Última revisión
16/09/2017
Sentencia CIVIL Nº 7/2017, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 327/2016 de 13 de Enero de 2017
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 11 min
Orden: Civil
Fecha: 13 de Enero de 2017
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL
Nº de sentencia: 7/2017
Núm. Cendoj: 36057370062017100023
Núm. Ecli: ES:APPO:2017:104
Núm. Roj: SAP PO 104:2017
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6
PONTEVEDRA
SENTENCIA: 00007/2017
N10250
C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO
Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387
N.I.G.36057 42 1 2015 0007380
ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000327 /2016
Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 8 de VIGO
Procedimiento de origen:PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000398 /2015
Recurrente: Héctor
Procurador: FRANCISCO MANUEL CASTRO VIDAL
Abogado: SERGIO SILVA VILA
Recurrido: CAJA ESPAÑA DE INVERSIONES, CAJA DE AHORROS Y MONTE DE PIEDAD
Procurador: FRANCISCO JAVIER TOUCEDO REY
Abogado: ANTONIO ABUIN PORTO
A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistradosD. JAIME CARRERA IBARZABAL, PRESIDENTE, D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO E D. JULIO PICATOSTE BOBILLO,pronunciou
NO NOME DO REI
a seguinte
SENTENZA NUM.7/2017
En Vigo,a trece de xaneiro de dous mil dezasete.
VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos de Xuízo Ordinario 398/2015 procedentes do Xulgado de Primeira Instancia núm. 8 de Vigo, ós que correspondeu o rolo 327/2016, nos que aparece como parteapelante-demandante D. Héctor ,representado polo/a procurador/a D./D.ª Francisco Manuel Castro Vidal e asistida do/da letrado/a D./D. Sergio Silva Vila e comoparte contra da que se apela e demandado CAJA ESPAÑA DE INVERSIONES, CAJA DE AHORROS Y MONTE DE PIEDAD,representada polo/a procurador/a D./D.ª Francisco Javier Toucedo Rey e asistida do/da letrado/a D./D.ª Antonio Abuin Porto.
É o maxistradorelatorD. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO, quen expresa o parecer da Sala.
Antecedentes
Primeiro:O Xulgado de 1.ª Instancia Núm. 8 de Vigo, con data do 2/2/2016, ditou unha sentenza coa seguinte parte dispositiva:
'Que desestimando la demanda formulada en autos de juicio ordinario nº 398/2015 por el Procurador don Francisco Manuel Castro Vidal, en nombre y representación de don Héctor contra 'BANCO DE CAJA ESPAÑA DE INVERSIONES, SALAMANCA Y SORIA S.A.U', sobre nulidad contractual, debo absolver y absuelvo a la demandada de los pedimentos contenidos en el Súplico de la demanda con imposición a la parte actora de las costas procesales causadas.'
Segundo:Contra a dita sentenza o/a procurador/a D./D.ª Francisco Manuel Castro Vidal, en representación de D./D.ª Héctor , presentou un recurso de apelación, que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC).
Logo de cumpri-los trámites legais, eleváronse as presentes actuacións á Audiencia Provincial de Pontevedra e correspondéronlle por quenda de reparto a esta Sección Sexta con sede en Vigo. Sinálase para a deliberación do presente recurso o día 12/1/2017.
Fundamentos
Primeiro.-Formula o actor unha acción de nulidade da cláusula solo dun contrato de préstamo hipotecario. Aduce o demandante, ao abeiro da normativa protectora dos consumidores e usuarios, que a cláusula é nula por vicio no consentimento, ao non térselle informado debidamente sobre o alcance efectivo - inconvenientes tamén- de referida cláusula, invocación da carencia de información que resulta negada pola entidade prestamista. A sentenza ditada en primeira instancia, desestimando a excepción de caducidade da acción, nunha pronuncia non combatida pola demandada, estima, sen embargo, que o actor carece da condición de consumidor e, conseguintemente, considera inaplicable a lexislación de consumo, relativa á información, e remata por rexeitar a demanda, recurrindo a sentenza a parte demandante. Esta alega, en primeiro termo, o vicio de incongruencia extrapetita da resolución, ao negar a xulgadora a quo a calidade de consumidora desta última, cando esa condición non fora posta en cuestión pola entidade bancaria demandada.
