Última revisión
17/09/2017
Sentencia CIVIL Nº 531/2018, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 223/2018 de 03 de Diciembre de 2018
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 9 min
Orden: Civil
Fecha: 03 de Diciembre de 2018
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 531/2018
Núm. Cendoj: 36057370062018100520
Núm. Ecli: ES:APPO:2018:1967
Núm. Roj: SAP PO 1967:2018
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00531/2018
N10250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
BN
N.I.G.36057 42 1 2017 0001263
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000223 /2018
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 8 de VIGO
Procedimiento de origen:PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000085 /2017
Recurrente: Eliseo
Procurador: JOSE ANTONIO FANDIÑO CARNERO
Abogado: ERNESTO MANUEL ARMADA FERNANDEZ
Recurrido: Victoria
Procurador: PURIFICACION RODRIGUEZ GONZALEZ
Abogado: MANUEL SANLUIS PAMPIN
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JAIME CARRERA IBARÁBAL, Presidente, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, e D. JULIO PICATOSTE BOBILLO,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
S E N T E N Z A Nº 531/18
Vigo, tres de decembro de dous mil dezaoito.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuízo ORDINARIO 85/17 procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 8 de Vigo ós que correspondeu o rolo 223/18, nos que aparece como parte apelante e demandante-reconvenido D./D.ª Eliseo, representada polo/a procurador/a D./D.ª JOSE ANTONIO FANDIÑO CARNERO e asistida do/da letrado/a D./D.ª ERNESTO ARMADA FERNÁNDEZ,e como parte contra da que se apela e demandada-reconvinte D./D.ª Victoria, representada polo/a procurador/a D./D.ª PURIFICACIÓN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ e asistida do/da letrado/a D./D.ª MANUEL SANLUIS PAMPIN.
É o maxistrado relatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 8 de Vigo, con data do 20 de decembro de 2017, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'Que desestimando la demanda interpuesta en autos de Juicio Ordinario nº 85/2017 por el Procurador don José Antonio Fandiño Carnero, en nombre y representación de don Eliseo, contra doña Victoria, debo absolver y absuelvo a la demandada de los pedimentos contenidos en el Suplico de la demanda. Y estimando la demanda reconvencional formulada en los mismos autos por la Procuradora doña Purificación Rodríguez González, en representación de doña Victoria, contra don Eliseo, debo condenar y condeno al demandante-reconvenido a abonar a la demandada-reconviniente la suma de 3.032,36 €, así como las costas procesales causadas tanto con la demanda principal como con la reconvención. '
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª JOSÉ A. FANDIÑO CARNERO, en representación de D./D.ª Eliseo, presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 29 de novembro de 2018.
Fundamentos
Primeiro: A sentenza ditada en primeira instancia rexeita a demanda, na que o actor reclama da súa exconsorte a suma de 8.000 euros, en base ao acordo privado acadado entre eles o día 7 de outubro de 2016, e en virtude do cal a demandada se obriga a pagarlle esa suma 'en concepto de investimento para mellora ' do inmoble ganancial. A sentenza ditada en primeira instancia desestima a demanda cos seguintes argumentos: A) Que non se acredita a realización efectiva das obras a custa do demandante. B) Que a vivenda era de propiedade privativa da demandada, en canto que procedía dunha herdanza dos seus pais. C) Que as obras de mellora estaban incluidas no 25% recoñecido ao actor como parte do prezo a percibir para o suposto de venda da vivenda. Pois ben, recurrida a sentenza de instancia polo demandante, decidimos acoller o recurso, ao non compartirmos a liña argumental daquela resolución, que encerra unha certas doses de contradicción e que se separa en certa medida dos feitos invocados polas partes litigantes, infrinxindo, xa que logo, os postulado dispositivo e de congruenza das sentenzas.
Segundo: A afirmación da sentenza de instancia, de que a vivenda era de propiedade privativa da esposa, nin aparece probada ni tan siquera alegada. Tal afirmación xudicial tan só se realiza con fundamento nas declaracións da testemuña, fillo dos contendentes, pero non se invoca -reiterámolo- pola demandada. En efecto, se examinamos detidamente o escrito de contestación á demanda comprobamos que a aseveración da parte actora, de que a vivenda era de propiedade de ambos (en esencia, feito primeiro), non aparece negada nin cuestionada pola contraparte. A sentenza desvíase entón das razóns de pedir de demandante e demandada. Cuestión diversa sería a do grao de participación dos mesmos no ben ganancial.
