Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE TEO. PERSONAL FUNCIONARIO de Coruña
Convenios
Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

Última revisión
26/04/2010

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE TEO. PERSONAL FUNCIONARIO de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2010 en adelante

Tiempo de lectura: 152 min

Tiempo de lectura: 152 min

Convenio Colectivo
Tipo:
C. Colectivo
F. Publicación:
2010-04-26
Boletín:
Boletín Oficial de A Coruña
F. Vigor:
2010-01-01
Convenio afectado por
Tipo:
Modificacion/Interpretacion
F. Publicación:
2019-03-07
Boletín:
Boletín Oficial de A Coruña
F. Vigor:
2019-01-01
Documento oficial en PDF(Páginas 62-102)

Acordo regulador das condicions laborais do persoal funcionario ao servizo do Concello de Teo (Boletín Oficial de A Coruña num. 76 de 26/04/2010)

Preambulo

Acordo regulador das condicións laborais do persoal funcionario ao servizo do Concello de Teo

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servizo do Concello de Teo, que tivo entrada neste Departamento Territorial da Consellería de Traballo o día 08.02.10, subscrito pola representación do concello e polo representante sindical do persoal funcionario o día 15.01.10, e ratificado polo Pleno da Corporación na súa sesión de 27.01.10, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das Administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, este departamento territorial

ACORDA:

PRIMEIRO.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

SEGUNDO.-Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A Coruña, 8 de abril de 2010.

O xefe Territorial de Traballo

Luis Alberto Álvarez Freijido

ACORDO REGULADOR DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PERSOAL FUNCIONARIO AO SERVIZO DO CONCELLO DE TEO

ÍNDICE

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS (arts. 1 a 12)

 

CAPÍTULO II. SEGUIMENTO E CONTROL (arts. 13 a 14)

 

CAPÍTULO III. SOLUCIÓN EXTRAXUDICIAL DE CONFLICTOS COLECTIVOS (arts. 15 a 16)

 

CAPÍTULO IV. DEREITOS SINDICAIS

 

SECCIÓN 1.ª. DO DEREITO Á ACTIVIDADE SINDICAL (arts. 17 a 20)

 

SECCIÓN 2.ª. DAS SECCIÓNS SINDICAIS (arts. 21 a 25)

 

SECCIÓN 3.ª. DO DEREITO Á REPRESENTACIÓN COLECTIVA (arts. 26 a 28)

 

SECCIÓN 4.ª. DO DEREITO DE REUNIÓN (arts. 29 a 31)

 

SECCIÓN 5.ª. DOS DEREITOS DE NEGOCIACIÓN E PARTICIPACIÓN COLECTIVA (arts. 32 a 35)

 

SECCIÓN 6.ª. DO DEREITO DE FOLGA (art. 36)

 

CAPÍTULO V. DEREITOS E DEBERES DOS EMPREGADOS MUNICIPAIS

 

SECCIÓN 1.ª. DOS DEREITOS DOS EMPREGADOS DO CONCELLO (arts. 37 a 38)

 

SECCIÓN 2.ª. DOS DEBERES DOS EMPREGADOS DO CONCELLO: PRINCIPIOS ÉTICOS E DE CONDUCTA (art. 39)

 

CAPÍTULO VI. CALIDADE DOS SERVIZOS E ABSENTISMO LABORAL (art. 40)

 

CAPÍTULO VII. CALENDARIOS LABORAIS, XORNADAS E HORARIOS (arts. 41 a 51)

 

CAPÍTULO VIII. VACACIÓNS, PERMISOS, LICENCIAS E SITUACIÓNS ADMINISTRATIVAS (arts. 52 a 55)

 

CAPÍTULO IX. PLANIFICACIÓN DOS RECURSOS HUMANOS DO CONCELLO DE TEO (arts. 56 a 59)

 

CAPÍTULO X. EMPREGADOS PÚBLICOS DO CONCELLO DE TEO

 

SECCIÓN 1.ª. INSTRUMENTOS DE ORDENACION DO PERSOAL (art. 60)

 

SECCIÓN 2.ª. CLASIFICACION DO PERSOAL (arts. 61 a 67)

 

CAPÍTULO XI. ACCESO Á CONDICIÓN DE EMPREGADO PUBLICO DO CONCELLO DE TEO

 

SECCIÓN 1.ª. SELECCIÓN E ACCESO (arts. 68 a 71)

 

SECCIÓN 2.ª. PROVISIÓNS DE POSTOS DE TRABALLO (arts. 72 a 74)

 

SECCIÓN 3.ª. OUTRAS FORMAS DE PROVISIÓN (arts. 75 a 77)

 

SECCIÓN 4.ª. MOBILIDADE DO PERSOAL (art. 78.)

 

CAPÍTULO XII. INCOMPATIBILIDADES (art. 79)

 

CAPÍTULO XIII. NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (art. 80)

 

CAPÍTULO XIV. RÉXIME DISCIPLINARIO (art. 81)

 

CAPÍTULO XV. CARREIRA PROFESIONAL E PROMOCIÓN INTERNA

 

SECCIÓN 1.ª. DA CARREIRA PROFESIONAL (arts. 82 a 89)

 

SECCIÓN 2.ª. DA AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO (arts. 90 a 91)

 

CAPÍTULO XVI. SISTEMA RETRIBUTIVO

 

SECCIÓN 1.ª. DA ESTRUTURA RETRIBUTIVA (arts. 92 a 101)

 

SECCIÓN 2.ª. DA COMPENSACIÓN DO TRABALLO EN PERÍODO FESTIVO, NOCTURNO, XORNADA PARTIDA E XORNADA IRREGULAR (arts. 102 a 108)

 

CAPÍTULO XVII. ACCIÓN SOCIAL E OUTROS DEREITOS (arts.109 a 116)

 

CAPÍTULO XVIII. FORMACIÓN (arts. 117 a 119)

 

CAPÍTULO XIX. SEGURIDADE E SAÚDE (arts. 120 a 129)

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
PRIMEIRA. REVISIÓN DE CONDICIÓNS DE TRABALLO
Sin contenido.
SEGUNDA. CONSOLIDACIÓN DE EMPREGO TEMPORAL
Sin contenido.
TERCEIRA. FUNCIONARIZACIÓN DE PERSOAL LABORAL
Sin contenido.
CUARTA. SINGULARIZACIÓN DOS POSTOS DE TRABALLO
Sin contenido.
QUINTA. PLAN DE IGUALDADE
Sin contenido.
SEXTA. ACTUALIZACIÓN DAS CONTÍAS DAS RETRIBUCIÓNS
Sin contenido.
SÉTIMA. ADAPTACIÓN ORGANIZATIVA E FUNCIONAL DA POLICÍA LOCAL
Sin contenido.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 
PRIMEIRA. IMPLANTACIÓN DO NOVO SISTEMA EDUCATIVO
Sin contenido.

DISPOSICIÓNS FINAIS

 
PRIMEIRA. ENTRADA EN VIGOR
Sin contenido.

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 
Artigo 1. Representación e lexitimidade.

As partes que concertan este acordo son o Concello de Teo, no exercicio da súa autonomía local, e as Organizacións Sindicais CIG (Confederación Intersindical Galega), UGT (Unión General de Trabajadores) e CCOO (Comisiones Obreras), constituídos en mesa xeral de negociación de funcionarios, ao abeiro do previsto na Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, a Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, e demais normativa de aplicación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación persoal e funcional.

O acordo aplicarase ás condicións de emprego do persoal funcionario ao servizo do Concello de Teo.

Artigo 3. Ámbito territorial.

O presente acordo será de aplicación no ente territorial do Concello de Teo e na totalidade de organismos e entes públicos que formen ou poidan formar parte do mesmo.

Artigo 4. Ámbito temporal, vixencia e denuncia.

1. O presente acordo regulador entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, abarcando o seu período de vixencia ata o 31 de decembro de 2011, data na que se entenderá prorrogado por anualidades, de non existir denuncia dalgunha das partes, ata que a entrada en vigor do novo acordo que substitúa ao anterior, trala oportuna negociación.

2. O acordo considerarase denunciado cando así o faga calquera das partes, por escrito, con tres meses de antelación, á finalización da súa vixencia ou de calquera prórroga, a fin de iniciar as negociacións e deliberacións do novo acordo, en data non posterior a un mes contado a partir da data de denuncia.

Artigo 5. Obxecto.

O presente acordo, e co alcance normativo a que fai referencia o artigo 2, regula e facilita o normal desenvolvemento das relacións de traballo dentro do seu ámbito de aplicación, derrogando as normas iguais, ou de inferior rango, no que se opoñan ao seu contido.

Artigo 6. Carácter.

O acordo ten un carácter necesario e indivisible para todos os efectos, no sentido de que as condicións pactadas neste constitúen un todo orgánico e unitario.

Artigo 7. Condicións máis beneficiosas.

Enténdese este acordo como o marco global máis favorable. A comisión paritaria de control e seguimento estudará, caso por caso, a aplicación, a persoas determinadas, de condicións laborais máis beneficiosas que estean recoñecidas con anterioridade á entrada en vigor do mesmo.

As condicións do presente acordo teñen carácter supletorio da normativa vixente e reguladora do réxime estatutario do persoal funcionario ao servizo das Administracións Locais de Galicia. En todo caso, as melloras de carácter normativo que se establezan para os empregados públicos e que afecten ao ámbito da Administración Local, incorporaranse baixo o principio de norma mais favorable ou condición máis beneficiosa, sen prexuízo das actualizacións e adaptacións a que fai referencia o artigo 13.1.d) deste acordo.

Artigo 8. Irrenunciabilidade.

Terase por nula e por non feita a renuncia por parte dos/das traballadores/as de calquera beneficio establecido no acordo.

Artigo 9. Aplicación favorable.

Como norma xeral, unha vez aplicado o acordo, e trala consulta á comisión de seguimento e interpretación, tódalas condicións establecidas no mesmo, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade, en canto ao seu sentido e alcance, terán que ser interpretadas e aplicadas do xeito que resulte máis beneficioso para os/as empregados/as, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

Artigo 10. Aplicación directa.

As partes signatarias do acordo comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puideran supoñer modificacións das condicións pactadas no texto.

Artigo 11. Rexistro e publicidade.

Este acordo rexistrarase diante da oficina pública correspondente, ao abeiro do artigo 38 da Lei 7/2007, de 12 de abril, e do artigo 90 do R.D.Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e con independencia da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. A publicidade do presente texto farase por conta do Concello de Teo, dando coñecemento do mesmo a todos/as os/as empregados/as.

Artigo 12. Conflitividade laboral.

Antes de adoptar medidas disciplinarias ou actitudes conflitivas de carácter colectivo, as partes asinantes do acordo comprométense a esgotar a vía do diálogo dentro da propia institución, acudindo á comisión paritaria de control e seguimento.

CAPÍTULO II. SEGUIMENTO E CONTROL

 
Artigo 13. Comisión paritaria de control e seguimento.

1. Trala entrada en vigor deste acordo constituírase unha comisión paritaria de control e seguimento. A súa composición será paritaria, correspondendo a cada organización sindical asinante a designación dun representante e igual número por parte do Concello.

A comisión de control e seguimento terá as seguintes funcións:

a) Interpretar a totalidade dos artigos e cláusulas do acordo.

b) Vixiaro cumprimento do pactado e denunciar, no seu caso, os incumprimentos.

c) Estudar, propor e, cando proceda, resolver aquelas cuestións ou reclamacións que, de común acordo, lle sexan sometidas polas partes.

d) Actualizar o contido do presente acordo para adaptalo ás modificacións que poidan derivarse de cambios normativos ou de acordos ou pactos subscritos entre as administracións públicas e os sindicatos.

e) Facer o seguimento e, no seu caso, desenvolvemento da aplicación do acordo. A tal efecto a comisión emitirá, cando o considere conveniente, un informe sobre estes extremos.

f) Asegurar a non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato, os posibles abusos, agresións de orde sexual, laborais, físicas ou psíquicas, tanto por parte dos compañeiros de traballo, como dos superiores.

g) Impedir a realización de toda conduta abusiva ou de violencia psicolóxica que se realice de xeito sistemático sobre un/unha traballador/a, manifestada especialmente a través de reiterados comportamentos, palabras ou actitudes que lesionen a dignidade ou integridade psíquica do mesmo e que poñan en perigo ou degraden as súas condicións de traballo.

h) Aprobar un regulamento interno no que se concretará o seu réxime de funcionamento e as funcións a desenvolver.

i) Calquera outra función que expresamente se lle atribúa no acordo ou que, de común, as partes consideren conveniente.

Artigo 14. Réxime de funcionamento.

1. A comisión paritaria reunirase, con carácter ordinario, semestralmente, e de xeito extraordinario, cando o solicite, polo menos, o 50% dos seus compoñentes.

2. A comisión paritaria poderá utilizar os servizos ocasionais ou permanentes de asesores, con voz pero sen voto.

3. A comisión paritaria contará cun/cunha secretario/a, que será un/unha empregado/a designado polo Concello, e que actuará na mesma con voz pero sen voto.

4. As convocatorias das sesións realizaraas o/a secretario/a, co visto e prace dos voceiros, mediante citación por escrito na que conste, lugar, data e hora, así como a orde do día. A convocatoria enviarase ás partes cunha antelación mínima de sete días hábiles, respecto da data prevista de celebración, no caso de sesións ordinarias, e dous días para o caso de sesións extraordinarias.

5. A orde do día das sesións da comisión será fixada polo/a secretario/a, co visto e prace dos voceiros.

6. Para que as sesións da comisión paritaria poidan celebrarse validamente, será precisa a asistencia de, polo menos, o 51% dos seus membros, así como do/da secretario/a ou de quen o substitúa no cargo.

7. Os acordos deberán adoptarse por mais do 50% de cada unha das dúas representacións, sendo de carácter obrigatorio e vinculantes para ambas partes.

8. De cada xuntanza, e ao seu remate, o/a secretario/a da comisión redactará a correspondente acta, na que haberá de constar o lugar, data, e hora de comezo e remate da reunión, nomes e apelidos dos presentes, os asuntos tratados, os acordos adoptados, cun resumo das opinións emitidas, e a expresión dos votos. A correspondente acta, así redactada, pasarase inmediatamente á aprobación e sinatura de tódolos asistentes.

9. As actas das sesións arquivaranse nun rexistro que custodiará o/a secretario/a, baixo a súa responsabilidade, tendo que expedir as certificacións oportunas dos acordos que as referidas actas conteñan, cando así se reclame por parte lexitimamente interesada.

10. Cando ámbalas partes así o consideren, crearanse comisións de traballo específicas para tratar temas concretos e predeterminados. Estas comisións elaborarán ditames que logo serán presentados á comisión paritaria, non sendo estes vinculantes senón de natureza informativa.

11. As comunicacións oficiais da comisión verificaranse, sempre, directamente e por escrito, sen que poidan admitirse traslados e reproducións a través doutras instancias.

CAPÍTULO III. SOLUCIÓN EXTRAXUDICIAL DE CONFLITOS COLECTIVOS

 
Artigo 15. Solución extraxudicial de conflitos colectivos.

1. O Concello de Teo e a representación de persoal acordan, como mecanismo de resolución e mediación nos posibles conflitos colectivos ou discrepancias significativas e insolubles, o diálogo e a negociación.

2. Esgotadas as vías de negociación e diálogo, a resolución extraxudicial de conflitos deberá levarse a cabo por procedementos de mediación e arbitraxe.

Artigo 16. Sistemas de mediación e arbitraxe.

As discrepancias, no ámbito do persoal funcionario, resolveranse a través dos procedementos de mediación e arbitraxe a que fai referencia o artigo (45) da Lei 7/2007, de 12 de abril, e restante normativa de aplicación.

A aplicación deste procedemento realizarase conforme ós seguintes presupostos:

1.-O Concello do Teo e as organizacións sindicais máis representativas poderán acorda-la creación, configuración e desenvolvemento de sistemas de solución extraxudicial de conflitos colectivos.

2.-Os conflitos a que se refire o apartado anterior poderán ser os derivados da negociación dos pactos e acordos, os derivados da aplicación e interpretación destes e, en xeral, os derivados da negociación, aplicación e interpretación dos acordos sobre as materias sinaladas na Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, e restante normativa de aplicación, excepto para aquelas materias para as que exista reserva formal de Lei.

3.-Os sistemas poderán estar integrados por procedementos de mediación e arbitraxe. A mediación será obrigatoria cando o solicite unha das partes e as propostas de solución que ofrezan o/a mediador/a ou mediadores/as poderán ser libremente aceptadas ou rexeitadas polas devanditas.

Mediante o procedemento de arbitraxe as partes poderán acordar voluntariamente encomendar a un/ha terceiro/a a resolución do conflito exposto, comprometéndose de antemán a acepta-lo contido desta.

4.-O acordo logrado a través da mediación ou da resolución de arbitraxe terá a mesma eficacia xurídica e tramitación dos pactos e acordos regulados por Lei, sempre que quen houbera adoptado o acordo ou subscrito o compromiso arbitral tivese a lexitimación que lles permita acordar, no ámbito do conflicto, un pacto ou acordo conforme ó previsto pola Lei.

Estes acordos serán susceptibles de impugnación. Especificamente, caberá recurso contra a resolución arbitral no caso de que non observaran, no desenvolvemento da actuación arbitral, os requisitos e formalidades establecidos para o efecto, ou cando a resolución versara sobre puntos non sometidos á súa decisión, ou que esta contradiga a legalidade vixente.

5.-A utilización destes sistemas efectuarase conforme os procedementos que regulamentariamente sexan determinados tralo acordo coas Organizacións Sindicais representativas.

En todo caso, en ausencia dun regulamento específico ao respecto, será a comisión paritaria a que determinará os criterios de xestión, e designación, no seu caso, de mediadores e árbitros, así como o alcance e sistemas de reclamación de resolucións emitidas, correspondéndolle, en primeiro termo, as competencias para propoñer e designar mediadores/as e árbitros.

