Sentencia CIVIL Nº 384/20...re de 2020

Última revisión
17/09/2017

Sentencia CIVIL Nº 384/2020, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 271/2020 de 18 de Septiembre de 2020

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 10 min

Orden: Civil

Fecha: 18 de Septiembre de 2020

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 384/2020

Núm. Cendoj: 36057370062020100384

Núm. Ecli: ES:APPO:2020:1665

Núm. Roj: SAP PO 1665:2020

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

SENTENCIA: 00384/2020

Modelo: N10250

C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO

Teléfono:986817388-986817389 Fax:986817387

Correo electrónico:seccion6.ap.pontevedra@xustiza.gal

Equipo/usuario: BN

N.I.G.36045 41 1 2018 0000519

ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000271 /2020

Juzgado de procedencia:XDO.1A.INST.E INSTRUCIÓN N.2 de REDONDELA

Procedimiento de origen:ORD PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000247 /2018

Recurrente: ITAIPU TRADE S.L.

Procurador: ERMINIA ALONSO SOLIÑO

Abogado: CARLOS ABAL LOURIDO

Recurrido: ASEFA SEGUROS

Procurador: JUAN PEDRO PERREAU DE PINNINCK Y ZALBA

Abogado: DOMINGO CIVES BEIRO

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JAIME CARRERA IBARZÁBAL, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JOSÉ FERRER GONZÁLEZ,pronunciou

NO NOME DO REI

a seguinte

S E N T E N Z A Nº 384/20

Vigo, dezaoito de setembro de dous mil vinte.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 247/18 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 2 de Redondela ós que correspondeu o rolo 271/20, nos que aparece como parte apelante e demandante ITAIPU TRADE S.L., representada polo/a procurador/a D./D.ª ERMINIA ALONSO SOLIÑO e asistida do/da letrado/a D./D.ª CARLOS ABAL LOURIDO,e como parte contra da que se apela e demandante ASEFA SEGUROS, representada polo/a procurador/a D./D.ª JUAN P. PERREAU DE PINNINCK Y ZALBA e asistida do/da letrado/a D./D.ª DOMINGO CIVES BEIRO.

É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 2 de Redondela, con data do 22 de outubro de 2019, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:

'DESESTIMAR la demanda interpuesta por la procuradora Sra. Alonso Soliño, en nombre y representación de ITAIPU TRADE S.A., contra SEFA S.A. SEGUROS Y REASEGUROS

CONDENAR a ITAIPU-TRADE, S.L. al pago de las costas causadas en esta instancia'

Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª ERMINIA ALONSO SOLIÑO, en representación de ITAIPU-TRADE, S.L, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 17 de setembro de 2020.


Fundamentos

Primeiro:Comezamos, por razóns sistemáticas (pois de darse unha resposta negativa á cuestión sería innecesario entrar nos outros temas igualmente suscitados, entre eles o da contía dos danos) co exame de se a póliza de seguro de responsabilidade civil -de explotación- cubría ou non o sinistro litixioso, que consistíu nos danos padecidos nun vehículo por mor da caída ou derrubamento de parte da parede dun edificio, propiedade do tomador do seguro e asegurado, hoxe demandante, construcción onde estábanse facer labores de mantemento e limpeza do tellado e canalóns por parte da empresa, Xingú-Binacional S. L., dona do vehículo siniestrado.

Segundo: Das distintas previsións do contrato de seguro o sinistro tan só podería ter cabida, e nisto coinciden agora e definitivamente os litigantes, na letra b) da cláusula 7.1.11, a cuxo teor atópanse garantizados 'os danos imputables ao asegurado e sufridos polo persoal doutras empresas ocupados (realmente debería utilizar o adxectivo ocupado, se estase referir ao persoal, ou ocupadas, se alúdese ás empresas) en traballos de reparación de máquinas ou instalacións que sirvan para a actividade do Asegurado e tamén de inmobles sempre que os traballos de reparación teñan a consideración de obras menores segundo a licenza municipal regulamentaria. Así como os danos producidos a terceiros a causa dos traballos efectuados polo citado persoal. Neste suposto estará garantizada exclusivamente a responsabilidade do Asegurado como promotor, debendo o constructor, contratista, subcontratista e técnicos que interveñan soportar as súas propias responsabilidades alleas a esta póliza'.

Terceiro: Compartimos a interpretación que o xulgador a quo fai desta cláusula, en canto que contempla dous supostos.

O primeiro deles é o dos danos persoais, ou o que é o mesmo, dos danos achacables ao asegurado e padecidos polo persoal das empresas que estean levar a cabo os traballos de reparación de máquinas, instalacións ou inmobles que o asegurado empregue para a súa actividade. Pois ben, resulta palmario que neste apartado non ten acollimento o sinistro, pois o mesmo ocasionou, non danos ao persoal, senón soamente danos materiais -no vehículo estacionado ao carón da edificación-.

É o segundo dos supostos, dos danos causados a terceiros a causa dos traballos efectuados polo persoal daquelas empresas, o único que prantexa en realidade problemas interpretativos.

