Última revisión
14/06/2012
Sentencia Civil Nº 510/2012, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3068/2011 de 14 de Junio de 2012
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 13 min
Orden: Civil
Fecha: 14 de Junio de 2012
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 510/2012
Núm. Cendoj: 36057370062012100521
Núm. Ecli: ES:APPO:2012:1856
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00510/2012
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6 de PONTEVEDRA
N01250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
-
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
N.I.G. 36038 37 1 2011 0600123
ROLLO: RECURSO DE APELACION (LECN) 0003068 /2011 b
Juzgado de procedencia: JDO. PRIMERA INSTANCIA N. 4 de VIGO
Procedimiento de origen: PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0001037 /2009
Apelante: ALLIANZ SEGUROS S.A
Procurador: CARMEN LOPEZ DE CASTRO
Abogado: ROBERTO BOTANA CASTRO
Apelado: Cipriano , Inmaculada
Procurador: CATALINA ROMERO RODRIGUEZ
Abogado: FERNANDO VARELA GRANDAL CONDE
A SECCIÓN SEXTA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CON SEDE EN VIGO, COMPOSTA POLOS MAXISTRADOS , D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, D. JULIO PICATOSTE BOBILLO E D. EUGENIO FRANCISCO MÍGUEZ TABARÉS, PRONUNCIOU
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA Nº 510/12
Vigo, catorce de xuño de dous mil doce.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo Ordinario 1037/09 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 4 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3068/11, nos que aparece como parte apelante e demandado ALLIANZ SEGUROS, representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª CARMEN LÓPEZ DE CASTRO e asistida do/da letrado/a D./D.ª ROBERTO BOTANA CASTRO, e como parte contra da que se apela e demandante D. Cipriano e Dª Inmaculada , representada polo/a procurador/a D./D.ª CATALINA ROMERO RODRÍGUEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª FERNANDO VAREJA-GRANDAL CONDE .
É o maxistrado relator D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro: O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 4 de Vigo, con data do 9 de novembro de 2010, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
"Con estimación parcial de la demanda interpuesta por la Procuradora Dª Catalina Romero Rodríguez, en nombre y representación de D. Cipriano y Dª Inmaculada , debo CONDENAR y CONDENO a ALLIANZ, COMPAÑÍA DE SEGUROS Y REASEGUROS S.A., representada por la Procuradora Dª Mª Carmen López de Castro, a pagar a los demandantes la cantidad de treinta mil seiscientos cuarenta y un euros y treinta céntimos de euros (30.641,30 euros) que devengará, desde el 2 de septiembre de 2008 hasta el 2 de septiembre de 2010, un interés anual igual al del interés legal del dinero al tipo vigente cada día incrementado en un 50% y, desde el 3 de septiembre de 2010 hasta el pago, el mismo interés siempre que supere el 20%, con un tipo mínimo del 20% si no lo supero.
Todo ello sin que proceda hacer condena en costas."
Segundo: Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Mª Carmen López Castro, en representación de ALLIANZ SEGUROS, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 24 de maio de 2012.
Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.
Fundamentos
Primeiro : A compañía de seguros demandada recorre a sentenza ditada en primeira instancia, interesando, primeiramente, que se decrete a nulidade de actuacións, devolvéndose os autos ao xulgado de primeira instancia para que reintegre a proba documental que reseña, e que foi desglosada da causa polo órgano xudicial, devolvendo deseguido as actuacións á este tribunal de apelación, ou quer, subsidiariamente, que se decrete a nulidade da sentenza de primeira instancia para que pola xulgadora a quo se proceda pronunciar outra nova á vista desa documentación, que debe tomar necesariamente en consideración.
Os motivos do recurso non poden ser aceptados tanto porque a proba documental en discusión era un mero instrumento para a pericia interesada pola parte, que esta remata á postre por non achegar, como porque este contendente aquietouse co poveido do xulgado, acordando os desglose dos documentos. En efecto, e por unha banda, tal como paladinamente se colixe do propio outrosí do escrito de contestanción á demanda, a proba que se interesa estriba en unha "proba pericial ampliatoria", engadindose que "a tal efecto se interesa" a documental atinente á historia clínica do falecido. Pois ben, como esa ampliacion pericial non fou oportunamente achegada ao proceso pola parte propoñente da mesma, esa pericia non podía ser admitida nin, conseguintemente, os documentos que lle podían servir de soporte dado que, en último termo, a parte litigante non solicitou - insistimos- esa documental como instrumento de proba autónomo ou indepedente do informea ampliar. Máis é que, por outra banda, o instituto da cousa xulgada veda as formulacións da parte xa que nin a decisión da xulgadora no acto da Audiencia de Previa, de interesar da parte demandada a devolución da historia clínica -coa evidente finalidade de excluila da lite- nin a providencia de data 11 de marzo de 2.010 (folio 302), na que xa de maneira expresa se acorda o desglose e devolución da historia clínica do falecido ao centro médico de procedencia, foron recorridos pola parte, quen, ante ese aquietamento, non pode agora cuestionar aquelas resolucións.
