Última revisión
17/09/2017
Sentencia CIVIL Nº 418/2019, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3/2019 de 31 de Julio de 2019
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 12 min
Orden: Civil
Fecha: 31 de Julio de 2019
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 418/2019
Núm. Cendoj: 36057370062019100406
Núm. Ecli: ES:APPO:2019:1865
Núm. Roj: SAP PO 1865:2019
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00418/2019
N10250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
BN
N.I.G.36057 42 1 2017 0005177
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000003 /2019
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 2 de VIGO
Procedimiento de origen:PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000379 /2017
Recurrente: Adolfina , Jorge
Procurador: MARTA ROBES CABALEIRO
Abogado: RICARDO MANUEL GOMEZ LOUREDA
Recurrido: BANCO POPULAR BANCA PRIVADA SA
Procurador: JOSE ANTONIO FANDIÑO CARNERO
Abogado: MARCOS FARIÑA SEOANE
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistradosD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, Presidente, Dª MAGDALENA FERNÁNDEZ SOTO e D. EUGENIO FRANCISCO MÍGUEZ TABARÉS,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
S E N T E N Z A Nº 418/19
Vigo, trinta e un de xullo de dous mil dezanove.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 379/17 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 2 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3/19, nos que aparece como parteapelante e demandante D. Jorge e D.ª Adolfina , representada polo/a procurador/a D./D.ª MARTA ROBES CABALEIRO e asistida do/da letrado/a D./D.ª RICARDO MANUEL GÓMEZ LOUREDA,e comoparte contra da que se apela e demandada BANCO POPULAR BANCA PRIVADA S.A., representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSE ANTONIO FANDIÑO CARNERO e asistida do/da letrado/a D./D.ª MARCOS FARIÑA SEOANE.
É o maxistradorelatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 2 de Vigo, con data do 6 de setembro de 2018, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'QueDEBO DESESTIMAR Y DESESTIMOla demanda interpuesta por D. Jorge y Dª Adolfina , ambos representados por la Procuradora de los Tribunales Dª Marta Robés Cabaleiro, contra la entidad POPULAR BANCA PRIVADA S.A., representada por el Procurador de los Tribunales D. José Antonio Fandiño Carnero, y en consecuenciaABSUELVOa la entidad demandada de todos los pedimentos efectuados en su contra.
Las costas se imponen a la parte actora.'
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª MARTA ROBES CABALEIRO, en representación de D. Jorge e D.ª Adolfina , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a celebración da Vista, admitida por Auto de data 25 de abril de 2019, o día 24 de xullo de 2019, co resultado que obra no soporte de gravación unido ao rolo.
Fundamentos
Primeiro:O día 12 de abril de 2007 os cónxuxes actores e o Banco demandado asinan un documento no que os primeiros manifestan que 'deciden subscribir un contrato financieiro a prazo', coas características que se reseñan nese documento, e ás que deseguido faremos mención. O día 19 de mesmo mes e ano outorgan o contrato, que rotulan 'contrato financeiro a plazo. Subxacente: Acciones del Banco Popular, S. A. y Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S. A.', contrato cuxo contido relevante referiremos logo igualmente. Os actores formulan demanda o día 8 de maio de 2017, interesando, de xeito principal, a nulidade do contrato por erro no consentimento, ao non ser debidamente informados pola entidade bancaria demandada sobre as características do produto contratado e os significados riscos da operación e, subsidiariamente, a resolución contractual. A sentenza ditada en primeira instancia aprecia a excepción de caducidade verbo da primeira acción promovida, e entrando, en cambio, na cerna propiamente dita do asunto con respecto da segunda das pretensións, de resolución do contrato, rexeita igualmente este pedimento ao estimar, dito moi en síntese, que este instituto da resolución, como causalmente vinculado con algún feito necesariamente posterior á celebración do contrato, non resulta aplicable ao caso de erro no consentimento do cliente por falta de información do Banco, pois o erro debe padecerse, precisamente, antes da perfección e consumación contractuais. Recorren a sentenza os actores, reproducindo nesta alzada a liña argumental e peticións da primeira instancia, e interesando, en todo caso, que non se lle impoñan as custas procesuais desa instancia pola existencia de dúbidas, tanto de feito como xurídicas. Pois ben, centrada a lite neses termos, e aínda que as dúas primeiras invocacións poidan ter un importante vencello, como indicaremos, analizamos as tres formulacións coa necesaria separación.
