Última revisión
06/01/2017
Sentencia Civil Nº 498/2016, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 683/2015 de 29 de Septiembre de 2016
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 28 min
Orden: Civil
Fecha: 29 de Septiembre de 2016
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 498/2016
Núm. Cendoj: 36057370062016100502
Núm. Ecli: ES:APPO:2016:1966
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00498/2016
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 de PONTEVEDRA
N01250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO-
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
BN
N.I.G. 36057 42 1 2014 0019089
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000683 /2015
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 10 de VIGO
Procedimiento de origen:PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000010 /2015
Recurrente: Lorenzo
Procurador: MARIA ISABEL DOMINGUEZ QUINTAS
Abogado: FERNANDO BLANCO GIRALDO
Recurrido: ACE EUROPEAN GROUP LIMITED
Procurador: ANDRES GALLEGO MARTIN-ESPERANZA
Abogado: PABLO GUILLEN PEREZ
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistradosD. JAIME CARRERA IBARZÁBAL, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO e D. JULIO PICATOSTE BOBILLO,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
S E N T E N Z A Nº 498/16
Vigo, vinte e nove de setembro de dous mil dezaseis.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 10/15 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 10 de Vigo ós que correspondeu o rolo 683/15, nos que aparece como parteapelante e demandante D./D.ª Lorenzo , representada polo/a procurador/a D./D.ª ISABEL DOMÍNGUEZ QUINTAS e asistida do/da letrado/a D./D.ª FERNANDO BLANCO GIRALDO,e comoparte contra da que se apela e demandada D./D.ª ACE EUROPEAN GROUP LIMITED SUCURSAL ESPAÑA, representada polo/a procurador/a D./D.ª ANDRÉS GALLEGO MARTÍN-ESPERANZA e asistida do/da letrado/a D./D.ª PABLO GUILLÉN PÉREZ.
É o maxistradorelatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 10 de Vigo, con data do 14 de xullo de 2015, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'DESESTIMAN INTEGRAMENTE LA DEMANDA interpuesta por D. Lorenzo frente a ACE EUROPEN GROUP LIMITED. DEBO ABSOLVER Y ABSUELVO a ésta libremente de los pedimentos de la demanda con imposición de costas al actor.'
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª ISABEL DOMÍNGUEZ QUINTAS, en representación de D./D.ª Daniel , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 7 de xullo de 2016.
Fundamentos
Primeiro: Como precedentes dignos de mención para centrar adecuadamente as controversia cómpre reseñar os que seguen.
No ano 2005 Pescanova, S. A. subscribíu coa entidade aseguradora, Ace European Group Limited Sucursal de España, hoxe demandada, un contrato de seguro de responsabilidade civil de administradores e directivos (Élite II).
En virtude deste contrato de seguro, e polo que agora ten interese, a aseguradora, a cambio do pagamento dunha prima, asumía os gastos de defensa do asegurado, derivados dunha reclamación por 'acto incorrecto', que puider cometer este último no desenvolvimento das súas funcións directivas na sociedade Pescanova.
Existíu contrato de seguro non só no ano 2005 senón tamén, e ininterrumpidamente, en todas as anualidades posteriores.
Nese contexto dun contrato de seguro de responsabilidade civil de administradores e directivos, a través da demanda reitora deste preito reclama o actor da compañía de seguros demandada, e como administrador asegurado da sociedade Pescanova, S. A., o importe dos gastos de defensa e representación xurídica que o mesmo tivo que realizar con motivo do procedimento penal incoado como Dilixencias Previas- Procedimento Abreviado nº 31/2013 polo Xulgado Central de Instrucción nº 5 da Audiencia Nacional, en virtude de diversas querelas presentadas contra os administradores e directivos de Pescanova, S. A., aos que se imputaban os delictos, segundo os casos, de falseamento de contas anuais, falseamento de información económico-financieira e uso de información relevante, procedimento no que, figurando inicialmente o demandante como imputado, ditouse logo a pertinente resolución firme, decretando o sobreseimento e arquivo da causa respecto del. .