CAPÍTULO IV. DEREITOS SINDICAIS

 

SECCIÓN 1.ª. DO DEREITO Á ACTIVIDADE SINDICAL

 
Artigo 17. Dereito á sindicación.

1. O persoal do Concello de Teo ten dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos seus intereses profesionais, económicos e sociais.

2. O dereito á libre sindicación comprende o dereito a afiliarse ao sindicato da súa elección, a separarse do que estivese afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliarse a un sindicato, e a elixir libremente aos seus representantes.

Artigo 18. Protección para o exercicio do dereito a actividade sindical.

1. O Concello proporcionará a axeitada protección ao persoal ao seu servizo contra todo acto antisindical que implique discriminación ou demérito relacionado co seu emprego.

2. A dita protección exercerase especialmente contra todo tipo de accións ou actuacións que persigan:

a) Influír nas condicións laborais do/da empregado/a para que este se afilie ou non a unha central sindical, que deixe de ser membro dela, ou que renuncie á actividade sindical.

b) Fustrigar ou relegar a calquera traballador/a no seu lugar de traballo, ou prexudicalo de calquera xeito a causa da súa pertenza a unha central sindical ou da súa participación nas actividades sindicais.

c) Condicionar o emprego público á esixencia de afiliación ou non a calquera central sindical, ou á esixencia de causar baixa na mesma.

Artigo 19. Exercicio da actividade sindical.

1. Os empregados públicos do Concello teñen dereito a dedicarse á acción sindical no lugar, tempo e forma previstos na Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, na Lei 7/2007, de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, así como en calquera outra norma que sexa de aplicación.

2. Para estes efectos, entenderase como ámbito material inmediato para a acción sindical no Concello, os centros de traballo, considerándose como tales, tanto o propio de cada empregado/a como calquera outra dependencia, establecemento ou local pertencente ao Concello, aínda que se encontre situado en sede distinta.

Artigo 20. Respecto ás necesidades do servizo.

Os dereitos recoñecidos ao persoal municipal neste capítulo, exercitaranse co debido respecto ás persoas e bens, procurando sempre non interferir na boa marcha do traballo e na atención ás necesidades do servizo.

SECCIÓN 2.ª. DAS SECCIÓNS SINDICAIS

 
Artigo 21. Dereito a constituír seccións sindicais.

Os empregados públicos do Concello afiliados a centrais sindicais, legal e validamente constituídas e recoñecidas, poderán constituír seccións sindicais de conformidade co establecido no presente capítulo e coa lexislación vixente.

Artigo 22. Constitución das seccións sindicais.

Para a atribución das garantías, facultades, funcións e competencias recoñecidas neste acordo, as seccións sindicais deberán acreditar que as organizacións sindicais ás que pertencen obtiveron polo menos o 10% dos votos nas eleccións dos órganos de representación do persoal celebradas no Concello, ou que teñen a condición de organizacións sindicais máis representativas de conformidade co previsto na LOLS e restante normativa de aplicación.

De non cumprise estes requisitos, as seccións sindicais que poidan terse constituído terán atribuídos os dereitos e condicións de carácter xenérico que se recoñecen, na normativa vixente, e de maneira xeral, a todas as sección sindicais.

Artigo 23. Atribucións das seccións sindicais.

As seccións sindicais terán, cando menos, as seguintes facultades, garantías, funcións e competencias:

- Representar e defender os intereses da central sindical á que pertencen e dos afiliados da mesma.

- Posuír e exercer, a través dos correspondentes órganos de representación, a representación legal para asuntos sociolaborais de todos e cada un dos seus afiliados, sen prexuízo doutras formas legais de representación que puidesen recabar os mesmos.

- A atribución de representación ás seccións sindicais implica, entre outras facultades, a de realizar calquera clase de intervención, pedimento, reivindicación ou reclamación de índole sociolaboral, por escrito ou mediante comparecencia, en nome e representación de calquera afiliado, sen menoscabo do exercicio individualizado das mesmas que puidese realizar este.

- Recibir, do xeito previsto na normativa vixente, a máis completa información en todos os asuntos do persoal do Concello por medio dos seus delegados.

- Recoller as diversas reivindicacións sociolaborais do persoal ao servizo do Concello e propoñelas ás autoridades ou órganos correspondentes e diante dos representantes do persoal

- Informarse, por iniciativa propia, de todas as cuestións que afecten ao persoal do Concello. Para estes efectos, os delegados ou representantes sindicais poderán ter acceso a toda a documentación relativa a ditas cuestións, previa autorización da Alcaldía, dentro dos límites legais, así como da reserva e o non abuso, garantindo o Concello a consulta ou reprodución gratuíta daqueles que se consideren precisos para o exercicio da actividade sindical, sen prexuízo das garantías que se consideren oportunas para evitar o extravío dos documentos, así como das responsabilidades legais en que os solicitantes puidesen incorrer por incumprimento do deber de reserva profesional e sindical.

- Exhibir e difundir libremente, en horas e lugares de traballo, calquera tipo de información, prensa, propaganda e publicacións de carácter sindical ou de interese laboral ou profesional.

Para estes efectos, o Concello disporá a colocación, ás súas expensas, de taboleiros de anuncios sindicais para a exposición e divulgación de calquera documentación do tipo anteriormente sinalado en todos os centros de traballo pertencentes ao Concello, en lugares adecuados e visibles. O número, tamaño e distribución dos taboleiros, será o adecuado ás dimensións e estrutura do centro, de xeito que se garanta a máis ampla publicidade e accesibilidade ao que se expoña.

- Convocar e celebrar reunións e asembleas, tanto de afiliados como de todo ou parte do persoal, nos mesmos termos previstos para os funcionarios na Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público.

- Empregar asesoresen calquera actividade que realicen no exercicio das súas competencias.

- Para recadar as cotas sindicais, a sección sindical poderá acordar co Concello o seu desconto en nómina, logo da autorización dos seus afiliados.

- Presentar e negociar perante os órganos resolutorios correspondentes cantos asuntos procedan en materia de condicións de traballo, seguridade e saúde laboral, réxime de asistencia, seguridade e previsión social, no que sexa competencia do Concello e de conformidade coa regulamentación relativa aos dereitos de negociación e participación que se recollen na lei e no presente acordo.

- Expresar libremente opinións respecto das materias relativas á súa esfera de actividade.

- Proporcionar asistencia e defensa, e obter audiencia no suposto de seguirse procedemento disciplinario contra calquera dos seus afiliados, sen prexuízo do dereito individual de audiencia, regulada no dito procedemento.

Artigo 24. Delegados sindicais.

1. As seccións sindicais validamente constituídas, segundo os criterios estipulados a tal efecto no presente acordo, no seu artigo 22, ,terán dereito a designar un delegado sindical.

2. Os delegados sindicais terán as seguintes funcións e dereitos:

- Exercitar as competencias atribuídas á sección sindical que representan.

- Autentificar coa súa firma o que a súa sección sindical expoña nos taboleiros de anuncios.

- Convocar as reunións da sección sindical.

- Dispoñer, sen menoscabo das súas retribucións, do mesmo número de horas sindicais que os membros dos órganos de representacións do persoal, dentro da xornada de traballo, sen prexuízo das que lle poidan corresponder por ser tamén membro dos mesmos.

- Exercer, en nome e representación da súa sección sindical, cantas accións xudiciais ou administrativas requira o cumprimento da súa función.

- Serlle admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designado como instrutor ou secretario nun expediente disciplinario.

Artigo 25. Sixilo profesional.

Tanto os delegados de persoal, como as seccións sindicais no seu conxunto, observarán sixilo profesional no exercicio das súas funcións, en todas aquelas materias sobre as que o Concello sinale expresamente o carácter reservado, aínda despois de ter rematado o seu mandato. En todo caso, ningún tipo de documento entregado polo Concello ás seccións sindicais e aos seus delegados poderá ser utilizado fóra do estrito ámbito municipal e para fins distintos dos que motivaron a súa entrega.

SECCIÓN 3.ª. DO DEREITO Á REPRESENTACIÓN COLECTIVA

 
Artigo 26. A representación colectiva.

Por representación enténdese a capacidade de elixir representantes e constituír órganos unitarios a través dos que se instrumente a interlocución entre o Concello e os seus empregados.

A representación do persoal funcionario, articularse a través de Delegados de persoal ou Xuntas de persoal, de acordo co disposto no artigo 39 e seguintes da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto do Empregado Público, normas que a desenvolvan e demais normativa de aplicación

Artigo 27. Garantías e facultades.

Os membros das Xuntas de Persoal e os Delegados de Persoal, no seu caso, como representantes legais dos funcionarios, disporán, no exercicio da súa función representativa, das seguintes garantías e dereitos, sen prexuízo do que a normativa de aplicación poida establecer ao respecto;

- O acceso e libre circulación polas dependencias de súa unidade electoral, sen que se entorpeza o normal funcionamento das correspondentes unidades administrativas, dentro dos horarios habituais de traballo e con excepción das zonas que se reserven de conformidade co disposto na lexislación vixente.

- A distribución libre das publicacións que se refiran a cuestións profesionais e sindicais.

Para estes efectos, o Concello facilitará aos órganos de representación idénticos medios que os sinalados para as seccións sindicais.

- A audiencia nos expedientes disciplinarios a que puideran ser sometidos seus membros durante o tempo do seu mandato e durante o ano inmediatamente posterior, sen menoscabo da audiencia ao interesado regulada no procedemento sancionador.

- Dispor dun crédito de 25 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións. Para estes efectos non se computarán as horas empregadas en xuntanzas con representantes da corporación.

- Poderanse acumular nun ou varios membros dos representantes electos, ou delegados da sección sindical, as horas sindicais correspondentes a outros delegados da mesma candidatura ou sección sindical, podendo quedar relevado ou relevados do traballo, sen prexuízo da súa remuneración, e da súa promoción e carreira profesional tanto a nivel horizontal como vertical.

- Non ser trasladados nin sancionados por causas relacionadas co exercicio do seu mandato representativo, nin durante a vixencia do mesmo, no ano seguinte a súa extinción, exceptuando a extinción que teña lugar por revocación ou dimisión.

- Os membros das Xuntas de Persoal e os Delegados de Persoal no poderán ser discriminados na súa formación nin na súa promoción económica ou profesional por razón do desempeño da súa representación.

- Utilizar un local facilitado polo Concello, na medida das súas posibilidades, e previa solicitude, para actividades sindicais cunhas características e equipamento que satisfagan as diversas necesidades que en canto a capacidade, dotación, material e situación física puidesen presentarse. Este local será compartido coas seccións sindicais.

- O Concello de Teo, dotará aos órganos de representación sindical dun orzamento anual para actividades sindicais, que consistirá nunha cantidade anual de 500 €, que experimentará anualmente os incrementos de natureza xeral que se establezan para retribucións de persoal.

- Seralles admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designados como instrutores ou secretarios nun expediente disciplinario.

Artigo 28. Competencias.

Sen prexuízo do previsto na normativa, os órganos de representación terán as seguintes competencias:

a) Recibir información, sobre a política de persoal, así como sobre os datos referentes á evolución das retribucións, evolución probable do emprego no eido correspondente e programas de mellora do rendemento.

b) Coñecer os nomeamentos do persoal funcionario do Concello. Para isto o Concello entregará aos órganos de representación sindical os nomeamentos de dito persoal.

c) Emitir informe, a solicitude da propia entidade local, sobre o traslado total ou parcial das instalacións e implantación ou revisión dos seus sistemas de organización e métodos de traballo.

d) Ser informados de todas assancións impostas por faltas moi graves.

e) Ter coñecemento e ser oídos no establecemento da xornada laboral e horario de traballo, así como no réxime de vacacións e permisos.

f) Vixiar o cumprimento das normas vixentes en materia de condicións de traballo, prevención de riscos laborais, Seguridade Social e emprego, e exercer, no seu caso, as accións legais oportunas ante os organismos competentes.

g) Colaborar coa Administración Municipal para conseguir o establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e incremento da produtividade.

h) A Representación de Persoal Funcionario, colexiadamente, por decisión maioritaria dos seus membros e, no seu caso, os Delegados de Persoal, mancomunadamente, estarán lexitimados para iniciar, como interesados, os correspondentes procedementos administrativos e exercitar as accións en vía administrativa ou xudicial en todo o relativo ao eido das súas funcións.

SECCIÓN 4.ª. DO DEREITO DE REUNIÓN

 
Artigo 29. Dereito de reunión e lexitimación.

1. Os empregados do Concello poderán exercitar o dereito de reunión cos requisitos e condicións sinaladas nesta sección e na demais normativa de aplicación.

2. Están lexitimados para convocar reunións:

- A xunta de persoal.

- Os delegados de persoal.

- As organizacións sindicais, directamente ou a través dos delegados sindicais.

- Un número de traballadores/as non inferior ao 40% do colectivo convocado

Artigo 30. Do lugar e momento da reunión.

1. As reunións no centro de traballo autorizaranse fora das horas de traballo, salvo acordo entre o órgano competente en materia de persoal e quenes estean lexitimados para convocalas.

2. As reunións no centro de traballo dentro da xornada laboral non poderán superar as 36 horas anuais, e só poderán denegarse por mor de forza maior. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

3. Sen prexuízo do anterior, en período electoral, as candidaturas que se presenten poderán convocar e celebrar asembleas de persoal dentro da xornada laboral, por un tempo máximo, para todas elas, de 4 horas en cada centro de traballo.

4. Non existirá ningún tipo de limitación para celebrar reunións fóra da xornada de traballo, sempre que se garanta a seguridade das instalacións ou dependencias que deberán ser previamente solicitadas, con tempo suficiente.

5. En calquera caso, a celebración da reunión non prexudicará a prestación dos servizos

6. O Concello facilitará, na medida das súas posibilidades, os locais adecuados para que as reunións poidan celebrarse.

Artigo 31. Convocatoria da reunión.

Os requisitos para celebrar unha reunión son os seguintes:

- Comunicar por escrito a súa celebración con antelación de dous días hábiles, se a reunión ten lugar fóra da xornada de traballo, e de cinco días se é dentro da xornada laboral, debendo acusar recibo.

- Indicar no escrito:

Día, hora e lugar de celebración.

Colectivo ao que se convoca.

Orde do día.

Identificación dos asinantes, que deberán estar lexitimados para convocar a reunión consonte o disposto neste capítulo

- As reunións entenderanse autorizadas e poderán celebrarse sen outro requisito se a autoridade competente non formula obxeccións á mesma mediante resolución motivada, cando menos, vintecatro horas antes da celebración.

SECCIÓN 5.ª. DOS DEREITOS DE NEGOCIACIÓN E PARTICIPACIÓN COLECTIVA

 
Artigo 32. Do dereito á negociación colectiva.

Na negociación colectiva aplicaranse os seguintes principios xerais

a) Os empregados públicos teñen dereito á negociación colectiva, representación e participación institucional para a determinación das súas condicións de traballo.

b) Por negociación colectiva enténdese o dereito a negociar á determinación das condicións de traballo dos empregados da Administración Pública.

c) Por participación institucional enténdese o dereito a participar, a través das organizacións sindicais, nos órganos de control e seguimento das entidades ou organismos que a lei contemple ou por acordo se decida, na mesa xeral de negociación.

Artigo 33. Mesas de negociación do Concello de Teo.

1. No ámbito do Concello de Teo, a negociación colectiva levarase a cabo no seo dos seguintes órganos; a mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo, a mesa xeral de negociación de funcionarios e a mesa de negociación do convenio colectivo do persoal laboral.

2. A mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo terá como obxecto a negociación de todas aquelas materias e condicións de traballo comúns ao persoal laboral e funcionario ao servizo da entidade municipal, sendo competencias específicas das dúas mesas restantes os procesos de negociación preceptivos para a aprobación e modificación do acordo e Convenio Colectivo que regulen as condicións de traballo de persoal funcionario e laboral, respectivamente. De calquera xeito, en caso de existires dúbidas ao respecto do órgano negociador competente nunha determinada materia, debe ser a mesa Xeral de Negociación do Concello de Teo, en primeira instancia, a que asuma a súa discusión ou derivación, no seu caso, ao órgano negociador competente.

A mesa xeral de negociación do persoal Concello de Teo constituirase de xeito paritario, estando presentes, dunha parte, a representación do Concello, e doutra, os representantes das organizacións sindicais máis representativas (conforme aos criterios de lexitimidade representativa e proporcionalidade na composición das mesas que ao respecto se establece na Lei 7/2007, de 12 de abril, e demais normativa de aplicación) e representantes do comité de empresa ou delegados de persoal.

a) Por acordo entre as partes, designarase un/unha empregado/a municipal do Concello para asumir as funcións de secretario/a da mesa de negociación, que será o encargado de redactar a correspondente acta de cada reunión, da que dará fe. Esta acta será, ademais, asinada por todos os membros da mesa. O/a secretario/a encargarase tamén das tarefas administrativas propias da preparación, convocatoria e publicidade da mesa de negociación.

b) As reunións da mesa de negociación do Concello terán lugar cunha periodicidade mínima anual. Igualmente terán lugar reunións cando o soliciten, de común acordo, as partes ou os representantes de calquera das partes.

c) A orde do día das reunións será determinada conxuntamente, podendo incluír calquera das partes cantos asuntos consideren oportunos. As partes recibirán notificación formal da celebración das reunións cunha antelación mínima de 48 horas, poñendo simultaneamente á súa disposición toda a documentación relativa aos asuntos incluídos na orde do día para os efectos do seu coñecemento e estudo previo.

d) Calquera das partes poderá deixar sobre a mesa os asuntos que, ao seu entender, requiran dun máis detido exame ou emisión de informe, ou cando considere que faltan datos ou antecedentes de importancia para fundamentar a adopción de acordos ou resolucións. Do mesmo xeito, calquera dos representantes de ambas partes poderá facer constar, tanto na acta da reunión como na parte expositiva da posterior resolución, o ditame ou informe que emitan ao respecto os órganos da corporación, as discrepancias de calquera índole e os argumentos en que se fundamenten.