Por outra banda, a natureza ganancial da vivenda, ademáis de non ser discutida, insistimos, aparece apoiada pola proba documental, contexte neste extremo: A) O convenio regulador do divorcio recolle como ben ganancial a vivenda. Ainda máis, non fai esta declaración como xeral ou estereotipada, senón que advirte e concreta a porción ganancial, no cincuenta por cento, atribuindo o outro cincuenta por cento, privativamente, á esposa. B) A escritura pública de compravenda de 10 de outubro de 2016 declara igualmente ganancial a vivenda. C) A demandada non achega ningunha probanza da procedencia privativa dos bens cos que a tiver adquirido -na versión da testemuña, non da hoxe recurrida-. E doado sería facelo achegando, por exemplo, a documental relativa ás operacións particionais da herdanza dos seus proxenitores. D) En último termo, o carácter ganancial resulta presumible, en canto adquirido o ben durante o matrimonio ( artigo 1361 do CC).
Terceiro: Establecida a natureza ganancial da vivenda, a liña argumental para defender que o vinte cinco por cento outorgado ao actor era polo custe das obras por el soportadas perde a súa consistencia. A razón de ser desa participación porcentual a da, precisamente, a natureza ganancial do ben. E non como unha compensación a aquelas obras, sobre as que, en fin, ningunha alusión faise na proba documental, nunha omisión dificilmente explicable. Liquidada a sociedade de ganancias, e integrado o Activo da sociedade pola vivenda, exclusivamente, o setenta e cinco por cento correspondía á demandada e o vinte e cinco por cento restante ao actor. Non resulta acreditada -nin apelada- a compensación do vinte e cinco, como contrapartida ás obras realizadas ao seu cargo polo demandante. Éste tiña un lexítimo e directo dereito sobre o ben ganancial.
Por outra banda, a sentenza de instancia, como apoio, igualmente, da súa tese, reprocha ao actor que non probe o seu aserto, 'da realidade das reformas que di haber levado a cabo...'. Pois ben, o argumento carece de consistencia dado que a existencia das obras tampouco aparece cuestionada pola demandada. No escrito de contestación á demanda nada dise a este respecto. E ainda máis, a testemuña, fillo dos litigantes, admite que se realizaron as obras, malia que sosteña que esta circunstancia xa foi tida en conta polos seus proxeitores, asignándose a tal fin ao demandante o vinte e cinco por cento da sociedade. Ningunha actividade probatoria tiña que desplegar o actor ante un feito, a realidade das reformas, que non era cuestionado. En último termo, o razoamento da sentenza se contradí coa afirmación de que a partida estaba incluida naquela porcentaxe.
Cuarto: A xeito de resumo e como últimas reflexións: A) A condición ganancial da vivenda dáballe dereito ao actor a unha parte na mesma, ou no seu prezo, en caso de venda. B) As obras de mellora por el sufragadas dábanlle igualmente dereito, na liquidación da sociedade de gananciais, a cobralas. C) En ningún apartado da documentación asinada polos litigantes faise alusión a que esa partida quedaba compensada ou incluida dentro da porcentaxe do 25 por cento. D) A 'coacción' alegada pola demandada -debemos entendela como comportamento do actor ilexítimo e non respectuoso co pactado- aparece orfa de proba. E) Contrariamente, a exixencia do demandante era pura e lóxica consecuencia daquel dereito, totalmente independente do acordo de compravenda alcanzado cos compradores. F) A alegación de que a demandada aceptou o acordo de maneira forzosa ou como obrigada, ao poder frustrarse a venda, e ter que devolver as arras duplicadas, non ten tampouco consistencia dabondo, pois ambos, demandante e demandada, tiñan que soportar a obriga, ainda que en proporcións diversas. G) Derradeiramente, o acordo de recoñecemento de débeda non só goza da presunción da existencia e licitude da causa ( artigo 1277 do CC), senón que esa causa, ou prestación a cargo da outra parte, en definición auténtica do artigo 1274 do mesmo código, é dicir, da demandada, estriba exactamente nas obras de mellora emprendidas polo actor.
Quinto: A estimación do recurso e da demanda inicial comporta impor á demandada as custas procesuais da primeira instancia, e non facer unha especial pronuncia sobre as desta alzada (artigos 394 e 398 da L. A. C.).
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con estimación do recurso de apelación e da demanda formulados por D. Eliseo representado polo Procurador Sr. Fandiño Carnero condenamos á demanda a que satisfaga ao actor a suma de 8.000 euros, cos xuros legais dende a data da interpelación xudicial ata a data da sentenza de primeira instancia, xuros que serán os legais incrementados en dous puntos dende esa última data ata a do completo pagamento. Impoñemos á demandada as custas procesuais da primeira instancia, derivadas da demanda contra ela promovida, e non facemos unha especial declaración sobre as custas desta alzada, orixinadas polo recurso. Confirmamos a resolución recurrida en todas as súas demáis pronuncias.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC. Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interponer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.