Contratou o actor, D. Lorenzo os servizos profesionais da sinatura Baker&Mackenzie, reclamando agora o importe dos honorarios profesionais e outros gastos, que se elevarían á suma de 145.754,04 euros, ao estimar o actor que estes capítulos estaban cubertos polo seguro.
A aseguradora oponse a esa reclamación, alicerzando a súa extratexia defensiva en que a sociedade tomadora do seguro non acatou o deber de declarar ao asegurador, dacordo co cuestionario que lle foi sometido, todas as circunstancias por ela coñecidas que podían influir na valoración do risco -en esencia, a situación de insolvencia da sociedade, camuflada baixo unha falsidade das contas que inducía pensar nunha normalidade económica e financieira-, comportamento ocultacionista que, en canto guiado por dolo ou, alomenos, por culpa grave, acarrearía a nulidade contractual por vicio de consentimento ou, en todo caso, a liberación do asegurador do pagamento da prestación, ex artigo 10, parágrafos primeiro e terceiro, da Lei de contrato de seguro de 8 de outubro de 1980. As contas para o exercicio 2012, continúase dicir, non representaban en absoluto a imaxe fiel da sociedade, xa que se simulaba unha apariencia de solvencia da que carecía xa dende facía varios exercicios sociais anteriores.
A sentenza ditada en primeira instancia rexeita a demanda, ao dar por acreditados, en comunión coa aseguradora demandada, os artificios contables da sociedade tomadora do seguro, ocultando, en fin, a súa verdadeira e gravísima situación de insolvencia tanto nas contas como, e moi especialmente, no cuestionario.
A postura da aseguradora -e da sentenza- combátese finalmente polo demandante no seu escrito de recurso coas seguintes invocacións: A) Que non resulta xuridicamente viable decretar a nulidade do contrato de seguro -pretensión que estima o demandante que se realiza pola demandada-, sen terse formulado demanda reconvencional. B) Que pedíndose a nulidade contractual, debeu ser chamada ao proceso Pescanova, S. A., alegando, xa que logo, a excepción de litisconsorcio pasivo necesario. C) Que non se acredita a falsidade das contas da sociedade. D) Que o cuestionario -no que se tiver cometido a suposta falsidade contable- non foi asinado polo actor, carecendo o que o fixo da súa representación e aquiescencia. E) Que a aseguradora deixou de transcurrir o prazo dun mes a contar dende o coñecemento por ela da reserva e inexactitude de Pescanova, S. A., sen exercitar a facultade rescisoria do contrato, que lle outorga o parágrafo segundo do artigo 10, permanecendo así vixente a relación contractual. F) Que atopámonos ante un único contrato, polo que non será aplicable o artigo 10 senón, en todo caso, o artigo 11, da obriga de poñer en coñecemento do asegurador das circunstancias que agraven o risco.
Segundo: Por razóns metodolóxicas comezamos polo análese da cuestión relativa á necesidade de formular reconvención, e de traer ao proceso á sociedade Pescanova, S. A., ao terse pedido pola aseguradora demandada a nulidade do contrato de seguro.
O prantexamento faise merecente dunha resposta negativa dado que: A) Malia que a aseguradora refire a nulidade do contrato de seguro no escrito de contestación á demanda, en ningún momento peticiona esa nulidade, limitándose a solicitar a desestimación da demanda, pero sen formular a pretensión precedente. E sabido é que todo posicionamento do demandado que se circunscriba a solicitar a súa absolución respecto das pretensións do actor inicial non integra unha reconvencion (artigo 406. 3 da L. A. C.). B) En todo caso, a argumentación da demandada para soster a súa absolución a atopa, igualmente, e tal como refire expresamente tanto nos feitos da contestación (feitos preliminar, ao folio 856, e sexto, ao folio 859), como nos fundamentos de dereito (segundo, ao folio 867), no artigo 10, último inciso, da L. C. S ., que dispón, exactamente e ope legis, a liberación do pagamento da prestación por parte do asegurador, no caso de dolo ou culpa grave do tomador do seguro, nas declaracións inexactas e con reservas do risco, verquidas no cuestionario. A liña argumental do actor recurrente carece, xa que logo, de fundamento, e lévamos rexeitar, tanto a súa denuncia, da necesidade dunha reconvención como, e por idéntica razón, da necesidade de chamar á lite á sociedade tomadora do seguro, quen non vai verse afectada, en fin, polo sentido da decisión, estimatoria ou rexeitadora da demanda, desta Sala, permanecendo vixente o contrato de seguro concertado.