3. A mesa xeral de negociación de funcionarios, estará constituída, paritariamente, polo Concello e os representantes das organizacións sindicais mais representativas (conforme aos criterios de lexitimidade representativa e proporcionalidade na composición das mesas que ao respecto se establece na Lei 7/2007, de 12 de abril, e demais normativa de aplicación), sen prexuízo do dereito dos representantes legais dos funcionarios a asistir con carácter asesor e informativo. O seu réxime de reunións e funcionamento regularase de igual xeito que o disposto nos apartados a), b), c) e d) do punto anterior deste artigo.

4. A mesa de negociación do convenio colectivo do persoal laboral constituirase ao amparo do disposto no Estatuto dos Traballadores, e conformarase paritariamente polo Concello e o comité de empresa ou delegados de persoal, sen prexuízo do dereito das organizacións sindicais con presenza nos órganos de representación a asistir, con carácter asesor e informativo. O seu réxime de reunións e funcionamento regularase de igual xeito que o disposto nos apartados a), b), c) e d) do punto anterior deste artigo.

Artigo 34. Materias obxecto da negociación.

Serán obxecto de negociación, no seu eido respectivo, en relación coas competencias sinaladas no presente acordo para cada órgano de negociación, as materias que, segundo a normativa aplicable en cada momento, merezan esta consideración, co alcance que legalmente proceda en cada caso. A tal efecto tomarase como referencia o estipulado ao respecto polo EBEP no seu artigo 37.

Artigo 35. Principio de boa fe na negociación.

En todo caso, as negociacións realizaranse, sempre, baixo o principio de boa fe.

SECCIÓN 6.ª. DO DEREITO DE FOLGA

 
Artigo 36. O dereito de folga.

O persoal funcionario do concello poderá exercer o dereito de folga nos termos recollidos na lexislación vixente e sen prexuízo da peculiaridade que ao respecto establece, para a Policía Local, a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade e restante normativa de aplicación.

CAPÍTULO V. DEREITOS E DEBERES

 

SECCIÓN 1.ª. DOS DEREITOS DOS EMPREGADOS DO CONCELLO

 
Artigo 37. Dereitos laborais de natureza colectiva.

1. Os Empregados Públicos do Concello teñen como dereitos básicos, de natureza colectiva, co contido e alcance que para cada un destes dispoña a súa específica normativa, os seguintes:

- Liberdade sindical.

- Negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo.

- Adopción de medidas de conflito colectivo.

- Folga, coas garantías que a lei impón ao respecto.

- Reunión.

- Participación institucional, co alcance e contido establecidos na normativa aplicable

Artigo 38. Dereitos laborais de natureza individual.

Na relación de traballo e sen prexuízo do previsto nas normas de xeral aplicación, os empregados municipais teñen os seguintes dereitos individuais:

- Á inamobilidade na condición de funcionario de carreira.

- Ao desempeño efectivo das funcións e tarefas propias da súa condición profesional e de acordo coa progresión acadada na súa carreira profesional.

- Á progresión no seu desenvolvemento profesional (carreira) e promoción interna segundo os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, mediante sistemas obxectivos e transparentes de avaliación.

- A percibir as retribucións que se determinen pola Lei e neste acordo, e as indemnizacións por razón de servizo.

- A participar na consecución dos obxectivos atribuídos a unidade onde preste servizos e ser informado polos seus superiores das tarefas a desenvolver.

- Á defensa xurídica e protección polo Concello nos procedementos que se sigan ante calquera orde xurisdicional como consecuencia do exercicio lexítimo das súas funcións ou cargo público.

- Á formación continua e actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, que deberá realizarse, na medida do posible, en horario laboral.

- Ao respecto da súa intimidade, orientación sexual, propia imaxe e dignidade no traballo, especialmente fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, moral e laboral.

- Á non discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnico, xénero, sexo ou orientación sexual, relixión ou conviccións, opinión, razóns da lingua, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

- Á adopción das medidas que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

- Á liberdade de expresión dentro dos límites do ordenamento xurídico.

- A recibir protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo.

- Ás vacacións, descansos, permisos e licenzas.

- Á xubilación segundo os termos e condicións establecidas nas normas aplicables.

- Ás prestacións da seguridade social correspondentes ao réxime que lles sexa de aplicación.

- Á libre asociación profesional.

- Á súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene.

- Aos demais dereitos recoñecidos polo ordenamento xurídico.

SECCIÓN 2.ª. DOS DEBERES DOS EMPREGADOS DO CONCELLO; PRINCIPIOS ÉTICOS E DE CONDUCTA

 
Artigo 39. Deberes laborais.

1. Deberes dos empregados do Concello. Código de conducta.

Os empregados públicos deberán desempeñar con dilixencia as tarefas que teñan asignadas e velar polos intereses xerais con suxeición e observancia da constitución, o Estatuto de Autonomía e do resto do ordenamento xurídico, debendo actuar con arranxo aos seguintes principios: obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción do entorno cultural e medioambiental e respecto á igualdade entre mulleres e homes, que inspiran o código de conduta dos empregados públicos.

2. Os principios éticos dos empregados do Concello son:

- Respecto á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e ao resto do normas que integran oordenamento xurídico.

- A súa actuación perseguirá a satisfacción dos intereses xerais dos cidadáns e fundamentarase en consideracións obxectivas orientadas cara á imparcialidade e o interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outra que poida contradicir este principio.

- Axustarán a súa actuación aos principios de lealdade e boa fe coa Administración na que prestan os seus servizos, e cos seus superiores, compañeiros, subordinados e cos cidadáns.

- A súa conduta basearase no respecto dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, evitando toda actuación que poida producir discriminación algunha por razón de nacemento, orixe racial ou étnico, xénero, sexo, orientación sexual, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

- Absteranse naqueles asuntos nos que teñan un interese persoal, así como de toda actividade privada ou interese que poida supoñer risco de conflicto de intereses co seu posto público.

- Non contraerán obrigacións económicas nin intervirán en operacións financeiras, obrigacións patrimoniais ou negocios xurídicos con persoas ou entidades cando poida supor un conflito de intereses coas obrigacións do seu posto público.

- Non aceptarán ningún trato de favor ou situación que implique privilexio ou vantaxe inxustificada, por parte de persoas físicas ou entidades privadas.

- Actuarán de acordo cos principios de eficacia, economía e eficiencia, e vixiarán a consecución do interese xeral e o cumprimento dos obxectivos da organización.

- Non influirán na axilización ou resolución de trámite ou procedemento administrativo sen xusta causa e, en ningún caso, cando iso comporte un privilexio en beneficio dos titulares dos cargos públicos ou da súa contorna familiar e social inmediata, ou cando supoña un menoscabo dos intereses de terceiros.

- Cumprirán con dilixencia as tarefas que lles correspondan ou se lles encomenden e, no seu caso, resolverán dentro de prazo os procedementos ou expedientes da súa competencia.

- Exercerán as súas atribucións segundo o principio de dedicación ao servizo público, absténdose non só de condutas contrarias ao mesmo, senón tamén de calquera outra que comprometa a neutralidade no exercicio dos servizos públicos.

- Gardarán secreto das materias clasificadas ou outras cuxa difusión estea prohibida legalmente, e manterán a debida discreción sobre aqueles asuntos que coñezan por razón do seu cargo, sen que poidan facer uso da información obtida para beneficio propio ou de terceiros, ou en prexuízo do interese público.

3. Principios de conducta:

- Tratarán con atención e respecto aos cidadáns, aos seus superiores e aos restantes empregados públicos.

- O desempeño das tarefas correspondentes ao seu posto de traballo realizarase de forma dilixente e cumprindo a xornada e o horario establecidos.

- Obedecerán ás instrucións e ordes profesionais dos superiores, salvo que constitúan unha infracción manifesta do ordenamento xurídico, nese caso poranas inmediatamente en coñecemento dos órganos de inspección procedentes.

- Informarán aos cidadáns sobre aquelas materias ou asuntos que teñan dereito a coñecer, e facilitarán o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigacións.

- Administrarán os recursos e bens públicos con austeridade, e non utilizarán os mesmos en proveito propio ou de persoas achegadas. Terán, así mesmo, o deber de velar pola súa conservación.

- Rexeitarase calquera agasallo, favor ou servizo en condicións vantaxosas que vaia máis aló dos usos habituais, sociais e de cortesía, sen prexuízo do establecido no Código Penal.

- Garantirán a constancia e permanencia dos documentos para a súa transmisión e entrega aos seus posteriores responsables.

- Manterán actualizada a súa formación e cualificación.

- Observarán as normas sobre seguridade e saúde laboral.

- Porán en coñecemento dos seus superiores ou dos órganos competentes as propostas que consideren adecuadas para mellorar o desenvolvemento das funcións da unidade na que estean destinados. A estes efectos poderase prever a creación da instancia adecuada competente para centralizar a recepción das propostas dos empregados públicos ou administrados que sirvan para mellorar a eficacia no servizo.

- Garantirán a atención ao cidadán en castelán ou galego, segundo este o solicite.

CAPÍTULO VI. CALIDADE DOS SERVIZOS E ABSENTISMO LABORAL

 
Artigo 40. Calidade dos servizos e absentismo laboral.

1. O Concello de Teo e os órganos de representación dos seus funcionarios potenciarán os instrumentos de control e redución do absentismo laboral a través da proposta, entre outras, de sistemas e procedementos de medidas de mellora da calidade na prestación do servizo público aos cidadáns, da medición cuantitativa e cualitativa do absentismo laboral e seguimento deste, realizando os estudios necesarios sobre as súas causas e adoptando, se é o caso, as medidas que sexan procedentes para a súa redución.

2. O persoal virá obrigado a comunicar aquelas ausencias que se produzan ao inicio da xornada laboral mediante o correspondente aviso ao superior inmediato, seguíndose igual procedemento no caso de ser causa sobrevida durante a xornada laboral.

3. Será xustificable ante a xefatura de persoal toda ausencia producida na xornada laboral, deducindo dos haberes correspondentes toda ausencia ou falta de puntualidade que acumuladamente supoña mais de dúas horas ó mes, agás aquelas causadas por enfermidade, permisos retribuídos ou outro tipo de ausencias xustificadas. As ausencias debidas a enfermidade xustificaranse co correspondente parte de consulta, baixa médica ou hospitalización. Nembargantes, as ausencias por indisposición de un día de duración e ata un máximo de tres días ao ano non dará lugar a dedución ningunha, sen necesidade de xustificación. Esta circunstancia deberá ser comunicada con carácter inmediato, na data que se produza, ao responsable do centro ou servizo.

4. Das medidas que se adopten para reducir o absentismo informarase puntualmente á comisión paritaria de control e seguimento e aos órganos de representación dos funcionarios.

CAPÍTULO VII. CALENDARIOS LABORAIS, XORNADAS E HORARIOS

 
Artigo 41. Calendario laboral ordinario.

O calendario laboral ordinario para o persoal do Concello de Teo será o que se estableza polos organismos competentes da Administración central, autonómica e do Concello, dentro das súas respectivas competencias, e afecten ao conxunto da Administración Local de Galicia e ao Concello de Teo en particular.

Os calendarios anuais deberán estar expostos antes do 15 de novembro do ano anterior. As modificacións sobrevidas ao calendario, deberán estar suficientemente motivadas e informadas, previamente, e con antelación suficiente, aos órganos de representación interesados.

Artigo 42. Días non laborables.

Os días 24, 31 de decembro e 22 de maio non serán laborables para o persoal do Concello de Teo, e permanecerán pechadas as oficinas públicas, agás o servizo de Rexistro Xeral, en horario de 9.00 a 13.00 horas, que será atendido por persoal auxiliar administrativo e administrativo de todos os departamentos, de forma correlativa, compensando o día do servizo de acordo co establecido no presente acordo para os servizos extraordinarios realizados fora da xornada normal, conforme aos mesmos criterios estipulados para a compensación do servizo de rexistro realizado os sábados.

A non ser que o calendario laboral faga previsións ao respecto, cando os días 24 e 31 de decembro, ou calquera outro festivo, coincidan en sábado ou en días non laborables, serán compensados con días de asuntos particulares.

Procuraranse os mecanismos necesarios para que o persoal alterne os festivos traballados cada ano natural, en relación aos festivos traballados o ano anterior.

Artigo 43. Xornada laboral.

1. A duración máxima da xornada de traballo do Concello de Teo será de 35 horas semanais de traballo efectivo, de promedio, en cómputo anual, equivalente 1554 horas anuais.

Neste cómputo de xornada incluiranse as horas de asistencia aos cursos de formación programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal para a capacitación e cualificación profesional ou para a adaptación a un novo posto de traballo e de asistencia obrigada, que se considerarán tempo de traballo efectivo para todos os efectos.

2. A xornada diaria realizarase, con carácter ordinario, de luns a venres, preferentemente en quendas de mañá de 8:00 horas a 15:00 horas, sen prexuízo dos horarios específicos que se establezan para cada servizo, e que en ningún caso poderán sobrepasar a xornada máxima especificada no presente acordo.

3. Os sábados pola mañá permanecerá aberto o servizo de Rexistro Xeral, en horario de 9:00 a 13:00 horas.

A cobertura deste servizo realizarase, con carácter rotatorio, entre todo o persoal auxiliar administrativo e administrativo de todos os departamentos

O persoal que teña que atender este servizo terá dereito ás medidas de compensación correspondentes, segundo o estipulado ao respecto neste acordo. Dita compensación deberá materializarse con descansos que impliquen, segundo a elección do empregado/a, ou ben unha redución de xornada en tramos non inferiores a unha hora, ou ben a acumulación destas horas ata completar unha xornada ordinaria de traballo diario. En calquera caso, a compensación horaria deberá ser concedida, previa solicitude perante o órgano competente, e atendendo ás necesidades do servizo.

Nos casos excepcionais nos que, por necesidades de servizo, non se poida proceder á compensación en descanso, poderase realizar unha compensación económica, que deberá ser aboada coas mesma periodicidade vixente para o pago dos servizos extraordinarios.

Os criterios utilizados para o cálculo da compensación, tanto horaria como económica, serán os mesmos aplicables para o caso dos servizos extraordinarios, sempre e cando se poida acreditar esta natureza, ou, no seu caso, os aplicable para a compensación do traballo realizado en festivo.

5. Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro (ámbolos dous inclusive), xornada de verán, e durante o período non lectivo de vacacións de Nadal dos colexios de educación infantil e primaria, reducirase a xornada ordinaria diaria nunha hora, principiando ás 8:00 e rematando ás 14:00 horas.

O persoal do Concello con redución de xornada disporá dunha redución proporcional durante este período.

Esta redución de xornada quedará condicionada a que a prestación dos servizos quede debidamente garantida, polo que deberá adaptarse a esta circunstancia.

Cando polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible esta redución, o tempo de redución computarse sobre a xornada anual de traballo, de tal xeito que a distribución concreta da mesma garanta unha compensación horaria semellante á dos restantes empregados

Artigo 44. Tempo de traballo efectivo.

Todo o persoal en réxime de xornada continuada gozará dunha pausa mínima de 30 minutos no medio da xornada, computándose como tempo de traballo efectivo.

O persoal en réxime de xornada partida, gozará de dúas pausas de 15 minutos, distribuídas nas dúas partes da xornada laboral, e no medio de cada unha delas respectivamente, computándose como tempo de traballo efectivo.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ao comezo como ao remate da xornada diaria, o/a traballador/a se atope no seu posto de traballo, considerándose como traballo efectivo aquel que sexa imprescindible para recoller, ordenar e gardar roupa, materiais e útiles de traballo. A mesma consideración terá o tempo utilizado para cumprir coas normas de seguridade e hixiene.

Para o persoal que desenvolva a súa actividade en lugares de traballo non fixos ou itinerantes, o cómputo da xornada normal de traballo comezará a partir da súa presenza no lugar de recollida ou reunión establecido, ou no centro de control, tanto na entrada como na saída do traballo.

Artigo 45. Calendario de servizos especiais.

Naqueles servizos municipais que, pola natureza da súa actividade, deban organizarse por quendas de traballo, estas efectuaranse mediante a rotación entre todo o persoal adscrito. Procurarase que nos servizos nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos, horas nocturnas, ou en condicións de perigosidade, penosidade ou toxicidade, as xornadas traballadas nas devanditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre todo o persoal adscrito ao servizo, sen prexuízo das situacións que por saúde laboral impidan o traballo a quendas ou nocturno, especialmente no período de maternidade, procurando os mecanismos necesarios para que o persoal alterne os festivos traballados cada ano natural, en relación ós festivos traballados o ano anterior.

Os calendarios de servizos especiais poderán dispor dun sistema de quendas, atendendo á dispoñibilidade de persoal e aos servizos a realizar, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas, que non poderá ser inferior a 12 horas, e o descanso semanal ininterrompido de 24 horas que se engadirá ao anterior. En todo caso, este deberá coincidir alomenos con dous fins de semana de descanso ao mes. O goce do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, por pedimento do/a traballador/a e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación

A xornada non excederá anualmente da sinalada ao resto do persoal. Os calendarios de servizos especiais preverán a xornada laboral ordinaria dos mesmos, así como, de selo caso, a parte variable do horario.

A elaboración e tramitación destes calendarios rexerase polos mesmos criterios establecidos para os calendarios ordinarios.

Entenderase por distorsión horaria, a organización do traballo que obrigue a prestar servizo alternativamente en quendas variables de mañá, tarde ou noite.

Artigo 46. Servizos extraordinarios fóra da xornada laboral.

1. Terá a consideración de hora extraordinaria cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo establecida no presente acordo.