Cuarto: En primeiro termo, descartamos que para que neste último caso procedera a indemnización dos danos se requira que os traballos de reparación tiveran a consideración de obras menores segundo a licenza municipal regulamentaria, pois esta exixencia tan só reséñase no primeiro dos supostos, separado do segundo por un punto e seguido. Conseguintemente, a polémica sobre o significado e alcande da expresión obras menores carece de utilidade para resolver a lite. E a liña argumental, neste senso, tanto da parte demandada como da sentenza de instancia, para fundamentar a ausencia de cobertura, carecería de apoio contractual e de consistencia xurídica.

E, en segundo lugar, e ainda que o argumento non teña especial trascendencia -polo que logo reseñarase-, non está de máis facer unha segunda advertencia verbo da causa dos danos habidos no vehículo. A actora atribúe o sinistro ós labores de mantemento e limpeza da cuberta e canalóns da construcción do asegurado, realizados polo persoal de Xingú-Binacional, S. L.. Serían as vibracións derivadas das tarefas de limpeza as que provocaron a caída da parede. Pola contra, a demandada reside a orixe dos danos na antigüidade e mal estado de conservación da fachada, que non estaba correctamente ancorada en todo o seu perímetro.

Quinto: O dilema sobre a etioloxía do sinistro temos que resolvelo á luz das probas -escasas- que obran na lite, e máis concretamente, atendendo ao informe pericial rendido polos peritos, Sres. Luis Andrés e Luis Enrique.

Malia que semella inicialmente que os peritos atribúen exclusivamente o sinistro á antigüidade e mal estado de conservación da parede, deixan sen embargo entrever a concurrencia doutra causa. Neste senso se di ao final do informe que os danos foron producidos pola antigüidade da fachada da edificación 'fundamentalmente'. Por outra banda, atopámonos co dato temporal, de que a caída da parede ten lugar, precisamente, durante a realización dos labores de limpeza de cuberta e canalóns, estes inmediatamente lindeiros coas paredes. Finalmente, non resulta creible, dada a enorme extensión superficial da cuberta (ver as expresivas fotos), que a limpeza realizárase por outros instrumentos que non foran os consabidos aparatos hidrolimpiadores a presión, que de xeito más ou menos intenso ou agresivo inciden nos elementos da construcción a limpar e nas súas contornas. En conclusión, damos por probado que no sinistro concurriron as dúas causas, a antigüidade e mal estado de conservación da fachada nese treito, e as trepitacións derivadas do emprego das máquinas de limpeza a presión por auga. Dende este punto de vista habería unha causa imputable ao asegurado, o defecto de conservación, que faría entón entrar en xogo o contrato de seguro.

Sexto: Seguindo co noso discurso, e delimitados os dous feitos causantes do sinistro, resta agora por analizar se este está cuberto polo seguro.

Lembremos novamente a dicción da cláusula, conforme á cal o seguro garantiza os danos 'imputables ao asegurado', 'producidos a terceiros', 'a causa dos traballos efectuados polo citado persoal', ou sexa polos empregados 'doutras empresas ocupados nos traballos de reparación dos inmobles que sirvan para a actividade do asegurado'.

Pois ben, partindo dos feitos que declaramos probados, e ainda que damos por acreditada a concurrencia daquelas dúas causas, o seguro non cubre o sinistro, dado que, a pesar de que, primeiro, os danos serían imputables parcialmente ao asegurado polo deficiente estado de conservación do inmoble; e segundo, os danos se causaron, igualmente en parte, polo persoal contratado polo asegurado pola utilización das máquinas de hidrolavado a presión, para realizar os labores de limpeza e mantemento da cuberta e canalóns -labores que nun sentido amplo poderían englobarse dentro do concepto de reparacións-; faltaría, en cambio, o terceiro dos requisitos, que os danos se causaran a terceiros, condición da que non goza loxicamente a empresa, Xingú-Binacional, S. L., en canto que é a que realiza esas tarefas -os seus produtores-.

Dito doutra maneira, e xa para rematar, a previsión da cobertura comprende o caso de que estando a realizar esas tarefas de reparación unha empresa a través dos seus obreiros, se causan danos a terceiros alleos á mesma, pero non cando os danos os sufre esta última.

Xingú-Binacional, S. L. carecería de acción contra a compañía de seguros, ao igual que o asegurado, sen prexuizo de que aquela primeira poidera proceder contra este segundo, no seu caso, e de considerar que os danos son imputables por culpa a este último.

A sentenza debe confirmarse.

Sétimo: Non apreciamos -ni a demandante recurrente as invoca- que concurra alguna circunstancia de excepción para deixar de aplicar o criterio xeral do vencimento obxectivo, que para as custas procesuais desta alzada sanciona o artigo 398 da L. A. C..

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Que rexeitamos o recurso de apelación formulado por ITAIPU TRADE S.L. representada pola Procuradora Sra. Alonso Soliño contra a sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº 2 de Redondela o día 22 de outubro de 2019, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte apelante.

Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.

Notifíqueselles ás partes a presente resolución.

MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC. Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.

Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

NOTA INFORMATIVA:Conforme á D.A. Décimo quinta da L.O.P.J., para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANCO SANTANDER, sucursal r/ Coruña, na conta deste expediente 0915000012027120, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local e organismo autónomo dependente. Se o ingreso se efectúa a medio de transferencia o núm. de conta IBAN é o seguinte: ES55 3569 9200 0500 1274 facendo constar, no campo concepto e observacions no xustificante de ingreso e como concepto o número de conta expediente antes salientado


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.