Terceiro: A postura mantida polos contendentes obrigámos facer, partindo das probanzas existentes na lite (en esencia, e por unha banda, a documentación na que plasmouse o seguro -realmente, e como logo veremos, os seguros-, e por outra, o cuestionario) unha serie de precisións de orde xurídica sobre a natureza, contido e alcance dos seguros de responsabilidade civil de administradores e directivos, e de defensa xurídica.
Polo seguro de responsabilidade civil de administradores e directivos, modalidade contractual relativamente recente, e ainda cuestionada por algún sector doutrinal minoritario, cúbrese, como con todo seguro de responsabilidade civil, o risco do nacimento a cargo do asegurado da obligación de indemnizar aos terceiros os danos e prexuizos causados polo feito previsto no contrato de cuxas consecuencias sexa responsable o asegurado ( artigo 73, parágrafo primeiro, da L.C.S .). Ou, volcando o concepto naquela actividade específica, o obxecto fundamental desa modalidade de seguro de responsabilidade civil é cubrir as consecuencias económicas derivadas da responsabilidade na que eventualmente poidan incurrir os administradores e directivos das sociedades no desenvolvimento da súa actividade profesional.
Dende unha vertente obxectiva, e sen prexuizo de intereses, derivados e accesorios para a sociedade, propiamente, o interese asegurado obxecto da cobertura é o dos administradores, ou se estase preferir, o que se trata de protexer con este seguro é o patrimonio destes últimos fronte a posibles reclamacións dos terceiros prexudicados que poidan desembocar en desembolsos particulares daqueles. E dende o punto de vista subxectivo, e deixandio á marxe as figuras, non controvertidas, de asegurador e terceiro prexudicado, os asegurados son sempre os administradores, mentres que os tomadores do seguro poden ser estes últimos, o que constitúe un suposto excepcional, ou ben, e na inmensa maioría dos casos, a sociedade.
Cuarto: Do exame da proba documental, e do propio comportamento observado polo demandante ao longo da súa relación profesional coa sociedade coleximos de xeito indubidable que a condición de tomadora do seguro a ostenta a sociedade. Nas diversas pólizas figura esta como tomadora do seguro, e como asegurados os administradores. Todas as polizas aparecen asinadas exclusivamente pola sociedade tomadora sen que, contrariamente, gocen da sinatura dalgún administrador, nunha manifestación máis de que a contratante tomadora foi aquela. E o pagamento da prima, obriga esencial do tomador do seguro ( artigo 14 da L. C. S .) fíxose sempre por esta última, nunha conclusión que inferimos mesmamente do posicionamento do propio demandante, que nin tan siquera trata de demostar que satisfixera algunha delas.
Pois ben, ante tan incuestionable realidade, o demandante aduce no escrito de formulación do recurso de apelación contra a sentenza ditada en primeira instancia, que sen descoñecer a condición de tomadora da sociedade, non hai constancia de que o asinante do cuestionario, D. Roque , actuase como representante da mesma, nin menos ainda dos administradores asegurados, nin que, en fin, estes últimos, e entre eles, o actor, aceptaran o contido declaratorio do risco do cuestionario, do que nin tan siquera tiña coñecemento, se engade. E a argumentación do recurrente péchase cunha segunda afirmación, de que para a toma en consideración do cuestionario que figura como documento nº 29 achegado coa demanda (folios 608 e 609), precisábase da aquiescencia de todos os asegurados, dada a natureza de seguro colectivo ou de grupo do seguro, e que estamos ante un seguro no que o tomador actúa por conta allea.
A afirmación de que atopámonos ante un seguro colectivo se contradí frontal e irreconciliablemente coa categórica e inequívoca proba documental que obra na lite. En efecto, se se examinanan as pólizas, claramente se observa que non hai unha designación nominal dos asegurados, senón unha mención xenérica, referida aos administradores da sociedade, sen previsión de ningunha excepción, e con independencia de quen sexan e do tempo que o sexan. E non hai ningún boletín de adhesión, nin ningún outro documento asinado polo demandante que apoie a súa tese. A alegación do apelante carece de todo refrendo probatorio.