2. Os servizos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral terán unha consideración excepcional e terán que ser motivados por extraordinarias ou urxentes necesidades, e deberán ser compensados economicamente ou en tempo de descanso dentro dos trinta días seguintes. Con carácter xeral, deberán ser compensados en descanso, e so excepcionalmente, e de xeito motivado, ante a imposibilidade de compensación horaria, retribuíranse segundo o disposto no presente acordo. En calquera caso, a compensación en descanso estará supeditada ás necesidades do servizo respectivo.

3. Especificamente, terán a consideración de servizos extraordinarios as horas necesarias para asistir a xuízos ou comparecencias fóra da xornada de traballo, derivados da prestación do servizo. Para estes efectos, computaranse un mínimo de cinco horas extraordinarias se o xuízo ou comparecencia ten lugar no mesmo partido xudicial (Santiago de Compostela), e de sete horas se se trata dun partido distinto, sen prexuízo da xustificación oportuna. Igualmente, para o persoal da quenda de noite que teña que acudir a xuízo na mañá seguinte da súa quenda, autorizaráselle a ausencia do servizo para facilitar a asistencia ao xuízo.

Se o día convocado para asistir a declarar ó Xulgado o/a traballador/a estivera gozando do seu día de descanso, será substituído por outro día de descanso.

Igualmente, considéranse horas extraordinarias as consumidas polo persoal que realice traballo por quendas na espera do relevo correspondente, sen prexuízo da esixencia da responsabilidade correspondente polo incumprimento do horario.

4. Os responsables dos servizos ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización de servizos extraordinarios, así como da veracidade das circunstancias que xustifiquen a súa realización.

5. Para o debido control do número de horas extraordinarias feitas, levarase un rexistro, por cada servizo, co número de horas realizado trimestralmente, que, en todo caso, será entregado, tamén trimestralmente, aos representantes do persoal.

6. O número de horas extraordinarias realizadas por cada traballador/a non poderá exceder de 80 ao ano. Non se computarán a estes efectos as motivadas pola necesidade de reparar e previr sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, independentemente da súa compensación como hora extraordinaria.

7. As horas extraordinarias compensaranse preferentemente con descansos. En caso de compensación en descanso realizarase a razón de 2 horas por cada hora traballada, no caso de que sexan realizadas en domingos, festivos ou de noite compensaranse con 3 horas, e 3,5 horas se concorren as dúas circunstancias (festividade e nocturnidade).

8. As horas de compensación acumularanse preferentemente ata chegar a completar xornadas laborais completas.

Artigo 47. Réxime de especial dedicación.

1. O réxime de especial dedicación implicará a dispoñibilidade, por razóns de servizo, para o desenvolvemento dunha xornada adicional anual dun 10% sobre a xornada ordinaria, e a aplicación do réxime de incompatibilidades ao amparo da normativa aplicable para o persoal ao servizo das administracións públicas.

2. A aplicación deste réxime derivarase da determinación, no seo da RPT, ou no instrumento organizativo similar vixente, daqueles postos que, polas súas especias características, así o requiran. Do mesmo xeito, a súa compensación económica tamén deberá derivarse do proceso de elaboración da RPT e da valoración económica das características que determinarán o Complemento Específico a asignar a cada posto.

Artigo 48. Traballo en período nocturno, festivo e a quendas.

1. Entenderase por traballo en período nocturno o efectuado entre as 10 da noite (22:00 p.m) e as 8 da mañá (8:00 a.m.). A tales efectos, consideraranse quendas de traballo nocturno aquelas que realicen, de maneira habitual, con estas características horarias, unha parte non inferior a tres horas da súa xornada diaria de traballo, ou unha parte non inferior a un tercio da xornada anual de traballo.

2. Entenderase por traballo en período festivo o realizado no tempo que medie entre as 22 horas do venres e véspera de festivo e as 22 horas de cada domingo ou festivo.

3. Enténdese por traballo a quendas toda organización de traballo en equipo segundo a cal o persoal ocupa, sucesivamente, os mesmos postos de traballo, seguindo un certo ritmo, continuo ou discontínuo, implicando para o traballador/a a necesidade de prestar os seus servizos, en horas diferentes, nun período determinado de días ou semanas, e conlevando, igualmente, a variación do descanso semanal. Naqueles servizos municipais que pola natureza da súa actividade deban organizarse por quendas de traballo, estas efectuaranse mediante a rotación entre todos/as os traballadores/as.

5. O sistema retributivo terá en conta as xornadas antes indicadas. As horas que se realicen nestas circunstancias compensaranse mediante a súa retribución específica e/ou a redución da xornada que se determine, salvo aqueles casos nos que as retribucións propias do posto desempeñado xa se determinaran considerando estas características.

Artigo 49. Traballo en xornada partida.

Entenderase por traballo en xornada partida o realizado en horario de mañá e tarde para completar a xornada ordinaria diaria.

Nos casos en que poidan existir dúbidas respecto da existencia dunha xornada partida na prestación laboral dun/dunha determinado/a traballador/a, será a comisión paritaria de control e seguimento do presente acordo a que deba emitir informe aclaratorio ao respecto.

Artigo 50. Xornada irregular.

Entenderase por xornada irregular aquela non axustada a quenda e que en cómputo anual non exceda da xornada ordinaria fixada nesta acordo. A necesidade desta xornada virá determinada pola natureza da actividade que se desenvolve, de tal xeito que a suxeición á xornada ordinaria imposibilite a prestación do servizo.

Nos casos en que poidan existir dúbidas respecto da existencia dunha xornada irregular na prestación laboral dun/dunha determinado/a empregado/a, será a comisión paritaria de control e seguimento do presente acordo a que deba emitir informe aclaratorio ao respecto.

Artigo 51. Descanso entre xornadas.

Calquera que sexa o réxime de organización do traballo de cada servizo municipal, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán como mínimo 12 horas, salvo solicitude motivada do/da empregado/a.

CAPÍTULO VIII. VACACIÓNS, PERMISOS, LICENZAS E SITUACIÓNS ADMINISTRATIVAS

 
Artigo 52. Licenzas retribuídas.

Sen prexuízo do disposto na lexislación sobre función pública aplicable ao persoal ao servizo da Administración Local da Comunidade autónoma galega en cada momento, establécese o seguinte réxime de permisos e licenzas retribuídos.

Poderanse conceder licenzas nos seguinte casos e condicións:

1. Por matrimonio, ou inicio de vida en común, o/a traballador/a terá dereito a unha licenza de 15 días hábiles ininterrompidos, que poderán sumarse ás vacacións anuais. O inicio da convivencia deberá demostrase mediante certificación rexistral de matrimonio ou de parella de feito, ou por calquera outro medio que acredite debidamente dito feito.

2. Por embarazo, nas condicións e duración previstas na lexislación xeral.

3. Por asuntos propios poderanse conceder licenzas sen retribución dunha duración acumulada que non poderá exceder de 3 meses, cada dous anos. A Concesión de licenzas por asuntos propios subordinarase, en todo caso, ás necesidade do servizo.

4. As licenzas por enfermidade fixaranse de acordo co réxime da Seguridade Social ó que pertenza o empregado.

5. Poderanse conceder licenzas para a realización de estudios oficiais sobre materias directamente relacionadas coa Administración Pública, logo do informe favorable do superior xerárquico, e o empregado terá dereito a percibir as retribucións básicas e as indemnizacións por razón de servizo que poidan corresponder.

Artigo 53.Vacacións.

1. O persoal terá dereito, por ano completo de servizos, a gozar dunhas vacacións retribuídas dun mes natural ou de vinte e dous días hábiles anuais, ou aos días que correspondan, proporcionalmente, ao tempo de servizos efectivos. Poderanse gozar en períodos mínimos de cinco días hábiles consecutivos. Excepcionalmente, previa solicitude ao órgano competente, poderanse gozar en períodos inferiores ao cinco días, sempre e cando isto sexa compatible coas necesidades do servizo.

2. No suposto de completar os anos de antigüidade na administración reflectidos no cadro posterior terase dereito ao goce dos seguintes días de vacacións anuais

15 anos de servizo: 23 días hábiles

20 anos de servizo: 24 días hábiles

25 anos de servizo: 25 días hábiles

30 ou máis anos de servizo: 26 días hábiles.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior.

3. Para os efectos previstos neste artigo, non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais.

4. No caso de que o período de vacacións coincida co permiso previsto no punto 4 do artigo 53, a persoa interesada terá dereito á fixación dun período alternativo.

5. O calendario de vacacións elaborarase anualmente, téndose en conta as necesidades dos servizos, oídos os órganos de representación do persoal. O plan de vacacións anuais será elaborado antes do 31 de marzo de cada ano, sendo de coñecemento público para todo o persoal.

Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

6. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan.

7. A organización das vacacións permitirá a distribución equitativa das mesmas a través de sistemas de rotación, de tódolos afectados pola unidade ou servizo correspondente, se prexuízo do dereito de elección que se recoñece nos apartados 5 e 8 deste artigo.

8. A baixa por maternidade, enfermidade ou accidente interromperá o cómputo de período vacacional e reanudarase de acordo coas necesidades do servizo despois da alta. De producirse colisión de intereses entre un/unha traballador/a afectado por unha enfermidade ou por un accidente e aqueles outros do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.

9. Cando o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, parto ou lactancia natural, ou co permiso de maternidade, ou coa súa ampliación por lactancia, a empregada terá dereito a gozar as vacacións en data distinta, aínda que tivera rematado o ano natural ao que correspondan. Gozarán deste mesmo dereito quenes estean gozando do permiso de paternidade.

10. No caso de que o/a funcionario/a cese por xubilación ou falecemento sen gozar das vacacións que lle corresponderan, terá dereito (el ou os seus derechohabientes) a que se lle inclúa na liquidación o importe da parte proporcional das vacacións devengadas e non disfrutadas polo período de tempo traballado durante o ano.

Artigo 54. Permisos.

1. Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Polo nacemento de fillo/a, falecemento, accidente ou enfermidade grave ou intervención cirúrxica dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade, poidendo ser incrementada esta cantidade en casos excepcionais, previa solicitude ao órgano competente, e ante a existencia dunha motivación obxectiva que xustifique tal ampliación. En calquera caso, nos supostos de nacemento de fillo/a, así como de situacións de falecemento, accidente ou intervención cirúrxica e enfermidade grave, este permiso será de dez días hábiles cando se trate de fillo, cónxuxe ou pais.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave ou intervención cirúrxica dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave ou intervención cirúrxica dunha persoa non incluída nos caos anteriores, poderanse conceder permisos, polo tempo imprescindible, previa solicitude ao órgano competente, e ante a existencia dunha motivación obxectiva que xustifique tal concesión.

b) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día na mesma localidade e dous días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous ou máis membros, o permiso será de tres días sen cambio de localidade e de catro se existe cambio.

c) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos e recoñecidos neste acordo.

d) Por asistencia a xuntas, asembleas, congresos, etc. de carácter sindical o tempo de duración e número de funcionarios que se determine pola mesa de negociación.

e) Para concorrer a exames finais ou parciais liberatorios e demais probas definitivas de aptitude, o tempo imprescindible, debendo garantirse, como mínimo, o día de realización da proba. No caso do persoal que realice traballo a quendas, este permiso afectará á noite anterior á realización da proba en cuestión.

f) Por lactancia dun fillo ou filla menor de doce meses, o/a funcionario/a terá dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase substituír por unha redución da xornada normal en media hora ao inicio e ao final da xornada ou ben nunha hora ao inicio ou ao final da xornada. Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores, no caso de que ambos traballen.

Igualmente, poderase substituír o tempo de lactancia por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo correspondente ou ben por un crédito de horas, podéndose aproveitar, en ambos os casos, en calquera momento, despois do gozo do permiso de maternidade.

A cantidade de horas incluídas no crédito será o resultado de contabilizar o total de horas ás que se tería dereito se se dispuxese do permiso de lactación na súa modalidade dunha hora de ausencia.

Este permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto múltiple.

Nos supostos de adopción ou acollemento, este dereito computarase durante o primeiro ano desde a resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento.

g) Por nacemento de fillos/as prematuros ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a empregada ou o empregado terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias e percibirá as retribucións íntegras.

h) Por razóns de garda legal, cando o persoal teña o coidado directo dalgún menor de doce anos, de persoa maior que requira especial dedicación ou dunha persoa con discapacidade que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha redución de ata un medio da xornada de traballo, coa diminución proporcional das súas retribucións.

Terá o mesmo dereito o persoal que precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

Con independencia do dereito á redución de xornada fixada neste apartado, nestes supostos o persoal poderá flexibilizar nunha hora o seu horario habitual fixo, que poderá elevarse a dúas horas no suposto de familia monoparental. En todo caso o persoal disporá do tempo necesario para acudir a reunións de coordinación e apoio asistencial no suposto de fillos/as con discapacidade.

O Concello poderá autorizar, con carácter excepcional, a modificación do horario fixo para atender ás necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

i) As empregadas embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo.

k) O persoal terá dereito a un permiso retribuído para tratamentos de fecundación asistida polo tempo necesario para a súa práctica, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo. Se fose necesario o desprazamento, o permiso será de dous días.

l) Para acompañar o seu cónxuxe, ou parella en análoga relación de afectividade, a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, o persoal terá dereito a un permiso retribuído en idénticos termos e condicións de exercicio que os previstos para estes permisos.

m) Nos supostos de accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/acollidas ou familiares que convivan, e para atender o seu coidado, o persoal terá dereito a un permiso retribuído cunha duración máxima de trinta días naturais. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada.

n) Por ser preciso atender o coidado dun familiar de primeiro grao, o persoal terá dereito a solicitar unha redución de ata o 50% da xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais e atendendo á extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses.

Se houbese máis dun titular deste dereito polo mesmo feito causante, o tempo de gozo desta redución poderase ratear entre eles, respectando, en todo caso, o prazo máximo dun mes ou, se é o caso, o de dous meses.

o) O persoal terá dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas aos fillos, as fillas, as persoas maiores e cónxuxes, ao seu cargo, polo tempo necesario, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo.

p) No caso de enviuvar tendo fillos/as menores ou diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, que estean ao cargo do funcionario e que non desempeñen actividade retribuída, un mínimo de 15 días naturais dende a data de falecemento do cónxuxe.

q) Por asuntos e outro tipo de causas e circunstancias non recollidas nos apartados anteriores e debidamente xustificadas, poderanse conceder permisos polo tempo indispensable, previa solicitude ao órgano competente. Nos casos en que pola propia premura e urxencia do permiso solicitado, non se puidese proceder á previa solicitude, a ausencia deberá ser comunicada ao Departamento de Persoal ou ao responsable do servizo correspondente, debendo achegarse, en canto sexa posible, as xustificacións oportunas

2. Permisos por cumprimento dun deber inescusable:

a) Concederase permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

b) Por acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico, sempre que non se poida acudir fóra do horario de traballo, o persoal municipal terá dereito a un permiso polo tempo preciso para a súa realización, sempre que estea debidamente xustificado.

3. Asuntos particulares. Poderase dispoñer de ata nove días ao ano, como máximo, de permiso para asuntos particulares sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo. Así mesmo, terase dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

4. Permisos por motivos da conciliación da vida familiar e laboral e por razón de violencia de xénero.

A) Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo/a a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase á opción da empregada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos proxenitores traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla ou de parto múltiple.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.

B) Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo/a, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.

O cómputo do prazo contarase á elección do empregado, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso.

No caso de que ambos os proxenitores traballen, o permiso distribuirase á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do menor adoptado ou acollido.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses.

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo, serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.

C) Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo do Concello, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas a) e b).

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:

- Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

- Se a filiación paterna non estivese determinada.

- Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

- Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

Nos casos previstos nas alíneas a), b) e c), o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

Os empregados que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo á que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

D) Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal: as faltas de asistencia do persoal vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.

Así mesmo, o persoal vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á redución da xornada coa diminución proporcional das retribucións ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Tramitación de permisos.

a) As solicitudes de permisos que sexan previsibles faranse mediante escrito presentado no Rexistro Xeral do Concello. Para estes efectos, o Rexistro Xeral do Concello disporá duns modelos normalizados de solicitude. Estes impresos deberán ser cubertos polo/a interesado/a, facendo constar a clase de permiso ou licenza que se solicita e a súa duración, e achegando, de ser o caso, a xustificación documental pertinente. Os modelos dos impresos normalizados de solicitude deberán ser revisados pola comisión paritaria, que deberá concretar as xustificacións documentais pertinentes a presentar con cada tipo de solicitude.

b) As comunicacións dos permisos sobrevidos ou imprevisibles, comunicaranse verbalmente no Departamento de Persoal e ao xefe do servizo correspondente.

En calquera caso, presentarase a oportuna xustificación documental do permiso dentro do prazo de sete días naturais a partir da data de comezo do mesmo.

c) Os permisos e licencias deberán solicitarse con cinco días hábiles de antelación, sempre que se achegue o visto e prace do xefe do servizo, salvo os casos de urxente necesidade nos que non será necesario o cumprimento do indicado preaviso. De non achegar o visto e prace do xefe do servizo será necesario solicitar a licenza con dez días de antelación.

d) En todo caso os días de permiso por: traslado de domicilio, concurrencia a exames, matrimonio de parentes, nacemento de fillo/a, enfermidade, accidentes ou falecemento de familiares deberán coincidir necesariamente co día en que se produza o evento.

e) A tramitación das solicitudes das licencias dos/as empregados/as municipais corresponde ao Departamento Persoal, que se encargará de efectuar as dilixencias e procurar os informes oportunos para determinar a correspondente resolución. A concesión dos permisos e licencias corresponde ao Alcalde Presidente do Concello ou persoa en quen delegue, quen dictará para o efecto a oportuna resolución.

f) No eido do establecido no apartado anterior, as solicitudes das licencias formuladas en forma e prazo (consonte o establecido no presente capítulo) deberán ser resoltas e notificadas aos solicitantes coa debida antelación á data en que deba comezar a licenza solicitada. No caso de que tal resolución non se produza, con 48 horas de anterioridade, entenderase concedida nos termos do solicitado, sempre que se axuste ao establecido no presente acordo.

g) As licencias e permisos debidamente xustificados constitúen un dereito do persoal municipal, polo que calquera resolución negativa de permisos ou licencias deber ser debidamente motivada e argumentada. En caso de producirse resolución denegatoria o interesado terá dereito a ser escoitado, acompañándose, se así o decide, da representación legal dos traballadores

h) Carecerán de validez e consideraranse nulos para todos os efectos os permisos e licencias que non sexan tramitados e resoltos consonte ao establecido no presente acordo, sen prexuízo do establecido no apartado b) para os casos imprevisibles de urxente necesidade.

i) Nos casos excepcionais nos que os permisos solicitados no se adapten ao procedemento exposto con anterioridade, en forma e prazo, e fosen presentados con carácter de urxencia, a concesión dos mesmos, po parte do órgano competente, terá carácter potestativo, debendo entenderse o silencio administrativo con carácter negativo.