Segundo : A aseguradora apelante, entrando na cerna do asunto, circunscribe o motivo a un só extremo: que a parte actora - mellor dito, o tomador do seguro, á postre falecido- ocultoulle as enfermidades de asma e alcoholismo que padecía ao tempo da celebración do contrato. En definitiva, a recorrente está traer a colación a normativa do artº 10 da L. C. S . de 8 de outubro de 1980, precepto que, no que agora ten interese, dispón, por unha banda, que o tomador do seguro ten o deber, antes da conclusión do contrato, de declarar ao asegurador, de acordo co cuestionario que este lle someta, todas as circunstancias por el coñecidas que poidan influir na valoración do risco. E por outra, a liberación do asegurador do pagamento da prestación se mediou dolo ou culpa grave por parte do tomador na expresión de esas circunstancias afectantes á entidade do risco asegurado.
A liña argumental da parte apelante condúcenos a examinar, á luz das probas practicadas, cuestións tales como a existencia das enfermidades denunciadas ao tempo do contrato, se as mesmas eran coñecidas polo tomador do seguro, e se houbo, en fin, por parte de este último unha ocultación delas, guiado polo comportamento desviado, doloso ou constitutivo de indilixencia grave, que a norma require. Todo iso, en conxunción, tanto co cuestionario ao que someteuse oportunamente o tomador nos intres iniciais e preparatorios do contrato, como, en último termo, coa causa da morte do tomador.
Pois ben, polo que fai aos padecimentos do tomador do seguro, que a recorrente invoca, deixamos sentado: A) Que o alcoholismo carece do necesario refrendo probatorio. Non existe neste punto proba documental ningunha que o avale. O ditame pericial achegado coa demanda e prestado polo perito, Dr. Jose Daniel , nada di a este respecto. Tampouco o perito, Dr. Luis Antonio , proposto pola aseguradora demandada, corrobora esa enfermidade, nin a reseña como causa -ou unha de elas- do pasamento do tomador do seguro, senón que todo o seu discurso científico se dirixe a relacionar ese falecimento coa intoxicación etílica concreta padecida no intre do sinistro, pero non con un suposto padecimento alcohólico permanente e cronificado. En fin, o Médico Forense, Sr. Abel , tamén garda silencio sobre ese padecimento. E non cabe esquecer que a esteatose que resulta das correspondentes probas non é en absoluto equiparábel á cirrose, supoñendo unha simple dexeneración graxa do parénquima do fígado, que pode ter distinta gradación, e derivarse dunha orixe diversa do consumo excesivo de alcohol. B) Que o achado de medicación para a asma no tomador (broncodilatador en presentación de turbohaler) constitúe un indicio vehemente de padecer esa enfermidade, o que aparece confirmado, en úlimo termo, polo interrogatorio do demandante, avó do falecido, malia que asevere que o seu neto non era propiamente asmático, e que usaba a medicación esporádicamente. Estas manifestacións, en unión ao escaso tempo transcorrido entre a celebración do contrato de seguro e o sinistro (dous meses e unha semana tan só), fannos igualmente presumir que o padecimento existía xa nos albores do contrato. C) Máis decoñecemos a importancia de esa doenza. E esta carencia probatoria, en conxunción coa improbanza, por igual, dunha actitude ocultacionista dolosa ou integrante de unha culpa grave do tomador, e, en fin, coa insuficiencia probatoria da causalidade entre a morte e o asma, conducen a rexeitar a invocación defensiva da apelante.
Terceiro : Sendo indiscutíbel que no cuestionario (folio 93) ó que someteuse o tomador do seguro se recolle a asma como un os padecimentos a revelar por el (cuestionario que aparece asinado polo tomador e cuxa autenticidade non foi realmente impugnada), a indeterminanción, porén, do grao de ese padecimento, da súa posible repercusión sobre o risco asegurado, da morte do tomador, incrementando ese risco de xeito máis ou menos significativo, ao carón, todo iso, de que ningunha das periciais establecen como causa da morte a asma, exclúen, tanto a apreciación dun actuar doloso ou integrante dunha culpa grave do tomador na omisión de esa doenza, como, e conseguintemente, unha exoneracción do pagamento da prestación por parte do asegurador, ex artº 10 da L. C. S ., máxime se ningunha das pericias que obran na causa establecen a asma como o motivo -ou un dos motivos, alomenos- desencadeante da morte.