E carece igualmente de consistencia, por outra banda, a invocación da ausencia de representación legal da sociedade Pescanova, S. A. por parte do Sr. Roque , que fora dabondo para reencher o cuestionario e asinalo en nome daquela. E é que a sinatura por parte deste último, durante anos, de todas as pólizas sen excepción, e do cuestionario, é un feito que, en canto non contradito por ningún outro feito nin elemento de proba, levaría xa inferir, con indiciaria vehemencia, que o Sr. Roque ostentaba as facultades de representación da sociedade para subscribir os contratos de seguro e o cuestionario. Pero é que o círculo de argumentos se pecha con dous feitos máis. Dunha parte, que nas pólizas non se menciona en absoluto a necesaria intervención dos administradores asegurados na confección do cuestionario. E doutra, que o actor non achega ningún cuestionario que efectivamente for asinado por el nin por ningún outro dos administradores asegurados.
Por outra banda, non alberga dúbida este tribunal -o repetimos- que o contrato de seguro de lite foi celebrado pola sociedade, e non polos administradores. Atopámonos, en defintiva,a ante un seguro por conta allea, contratado pola propia sociedade tomadora do seguro, como sucede na práctica de xeito abrumador, e do que se derivan obligacións para esta última -esencialmente e polo que agora ten interese o pagamento da prima e a cobertura do cuestionario-, e dereitos para o administrador como único titular do interese asegurado, e con independencia doutros intereses mediatos e colaterais, reiteramos, que para a sociedade tomadora poida reportar este seguro. Efectivamente, son innegables os beneficios que para a sociedade comporta este tipo de seguro. Os conflictos que poden derivarse dun concerto individualizado de seguros, e con contidos distintos, por parte de cada administrador. Que as accións dirixidas contra os administradores en exixencia de responsabilidade dos mesmos poden ter por obxecto, en certos casos, reintegrar o patrimonio da sociedade. Que o concerto deste seguro pode supor un estímulo para atraer administradores talentosos e competentes. Ou, en fin, razóns económicas, dado que o importe da prima sería loxicamente menor nun seguro concertado pola sociedade que nuns seguros individualizados. Constitúen innegables ventaxas para a sociedade, pero non poden confundirse as mesmas co interese asegurado, ou co obxecto esencial deste modalidade aseguratoria, como é a de protexer o patrimonio do asegurado, tal como xa deixouse sentado.
Por último, o feito de que poida considerarse dende un punto de vista tributario a prima como unha retribución a favor dos administradores non pode empañar a consideración da sociedade como tomadora do seguro. Sen descoñecer as posturas encontradas sobre este extremo, unha cousa é o enfoque fiscal, segundo o cal as primas de seguro de responsabilidade civil dos administradores se conciben como unha retribución en especie - artigo 43. 2 e) da Lei 40/1998, de IRPF -, e outra moi distinta, que por virtude desa declaración perda a sociedade a consideración de tomadora, para asumilas os administradores. A afirmación se contradí co clausulado, sen ambigüidades, da póliza, que reseña a aquela primeira como tomadora e a estes últimos como asegurados. E é un feito indiscutíbel, por outra banda, que as primas a pagar saen das arcas da sociedade, sen prexuizo de que as mesmas pasen integrar o concepto de retribución dos administradores. En resumo, o dominus negoti é a sociedade tomadora, que pode deixar sen efecto o contrato ou modificalo -como sucedeu neste caso, como se infire do contidos diversos das distintas pólizas -, ou se estase preferir, a sociedade ten a dispoñibilidade do contrato, e non os administradores.
Todo o dito lévamos proclamar que o cuestionario reune as condicións precisas para a súa validez e eficacia, ao non precisar da intervención dos asegurados como tales.