Artigo 55. Situacións administrativas.

As situacións nas que se poden atopar o persoal funcionario do Concello de Teo son as de:

a) Servizo activo.

b) Servizo noutras administracións públicas.

c) Excedencia forzosa ou voluntaria.

d) Servizos especiais.

e) Suspensión de funcións.

f) Excedencia derivada da existencia dun caso de violencia de xénero; Dereito a unha excedencia para facer efectiva a súa protección, ou a súa asistencia integral, sen necesidade de ter prestado un tempo mínimo de servizo e sen prazo de permanencia na mesma. Durante os dous primeiros meses de esta excedencia percibiranse as retribucións íntegras.

Para a determinación do alcance, contido e condicións xerais das devanditas situacións administrativas será de aplicación a normativa vixente en cada momento para o persoal funcionario ao servizo das Administracións Locais de Galicia.

CAPÍTULO IX. PLANIFICACIÓN DOS RECURSOS HUMANOS DO CONCELLO

 
Artigo 56. Obxecto e instrumentos de planificación.

1. A planificación dos recursos humanos no Concello será a base para a eficacia na prestación dos servizos e a eficiencia na utilización dos seus recursos económicos, a través dunha axeitada dimensión, distribución, formación e promoción profesional e mobilidade.

2. O Concello poderá elaborar plans de emprego ou instrumentos similares para a ordenación dos seus recursos humanos que inclúan:

a) Análise das dispoñibilidades e necesidades de persoal, tanto dende o punto de vista do seu número de efectivos, como dos perfís profesionais ou niveis de cualificación dos mesmos.

b) Previsións sobre os sistemas de organización do traballo e modificación de estruturas dos postos de traballo.

c) Medidas de mobilidade, entre as que poderá figurar a suspensión de persoal externo a un determinado ámbito ou a convocatoria de concursos de provisión de postos limitados a persoal dos ámbitos que se determinen.

d) Medidas de promoción interna e de formación do persoal.

e) A previsión e incorporación dos recursos humanos a través do acceso ás ofertas de emprego que regula este acordo.

3. O plan de Emprego, será obxecto de negociación na mesa xeral de negociación e disporá dunha memoria xustificativa das necesidades e obxectivos do plan.

Artigo 57. Programación funcional.

A programación funcional dun área de traballo, determinará as instrucións que, en uso das capacidades de organización e dirección do traballo, determine cada responsable da área de xestión ou actividade, en orde a articular coordinadamente as actividades do servizo e entre estes, no seu caso, e servirá para valorar o adecuado cumprimento das funcións do persoal, e como base nos procesos de avaliación dos mesmos.

Artigo 58. Cadro de persoal e ofertas de emprego público.

1. O cadro de persoal orzamentario estará formado polas prazas dotadas orzamentariamente, clasificadas en grupos e subgrupos, no seu caso, e dentro deles, conforme ás escalas de cada grupo. Incorporarán, xunto coas prazas de funcionarios, as de persoal laboral e eventual.

Segundo o establecido neste acordo e na normativa de aplicación, o cadro de persoal será negociado no marco da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo con anterioridade á aprobación polo Pleno da Corporación.

2. As necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que deban cubrirse coa incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto de oferta de emprego público, obrigando a convocar os correspondentes procesos de selección para as prazas comprometidas, e ata un dez por cento adicional, fixando un prazo máximo para a convocatoria dos mesmos. En todo caso a execución do proceso non poderá superar o máximo legal actual de tres anos.

3. A oferta de emprego, que será obxecto de negociación no seo da mesa xeral de negociación, será aprobada polo órgano de goberno ou autoridade do Concello competente, e publicada no Diario Oficial correspondente.

4. A oferta de emprego poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos.

Artigo 59. Rexistro de persoal.

O Concello constituirá un rexistro de persoal no que inscribirá todo o persoal funcionario ao seu servizo, xunto co resto de persoal laboral e eventual, incluíndo os datos da súa historia curricular e de carreira profesional desenvolvida.

CAPÍTULO X. EMPREGADOS PÚBLICOS DO CONCELLO DE TEO

 

SECCIÓN 1.ªINSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN DO PERSOAL

 
Artigo 60. Relación de postos de traballo.

1. O Concello de Teo estruturará a súa organización a través da relación de postos de traballo ou outros instrumentos organizativos similares.

2. Os mencionados instrumentos de ordenación dos postos de traballo faranse públicos anualmente, e as súas modificacións e aprobación serán obxecto de información e, no caso de afectar ás condicións de traballo do persoal, negociación, en atención ao disposto, no presente acordo.

3. Os datos mínimos que conterá a relación ou instrumento organizativo similar serán a dependencia administrativa ou area de actividade organizativa a que se adscribe o/a empregado/a, a relación xurídico laboral, denominación do posto, os grupos de clasificación profesional, os corpos ou escalas, no seu caso, aos que se atopan adscritos, tipo e sistema de provisión, requisitos para o seu desempeño, nivel de clasificación e contía das retribucións complementarias que lle correspondan.

SECCIÓN 2.ªCLASIFICACIÓN DO PERSOAL

 
Artigo 61. Clases de empregados.

Os empregado do Concello de Teo, poderán ser:

a) Funcionarios de carreira.

b) Funcionarios interinos.

c) Persoal Laboral, fixo, indefinido ou temporal.

d) Persoal eventual.

Artigo 62. Funcionarios de carreira.

1. Son funcionarios de carreira os que, en virtude de nomeamento legal, están vinculados ao Concello, por unha relación estatutaria regulada polo Dereito Administrativo, para o desempeño de servizos profesionais retribuídos de carácter permanente.

2. En todo caso, o exercicio das funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio das potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais do Estado, e do Concello, corresponderán exclusivamente a funcionarios públicos nos termos que a Lei de Función Pública de Galicia determine.

Artigo 63. Funcionarios interinos.

1. Son funcionarios interinos os que, por razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia, son nomeados como tales para o desempeño de funcións propias de funcionarios de carreira, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) A existencia de prazas vacantes cando non sexa posible a súa cobertura por funcionarios de carreira.

b) A substitución transitoria dos titulares.

c) A execución de programas de carácter temporal.

d) O exceso ou acumulación de tarefas por prazo máximo de seis meses, dentro dun período de doce meses.

2. A selección de funcionarios interinos haberá de realizarse mediante procedementos áxiles que respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. O cese dos funcionarios interinos ademais de polas mesmas causas que os funcionarios de carreira producirase cando finalice a causa que deu lugar ao seu nomeamento.

4. Nos supostos previstos na letra a) do apartado 1 deste artigo, as prazas vacantes desempeñadas por funcionarios interinos deberán incluírse na oferta de emprego do exercicio no que se produce o nomeamento e, se non fora posible, na seguinte, salvo que se decida a súa amortización, que deberá estar debidamente motivada, informada e negociada.

5. Aos funcionarios interinos lles será aplicable, en canto sexa axeitado á natureza da súa condición, o réxime xeral dos funcionarios de carreira, e o previsto neste acordo.

Artigo 64. O persoal laboral.

É persoal laboral o que en virtude de contrato de traballo, formalizado por escrito, en calquera das modalidades de contratación previstas na lexislación laboral, presta servizos retribuídos polo Concello. En función da duración do contrato este poderá ser fixo, por tempo indefinido ou temporal.

Artigo 65. O persoal eventual.

1. Persoal eventual é o que en virtude de nomeamento, e con carácter non permanente, só realiza funcións expresamente cualificadas como de confianza ou asesoramento especial, sendo retribuído con cargo aos créditos orzamentarios consignados para este fin.

2. O número, características e retribucións do persoal eventual será determinado polo Pleno da Corporación ao comezo do seu mandato, salvo as modificacións que se poidan facer con motivo da aprobación ou modificación dos orzamentos anuais. Este número e as condicións retributivas serán públicas.

3. O nomeamento e cese do persoal eventual serán libres. O cesamento terá lugar, en todo caso, cando se produza o da autoridade a que preste a función de confianza ou asesoramento.

4. A condición de persoal eventual non poderá constituír mérito para o acceso á función pública ou para a promoción interna.

5. Ao persoal eventual seralle de aplicación, no que sexa axeitado á súa condición, o réxime xeral dos funcionarios de carreira e o previsto no presente acordo.

Artigo 66. Organización do persoal funcionario, clases e escalas.

As características das clases de empregados públicos do Concello de Teo, así como as escalas e subescalas do persoal funcionario, son as fixadas pola Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia, a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba texto refundido en materia de Réxime Local, e a lei 4/2007, de 20 de abril, de Coordinación das Policías Locais de Galicia, e pola restante normativa aplicable en cada momento.

Artigo 67. Grupos de clasificación de persoal funcionario.

Os distintos corpos e escalas do persoal funcionario municipal clasifícanse, de acordo coa titulación esixida para o acceso aos mesmos, nos seguintes grupos, sen menoscabo de calquera modificación que proceda realizar por aplicación do desenvolvemento normativo de referencia;

1.-Grupo A, dividido en dous subgrupos, A1 e A2.

Para o acceso aos corpos ou escalas deste grupo esixirase estar en posesión do título universitario de grao. Naqueles supostos nos que a Lei esixa outro título universitario será este o que se teña en conta.

A clasificación dos corpos e escalas en cada Subgrupo estará en función do nivel de responsabilidade das funcións a desempeñar e das características das probas de acceso.

2.-Grupo B. Para o acceso aos corpos ou escalas do grupo B esixirase estar en posesión do título de técnico superior.

3.-Grupo C. Dividido en dous subgrupos, C1 e C2, segundo a titulación esixida para o ingreso.

C1: título de Bacharelato ou técnico.

C2: título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

4.-Grupo C3. Equivalente ás agrupacións profesionais ás que fai referencia a disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, de 12 de abril, no que se integrarán as prazas para as que non se esixirá, para o acceso, estar en posesión de ningunha das titulacións previstas no sistema educativo.

CAPÍTULO XI. ACCESO Á CONDICIÓN DE EMPREGADO PÚBLICO DO CONCELLO DE TEO

 

SECCIÓN 1.ª. SELECCIÓN E ACCESO

 
Artigo 68. Acceso ao emprego e adquisición da relación de servizo.

1. O Acceso ao emprego, tanto de persoal funcionario como laboral, cumprirá cos principios reitores e requisitos xerais aos que fai referencia o título IV da Lei 7/2007, de 12 de abril, ou calquera outra referencia legal que en cada momento estea vixente para o persoal funcionario da Administración Local de Galicia

2. Nos termos recoñecidos, e cos límites que a mencionada Lei 7/2007, de 12 de abril indica, recoñécese o acceso ao emprego público dos nacionais dos Estados membros da Unión Europea e dos estranxeiros con residencia legal en España.

3. De acordo co sinalado na disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia, e nas condicións que a mesma sinala, reservarase un cupo, non inferior ao 7 por cento, de prazas vacantes ofertadas para ser cubertas con persoas con discapacidade.

4. En tanto non se dite a Lei de Función Pública de Galicia, en desenvolvemento do Estatuto Básico, e demais normas que o desenrolen, na selección do seu persoal, o Concello de Teo estará ao disposto no presente acordo, no Real Decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Ingreso do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma Galega e no Real Decreto 896/1991, do 7 de xuño, polo que se aproban as regras básicas e programas mínimos do procedemento de selección dos funcionarios de Administración local.

Artigo 69. Órganos de selección.

1. Os órganos de selección serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros e cumprirá coa normativa de paridade que ao respecto esixe a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O persoal de elección o de designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación o por conta de ninguén.

4. A representación sindical poderá participar no desenvolvemento dos procesos de selección conforme se estableza nas bases da convocatoria e de acordo coa negociación que se realice, ao amparo do contido deste acordo, podendo designar membros dos tribunais na condición indicada neste artigo, ou observadores nos procesos de selección

5. As organizacións sindicais máis representativas no ámbito da función pública están lexitimadas para a interposición de recursos en vía administrativa e xurisdicional contra das resolucións dos órganos de selección.

Artigo 70. Sistemas selectivos.

1. Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste acordo. Os órganos de selección velarán polo cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre sexos.

2. Os procedementos de selección coidarán especialmente a conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño das tarefas dos postos de traballo convocados, incluíndo, no seu caso, as probas prácticas que sexan precisas. As probas poderán consistir na comprobación dos coñecementos e a capacidade analítica dos aspirantes, expresados de forma oral ou escrita, na realización de exercicios que demostren a posesión de habilidades e destrezas, na comprobación do dominio de linguas estranxeiras e, no seu caso, na superación de probas físicas.

3. Os procesos selectivos que inclúan, ademais das preceptivas probas de capacidade, a valoración de méritos dos aspirantes, só poderán outorgar á devandita valoración, unha puntuación proporcionada que non determinará, en ningún caso, por si mesma, o resultado do proceso selectivo.

4. O Concello poderá crear órganos especializados e permanentes para a organización de procesos selectivos, podéndose encomendar estas funcións aos Institutos ou Escolas de Administración Pública.

5. Para asegurar a obxectividade e a racionalidade dos procesos selectivos, as probas poderán completarse coa superación de cursos, de períodos de prácticas, coa exposición curricular polos candidatos e con probas psicotécnicas, no seu caso. Igualmente poderán esixirse recoñecementos médicos.

6. Os sistemas selectivos do persoal serán os de oposición e concurso oposición, que deberán incluír, en todo caso, unha ou varias probas para determinar a capacidade dos aspirantes e establecer a orde de prelación. Só en virtude de Lei poderá aplicarse, con carácter excepcional, o sistema de concurso, que consistirá, únicamente, na valoración de méritos

7. Os Órganos de selección non poderán propoñer o acceso a condición de funcionario dun número superior de aprobados ao de prazas convocadas, agás que estea previsto na convocatoria. No obstante, cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria de aspirantes que sigan aos propostos, co fin do seu nomeamento como funcionarios de carreira.

8. A prestación de servizos noutras Administracións Públicas valorarase en méritos.

9. Nos sistemas de selección que se realicen para o acceso ás prazas do Concello terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega. As bases das convocatorias establecerán a forma para a súa avaliación, sendo obrigado, en todo caso, que, cando menos, unha das probas sexa realizada integramente en Galego, salvo naqueles casos nos que se acredite o coñecemento da lingua, conforme ao establecido na normativa vixente.

Artigo 71. Selección do persoal temporal.

1. A selección do persoal temporal farase de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. O referido sistema deberá permitir a máxima axilidade na selección, en razón da urxencia requirida para o desempeño transitorio dos postos de traballo ou das funcións correspondentes. En todo caso, o persoal laboral temporal deberá reunir os requisitos xerais de titulación e as demais condicións esixidas para participar nas probas de acceso aos correspondentes postos ou prazas de carácter fixo.

2. Elaborarase, a través da negociación colectiva, un regulamento de selección de persoal temporal. En tanto o mesmo non sexa aprobado y publicado, a cobertura de prazas vacantes, esixirá a convocatoria pública en libre concorrencia e respecto dos principios xerais vixentes para a selección de persoal.

SECCIÓN 2.ª. PROVISIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

 
Artigo 72. Principios e sistemas de provisión.

1. O Concello proverá os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

2. O sistema ordinario de provisión de postos de traballo do persoal funcionario será o concurso e, de xeito excepcional, e conforme indique o instrumento de ordenación de postos vixente, a libre designación, con convocatoria pública. Deberase garantir, en ambos casos, a convocatoria pública.

Artigo 73. Sistema de concurso.

1. O concurso constitúe o sistema normal de provisión, e consistirá na valoración de méritos, capacidades e, no seu caso, aptitudes dos candidatos. No mesmo teranse en conta unicamente os méritos, capacidades e aptitudes esixidos na correspondente convocatoria, entre os que figurarán os adecuados ás características de cada posto de traballo, a categoría profesional adquirida, a valoración do traballo desenvolvido en anteriores postos, o coñecemento do idioma galego e os cursos de formación e perfeccionamento superados que teñan relación cos postos de traballo a cubrir.

2. Co fin de valorar os méritos, capacidades e aptitudes referidos crearanse órganos colexiados de carácter técnico, que axustarán a súa composición ao principio de profesionalidade e especialización dos seus membros, así como ás regras sobre paridade, e o seu funcionamento aos principios de imparcialidade e obxectividade.

3. Os/as traballadores/as deberán permanecer en cada posto de traballo de destino definitivo obtido por concurso un mínimo de dous anos para poder participar nos concursos ordinarios ou específicos de provisión, a non ser por supresión do posto de traballo. No cómputo de dito período incluirase o tempo de destino provisional.

4. As convocatorias dos concursos, conterán, cando menos, nas súas bases a denominación, nivel, descrición e localización dos postos de traballo ofertados, os requisitos indispensables para o seu desempeño, os méritos a valorar e o baremo por medio do que se puntuarán os mesmos, puntuación mínima para a adxudicación das vacantes e os prazos de presentación de solicitudes que, en ningún caso, poderá ser inferior a 15 días hábiles, contados dende o día de publicación da convocatoria.

