados. Como é coñecido, por ser doutrina reiterada dos Tribunais, a responsabilidade dos partícipes no feito construtivo por causa dos vicios ruinóxenos de que adoeza a obra edificada é, en principio e como regra xeral, individualizada, persoal e privativa, en harmonía coa culpa propia de cada un deles no cumprimento da respectiva función específica que desempeñan na edificación, pois o art. 1591 do CC acorde coa diferenciación de tarefas profesionais, distingue a dobre hipótese de ruína por vicio da construción e ruína por vicio do solo ou da dirección, atribuíndo no primeiro suposto a responsabilidade dos danos e perdas ao construtor e no segundo ao arquitecto, e so cando o suceso danoso fora provocado por unha acción plural, sen que poida apreciarse a proporción en que cada un dos factores influíu na ruína ocasionada pola conxunción da causas, de xeito que resulte imposible discernir as específicas responsabilidades de técnico e contratista no resultado e consecuencias da obra defectuosa, haberá lugar a condena solidaria dos intervintes na edificación. O Código civil so regulou a figura do construtor e do arquitecto dentro do proceso construtivo, xurdindo con posterioridade a intervención doutros técnicos na execución da obra, como o aparellador ou arquitecto técnico, cuxas funcións foron reguladas inicialmente por normas administrativas (art. 2 do Decreto de 16 de xullo de 1935 e art. 1 do Decreto de 19 de febreiro de 1971 establecían que lle corresponde 'inspeccionar coa debida asiduidade os materiais, proporcións e misturas, ordenar a execución material da obra; sendo responsable de que esta se efectúe con suxeición ao proxecto, ás boas prácticas da construción e con exacta observancia das orden e instrucións do arquitecto director.) Posteriormente, a Lei de ordenación da edificación, que aínda que non é de aplicación ao caso que nos ocupa debe servir de referencia, veu a regular con maior claridade as funcións de todos os intervintes no proceso de edificación, de acordo co que viña acontecendo na realidade social. Así poderemos dicir que o proxectista é o axente que, por encargo do promotor e con suxeición á normativa técnica e urbanística correspondente, redacta o proxecto e este é o conxunto de documentos mediante os cales se definen e determinan as esixencias técnicas das obras contempladas no art. 2 da LOE . O proxecto deberá xustificar especificar tecnicamente as solucións propostas de acordo coas especificacións requiridas pola normativa técnica aplicable. O director de obra é o axente que, formando parte da dirección facultativa, dirixe o desenvolvemento da obra nos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e medioambientais, de conformidade co proxecto que a define. O director de execución da obra é o axente que, formando parte da dirección facultativa, asume a función técnica de dirixir a execución material da obra e de controlar cualitativa e cuantitativamente a construción e a calidade do edificado. Tales delimitacións despréndense claramente das previsións contidas nos arts. 12.3.c e 13.2 c, así como do art. 17.1 da LOE .

Se partimos do exposto no suposto que nos ocupa debemos referendar o pronunciamento polo que se afirma a responsabilidade solidaria dos demandados. Conforme ao recollido nos parágrafos precedentes debemos ter por acreditada a responsabilidade de todos os demandados, no exercicio das funcións que lles eran propias, na produción das deficiencias que afectan á fachada sen que concorran elementos que permitan determinar en que medida ou grao contribuíu cada un deles a causación das mesmas. Polo tanto, non cabe senón afirmar a responsabilidade solidaria dos codemandados.

TERCEIRO.- Responsabilidade na causación das humidades que afectan os portais, coa excepción do portal 1, e escaleiras.

A Sentenza de instancia, apoiándose no criterio acollido nas catro periciais achegadas a estas actuacións, concluíu que as deficiencias que afectan aos portais, coa excepción do portal NUM000 , e ás escaleiras - cuxa realidade non se cuestionou en alzada- traen causa dunha deficiente execución material da que debe responder exclusivamente a promotora ao non tratarse de deficiencias groseiras susceptibles de ser imputables a actuación do director de execución material da obra.

Cuestionada a referida atribución de responsabilidade á promotora esta Sala non pode senón confirmar o criterio sentado polo Xulgador a quo.

A obrigación de reparar as deficiencias que afectan a portais e escaleiras que recae sobre a entidade promotora encontra xustificación nun dobre criterio de imputación. O primeiro alude a súa actividade como promotora: o TS ven imputando responsabilidade civil ás entidades promotoras da construción dos defectos construtivos por feito alleo ( art. 1903 do CC ), en especial por culpa in eligendo ou falta da dilixencia esixible na elección da construtora, do técnico proxectista e director da obra e do director de execución. O segundo criterio alude á responsabilidade contractual que asumen as entidades promotoras como consecuencia da transmisión dos inmobles edificados. As humidades que afectan a portais e escaleiras da edificación representan un incumprimento contractual imputable á promotora vendedora, polo que esta debe ser condenada en aplicación do establecido nos arts. 1.101 e 1.124 do CC , en relación coa obrigación de entregar a cousa vendida regulada nos arts. 1.445 , 1461 , 1462 e ss do CC .