En todo caso, os argumentos do actor, da falta de opoderamento do Sr. Roque , e da necesidade do demandante consentimento para cubrir o cuestionario son novidosos, en canto non alegados da primeira instancia. En efecto: A) Tan só no feito noveno da demanda, ao falarse do cuestionario, pasa criticarse, pola súa xeralidade, as preguntas do mesmo, e as contestacións ás mesmas por parte da sociedade, pero sen denunciar en ningún intre o feito da súa falta de consentimentro. E que non se diga que esta invocación non puido realizarse na demanda, dado que xa era coñecedor o actor, tanto do contido do cuestionario, como da postura, reiterada, da aseguradora, de rexeitar o sinistro, en base ás declaracións inexactas da sociedade tomadora. B) A mención do cargo de Presidente da sociedade Pescanova, S. A., que o demandante fai no feito cuarto, número 1 da demanda, excusaría xa de máis comentarios. Pero, ainda prescindindo do escollo da novidade das alegacións, o consentimento dos administradores ao cuestionario non era preciso, insistimos.
Quinto: Entre a disxuntiva de atoparmos ante ante un só contrato -tese do actor-, ou ante varios e independentes - postura da aseguradora demandada-, inclinámonos por esta segunda. E iso polos motivos que pasamos reseñar, e que non son outros que os que se colixen do explícito, palmario e sen equívocos teor da relación contractual. Neste senso, todos os exemplares das distintas pólizas xa relatan a xeito de advertencia que ''esta póliza non será renovada automaticamente e vencerá ...', engadíndose que 'o asegurador estudiará os termos e condicións do novo contrato ao recibir unha proposta actualizada e o último informe financieiro' (por exemplo, a póliza ao folio 130 das actuacións). As frases, de 'non renovación automática', 'vencerá', e moi especialmente 'novo contrato' son expresivas duns contratos de seguro autónomos os uns dos outros. E a conclusión a que chegamos aparece definitivamente confirmada polo dato, nos menos significativo e de fondo ou contido, de que os feitos obxecto da cobertura e os suxeitos asegurados por cadansúa das pólizas non son coincidentes. A título de exemplo, os gastos de extradición, a inclusión da cobertura dos sinistros en USA ou Canadá, a responasilidade civil dos secretarios e asesores xurídicos do Consello de Administración, e, en fin, dos administradores xa retirados, son previsións, de calado, non comúns en todas as pólizas.
Encontránomos ante seguros independentes, non basta con acatar a obriga de comunicar ao asegurador as circunstancias agravatorias do risco, ex artigo 11 da L. C. S .
Sexto: Pronto se comprende que a obriga do tomador do seguro, de declarar, dacordo co cuestionario que lle someta o asegurador, todas as circunstancias por el coñecidas que poidan influir na valoración do risco constitúe unha obriga esencial, ata o punto de que, de non ser acatada, tal carencia pode xerar a liberación do asegurador da súa obriga de satisfacer a prestación ( artigo 10, parágrafos primeiro e terceiro da L. C. S .). A exixencia legal obedece, non só a motivacións de lealtade e boa fe, que deben rexir toda relación contractual, senón tamén á propia natureza do contrato de seguro en xeral, do seguro de responsabilidade civil en particular, e máis destacadamente ainda, do seguro de responsabilidade civil dos administradoes e directivos da sociedade. E é que no necesario equilibrio prestacional entre os contratantes -tamén nos contratos aleatorios- xoga un decisivo papel, loxicamente, a entidade do risco asegurado e, conseguintemente, a contraprestación da prima do seguro, que debe ser naturalmente proporcionada ao risco a cubrir. E a reserva ou inexactitude do tomador merece un maior reproche cando, como sucede no caso contemplado, estamos ante aquela última modalidade de seguro, dada a natureza preventiva e a acentuada eventualidade que o caracteriza, nun contexto de complexidade do risco, ante o dinamismo e avatares propios de toda sociedade, e 'ante a extrema dificultade de coñecer a priori, no intre da celebración do contrato, o importe máximo do dano e a indemnización a cargo do asegurador', tal como atinadamente advirte a doutrina científica. E ese contexto, de incerteza inicial do risco, desfavorable para o asegurador, obriga á tomadora do seguro a extremar o cumprimento do presuposto legal sancionado por aquel artigo.