Artigo 74. Sistema de libre designación.

1. Consiste na apreciación discrecional polo órgano competente da idoneidade dos candidatos en relación cos requisitos esixidos para o desempeño dun posto. Polo sistema de libre designación só se cubrirán aqueles postos que así se determinen no instrumento de ordenación de postos vixente, que poderán admitir que o posto sexa cuberto por persoal funcionario ou laboral, segundo a propia natureza do mesmo.

2. Poderán cubrirse por este sistema os postos que, pola súa especial responsabilidade e confianza, a Lei da Función Pública de Galicia, en desenvolvemento da Lei 7/2007, de 12 de abril, determine.

3. A convocatoria terá o mesmo contido que o especificado para o sistema de concurso. O órgano competente para o seu nomeamento poderá asesorarse a través de especialistas.

4. O persoal nomeado para postos de libre designación poderá ser cesado con carácter discrecional. A motivación desta resolución referirase á competencia e á idoneidade para o desempeño do posto.

SECCIÓN 3.ª. OUTRAS FORMAS DE PROVISIÓN

 
Artigo 75. Mobilidade por razóns de saúde laboral.

1. Cando por razóns de saúde laboral o/a traballador/a reciba comunicación de que non é apto para o desempeño da profesión habitual, a Administración deberá establecer procedementos de provisión, por motivos de saúde, noutro posto de traballo.

2. O expediente de mobilidade por motivos de saúde iniciarase pola propia Administración, mediante acordo do órgano competente, ou a petición do/da traballador/a afectado, acompañado da documentación que xustifique a mesma, e informado polo comité de saúde, ou no seu defecto, o comité de empresa, quen fixará a vacante ou vacantes que podan ser obxecto desta mobilidade.

3. De non existir vacante a ofertar por este sistema, garantiranse as retribucións, evitando o esgotamento do tempo de Incapacidade Temporal, e mantendo as retribucións do posto de traballo.

Artigo 76. Adscrición provisional.

1. Os postos de traballo poderán proverse por medio de adscrición provisional nos supostos de remoción ou cese nun posto de traballo, supresión do posto de traballo ou reingreso ao servizo activo de traballadores sen reserva de posto.

2. No caso de adscrición provisional por remoción, cese ou supresión do posto, ao/á traballador/a deberá asignárselle un posto de traballo non inferior en dous niveis ao que viña ocupando, e de similar categoría profesional e retribucións.

3. Os postos cubertos mediante adscrición provisional convocaranse para a súa cobertura con carácter definitivo polos sistemas de provisión.

Artigo. 77. Situacións Excepcionais.

No referente ás situacións excepcionais e provisionais de cobertura de postos, ao marxe dos procedementos ordinarios de provisión referidos anteriormente, será de aplicación o regulado na normativa aplicable, en cada momento, para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

SECCIÓN 4.ª. MOBILIDADE DO PERSOAL

 
Artigo 78. Obxecto e alcance da mobilidade do persoal ao servizo do Concello de Teo.

1. O concello de Teo, no marco da planificación xeral dos seus recursos humanos, poderá establecer regras e criterios para a ordenación da mobilidade voluntaria do persoal municipal, co obxecto de satisfacer necesidades de efectivos que poidan existir en certos sectores ou servizos da súa actividade pública. En calquera caso, a determinación dos criterios xerais que regulen a mobilidade voluntaria, con carácter independente, ou no marco xeral dun Plan de ordenación de rrhh, debe ser obxecto de negociación no seo da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo.

2. O Concello, a través do órgano ou autoridade municipal competente, no marco da planificación xeral dos seus recursos humanos, e de maneira motivada, poderá trasladar ao seu persoal, en base a necesidades de servizo ou funcionais, a unidades ou departamentos distintos aos do seu destino, respectando as súas retribucións e condicións esencias de traballo e modificando, no seu caso, a adscrición dos postos de traballo dos que sexan titulares. En calquera caso, a determinación dos criterios xerais que regulen a mobilidade forzosa, con carácter independente, ou no marco xeral dun Plan de ordenación de rrhh, debe ser obxecto de negociación no seo da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo, respectando, en todo momento, os principios xerais establecidos a tal efecto na normativa de aplicación.

3. O Concello de Teo, co fin de lograr un mellor aproveitamento dos rrhh e satisfacción das necesidades de efectivos, poderá establecer medidas de mobilidade interadministrativa mediante convenios ou instrumentos de colaboración con outras administracións, baseados, en todo caso, no principio de reciprocidade.

4. Na regulación e desenvolvemento da mobilidade do persoal ao servizo do Concello de Teo, ben sexa voluntaria ou forzosa, e con independencia do estipulado no presente acordo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en cada momento para o persoa funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

CAPÍTULO XII. INCOMPATIBILIDADES

 
Artigo 79. Réxime de incompatibilidades.

A todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste acordo aplicaráselle o réxime de incompatibilidades, de conformidade coas normas estatais e autonómicas vixentes na materia e aplicables ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

CAPÍTULO XIII. NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 
Artigo 80. Normalización lingüística.

1. Os traballadores do Concello teñen o dereito e o deber de desenvolver a súa actividade laboral e profesional en idioma galego, como lingua propia de Galicia e da súa Administración local, e polo tanto a acceder á formación lingüística precisa para un adecuado desempeño do seu posto de traballo.

2. O Concello proporcionará os instrumentos axeitados para propiciar un coñecemento adecuado da lingua galega. O persoal do Concello ten o dereito e o deber de asistir a cursos de aprendizaxe, perfeccionamento e especialización do idioma galego precisos para un adecuado desempeño do seu posto de traballo.

3. O tempo investido na asistencia aos devanditos cursos será computado como tempo efectivo de traballo, e os gastos de desprazamento e axudas de custo xeradas pola asistencia aos mesmos, serán de conta do Concello, cando se trate de cursos programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal e de asistencia obrigada.

4. Para darlle cumprimento á normalización do idioma galego no Concello de Teo e para garantir o dereito dos administrados, en atención ao artigo 6.3 da Lei de Normalización lingüística, nas probas de selección terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

A estes efectos, alomenos unha das probas do proceso selectivo deberá realizarse en galego, salvo naqueles casos nos que se acredite o coñecemento da lingua conforme ao establecido na normativa vixente, sen prexuízo doutras probas adicionais que se puidesen prever para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

CAPÍTULO XIV. RÉXIME DISCIPLINARIO

 
Artigo 81. Principios xerais.

1. O persoal do Concello queda suxeitos ao réxime disciplinario recollido no título VII, da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, na Lei da Función Pública de Galicia e demais normas que se dicten en desenvolvemento do mencionado Estatuto e que sexan de aplicación ao persoal funcionario da Administración Local de Galicia.

2. As responsabilidade disciplinaria, o exercicio da potestade disciplinaria, faltas, sancións, prescricións e procedemento disciplinario configurarán no seu conxunto o réxime disciplinario.

3. As faltas disciplinarias cometidas polo persoal municipal no exercicio dos seus cargos poden ser moi graves, graves e leves, co alcance e contido establecidos na lexislación básica referida.

4. No referido ao procedemento disciplinario será de aplicación o Decreto 94/1991, do 20 de marzo, do Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Comunidade Autónoma, ou calquera outra norma que, en desenvolvemento da lexislación básica, poida estar vixente para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

5. O réxime disciplinario establecido enténdese sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer o persoal municipal, que se fará efectiva na forma que determine a lei.

6. En todo caso garantirase a audiencia do interesado e a presentación, pola súa parte, das alegacións que considere oportunas ao longo do procedemento, así como a audiencia dos órganos de representación do persoal nos momentos procesuais determinantes da resolución final, como son a incoación do expediente e a formulación do prego de cargos e da proposta de resolución.

CAPÍTULO XV. CARREIRA PROFESIONAL E AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO

 

SECCIÓN 1.ª. DA CARREIRA PROFESIONAL

 
Artigo 82. Principios xerais.

1. Os empregados do Concello de Teo terán dereito ao desenvolvemento persoal a través da promoción profesional e a carreira profesional.

A carreira profesional é o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional, conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. En base ao desenvolvemento normativo existente ao respecto, o Concello comprométese ao desenvolvemento dun modelo de Carreira Profesional baseado nos seguintes principios xerais;

a) Recoñécese o dereito do persoal municipal á súa promoción profesional.

b) Dita promoción comprenderá, no só a progresión de natureza vertical, senón tamén sistemas de progresión profesional dentro do posto de traballo desenvolvido, é dicir, unha carreira horizontal. Ámbolos dous sistemas de progresión non son excluíntes entre si, polo que os empregados do Concello poderán progresar simultaneamente en ambas modalidades, sempre e cando se tivesen implantado nun mesmo eido.

c) A relación de postos de traballo, ou instrumento organizativo similar vixente no Concello, configúrase como instrumento que posibilita a progresión vertical, conforme ao sistema de provisión vixente en cada momento

d) A avaliación do desempeño e a competencia profesional adquirida constitúen elementos esenciais no desenvolvemento da carreira profesional.

e) A xestión das necesidades de recursos humanos rexerase polo criterio de preferencia, dos empregados públicos locais, para a cobertura das vacantes de prazas ou postos, mediante os respectivos procedementos de promoción interna e provisión de postos.

f) Os Plans de Formación procurarán que os empregados públicos, ademais de mellorar nos coñecementos e habilidades que teñen relación directa co desempeño dos seus postos de traballo, poidan adquirir os coñecementos e habilidades que permitan o seu progreso profesional, e que esta formación superior sexa tida en conta como mérito á hora de participar en convocatorias de promoción interna ou de provisión de postos de traballo.

g) Ademais das modalidades de carreira profesional previstas no presente capítulo, o verdadeiro impulso ao progreso profesional vén dado pola orientación a este propósito das diferentes ferramentas de xestión de recursos humanos, que, para a consecución dun verdadeiro pulo da carreira profesional, deben ter, necesariamente, un proceso de xestión e actualización áxil.

h) O sistemas e procedementos que, en desenvolvemento dos criterios xerais establecidos no presente texto, así como na restante normativa de aplicación, ao respecto da carreira profesional, sexa necesario concretar, serán obxecto de negociación no seo da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo.

Artigo 83. Modalidades de carreira profesional.

As modalidades de desenvolvemento profesional son:

a) Carreira horizontal, que consiste na progresión de grao, categoría, chanzos ou outros conceptos análogos, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e con criterios obxectivos de avaliación e valoración do desempeño e traxectoria profesional

b) Carreira vertical, que consiste no ascenso na estrutura de postos de traballo a través dos sistemas de provisión vixentes en cada momento para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

c) Promoción interna vertical, que consiste no ascenso dende un corpo, escala ou categoría dun grupo ou subgrupo profesional a outro superior,

d) Promoción interna horizontal, que consiste no acceso a corpos, escalas ou categorías do mesmo subgrupo ou grupo de clasificación profesional, conforme aos criterios vixentes en cada momento para a realización dos procesos de promoción interna do persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

Artigo 84. A Carreira horizontal.

1. Obxecto.

O Concello de Teo comprométese ao desenvolvemento dos mecanismos e instrumentos que favorezan o desenvolvemento dunha carreira profesional horizontal dos seu persoal, cuxo obxecto será establecer un sistema de progresión e recoñecemento profesional ligado ao desenvolvemento do posto de traballo, a través da competencia profesional, a iniciativa na mellora do servizo e o compromiso co servizo público que se presta.

2. Concepto.

A Carreira horizontal consiste na progresión de grao, categoría, chanzos ou outros conceptos análogos, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e con criterios obxectivos de avaliación e valoración do desempeño e traxectoria profesional. Esta progresión debe basearse no recoñecemento da traxectoria e actuación profesional, da calidade dos traballos realizados na prestación do servizo e no desempeño das tarefas do posto de traballo, dos coñecementos adquiridos e o resultado da avaliación do desempeño, así como doutros méritos e actitudes por razón da especificidade da función desenvolvida e a experiencia adquirida.

3. Principios.

A carreira horizontal configúrase baixo os seguinte principios:

a) Principio de voluntariedade. É dicir só a solicitude do interesado.

b) Principio de personalidade. O recoñecemento do grao, ou concepto análogo, será de carácter persoal e individual.

c) Principio de gradualidade. O nivel profesional concrétase nalgún dos graos ou conceptos análogos definidos, en función dos méritos e servizos prestados.

d) Principio de progresividade. Esixe o recoñecemento previo dun grao ou concepto análogo para alcanzar os sucesivos, coa acreditación do recoñecemento do inmediatamente inferior.

e) Principio de mérito e competencia. Recoñecemento do grao, ou concepto análogo, en atención ao desempeño e traxectoria profesional. A tal efecto, cada ascenso na estrutura de carreira profesional horizontal vixente debe ir precedida do correspondente proceso de avaliación do desempeño.

f) Principio de irreversibilidade. O grao ou concepto análogo recoñecido, de natureza individual, terá carácter irreversible e consolidable, salvo nos casos excepcionais en que se poida acreditar a perda dos méritos que deron lugar ao mencionado recoñecemento.

g) Principio de excepcionalidade do sistema extraordinario. Os sistemas extraordinarios de recoñecemento profesional horizontal que se poidan desenvolver serán de aplicación, por unha soa vez, aos empregados contemplados no seu eido de aplicación.

4. Estrutura da carreira horizontal.

O modelo de carreira horizontal vixente en cada momento no Concello de Teo deberá articular un sistema de grados, categorías, chanzos ou conceptos análogos de ascenso, aos cales se vinculará unha remuneración económica. Polo que respecta aos ascensos, estes deberán realizarse, con carácter xeral, de maneira consecutiva, salvo aqueles supostos excepcionais en que se prevea outra posibilidade.

A carreira horizontal non terá efectos xerárquicos nin funcionais. O/a empregado/a continuará desempeñando as súas funcións no seu posto de traballo.

5. Carreira horizontal e promoción profesional.

Dado que a carreira horizontal se vincula ao posto de traballo desempeñado, é preciso contemplar un sistema que permita conxugar o progreso nesta carreira coa promoción interna tanto horizontal como vertical, nunha dobre vertente; dun lado, a valoración, dentro dos requisitos e incluso experiencia que as tarefas desenvolvidas poidan significar, dos servizos prestados en postos de traballo de distinto ou igual subgrupo, ou no seu caso grupo, de non existir aquel, a efectos de acceder a grao no posto efectivamente ocupado, e doutro, o recoñecemento destes servizos a efectos do recoñecemento da carreira profesional, cando se realiza algún tipo de promoción.

A tal efecto, tamén se deberán considerar as posibles asimilacións funcionais que puidesen definirse, no marco da negociación colectiva, entre postos reservados a persoal laboral e funcionario.

En calquera caso, todos estes aspectos deberán ser obxecto de concreción no marco da mesa xeral de negociación do Persoal do Concello de Teo.

6. Acceso ao sistema. Requisitos.

Para acceder ao sistema de carreira horizontal vixente en cada momento deberanse cumprir os seguintes requisitos xerais;

a) Estar en situación de activo ou asimilado.

b) Acreditar os méritos ou requisitos esixidos.

c) Presentar a solicitude de recoñecemento en tempo e forma.

d) Superar con éxito o proceso de avaliación de desempeño definido para cada grao ou concepto análogo.

7. Grao persoal.

Todo/a empregado/a do Concello posúe un grao persoal correspondente a un dos niveis nos que se clasifican os postos de traballo que figuran na relación de postos ou instrumento organizativo similar.

a) O grao de persoal adquírese polo desempeño dun ou mais postos do nivel correspondente durante dous anos continuados ou durante tres con interrupción. Se durante o tempo en que o/a empregado/a desempeña un posto se modificase o nivel deste, o tempo de desempeño computarase no nivel máis alto co que tal posto estivese clasificado.

Pese ao disposto no parágrafo anterior, o persoal que obteñan un posto de traballo superior en dous niveis ao correspondente ao seu grao persoal, consolidará, cada dous anos de servizos continuados, o grao superior, en dous niveis, ao grao que posuíse, sen que en ningún caso poida superar o correspondente ao do posto desempeñado.

b) O persoal municipal principiará a consolidar o grao correspondente ao nivel de complemento de destino do primeiro posto ao que sexa adscrito, de forma provisional ou definitiva, trala superación dos procesos de selección.

c) Os empregados municipais terán dereito, calquera que sexa o posto de traballo que desempeñen, a percibir, polo menos, o complemento de destino dos postos de nivel correspondente ao seu grao persoal. Non obstante, a percepción do complemento específico será a correspondente ao posto realmente desempeñado.

d) As persoas funcionarias que cesen nun posto de traballo sen obter outro polos sistemas regrados de provisión quedarán a dispor da Alcaldía, que lles atribuirá o desempeño dun posto provisional correspondente ao seu corpo ou escala, ou categoría, no seu caso, sen que sexa inferior en mais de dous niveis ao do seu grao persoal, en tanto non obteña outro posto con carácter definitivo, con efectos do día seguinte á data de cesamento.

e) O tempo de permanencia en situación de servizos especiais será computado, para efectos de consolidación de grao persoal, como prestado no último posto desempeñado en situación de servizo activo ou no que posteriormente se obtivese por concurso.

f) Os graos superiores dos corpos ou escalas, ou categorías, no seu caso, poderán coincidir cos inferiores no corpo, escala ou categoría inmediatamente superior.

g) A adquisición e cambio de graos inscribiranse no rexistro de persoal logo do recoñecemento por parte do órgano competente.

h) A adquisición de graos superiores tamén se poderá derivar da superación de cursos e programas formativos, así como do cumprimento doutros requisitos obxectivos que estean previstos dentro do modelo de carreira profesional horizontal vixente en cada momento para o persoal do Concello de Teo.

Artigo 85. Carreira vertical.

A Carreira vertical consiste no ascenso na estrutura de postos de traballo a través dos sistemas de provisión vixentes en cada momento.