Segundo: A sentenza ditada en primeira instancia fai pivotar a excepción de caducidade sobre un intre moi concreto, o do canxe do produto contratado por accións do Banco Popular, S. A., o que tivo lugar o día 19 de abril de 2012. Xa que logo, a demanda, de 8 de maio de 2017, estaría formulada fora do prazo de catro anos disposto polo artigo 1301 do código civil . Nese día, e na tese da sentenza recorrida, produciríase o dobre fenómeno, da consumación do contrato litixioso e, á par, da superación do erro inicialmente padecido, momentos, un e outro, que de forzosa concorrencia conxunta, determinan o dies a quo do prazo. E fronte a esa decisión álzanse os demandantes recorrentes pois, segundo o seu parecer, o comportamento observado polo demandado co canxe impediulles coñecer, tamén neses intres, a realidade e alcance da operación emprendida.
Terceiro: Certamente, e nunha primeira ollada, toda operación de canxe comporta: A) A extinción do contrato precedente e o nacemento doutro novo. Ou se estase preferir, feito o cambio ou novación, o primeiro contrato queda totalmente consumado, ou consumido, poñéndose punto final a un sinfín de prestacións e contraprestacións asumidas polas partes contratantes ao longo da relación contractual, de tal maneira que a raíz do canxe nada hai xa que liquidar nin nada poden xa reclamarse. B) En segundo termo, o canxe advirte loxicamente ao cliente do alcance real e definitivo do que fixo co primeiro contrato, sabe agora das súas efectivas e seguras consecuencias e, por tanto, xa non pode impetrar o erro primeiro, que debe aparecer vencido, reiterámolo, nunha orde natural de suceder as cousas e nun contexto de normal e exixible dilixencia do cliente. Por intentar explicalo de xeito máis simple, o canxe presupón sempre e necesariamente unha operación previa á celebración do novo contrato, como é liquidar o contrato anterior mediante as oportunas operacións compensatorias, que darán lugar a un saldo final que, coñecido por todos, constituirá precisamente o contido económico para o segundo contrato.
Ocorre, sen embargo, que para que o canxe produza ese natural efecto consumativo e extintivo da relación inicial requírese, naturalmente, que exista unha exacta correspondencia entre o pechamento do primeiro contrato e o nacemento do novo. Por derivar o razoamento hacia o caso contemplado, os valores finais resultantes da liquidación definitiva do primeiro contrato, que serven para emprender un novo investimento, teñen que corresponderse coa realidade dado que se, contrariamente, partimos de valores ficticios, non poderíamos comprender tampouco nese intre do canxe a transcendencia da operación inicial. Por pór un burdo exemplo, se unha das partes contratantes transmítenos no intre do cambio a idea de que o beneficio final do primeiro contrato foi de cen euros a noso favor, e investimos esa suma supostamente no novo contrato, cando en realidade foi a dun beneficio menor ou moi inferior, o coñecemento errado da primeira operación persiste xa que actuaremos crendo que tiñamos ganado cen euros. Acábase investindo unha cantidade inferior ao beneficio inicial. Pois ben, en coincidencia cos apelantes, a proba documental bancaria que obra na lite condúcenos a pensar que as anotacións contables que o Banco fixo nas contas dos actores fixeron creer a estes últimos que non perderan nada ao tempo do cambio. E para chegar a este conclusión resulta dabondo con remitirmos aos apuntes contables efectuados ao tempo do canxe, en relación co valor de cotizacións das accións do Banco Popular, S. A. neses intres.