Como proclama o Tribunal Supremo na sentenza de 20 de abril de 2009 ' la buena fe que informa este artículo, cuando impone al tomador un deber de contestación o respuesta sin reservas ni inexactitudes de lo que se le pregunta, tiene como finalidad que el asegurador pueda conocer con exactitud el riesgo objeto de cobertura antes de contratar, y aun siendo de aplicación a toda clase de seguros, está especialmente condicionada en función del que se contrata pues no toda omisión influye de la misma forma en la valoración del riesgo ni conlleva la liberación de la entidad aseguradora del pago de la prestación, sino tan solo la de aquellas circunstancias por él conocidas actuando con dolo o culpa grave determinante de la celebración de un contrato que, de otra, forma la aseguradora no hubiera concertado en las mismas condiciones ( SSTS 27 de octubre de 1998 ; 25 de noviembre de 1993 ; 31 de mayo de 2004 ; 17 de octubre de 2007 , entre otras); dolo que la jurisprudencia ha definido como la 'reticencia en la expresión de las circunstancias conocidas por el tomador del seguro que puedan influir en la valoración del riesgo y que de haberlas conocido el asegurador hubiera influido decisivamente en la voluntad de celebrarlo' ( STS 15 de noviembre de 2007 , y las que cita)'.
A necesidade de describir exactamente e sen silencios o risco aparece por igual salientado -como non podía ser doutro xeito- nas pólizas as que, en efecto, invariablemente proclaman que ' a veracidade, integridade e alcance da información facilitada polo tomador do seguro no cuestionario de declaración do risco e os seus anexos constitúe a base esencial que ten motivado ao asegurador á celebración deste contrato, a base sobre a cal establecéronse os presentes termos e condicións e sobre a que se ten calculado a prima. Se, ao prestar dita información, se incurrira en reserva ou inexactitude, quebraríase dito equilibrio'. En último termo, esas puntualizacións das pólizas aparecen refrendadas polo propio cuestionario con expresións de moi semellante calado.
Pois ben, partindo das anteriotres reflexións, e verténdoas sobre o suposto litixioso, resulta palmario que a sociedade tomadora do seguro infrinxiu groseiramente o precepto, ao aparentar conscientemente unha situación patrimonial e financieira da empresa, arreglada e solvente, que non se correspondía en absoluto coa realidade, e que se ocultaba con artificios contables. Contrariamente ao aseverado polo actor apelante, a sociedade tomadora do seguro non respectou a norma pois o relato da información financieira era ficticio. Voltaremos sobre este trascendental extremo.
Sétimo: Outras dúas cuestións se prantexan nesta lite. A primeira, as consecuencias que se poidan derivar de que a aseguradora non fixer uso da facultade de rescindir o contrato de seguro, unha vez que tivo coñecemento da inexactitude ou reserva do tomador. E a segunda, a influenza ou repercusión do comportamento, doloso ou con culpa grave, do tomador do seguro sobre o asegurado.
Oitavo: Considera o actor recurrente que ao non exercitar a aseguradora a facultade rescisoria do contrato, do parágrafo segundo do artigo 10 da L. C. S . non pode exonerarse da súa obriga de indemnizar.
A alegación non a compartimos, pois considearmos que a facultade de rescindir o contrato de seguro non constitúe presuposto necesario para a liberación do asegurador no caso, precisamente, de que a reserva ou inexactitude do tomador proceda de dolo ou culpa grave. Mediando dolo ou culpa grave resulta aplicable o último parágrafo, in fine, do artigo 10 da L. C. S ., liberándose a aseguradora do pagamento da prestación con independencia de que esta fixer uso ou non da facultade de resolver que lle outorga o parágrafo segundo do mesmo artigo.