Con tal fin, o Concello de Teo deberá facilitar, mediante a elaboración da relación de postos ou documento organizativo similar, a posibilidade da progresión profesional vertical na estrutura de postos existentes.

A carreira profesional vertical deberá realizarse conforme aos procedementos de provisión de postos vixentes para o persoal do Concello de Teo e regulados pola normativa de referencia aplicable en cada momento.

Artigo 86. Promoción interna.

1. A promoción interna consiste no ascenso dende un corpo, escala ou categoría dun grupo ou subgrupo profesional a outro superior (promoción interna vertical), ou dentro do mesmo grupo ou subgrupo (promoción interna horizontal)

2. As condicións e alcance do exercicio do dereito á promoción interna do persoal municipal negociaranse, cada ano, no seo da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo, e con anterioridade á aprobación do cadro de persoal orzamentario, en función das necesidades de persoal e as vacantes a cubrir en cada oferta de emprego, respectando, en calquera caso, os criterios xerais establecidos no presente texto e na normativa de referencia aplicable en cada momento.

Artigo 87. Promoción interna vertical.

1. Para poder participar nestes procesos os empregados municipais deberán posuír a titulación esixida para o ingreso á praza á que se opta, ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos no grupo, categoría, corpo ou escala a que pertenzan, así como reunir os requisitos e superar as probas que para cada caso se establezan.

2. A promoción interna realizarase mediante procesos selectivos que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como os establecidos, segundo a normativa vixente, para o a acceso ao emprego público.

3. Reservarase un mínimo dun 25% das prazas vacantes existentes nas ofertas de emprego público para persoal pertencente a corpos, escalas ou categorías do grupo inmediatamente inferior que, posuíndo a titulación esixida, si é o caso, e os demais requisitos inherentes á vacante que se vai cubrir, prestasen servizos efectivos durante polo menos dous anos no corpo, escala ou categoría de pertenza.

4. As devanditas convocatorias deberán respectar, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, e poderán levarse a cabo en procesos separados dos de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así sexa determinado.

5. Para o acceso por promoción interna ás prazas do grupo A esixirase estar en posesión do título universitario de Grao. Naqueles supostos nos que a Lei esixa outro título universitario será este o que se teña en conta.

6. Os funcionarios do subgrupo C1 que reúnan a titulación esixida poderán promocionar ao grupo A sen necesidade de pasar polo novo grupo B, coas condicións e requisitos establecidos neste texto e na normativa de aplicación.7. Para o acceso por promoción interna a prazas do grupo B esixirase estar en posesión do título de Técnico Superior.

Poderá participar nos procesos de promoción dentro do grupo C o persoal municipal que, carecendo da titulación esixida, acredite unha antigüidade mínima de dez anos no subgrupo de pertenza ou ben teña unha antigüidade mínima de cinco anos e supere os cursos de formación que se determinen polos órganos da Corporación.

8. As prazas reservadas a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de cobertura libre.

Artigo 88. Promoción interna horizontal.

1. Os empregados municipais poderán acceder a outras categorías, corpos ou escalas encadradas no mesmo grupo que teñan asignadas funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico, sempre que estean na posesión da titulación esixida en cada caso e superen os procesos selectivos establecidos a tal efecto. En calquera caso, as categorías, corpos ou escalas ás que se poderá acceder mediante este procedemento serán obxecto de negociación colectiva no marco da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo.

2. Poderá ser eximido dalgunha das probas aquel persoal que proceda da mesma área de especialidade profesional que a correspondente ó corpo, escala ou categoría á que se pretende promocionar.

Artigo 89. Promoción interna cruzada.

No seo da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo determinaranse os corpos e escalas de funcionarios aos que poderá acceder o persoal laboral dos grupos e categorías profesionais equivalentes ao Grupo de titulación correspondente ao corpo ou escala a que se pretenda acceder, sempre que desempeñen funcións substancialmente coincidentes ou análogas no seu contido profesional e no seu nivel técnico, se deriven avantaxes para a xestión dos servizos, se encontren en posesión da titulación académica requirida e superen as correspondentes probas selectivas.

SECCIÓN 2.ª. DA AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO

 
Artigo 90. Concepto e alcance.

1. O Concello de Teo comprométese a desenvolver sistemas que permitan a avaliación do desempeño dos seu persoal.

2. A avaliación do desempeño é o instrumento a través do que se acredita o compromiso dos empregados municipais na mellora dos servizos públicos e na consecución dos obxectivos da Administración municipal, e mediante o cal se mide e se valora a conducta profesional e o rendemento ou logro dos resultados.

3. Os sistemas de avaliación do desempeño no Concello de Teo rexeranse por criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, e aplicaranse sen menoscabo dos dereitos do persoal municipal. A avaliación do desempeño realizarase de forma que non exista diferenza nin discriminación algunha por razón do réxime xurídico dos empregados (funcionarios, laborais).

4. Os procesos de avaliación poderán ter efectos sobre a percepción do complemento da produtividade, o desenvolvemento da carreira profesional, a formación e a provisión dos postos de traballo, conforme ao criterios e condicións vixentes en cada un destes eidos para o persoal do Concello de Teo.

5. Con independencia do sistema xeral de avaliación vixente no Concello de Teo poderán acordarse procesos específicos en determinados servizos municipais, ou grupos profesionais que, pola súa singularidade, aconsellen un tratamento propio.

Artigo 91. Comisión técnica de avaliación.

1. Crearase unha comisión técnica de avaliación de carácter paritaria, integrada por representantes do persoal e da Administración, todos eles con voz e voto, podendo formar parte de devandita comisión profesionais externos con experiencia en recursos humanos, con voz pero sen voto

2. A comisión de avaliación terá atribuídas as funcións de fixar, revisar e facer público, con carácter anual, e previamente ao inicio do procesos de avaliación, os criterios e baremos a utilizar para a avaliación, que serán sometidos á aprobación da mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo.

3. Así mesmo, este órgano tamén será o encargado de elaborar unha proposta de normas reguladoras do procedemento de xestión e tramitación dos expedientes de avaliación do desempeño que, en todo caso, deberá ser ratificada pola mesa xeral de negociación do persoal do Concello de Teo. A comisión, á vista dos resultados das primeiras avaliacións realizadas, poderá propoñer modificacións no procedemento para axustalo a unha mellora no funcionamento dos servizos municipais.

CAPÍTULO XVI. SISTEMA RETRIBUTIVO

 

SECCIÓN 1.ª. DA ESTRUTURA RETRIBUTIVA

 
Artigo 92. Estrutura retributiva.

A estrutura e sistema retributivos serán os vixentes, en cada momento, par o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

Tomando en consideración a situación normativa vixente, e con independencia das modificacións que poidan ser aplicables como consecuencia de futuras revisións legais, a estrutura retributiva do persoal funcionario de Teo constará de retribucións básicas e complementarias.

A) Retribucións básicas:

a).1. O soldo, que se asigna en función da pertenza a cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional, cando este non teña subgrupo

a).2. Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional cando este non teña subgrupo, por cada tres anos de servizo na categoría profesional correspondente.

Para estes efectos computaranse a totalidade dos servizos prestados mediante relación laboral ou estatutaria en calquera Administración Pública.

No caso de que o/a traballador/a preste os seus servizos sucesivamente en diferentes categorías de distinto grupo, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados en grupos anteriores. O cómputo da fracción para completar un trienio, no grupo dende o que se promociona, se valorará a favor do grupo superior acadado.

a).3. As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano por un importe mínimo, cada unha delas, dunha mensualidade do soldo, trienios e as retribucións complementarias de destino e específico.

B) Retribucións complementarias:

b).1. O complemento de destino correspondente ao nivel do posto que se desempeñe, e que estará recollido na relación de postos de traballo, e será igual para todos os postos do mesmo nivel.

b).2. O complemento específico destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso poderá asignarse máis dun complemento específico a cada posto de traballo.

b).3. O complemento de produtividade destinado a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que o/a traballador/a desempeñe o seu traballo.

O límite global da súa contía será fixado nos orzamentos anuais. A súa asignación, que corresponderá á Alcaldía, realizarase conforme criterios obxectivo de reparto e asignación individualizada. Os devanditos criterios serán obxecto de negociación coa representación dos traballadores e posterior aprobación por parte do Pleno. As cantidades que perciba cada empregado serán públicas.

b).4. As gratificacións por servizos extraordinarios fóra da xornada laboral, non poderán, en ningún caso, ser fixas na contía, nin periódicas na súa percepción.

C) Retribución diferida.

O Concello poderá destinar cantidades da masa salarial que fixe nos orzamentos, ata a porcentaxe máxima establecida anualmente na Lei de Presupostos Xerais do Estado, logo da negociación colectiva, para o finanzamento de plans de pensións ou contratos de seguro colectivos con cobertura de continxencias de xubilacións, e cuxas cantidades terán a consideración de retribución diferida.

Artigo 93. Indemnización por razón de servizo.

Os regulación do seu alcance e contidos correspóndese co definido no Decreto 462/2002, de 24 de maio, e demais normas que o desenvolven e actualizan as súas contías.

Artigo 94. Indemnización especial.

Defínese como tal a compensación que corresponde ao persoal municipal polos danos, perdas ou gastos extraordinarios que se produzan por razón ou como consecuencia dos servizos encomendados.

Excepcionalmente, o Concello poderá aboar unha indemnización especial polos danos, perdas ou gastos extraordinarios derivados de sinistro ou catástrofe que afecte aos empregados municipais de xeito individual ou colectivamente.

A avaliación da contía corresponderá a Alcaldía ou, no seu, á Xunta de Goberno Local, logo de examinar tanto o ditame pericial oportuno como o informe da representación sindical.

Artigo 95. Gratificación especial.

O persoal que, por necesidades do servizo, se vexa obrigado a traballar as noites dos días 24 e 31 de Nadal, será compensado cunha gratificación especial equivalente ao dobre da compensación ordinaria que correspondería polo traballo realizado, que tería consideración de nocturno e festivo.

Artigo 96. Gratificacións extraordinarias.

No suposto excepcional de que, de conformidade co previsto no presente acordo, os servizos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral sexan remuneradas economicamente, seguiranse os seguintes criterios:

a) Con carácter xeral, cada hora extraordinaria traballada será retribuída co valor de unha ordinaria de traballo.

b) As horas extraordinarias traballadas en horario nocturno, en domingos ou en festivos retribuiranse co valor dunha ordinaria de traballo incrementada nun 50%.

c) As horas extraordinarias traballadas en horario nocturno de domingos ou festivos retribuiranse co valor dunha hora ordinaria de traballo incrementada no 100%.

A tales efectos, o valor da hora ordinaria de traballo calcularase dividindo as retribucións totais anuais (excluíndo produtividade e antigüidade) entre a xornada de traballo anual.

Artigo 97. Retribucións en situacións de Incapacidade laboral.

O Concello completará as percepcións dos empregados durante a situación de baixa por I.T. ata o 100%.

Artigo 98. Actualización das contías das retribucións.

As retribucións do persoal experimentarán o incremento que a Lei de Presupostos Xerais do Estado fixe para o persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 99. Nómina.

Tódalas percepcións do persoal realizaranse a través da nómina, establecéndose a prohibición de facelo doutro xeito. O cobro da nómina deberá poder efectuarse antes do último día do mes, podendo derivarse responsabilidades noutro caso. A nómina, que se deriva do libro de rexistro de persoal, deberá conter tódolos datos persoais precisos e os conceptos retributivos detallados en concreto, sempre de xeito claro, o importe bruto, as deducións e o importe líquido, procurando a maior transparencia e claridade posibles.

Artigo 100. Contía das retribucións.

1. As retribucións básicas do persoal funcionario do Concello devengaranse, cada ano, na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lai de Presupostos Xerais do Estado.

2. O complemento de destino do persoal funcionario do Concello devengarase cada ano, na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de Presupostos Xerais do Estado, conforme ao nivel asignado a cada posto de traballo ou, no seu caso, ao grado persoal consolidado correspondente a cada empregado/a.

O nivel correspondente a cada posto será o determinado pola relación de postos de traballo, ou instrumento de ordenación de rrhh similar, que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente acordo.

3. As contías do complemento específico determinaranse pola relación de postos de traballo, ou instrumento de ordenación de rrhh similar, que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente acordo.

Artigo 101. Cláusula de transitoriedade.

1. En tanto non se elabore unha RPT, ou instrumento similar de ordenación de rrhh, os complemento específico e de destino aplicables serán os establecidos para as prazas de persoal funcionario, dotadas orzamentariamente, no momento de entrada en vigor do presente acordo, coas correspondentes subidas anuais que proceda realizar segundo a Lei de Presupostos do Estado.

2. Nos casos das prazas de nova creación, non dotadas orzamentariamente no momento de entrada en vigor deste acordo, procederase a unha determinación do seu complemento específico e de destino mediante un proceso de valoración obxectivo das súas características laborais e profesionais. Esta valoración guiarase polos mesmos criterios e factores aplicados para a determinación das retribucións complementarias nos procesos de elaboración de relacións de postos de traballo.

A valoración destas prazas será obxecto de negociación no marco do proceso negociador aberto con motivo da elaboración dos orzamentos municipais anuais, con anterioridade ao seu debate plenario.

SECCIÓN 2.ª. DA COMPENSACIÓN DO TRABALLO EN PERÍODO FESTIVO, NOCTURNO, CON DISTORSIÓN HORARIA, CON XORNADA PARTIDA E CON XORNADA IRREGULAR

 
Artigo 102. Horario nocturno e festivo.

1. Entenderase por traballo en período nocturno o efectuado entre as 10 da noite (22.00 p.m) e as 8 da mañá (8.00 a.m.).

2. Entenderase por traballo en período festivo o realizado no tempo que medie entre as 22 horas do venres e véspera de festivo e as 22 horas de cada domingo ou festivo.

3. As horas que se realicen en horario nocturno ou festivo compensaranse mediante a súa retribución específica ou mediante a reducción de xornada correspondente, a elección do/da empregado/a. En calquera caso, a compensación en tempo de traballo tan só será posible en caso de que o servizo o permita, non debendo resultar prexudicada a prestación do mesmo (neste caso, a compensación será de tipo retributivo)

Artigo 103. Compensación do traballo en nocturno e festivo.

Para a compensación deste tipo de traballo, serán de aplicación os seguintes criterios;

- Para a compensación, en tempo libre, do traballo realizado en período nocturno, terase dereito a un descanso equivalente ao 50% da cada hora traballada nestas circunstancias. Para os casos en que se deba proceder á compensación económica, cada hora realizada en período nocturno será retribuída cun incremento do 50% sobre o valor da hora de traballo ordinaria fixada para este suposto.

- Para a compensación, en tempo libre, do traballo realizado en período festivo, terase dereito a un descanso equivalente ao 50% da cada hora traballada nestas circunstancias. Para os casos en que se deba proceder á compensación económica, cada hora realizada en período festivo será retribuída cun incremento do 50% do valor da hora de traballo ordinaria fixada para este suposto.

- A compensación horaria por traballos nocturnos e festivos será acumulable.

- O valor da hora de traballo ordinaria, aplicable para o cálculo destas compensacións, será o resultado de dividir a suma das retribucións básicas anuais totais (excluídos o concepto de antigüidade) e o complemento de destino anual entre a xornada anual de traballo.

Artigo 104. Definición e compensación da distorsión horaria.

1. Xunto coas compensacións por traballo en festivo e nocturno, aquel persoal que, pola natureza das súas funcións, se deba organizar en quendas variables, alternando traballo en horario de mañá e tarde, recibirán unha retribución de 30 euros mensuais, en concepto de distorsión horaria. Este concepto será incrementado nun 50% cando a alternancia de quendas sexa de mañá, tarde e noite.

2. Deberase garantir, dentro das posibilidades organizativas e de efectivos, que a distribución destas quendas se faga dun xeito equitativo entre a totalidade do persoal de cada servizo.

3. Esta compensación manterase como complemento durante os procesos de Incapacidade temporal.

4. A aplicación deste sistema compensatorio deberá depender, ineludiblemente, da prestación efectiva de servizos. Deste xeito, para a percepción das compensacións fixadas, deberá acreditarse a realización efectiva de horas de traballo baixo as circunstancias reguladas no presente artigo.

5. En calquera caso, a compensación económica mensual, en concepto de distorsión horaria, será igual para todos os/as empregados/as, con independencia do número de horas cuantificadas, coa única esixencia de que se poida acreditar un desempeño laboral ordinario con alternancia de quendas.

Artigo 105. Compensación por xornada partida.

O traballo en xornada partida compensarase, ordinariamente, mediante a reducción da xornada semanal ordinaria nunha hora por cada día en que se dean estas circunstancias. Dita compensación se realizará, preferentemente, no mesmo día ou días nos que se realice a xornada partida, sempre que sexa compatible coas necesidades do servizo.

Artigo 106. Compensación por traballo en xornada irregular.

O persoal que pola natureza da súa actividade realice unha xornada irregular,segundoo establecido no presente acordo, percibirá unha compensación económica consistente en 185 euros mensuais.

Artigo. 107. Tramitación e xestión das compensacións.

1. A efectos de garantir unha compensación obxectiva e correcta dos servizos prestados, os xefes do servizos correspondentes responsabilizaranse da contabilización e certificación dos mesmos, garantindo a súa veracidade, e encargándose da súa remisión ao departamento de persoal.

2. A tramitación das compensacións correspondentes, ben sexa en horas ou en retribución económica, correrá a cargo do Departamento de Persoal, que deberá asumir a súa contabilidade e rexistro, así como a supervisión da veracidade dos datos subministrados.

3. Unha vez realizada esta tramitación administrativa, será o departamento responsable da xestión de nóminas o que deba facer efectivo os pagos correspondentes, incorporados nas retribucións mensuais ordinarias.