CUARTO.- Solución construtiva acollida en instancia en relación coas humidades que afectan ao garaxe.

A promotora no seu escrito de apelación cuestionou a solución acollida na Sentenza de instancia para superar as deficiencias que afectan o garaxe argumentando que a mesma supón unha nova execución do illamento, o que resulta innecesario e multiplica o presuposto, sobre todo cando os demais peritos manifestaron que so sería necesaria unha intervención puntual nas zonas afectadas que están perfectamente localizadas.

A tese da recorrente non pode ser acollida por canto:

1º.- Parte dunha premisa errónea cal é afirmar que a solución construtiva acollida polo Xulgador a quo -a proposta polo perito Don. Justo - implica unha nova execución do illamento da totalidade da cuberta plana. O mencionado perito prescribe expresamente no seu informe como solución máis viable a '...reimpermeabilización de las áreas defectuosamente ejecutadas...'.

2º.- Esta Sala comparte as consideracións que levaron ao Xulgador de instancia a recoñecer unha maior fiabilidade técnica as conclusións do Don. Justo . Non cabe obviar que: a) foi este o único dos peritos que fixo un seguimento técnico periódico, entre 2008 e 2012, da evolución da edificación coa emisión dos distintos informes que constan nas actuacións o que lle presupón un coñecemento cualificado en torno a realidade do inmoble; e b) as deficiencias detectadas e as consideracións técnicas en relación coas mesmas recollidas en ditos informes gozan de exhaustividade e coherencia.

3º.- A solución proposta polo Don. Justo non difire substancialmente da formulada pola perito dona Candida quen indicou no seu informe que a solución '... pasa por el levantado de la terraza en los encuentros que son defectuosos...'.

QUINTO.- Cualificación como vicio ruinóxeno das deficiencias derivadas da infracción da NBE-CPI-96.

As representacións procesuais do sr. Sergio e da promotora demandada cuestionaron a cualificación das deficiencias derivadas da infracción da NBE- CPI- 96 como vicios ruinóxenos ao considerar que os vicios denunciados non teñen entidade suficiente para merecer dita cualificación.

A STS de 27 de maio de 2011 en relación co concepto discutido veu a indicar: 'La existencia de ruina (concepto desaparecido de la LOE), a los efectos del artículo 1591 del Código Civil , precisa una doble apreciación: una, de índole fáctica, que consiste en la fijación de los hechos y circunstancias que integran el defecto constructivo, incluida la entidad o gravedad del mismo, y otra, de índole jurídica, que consiste en la calificación de aquella base fáctica como constitutiva de ruina, en alguna de las modalidades que la jurisprudencia admite como tal: física, potencial o funcional. Para la primera apreciación es preciso tener en cuenta las alegaciones de las partes y los medios de prueba, pues se trata de una cuestión de hecho, cuya fijación corresponde al Tribunal de instancia, y que, por consiguiente, no puede ser sometida a la revisión casacional, sino a través del recurso extraordinario por infracción procesal, a partir de una valoración absurda, irracional o ilógica de la prueba. La segunda, en cambio, es una cuestión jurídica, que incumbe exclusivamente a los órganos jurisdiccionales en consideración a los defectos acreditados por las pruebas practicadas, y puede impugnarse por vulneración del reiterado artículo 1591 del Código Civil y de la jurisprudencia que lo interpreta ( SSTS 22 de junio de 2006 ; 26 de marzoy10 de septiembre de 2007 ; 13 de marzo 2008 ; 7 de junio 2010 )...

Es reiterada la jurisprudencia al precisar que el concepto de ruina funcional gravita en torno a la idoneidad de la cosa para su normal destino y al valor práctico de la utilidad y seguridad de una adecuada construcción. Los desperfectos y deficiencias existentes trascienden de meras imperfecciones corrientes, y hacen difícil o penosa la normal utilización y habitabilidad del inmueble, convirtiendo su uso en irritante o molesto, y en tal sentido han de ser reputadas deficiencias graves, constitutivas de vicios ruinógenos a los efectos de la responsabilidad decenal el artículo 1591 del Código Civil , en línea con el criterio o regla de juicio que cabe deducir de las sentencias de esta Sala (SSTS de 21 de marzo de 2002 ; 13 de febrero de 2007 ; 5 de junio 2008 ; 19 de julio 2010 ), en los que cabe apreciar un grado de afectación al normal uso y habitabilidad del edificio y un grado de incomodidad y molestias en su utilización similar al que naturalmente se deriva de las deficiencias de que adolece el inmueble en el caso aquí contemplado, tanto en sus elementos comunes como en los privativos .'