Pois ben, e sen necesidade doutras e máis complexas reflexións xurídicas, a formulación de incongruencia do recurrente ten que estimarse porque, en efecto, no escrito de contestación á demanda -realmente, tampouco en ningún intre alegatorio posterior- non se discute a calidade de consumidor do prestameiro, senón que, ainda máis, da propia e total liña argumental que se mantén pola demandada nese escrito de constestación colíxese palmariamente que esta aceptar esa condición, xa que non noutro sentido pode entenderse que se fale nel, de xeito tan reiterado como contexte, de que acatou cumpridamente o deber de información previa -verbal e por escrito engádese-, conmprensíbel e total, ou de que cumpriuse 'co doble requisito de trasparencia' requerido pola sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013 , ou, en fin, 'co doble control da trasparencia'. En definitiva, incuestionada a calidade de consumidor pola parte demandada, non pode negárselle ao demandante. Todo iso sen esquecer que malia que na escritura notarial de préstamo fálase efectivamente como destino do préstamo 'para financiar aumento de capital nunha sociedade', nas notas de condicións do préstamo indícase, pola contra, 'rehabilitación de vivenda (obras e melloras)'.
Segundo.-O demandante alicerza a declaración de abusiva da cláusula solo, reiterámolo, na falta de información, de tal xeito que, ante esa carencia, o mesmo non poido formar coñecemento cabal, pleno e fundado dos xuros que estaba contratando, e da trascendencia económica desa cláusula. E fronte a esa argumentación, o Banco recorrente ven alegar que o prestameiro foi oportuna e debidamente informado.
Pois ben, a invocación da agora recurrida carece de respaldo probatorio. A orfandade probatoria sobre a suposta información ó prestameiro é patente. E a proba da información correspóndelle ao Banco, non só pola aplicación dos postulados de facilidade e dispoñibilidade probatorias (o Banco dispón habitualmente de máis recursos humanos e materiais, e resúltanlle, en fin, máis accesibles os diversos instrumentos de proba, como a testemuñal dos seus empregados que interviñeron na operación financeira, as comunicacións co cliente, ora feitas por escrito ora con outros soportes, os folletos informativos ... ), senón tamén porque estamos ante un feito positivo, de tal xeito que se convertería en proba diabólica o demostrar a ausencia de información -e de negociación- ( sentenzas do TS do 14 de novembro de 2005 e 15 de febreiro do 2012 ). E, igualmente, por determinación expresa da lei. Así, o artigo 3.2 da Directiva 13/93/UE , de 5 de abril, dispón que a entidade bancaria debe xustificar, tanto que informou puntual e integramente ao prestameiro, como que negociou individualmente con el a cláusula cuestionada do contrato, relativa aos xuros. En derradeiro lugar, a sentenza do TXUE (Sección Cuarta) de 18 de decembro de 2014 proclama, no que para nós ten agora interese, que se opón á Directiva 2008/48 toda norma nacional segundo a cal a carga da proba do incumprimento das obligacións prescritas nos artigos 5 e 8 de referida Directiva -esencialmente, os deberes de información- corresponde ao consumidor.
Pois ben, fácil lle sería ao Banco acreditar a información nos termos de clara, personalizada, concreta, simple, precontractual, accesible e íntegra, que conteña os elementos a prol e en contra da operación, esixidos pola normativa protectora dos consumidores e usuarios. E o certo é que non se achega coa demanda de execución, nin ningún momento posterior, ningún folleto, documento informativo nin ningunha simulación con escenarios económicos diversos. Por outra banda, a propia póliza crea confusión pois na cláusula terceira bis, ao folio 91, se expresa que o tipo de xuro nominal que devengará o préstamo durante o resto da súa vida -é dicir, excepción feita do primeiro ano, nun préstamo pactado a dezaoito anos- 'terá carácter variable, tanto á alza como á baixa', cando a realidade era que, ao disporse o solo, estaríamos propiamente ante un tipo fixo mínimo -e máximo-, obstaculizándose así o dereito do consumidor a coñecer o alcance real da operación, e dos riscos e desvantaxes económicas que para el comportaba un escenario de xuros baixos, que é o que precisamente sucedeu ao partir do ano 2009, e anos sucesivos, e de xeito progresivo, ata chegar a uns euribores por debaixo do 1%.
Por outra banda, a testemuña, empregada bancaria, que intervíu na operación desdice esencialmente a tese da información da entidade bancaria. Contrariamente, a Sra. Florencia , ademáis de ignorar moitos dos promenores da operación, fai afirmacións tales como que 'as simulacións facíanse á alza normalmente', que o xuros baixos 'non lle preocupaban' dado o escenario de xuros elevados reinante, que 'non houbo oferta vinculante', ou que 'non houbo negociación'. Aseveracións incompatibles do riguroso deber de informar que a lexislación tuitiva dos consumidores impón ás entidades financieiras.