En efecto, e segundo o extracto bancario (por exemplo, folio 57), o día do canxe se compraron 9.499 accións do Banco Popular, S. A., que a razón dos 15,79 euros de valor por acción, que tiñan ao tempo do contrato de financiación a prazo ( valor da acción subxacente), daríanos a cifra de 150.000 euros -xustamente, 149.989,21 euros-. Pero a realidade era que ese non era o valor real das accións senón outro máis baixo. As accións cotizábanse exactamente nese día, o 19 de abril de 2012, entre os 6,1539 e os 6,3124 euros (segundo o momento do día). Conseguintemente, para acadar a suma reseñada na conta, de 150.000 euros en números redondos, a compra de accións tiña que ser ostensiblemente maior das 9.499 adquiridas, concretamente 24.193 accións. Por expresalo de maneira quizais máis sinxela, co relato contable estaba enmascararse unha realidade consistente en que, ao adquirise tan só 9.499 accións, como o valor real ou de cotización de cada acción era de arredor de 6,2 euros tan só, o capital inversor de que dispuñan os demandantes como consecuencia da liquidación definitiva do contrato litixioso era soamente de 18,893,8 euros, persistindo entón o erro dos mesmos pois, en fin, o documento estaba falar ilusoriamente de 150.000 euros como resultado final liquidatorio do primeiro contrato. E a aparencia de que conforme ao extracto bancario os demandantes estaban conservar os 150.000 euros inicialmente investidos, resulta apreciada, igual, loxicamente e en último termo, pola testemuña, empregado do Banco, D. Roque , nas súas declaracións prestadas nesta alzada ante esta Sala.
Conseguintemente, o momento do canxe non pode servirmos de dies a quo.
Cuarto: Aínda que non podemos tomar como referencia a data do canxe, o día 19 de abril de 2012, consideramos, non obstante, que a acción ao tempo da formulación da demanda o día 8 de maio de 2017 estaba caducada. E é que sendo indiscutible que naquela primeira data o contrato xa estaba consumado, e apreciando ademais e por conseguinte que os demandantes tiveron que saír do erro inicial despois do 19 de abril de 2012, estimamos, en todo caso, que os mesmos superaron o erro antes dos catro anos legalmente dispostos para o exercicio temporáneo da acción.
Efectivamente, se examinamos as declaración fiscais dos demandantes comprobamos, que así como nos exercicios de 2007 a 2011 figura ao cerre de cada exercicio, o 31 de decembro, a cifra invariable dos 150.000 euros, e unha valoración aos efectos do Imposto de Patrimonio pola mesma suma (folios 301 a 311), no exercicio do 2012 consta en cambio un saldo cero e unha valoración aos efectos dese imposto de tan só 9.353,94 euros (folios 308 e 309).
E outro tanto cabe dicir verbo das informacións que o Banco remitía periodicamente (por trimestres) aos clientes. Figuran 150.000 euros (redondeando) en todos os informes correspondentes aos distintos trimestres dos anos 2010, 2011 e o primeiro trimestre do 2012 (folios 320 a 331), pero a partir do segundo trimestre deste último ano, e en todos os anos posteriores, o importe da carteira vai reducíndose de xeito practicamente sucesivo, dende os 19.054,55 euros do segundo trimestre de 2012, ata os 2.701, 05 euros do terceiro trimestre de 2016 (folios 332 e seguintes).
En conclusión, os actores tiveron que vencer o erro a partir do segundo trimestre do ano 2012 ou, como máis tarde, a finais dese ano, pois nas declaracións fiscais e nas informacións subministradas periodicamente polo Banco, xa constaba a palmaria e groseira baixada das accións adquiridas en canxe dos títulos primeiros. E como a demanda formúlase o día 8 de maio de 2017, a acción está caducada.
Derradeiramente, o discurso argumental que se acaba de expor non se ve desvirtuado pola referencia dos demandantes recorrentes á data do 13 de xuño de 2016, no que obteñen uns beneficios de 386,43 euros, pois esta cifra é produto da venda das accións e non consecuencia dunha liquidación procedente da operación primeira (por exemplo, folio 251).
Quinto: As serias dúbidas de feito e xurídicas que se nós presentaron, en unión do comportamento extraprocesual da entidade bancaria, facendo figurar inicialmente na conta como saldo acredor ficticio 150.000 euros, lévanmos non facer unha especial pronuncia sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias (artigos 394 e 398 da L. A. C.).
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que desestimando en esencia o recurso de apelación formulado por Dª Adolfina e D. Jorge representados pola Procuradora Sra. Robes Cabaleiro contra a sentenza ditada polo Xulgado de 1ª Instancia nº 2 de Vigo o día 6 de setembro de 2018, non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANCO SANTANDER, sucursal r/ Coruña, na conta deste expediente 0915000012000319, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local e organismo autónomo dependente. Se o ingreso se efectúa a medio de transferencia o núm. de conta IBAN é o seguinte: ES55 3569 9200 0500 1274 facendo constar, no campo concepto e observacions no xustificante de ingreso e como concepto o número de conta expediente antes salientado