En efecto, ignoramos se a asma do tomador manifestábase con unha certa cadencia e regularidade ou se a súa aparición era meramente excepcional ou episódica, e se tiña repercusións orgánicas e fisiolóxicas serias e significativas ou, contrariamente, manifestacións puramente liviás e menores. E ante esas incertezas, non superadas, non podemos tildar propiamente de incumpridor da norma ao tomador, nin menos ainda calificar de doloso ou de culposo grave o seu obrar omisivo do trastorno reseñadono intre do recheo do cuestionario, pois eses elementos subxectivos están íntima e naturalmente relacionados coa entidade mesma da doenza esquecida, dado que o propósito desviado e contrario á boa fe do tomador non debe existir, por lóxica, cando careza de verdadeiro interese nesa omisión porque as anomalías de sáude que efectivamente padeza, pola súa nimiedade intrínseca, carezan entón de importancia sobre a ocorrencia probabilística do sinistro de morte, que levase finalmente ao asegurador a non celebrar o contrato, ou a impor condicións máis onerosas para o tomador, incrementando o importe da prima a esixirlle.
Por outra banda, e en fonda relación co que estase razoar, ningún dato temos sobre que a causa da morte do tomador estivese na asma. A este respecto salientamos: A) Que segundo se infire do atestado policial, o tomador do seguro permaneceu inmediatamente antes do sinistro en un estabecimento hostaleiro durante un importante periodo de tempo- ata o extremo de botar unha partida de billar co dono do negocio-, e ningunha anomalía respiratoria refire este último nas súas manifestacións sobre o tomador. B) Ningún dos ditames periciais que constan na causa apuntan como causa do falecimento, nin tan siquera colateral e coadxuvante, un brote asmático.
A xeito de recapitulación, a omisión da asma no cuestionario non pode ter a trascendencia exoneradora da cobertura que se pregona ante a irrelevancia causal sobre o risco de morte asegurado de ese trastorno, ignorado polo tomador, cuxa conduta omisiva, como a tomar en consideración para o xogo do artº 10, último parágrafo, debe ser examinada e valorada atendendo, en último termo, máis que a compoñentes subxectivos, a datos obxectivamente ponderables, de conformidade coa doutrina xurisprudencial sentada sobre sta materia, da que son expresión as sentenzas do T. S. de datas 25 de novembro de 1993 e 19 de febreiro e 21 de abril de 2004 , que proclaman, para o que agora ten interese que "la violación del deber de declaración ha de valorarse con criterios objetivos; de manera que no se trate solamente de calificar la conducta del declarante asegurado como de buena o de mala fe, sino sobre todo atenerse el Tribunal a la objetividad de si la conducta del asegurado o del tomador del seguro viene a frustrar la finalidad del contrato para su contraparte al proporcionarle datos inexactos o manifestar una actitud de reserva mental que le viene a desorientar e impulsar a celebrar un contrato que no hubiera concertado de haber conocido la situación real del tomador del seguro. En relación con ello, es, pues, importante calibrar si los datos omitidos influyen o no importantemente en la contratación, de ser debidamente conocidos por el declarante del cuestionario, y si, en su caso, mantienen o no un nexo causal con el resultado indemnizable (vida o invalidez), debiendo, además, de tenerse en cuenta si esos datos eran o no importantes al fin referido, y si estaban o no suficientemente objetivados, con precisión de ser en forma principal conocidos por el declarante".
Cuarto : Non atopamos circunstancia ningunha de excepción para prescindir do criterio xeral do vencimento obxectivo, disposto para as custas procesuais de esta alzada polo artº 398, en relación co artº 394, ambos da L. A. C..
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que rexeitamos o recurso de apelación formulado por ALLIANZ SEGUROS representada pola Procuradora Sra. López de Castro contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primera Instancia nº 4 de Vigo o día 9 de novembro de 2010, con expresa imposición das custas procesuais de esta alzada á parte apelante.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN : Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interponer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguirntes a súa notifiacción na forma establecido no artº 479 da LAC.
Conforme á D.A. Décimo quinta da L.O.P.J ., para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.
O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANESTO, na conta deste expediente 0915000012306811.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