O posicionamento que mantemos aparece avalado pola doutrina xurisprudencial. Así, a sentenza do Tribunal Supremo de 3 de xuño de 2008 di que 'si el siniestro sobreviene antes de que el asegurador haga la declaración de rescisión no basta para que quede liberado el asegurador con la existencia de reticencias o inexactitudes que puedan influir en la valoración del riesgo, sino que es menester que concurra dolo o culpa grave por parte del tomador del seguro...'. En definitiva, nesta resolución se proclama a liberación do asegurador de cubrir o sinistro no suposto de comportamento doloso o culposo grave do tomador, ainda que, á postre, o Tribunal Supremo non opte pola liberación por estimar, exclusivamente, que non se acreditaron nin o dolo nin a culpa grave. E xa con maior claridade, a sentenza do mesmo tribunal, de 4 de xaneiro do mesmo ano prescribe que 'el artículo 10 LCS impone al tomador del seguro el deber de declarar a la aseguradora, de acuerdo con el cuestionario que éste le someta, todas las circunstancias por él conocidas que puedan influir en la valoración del riesgo. El incumplimiento de este deber faculta al asegurador para rescindir el contrato. Si el siniestro sobreviene antes de que el asegurador haga uso de esta facultad, la LCS prevé la reducción proporcional de la prestación. Pero si medió dolo o culpa grave del tomador del seguro quedará el asegurador liberado del pago de la prestación, según el inciso añadido al artículo 10.3 LCS por el artículo 3 de la Ley 21/1990, de 19 de noviembre , aplicable al caso controvertido'.
Noveno: Dito en resumo, ven afirmar o demandante que ao non haber mala fe, nin culpa grave, por parte del, a previsión legal de exoneración da prestación do asegurador, neses supostos, do parágrafo terceiro, in fine, da L. C. S. non lle resultaría aplicable. Pois ben, con independencia de que non resulta creible que o administrador dunha sociedade ignore datos tan relevante, como a súa marcha, e os artificios contables realizados para simular unha solvencia societaria, así como, evidentemente, a existencia dun seguro de responsabilidade civil que ía defender o seu patrimonio persoal, estimasmos que a doble mala fe, do tomador do seguro e do asegurado, que propugna o recurrente, non aparece requerida pola lei -nin pola póliza-, ante a relación próxima que existe entre a sociedade tomadora e o administrador asegurado. Seguimos neste punto a postura da Audiencia Provincial de Madrid (Sección 20), mantida na sentenza de 23 de abril de 2008 , a que senta, no que para nós ofrece interese, que'el artículo 10 de la Ley 50/1980, de 8 de octubre, de Contrato de Seguro solo menciona al tomador del seguro, siendo habitual que tomador y asegurado sean una misma persona; cuando ello no ocurre (supuesto que contempla el artículo 7 de la Ley 50/1980, de 8 de octubre, de Contrato de Seguro ), el asegurado quedará afectado por la omisión dolosa o por culpa grave del deber de información y veracidad que compete al primero, de tal modo que no podrá escudarse en su ausencia de intervención en la declaración de circunstancias para reclamar de la aseguradora el cumplimiento de la prestación. Esto es, la 'exceptio doli' es oponible al asegurado no tomador. Ello se deduce del párrafo tercero 'in fine' del artículo 10 cuando dispone que 'si medió dolo o culpa grave del tomador del seguro quedará el asegurador liberado del pago de la prestación'. Siendo el asegurado el que tiene derecho a recibir la prestación es evidente que la norma citada le afecta de forma directa. Ello tiene su justificación en que, a diferencia del tercero perjudicado, que sería inmune en principio a las excepciones personales que correspondan a la aseguradora frente al tomador, el asegurado no es totalmente ajeno a las partes del contrato de seguro, en virtud precisamente de la relación jurídica que le une con este último'.
Décimo: O apelante, fronte á alegación da aseguradora, da ocultación pola sociedade tomadora da súa situación calamitosa, disfrazada baixo artificios contables, con conculcación, xa que logo, do mandato do artigo 10 da L. C. S ., defende que esa desfavorábel circunstancia societaria non resulta probada, ante a ausencia dunha resolución xudicial firme que así o declare. Pois ben, a argumentación do recurrente non ten consistencia xa que: A) Nin a póliza de seguro nin a norma sancionan a necesidade da existencia desa resolución -firme-, como presuposto preciso como para decidir sobre se houbo reserva ou inxactitude na expresión das circunstancias da sociedade tomadora e, consecuentemente, liberar á aseguradora de realizar a prestación. B) En liña coa anterior reflexión, resulta dabondo para aplicar a norma da exoneración con que haxa reserva ou inexactitude na indicación das circunstabncias que poden influir na valoración do risco, con independencia de que ese risco actualícese ou non.