Polo tanto, para a consideración de ruína funcional, pois non estamos en modo algún ante un suposto de ruína real ou potencial, esíxese non so a existencia de defectos que transcendan das meras imperfeccións senón que ademais requírese que reúnan un plus de gravidade de forma que fagan difícil ou penosa a normal utilidade ou habitabilidade de inmoble ou que comprometan a súa seguridade. No caso que nos ocupa, as deficiencias detectadas e non cuestionadas en alzada, consideradas no seu conxunto, teñen entidade suficiente para consideralas integradas no concepto amplo de ruína funcional elaborado pola xurisprudencia por canto comprometen abertamente a seguridade do soto e impoñen, co fin de superalas, actuacións tales como a articulación no soto dunha nova saída ou instalar portas RF-60 en cada acceso de andar de escaleiras.

SEXTO.- Infracción dos principios de xustiza rogada e congruencia previstos nos arts. 216 e 218 da LAC.

Sobre o deber de congruencia a reiterada doutrina xurisprudencial ven sinalando ( SSTS de 27 de setembro de 2009 , 21 de xaneiro , 11 de febreiro de 2010 , entre outras,...) que '...el deber de congruencia, consistente en la exigencia derivada de la necesaria conformidad que ha de existir entre la sentencia y las pretensiones que constituyen el objeto del proceso, existe allí donde la relación entre estos dos términos, fallo y pretensiones procesales, no está sustancialmente alterada, entendiéndose por pretensiones procesales las deducidas en los suplicos de los escritos fundamentales rectores del proceso, y no en los razonamientos o argumentaciones que se hagan en los mismos; no exigiéndose tampoco, desde otro punto de vista, que la mencionada relación responda a una conformidad literal y rígida, sino más bien racional y flexible, por ser finalidad, antes del artículo 359 de la Ley de Enjuiciamiento Civil , y hoy del artículo 218 de la Ley de Enjuiciamiento Civil 2000 , la de asegurar que todos los asuntos sometidos a la decisión judicial alcancen adecuada solución, poniéndose así fin al litigio y evitando que queden sin resolver cuestiones que pudieran ser objeto de una nueva pretensión.

De lo expuesto se deduce que para determinar la incongruencia se ha de acudir necesariamente al examen comparativo de lo postulado en el suplico de la demanda y los términos en que se expresa el fallo combatido, estando autorizado el órgano jurisdiccional para hacer el referido ajuste razonable y sustancial con los pedimentos de los que litigan, con el límite del respeto a la causa petendi (causa de pedir), que no puede alterarse, ni cabe la sustitución de unas cuestiones por otras. En consecuencia, la incongruencia, en la modalidad extra petita (fuera de lo pedido), solo se produce cuando la sentencia resuelve sobre pretensiones o excepciones no formuladas por las partes alterando con ello la causa de pedir (entendida como conjunto de hechos decisivos y correctos, en suma, relevantes, que fundamenta la pretensión y es susceptible, por tanto, de recibir por parte del órgano jurisdiccional competente la tutela jurídica solicitada - sentencias del Tribunal Supremo 5 de octubre y 7 de noviembre de 2007 , entre muchas más-), fuera de lo que permite el principio iura novit curia (el tribunal conoce el Derecho), el cual autoriza al tribunal para encontrar el Derecho aplicable a la solución del caso aunque la parte no lo haya alegado, pero no para alterar los hechos fundamentales en que las partes basan sus pretensiones'.

Na mesma liña pronúnciase a Sentenza do Tribunal Supremo de 17 de novembro de 2006 o indicar: 'La congruencia es una cualidad ínsita en la sentencia, no solo exigida por la Ley procesal, sino también es exigencia constitucional, como han expresado, entre otras anteriores, las sentencias del Tribunal Constitucional 95/2005, de 19 de abril y 194/2005, de 18 de julio . Esta última, tras referirse a los tipos de la incongruencia, se centra en la extra petitum y dice, literalmente, que 'constituye siempre una infracción del principio dispositivo y de aportación de las partes que impide al órgano judicial, en el proceso civil, donde ahora nos movemos, pronunciarse sobre aquellas pretensiones que no fueron ejercitadas por las partes, al ser éstas las que, en su calidad de verdaderos domini litis, conforman el objeto del debate o thema decidendi y el alcance del pronunciamiento judicial, por lo que éste deberá adecuarse a lo que fue objeto del proceso, delimitado, a tales efectos, por los sujetos del mismo (partes), por lo pedido (petitum) y por los hechos o realidad histórica que les sirve como razón o causa de pedir (causa petendi)'.