Derradeiramente, o feito de que o demandante tiver celebrado outro contrato de préstamo con anterioridade ao de lite -e no que habería igualmente unha cláusula solo- non presupón necesariamente que o mesmo xa estiver agora suficientemente informado, dado que para dar por válida a formulación sería preciso, en primeiro termo, acreditar a información na primeira operación, o que resulta improbado e, en segundo lugar, e en todo caso, que no primeiro contrato resultou efectivamente aplicada a cláusula, pois de non ser así, produciríase no consumidor o efecto contrario, da crenza de que estaba ante un préstamo sempre a xuro variable.
A modo de síntese, e podendo ser intrinsecamente válida unha cláusula solo, como declarou a sentenza do TS do día 9 de maio de 2013, en todo caso, requírese como presuposto da súa validez que a cláusula superara, ademais do control da incorporación -en esencia, artigo 5.1, parágrafo primeiro da LCXC- o filtro de transparencia, informándose de forma anticipada, práctica, comprensible e integral ao consumidor sobre as repercusións económicas e xurídicas da cláusula, para que este último poida reflexionar e tomar conciencia da carga económica e xurídica da cláusula en escenarios de mercado diversos e ata antagónicos, e para evitar, definitivamente, sorprender ao consumidor coas consecuencias dun marco de baixadas de tipos de xuros do que, paradoxalmente, non ía saír beneficiado. Declaración de abuso e de nulidade para o que non é óbice, por último, o feito de que a cláusula cuestionada integre o obxecto do contrato de préstamo dado que, malia que as cláusulas sobre xuros -remuneratorios e solo- definen, efectiva e obviamente o obxecto principal do contrato, en canto que forman parte do prezo que ten que pagar o prestameiro, esa condición de elemento principal non exclúe o xogo da normativa protectora dos consumidores e usuarios, e de que tales cláusulas poidan ser consideradas abusivas (de conformidade coas xa citadas sentenzas do TXUE de 3 de xuño de 2010 e do TS do 9 de maio de 2013 ). E tal como indica esta última resolución, o feito de que poida existir unha regulación sectorial (por exemplo, a Orde de 5 de abril de 1994) tampouco é óbice para o obrigado acatamento daquela lexislación.
Polo dito, se acolle integramente o recurso e a demanda nos termos previstos na sentenza do TXUE de 21 de decembro de 2016 .
Terceiro.-A estimación da apelación e da demanda conleva impor á parte demandada as custas procesuais da primeira instancia, e non facermos unha especial pronuncia sobre as desta alzada (artigos 394 e 398 da L. A. C.).
Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,
Fallo
Que con acollida do recurso de apelación e da demanda formulados por D. Héctor , representado polo procurador D. Francisco Manuel Castro Vidal, declaramos a nulidade da cláusula solo (terceira bis) do contrato de préstamo con garantía hipotecaria plasmado na escritura notarial de 22 de febreiro de 2008, condenando á parte demandada CAJA ESPAÑA DE INVERSIONES, CAJA DE AHORROS Y MONTE DE PIEDAD a restituir ao actor as sumas cobradas por aplicación de referida cláusula dende o intre en que se fixo, máis os xuros legais dende a data da interpelación xudicial ata a data da sentenza ditada en primeira instancia, xuros que serán os legais incrementados en dous puntos dende esta última data ata a do completo pagamento. Impomos á demandada as custas procesuais da primeira instancia e non facemos unha especial declaración sobre as custas desta alzada.
Esta é a nosa sentenza, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1 , 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1 , 2 , 6.3 , e 7.2 e 3 da Lei 3/1983 , do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.
MODO DE IMPUGNACIÓN: Contra a presente sentenza cabe interpoñer recurso de casación por tratarse dun proceso que presenta interese casacional, sobre a base do establecido no art.º 477 da LEC , debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes á súa notificación na forma establecida no art.º 479 da LEC . Asímesmo cabe interpoñer recurso extraordinario por Infracción Procesual sobre a base do establecido no art.º 468 da LAC, debendo interpoñer dentro dos vinte días seguintes a súa notificación na forma establecido no artº 479 da LAC.
NOTA INFORMATIVA: Conforme á D.A. Décimo quinta da L.O.P.J ., para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.
O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no BANCO SANTANDER, Sucursal c/ Coruña, na conta deste expediente 09150000120032716, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, Comunidade Autónoma, entidade local e organismo autónomo dependente. Se o ingreso se efectúa a medio de transferencia o núm. De conta IBAN é o seguinte: ES55 3569 9200 0500 1274 facendo constar no xustificante de ingreso e como concepto o número de conta expediente antes salientado.
Notifíqueselles ás partes a presente resolución.
Devólvanselle os autos orixinais ó xulgado do que proceden, cun testemuño desta sentenza para o seu coñecemento e cumprimento.