Décimo Primeiro:A moi desfavorable situación económica e financieira e as irregularidades de contabilidade da sociedade Pescanova, S. A. resultan sobradamente acreditadas a través dos medios que proba achegados á lite, e aparecen ademáis recoñecidas, en realidade, polo propio Consello de Administración da sociedade.
En efecto, no escrito unido á causa como número 26 dos achegados polo propio actor, Pescanova, S. A., acatando o mandato do artigo 82 da LMV procede á 'comunicación de feito relevante', documento no que, por unha banda, o Presidente do Consello de Administración admite que 'detectáronse discrepancias na contabilidade da empresa e nas cifras da débeda bancaria, que poideran ser -se engade- significativas', así como que previa investigación forense -se di-, encargada á entidade KPMG, 'confirmáronse discrepancias significativas entre a contabilidade e a débeda bancaria', facéndose unha serie de conclusións por esta última, das que cómpre salientar: A) O deseño e execución durante os últimos exercicios de prácticas contables cuxo obxectivo era presentar unha débeda financieira do Grupo inferior á real e, consecuentemente, unha cifra de resultados superior aos realmentre xerados. B) Que para a obtención de financiación, a sociedade levou a cabo determinadas operacións (formalización de créditos documentarios sen que representasen transaccións reais, emprego de estruturas societarias instrumentais para xerar financiación bancaria e resultados ficticios, liñas de factoring dispostas sen substancia económica ...), que poden ser consideradascomo irregulares dende un punto de vista contable e financieiro. C) A débeda financieira neta do Grupo ao 31 de decembro de 2012 ascendía a 3.281 millóns de euros. D) O patrimonio neto do Grupo , á mesma data, resultaba negativo por un importe de 927 millóns de euros. E) Que as prácticas desenvolvidas polo Grupo Pescanova non foron fortuitas, senón o resultado dunha planificación de forma consciente durante varios anos por parte da Dirección da sociedade (folios 376 e 377).
Pola súa banda, dentro do expediente de concurso voluntario, que implica xa un recoñecemento societario da insolvencia (número 98/2013 do Xulgado do Mercantil nº 1 de Pontevedra), a Administración concursal emite informe de data 2 de setembro de 2013, no que, en síntese, se proclama a insolvencia da sociedade, cun negativo de 1.667.074 miles de euros, e se expresan as irregularidades contables antes referidas, e ademáis mantidas parte delas fora dos balances reportados na contabilidade oficial da sociedade, e cun volume moi relevante de gastos financieiros que se aboaron pero que non se contabilizaron, atopandose a sociedade engádese- en situación de disolución dende, alomernos, o exercicio 2011 (folios 384 e seguintes).
Finalmente, atopámonos coa declaración xudicial de concurso, non discutida.
A xeito de conclusión: A) Damos por probado o feito da situación de gravísima crise e de insolvencia da sociedade. B) Que esa situación tapouse coa argucia dos artificios contables para aparentar un estado patrimonial e financieiro da sociedade positivo, con liquidez e capacidade operativa, moi alonxado da negra realidade. C) Que as tretas e quimeras, pola súa multiplicidade, e reiteración no tempo, durante anos, son reveladoras dunha conciencia e vontade de enganar. D) Que ese actuar doloso da sociedade tomadora é un feito que por sí só libera á aseguradora da realización da prestación, de conformidade co artigo 10, 3 da L. C. S ., que non exixe unha declaración xudicial de insolvencia senón, pura e simplemente, que o tomador do seguro falte á verdade na mención das circunstancias que rodeaban á sociedade ao tempo do concerto do seguro, e que podían influir na exacta determinación do risco e na confección da correspondente prima de seguro.
Por todo o dito, o recurso e a demanda non poden prosperare.
Décimo Segundo:Non atopamos circunstancia ningunha de excepción para non aplicar o criterio xeral do vencimento obxectivo, disposto para as custas procesuais desta alzada polos artigos 394 e 394 da L. A. C..
Fallo
Que rexeitamos o recurso de apelación formulado por D. Lorenzo representado pola Procuradora Sra. Domínguez Quintas contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 10 de Vigo o día 14 de xullo de 2015, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte apelante.
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