Así pois os principios de rogación e contradicción esixen que a parte dispositiva da resolución xudicial se adecúe ás pretensións e posicionamentos asumidos polas partes, de conformidade coa regra 'iudex iudicare debet secundum allegata et probata partium', sen que sexa posible modificar os termos da demanda (prohibición de 'mutatio libelli'), nin cambiar o obxecto do preito.

Acollendo a referida doutrina, no suposto que nos ocupa, o exame comparativo do postulado no suplico da demanda e os termos en que se expresa o pronunciamento primeiro da parte dispositiva da Sentenza de instancia debe levarnos a descartar a infracción do principio de congruencia invocada polas partes. O pronunciamento efectuado polo Xulgador a quo se ben podería entenderse que se aparta da literalidade ríxida dos pedimentos recollidos no suplico da demanda garda unha correlación razoable e substancial con estes últimos, sen sobrepasar o límite que representa o preceptivo respecto á causa petendi por canto o Xulgador de instancia delimita o alcance das actuacións que corresponde realizar a luz da referida análise nas previsións contidas no informe do Don. Justo . Así pois, non cabe afirmar nin que a mencionada disposición nos coloque ante un suposto de incongruencia extra petitum nin que a Sentenza de instancia adoeza dun defecto de incongruencia interna. Lonxe do aducido polos recorrentes a análise a cuxa realización condena a Sentenza non implica ausencia de acreditación ou determinación das deficiencias que afectan á fachada por canto estas atópanse exhaustivamente detalladas no fundamento xurídico sétimo da Sentenza de instancia, respondendo dita prescrición á pretensión de garantir a realización dunha reparación o máis axustada posible á realidade actual da fachada do inmoble, evitando tanto actuacións que non permitan aprehender a referida realidade como aquelas outras que poidan implicar unha actuación excesivamente ampla. Finalmente, compre indicar que esta Sala entende que a alternativa a previsións establecida polo Xulgador de instancia, tendo en conta a valoración da proba recollida na Sentenza de instancia, valoración que esta Sala comparte, suporía acoller a solución construtiva proposta polo perito Don. Justo ; solución que a priori ten un maior alcance por canto asume a substitución do sistema de fachada, sen subordinación a ningún tipo de análise previo que permita acoller solucións cunha menor proxección.

En síntese entende esta Sala que o pronunciamento combatido, dende o respecto ao principio de congruencia, condenando a análise da instalación executada pretende achegar os coñecementos necesarios para realizar as actuacións precisas que garantan un sistema integral de fachada de características análogas ao proxectado co límite na solución construtiva prevista no informe pericial da demandante. Polo tanto, sen deixar de recoñecer as dificultades que presenta a execución de dito pronunciamento, entende esta Sala que procede a súa confirmación.

SÉTIMO.-En canto ás custas procesuais xeradas nesta alzada, desestimados os recurso de apelación, conforme ao disposto nos artigos 398.1 e 394, ambos da LAC, procede a súa imposición as partes recorrentes.

Por todo o exposto, vistos os preceptos legais citados, os seus concordantes e demais de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

desestimar os recursos de apelación interpostos pola representación procesual de don Sergio , don Jose Manuel , e DIRECCION000 comunidad de bienes e, en consecuencia confirma a Sentenza de 19 de abril de 2013 ditada polo Xulgado de primeira instancia núm. 6 de Santiago de Compostela procedemento ordinario núm. 1289/2010.

Todo elo con imposición das custas procesuais xeradas nesta alzada a parte recorrente.

Notifíquese esta resolución, en legal forma, ás partes e fágaselles saber que, conforme preceptúa o artigo 248-4º da Lei Orgánica do Poder Xudicial , contra ela cabe recurso de casación por interese casacional que deberá ser interposto ante esta Sección, no prazo de 20 días a contar dende o seguinte a notificación da mesma.

Dentro do prazo legal, devólvanse as actuacións orixinais con testemuño desta resolución ao Xulgado de procedencia, para a súa execución e cumprimento.

Así por esta resolución da que se porá certificación literal no Rolo de Sala da súa razón, incluíndose o orixinal no Libro correspondente, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACIÓN.- Dada, lida e publicada foi a anterior Sentenza pola Xuíz relator que a ditou, estando celebrando audiencia pública no mesmo día da súa data, do que eu, o Secretario Xudicial, dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.