4. O pago das cantidades resultantes farase a mes vencido, xunto coa nómina correspondente

5. A compensación económica da nocturnidade, festividade, distorsión horaria, xornada partida e xornada irregular realizarase con cargo á produtividade. A tal efecto, dentro do conxunto de criterios de reparto deste complemento, deberá figurar, obrigatoriamente, o sistema de compensación de nocturnidade, festividade, distorsión horaria e xornada irregular definido no presente acordo, con independencia daqueles outros que poidan ser fixados no marco da negociación colectiva e que pretendan valorar outros aspectos do desempeño laboral.

6. As distintas compensacións establecidas para as diversas modalidades de traballo en período nocturno, festivo, con distorsión horaria, en xornada irregular e en xornada partida serán compatibles e, consecuentemente, acumulables.

7. O persoal sometido ao réxime de especial dedicación non poderá percibir gratificacións por servizos extraordinarios ata acreditar o cumprimento das horas anuais adicionais establecidas no presente acordo, nin percibir compensación adicional ningunha por traballo en período nocturno, festivo, con distorsión horaria, en xornada irregular ou en xornada partida.

Artigo108. Vixencia e revisión dos sistemas de compensación.

A aplicación do sistema de compensación da nocturnidade, festividade, distorsión horaria, xornada partida e xornada irregular terá carácter transitorio e revisable, deixando de ter efecto no momento en que estas circunstancias sexan obxecto de inclusión económica no marco da RPT, ou instrumento similar, ou no caso de que se fixe outro sistema específico aplicable.

CAPÍTULO XVII. ACCIÓN SOCIAL E OUTROS DEREITOS

 
Artigo 109. Fondo de Acción Social.

1. O Concello dotará anualmente, no seu orzamento, unha partida ou fondo para o financiamento de gastos de natureza social e sanitaria do todo o seu persoal. Esta dotación da partida ascenderá ao 1% da masa salarial conxunta do persoal ao servizo do Concello de Teo (tanto persoal laboral como funcionario e eventual). A dotación desta partida negociarase anualmente na mesa xeral de negociación do persoal do Concello

2. A xestión e a asignación individualizadado importe desta partida realizarase de conformidade co Regulamento de Acción social que deberá ser aprobado polo Pleno, previa negociación na mexa xeral de negociación do persoal do Concello.

3. Esta partida destinarase ao financiamento ou subvención daqueles conceptos e supostos que se determinen no Regulamento de Acción Social.

Artigo 110. Anticipos.

1. O Concello determinará nas normas de xestión dos orzamentos anuais unha contía máxima, sobre a masa salarial anual, para a concesión de anticipos ao persoal, cos seguintes criterios:

j) O persoal municipal terá dereito a percibir anticipadamente ata o 90% das súas retribucións mensuais brutas, que se descontará automaticamente na nómina do mes en que se conceda.

k) O persoal municipal terá dereito a percibir anticipadamente o importe das súas retribucións de dúas mensualidades, que se reintegrarán sen xuro no prazo máximo de 14 meses.

2. A súa devolución realizarase mediante deducción en cada nómina mensual. Por pedimento do/a interesado/a, os anticipos poderán amortizarse en prazos inferiores aos establecidos ou mediante entrega de contías a tanto alzado.

3. A concesión dos distintos tipos de anticipos que se establecen serán compatibles entre si. Porén, a concesión simultánea de anticipos previstos no presente artigo obriga aos beneficiarios á amortización simultánea e individualizada de cada un deles.

4. Será requisito imprescindible para poder solicitar o anticipo salarial que o/a traballador/a se atope incluído na nómina de haberes, polo menos, desde o mes anterior á formalización da solicitude, que a súa vinculación co Concello teña, de principio, unha duración superior ao período de devolución do anticipo e que non teña outro anticipo sen cancelar.

5. No suposto de que o/a traballador/a a quen se lle outorgou un anticipo causara baixa no seu posto de traballo, como consecuencia da extinción da súa relación laboral, concesión de calquera tipo de excedencia, permiso sen soldo ou suspensión da relación laboral, con excepción da dimanante de incapacidade temporal ou maternidade na muller traballadora, deberá reintegrar as cantidades non devoltas dentro do mesmo mes en que se produza a mencionada baixa.

Artigo 111. Asistencia xurídica e responsabilidade civil.

1. O Concello garantirá a prestación de asistencia xurídica a todo o persoal que a precise por razón de conflitos con terceiros derivados da prestación do servizo.

2. Así mesmo, o Concello asumirá as posibles responsabilidades civís que puidesen derivarse da prestación do servizo dos empregados municipais, agás nos casos de neglixencia debidamente probada. Para estes efectos, o Concello poderá subscribir unha póliza de seguro que garanta unha cobertura adecuada por este concepto.

Artigo 112. Seguro de accidentes.

O Concello concertará unha póliza de seguro colectivo de accidentes para o seu persoal, que cubra os riscos de morte e invalidez, garantindo, cando menos, os seguintes capitais:

a) Morte por accidente: 30.000 euros.

b) Invalidez total: 30.000 euros.

c) Invalidez parcial: segundo baremos.

O incumprimento do disposto no presente artigo suporá a obriga do Concello de asumir subsidiaria e directamente as indemnizacións establecidas en cada caso.

Artigo 113. Segunda actividade.

1. A segunda actividade é unha situación administrativa especial que ten por obxecto fundamental garantir unha adecuada aptitude psicofísica do persoal mentres permanezan en activo, asegurando a eficacia no servizo.

2. Na situación de segunda actividade permanecerase ata o pase á xubilación ou a outra situación, que non poderá ser a de servizo activo, agás no caso de que a causa de pase á situación de segunda actividade fose a insuficiencia das aptitudes psicofísicas e a mesma teña desaparecido, suposto no que o/a traballador/a deberá reintegrarse ao seu posto de orixe.

3. En función da dispoñibilidade de persoal e das necesidades orgánicas e funcionais do Concello, os/as traballadores/as que pasen á situación de segunda actividade poderán ocupar aqueles postos de traballo que o Concello sinale na relación de postos de traballo, previa negociación.

4. As causas polas que se poderá pasar a segunda actividade son as seguintes:

a) No caso dos membros da Policía Local, servizos de protección civil e extinción de incendios, conforme aos criterios estipulados pola normativa de referencia de cada un destes colectivos. En todo caso, en ausencia de normativa específica, será de aplicación o establecido para a segunda actividade do persoal da Policía Local de Galicia.

b) Por insuficiencia das aptitudes psico-físicas, cando o/a traballador/a estea incapacitado para o exercicio da súa función habitual, sempre que non sexa causa de xubilación anticipada por incapacidade permanente. Neste caso, o pase a segunda actividade requirirá do exame da corresponde comisión de valoración de incapacidades ou tribunal médico.

5. Durante o pase a segunda actividade, o/a traballador/a que ocupe destino percibirá as retribucións que veña percibindo no momento do seu paso á situación de segunda actividade, ademais das específicas inherentes ao posto de traballo que desempeñe e, se procede, o complemento de produtividade.

Artigo 114. Xubilación.

1. A xubilación do persoal municipal poderá ser:

a) Voluntaria, a solicitude do/a interesado/a.

b) Forzosa, ao cumprir a idade legalmente establecida.

c) Pola declaración de incapacidade permanente para o exercicio das funcións propias da súa categoría profesional, ou polo recoñecemento dunha pensión de incapacidade permanente absoluta ou, incapacidade permanente total en relación co exercicio dás funcións da súa categoría.

d) Parcial. De acordo co establecido nos apartados 2 e 4.

2. Procederá a xubilación voluntaria, a solicitude do interesado, sempre que ou/a traballador/a reúna os requisitos e condicións establecidos no Réxime Xeral da Seguridade Social que lle sexa aplicable

3. A xubilación forzosa declararase de oficio ao cumprir o/a traballador/a os sesenta e cinco anos de idade.

Non obstante, e de conformidade cos termos establecidos ao respecto pola normativa de aplicación, os empregados poderán solicitar a prolongación no servizo activo, como máximo, ata os setenta anos. A solicitude de prolongación deberá ser resolta, de forma motivada, por parte do Concello

4. Procederá a xubilación parcial, a solicitude do interesado, sempre que o/a traballador/a reúna os requisitos e condicións establecidos no réxime xeral da Seguridade Social que lle sexa aplicable.

Artigo 115. Xubilación parcial.

Nos casos en que o persoal interesado cumpra cos requisitos e condicións xerais establecidos no Réxime Xeral de Seguridade Social aplicable, poderán acceder a xubilación parcial nos seguintes termos:

a) O/a empregado/a concertará co Concello unha relación laboral a tempo parcial, polo que aquel reduza a súa xornada e salario entre un mínimo do 25% e o 85% de máximo. Estas porcentaxes entenderanse referidas a unha xornada de traballo dun empregado a tempo completo comparable.

A relación laboral a tempo parcial do empregado que se xubila formalizarase por escrito, en modelo oficial, no que figurarán os elementos propios desta modalidade, así como a xornada realizada con anterioridade e a resultante da reducción de xornada, e as características do posto de traballo a desempeñar polo relevo.

O relación laboral a tempo parcial non suporá perda de dereitos adquiridos e da antigüidade do traballador.

b) Se o/a empregado/a accede a esta xubilación parcial con menos de 65 anos de idade sen que, a tales efectos, se teñan en conta as bonificacións ou anticipacións de idade de xubilación correspondentes, a empresa concertará simultaneamente un contrato de relevo, cun/cunha desempregado/a ou empregado/a con contrato de duración determinada no Concello, cuxo obxecto será substituír a xornada de traballo deixada de prestar polo/a traballador/a que accede a esta situación.

O posto de traballo de relevo poderá ser o mesmo ou similar, entendendo por tal o desempeño de tarefas do mesmo subgrupo, ou grupo, de non existir este, ou categoría equivalente. Terá unha duración igual ao tempo que falte para a xubilación do/a empregado/a substituído, e será prorrogable, por períodos anuais, se este permanece despois da idade de xubilación ata que esta se produza.

Artigo 116. Xubilación anticipada. Incentivos por xubilación.

1. Co fin de favorecer o proceso de renovación de persoal incentivarase a xubilación, de xeito especial naquelas prazas declaradas a extinguir, de segunda actividade, ou naquelas circunstancias nas que as condicións psicofísicas do/da empregado/a o aconsellen.

2. Os requisitos para esta incentivación serán:

a) Ser empregado/a de natureza fixa no Concello e estar en situación de servizo activo.

b) Non estar inmerso en causa de expediente disciplinario ou pendente de sanción.

c)Cumpriros requisitos legais de dereito a percibir pensión de xubilación.

3. En atención á idade, en concepto de incentivo por xubilación anticipada, abonaranse retribucións mensuais íntegras na seguinte escala:

Idade de xubilación

Incentivo

60 anos

30 mensualidades

61 anos

25 mensualidades

62 anos

20 mensualidades

63 anos

15 mensualidades

64 anos

10 mensualidades

65 anos

5 mensualidades

4. O persoal terá dereito a percibir os incentivos sinalados, en caso de morte, nos supostos en que esta situación non estea cuberta por outra póliza que poida ter subscrita o Concello de Teo. Neste caso, os perceptores serán as persoas que legalmente teñan recoñecida a capacidade para a percepción das devanditas contías.

5. Para garantir o pagamento dos incentivos regulados no presente artigo o Concello poderá subscribir unha cobertura de seguro colectivo ou, no seu defecto, responder directamente dos mesmos

6. As solicitudes deberán presentarse cun mes de antelación á data prevista para a xubilación, o abono das cantidades condicionarase á baixa efectiva no cadro de persoal.

7. Ós efectos de ditos premios deberán contarse a partires da data de solicitude do/a traballador/a, coa aportación da documentación precisa para a tramitación do expediente.

8. O persoal municipal poderá acumular, ás vacacións anuais correspondentes ao último ano previo á data da súa xubilación, un permiso retribuído de 1 día natural por cada ano de servizos prestados no Concello.

CAPÍTULO XVIII. FORMACIÓN

 
Artigo 117. Principios xerais.

O concello recoñece, como principio básico da súa política de recursos humanos, o valor fundamental da formación continua, como eixo fundamental na mellora dos servizos que presta e no dereito individual á progresión profesional do seu persoal.

A formación constitúe o instrumento esencial para a adquisición de novas competencias, permite a mellora da cualificación profesional necesarias para a mellora dos obxectivos de eficiencia, eficacia e calidade que inspiran a actuación pública e da planificación de recursos humanos, tal como se recoñece no capítulo IX deste acordo.

No aspecto individual, constituirá un elemento esencial, non só no recoñecemento da carreira profesional, se non que tamén servirá de base para a promoción nos supostos que recolle este acordo.

Artigo 118. Plans de formación.

1. De xeito xeral, o Concello contará, como base para a política de formación, dun Plan de formación continua, ou establecerá a súa adhesión a plans agrupados que permitan acadar os fins da formación. A tal efecto deberán de terse en conta as actividades que, con carácter xeral, se desenvolven noutras Administracións Públicas e, de xeito especial, na Administración Autonómica.

2. O Plan de formación do Concello, de existir, ou no suposto da súa participación activa na elaboración doutros plans, deberá fixar, como mínimo.

- Os obxectivos de carácter xeral de dito plan, así como os fixados para as diferentes areas de xestión de servizos municipais, xunto co presuposto do mesmos.

- A modalidade formativa, descrición, destinatarios e sistemas de selección, que respectará o principio de igualdade, de cada acción formativa a desenvolver, incluíndo aos responsables das mesmas, sexan persoas física ou xurídicas.

- O ámbito temporal do plan e os calendario de execución das accións formativas.

Artigo 119. Acceso á formación.

O persoal do Concello terá a posibilidade de acceso aos plans de formación propios, ou aos que estea acollido. A estes efectos, disporá dun crédito de 40 horas anuais, que terán a consideración de xornada efectiva de traballo.

Complementariamente, o Concello permitirá, dacordo coas necesidades de servizo, a asistencia do persoal a seminarios ou encontros profesionais. Cando o contido destas accións o aconsellen, a súa asistencia poderá imputarse como xornada de traballo e ser sufragada polo Concello.

CAPÍTULO XIX. SAÚDE E SEGURIDADE

 
Artigo 120. Criterios xerais.

1. Aos efectos de prevención, seguridade e saúde laboral, será de aplicación no Concello a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais.

2. A acción en saúde laboral debe estar dirixida á prevención e ao control dos riscos nos lugares de traballo.

Artigo 121. Funcións de prevención.

1. A Alcaldía designará a un ou varios empregados municipais para ocuparse da actividade de prevención de riscos profesionais. Para estes efectos será oída a representación sindical.

2. As funcións dos responsables de prevención axustaranse ao disposto no artigo 31 da Lei de Prevención de Riscos Laborais e demais normativa aplicable, ao respecto, en cada momento.

Artigo 122. Consulta e participación.

1. O exercicio da función de participación en materia preventiva levarase a cabo a través dos delegados de persoal, conforme os criterios establecidos na normativa de riscos laborais vixente en cada momento.

2. A representación sindical terá dereito a participar nos procesos de determinación das cuestións relacionadas coa prevención de riscos laborais.

Artigo 123. Comité de seguridade e saúde.

1. O comité de seguridade e saúde é un órgano paritario, e colexiado, de participación, destinado á proposta e consulta regular, e periódica, dos plans e programas, así como á avaliación e prevención de riscos na administración local.

2. Constituirase un único comité de seguridade e saúde no ámbito do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello de Teo, que estará integrado polos delegados de prevención, ou outro persoal, designados nos devanditos ámbitos, e por representantes do Concello en número non superior ao de delegados.

3. A constitución do comité de seguridade e saúde farase proporcionalmente ao número de efectivos do persoal funcionario e laboral existente.

4. Nas reunións do comité de seguridade e saúde poderán participar, con voz pero sen voto, os delegados sindicais e os responsables técnicos.

5. O comité reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións neste.

6. O comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 124. Delegados de prevención.

1. Os delegados de prevención, ao abeiro do disposto no artigo 35.4 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, serán designados polos representantes do persoal.

2. A designación dos delegados de prevención deberá realizarse entre os empregados municipais.

3. O número de delegados de prevención que poderán ser designados no Concello axustarase á escala establecida no artigo 35.2 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, ou demais normativa vixente, ao respecto, en cada momento.

4. O tempo utilizado polos delegados de prevención para o desempeño das funcións previstas no artigo 36 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, será considerado como exercicio de funcións de representación.

Os empregados públicos designados como delegados de prevención que non gozaran de ningún tipo de crédito horario, a partir da súa designación contarán co mesmo crédito horario que os delegados sindicais.

5. Os órganos competentes proporcionarán aos delegados de prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

6. A formación deberá ser facilitada pola Administración, polos seus medios, ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia.

7. O tempo dedicado á formación en materia de prevención de riscos será considerado como tempo de traballo, e o custo da súa asistencia asumido polo Concello, cando se trate de cursos programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal e sexan de asistencia obrigada.

Artigo 125. Protección da saúde.

1. O Concello garantirá a correcta vixilancia da saúde de todo o seu persoal por medio das probas e exames médicos previstos neste artigo.

2. As probas e exames médicos serán acordes ás funcións que se realizan en cada categoría, diferenciándoas en funcións dos riscos específicos dos respectivos postos de traballo. As probas médicas serán, por iso, específicas, e repetiranse coa periodicidade suficiente para detectar posibles alteracións.

3. Os exames médicos serán voluntarios, agás aqueles imprescindibles para avaliar os efectos negativos das condicións de traballo sobre a saúde, para protexer a saúde, ou se, polas características do posto de traballo, a saúde do/da traballador/a puidera constituír un perigo para si mesmo, para o restante persoal ou para outras persoas.

4. A periodicidade das probas será como mínimo anual, podendo ser menor se o caso o require.

5. O resultado das probas terá carácter persoal e privado, polo que o seu uso e difusión suxeitarase ao previsto na normativa vixente sobre esta materia.

6. As probas e exames efectuaranse, de ser posible, dentro da xornada laboral. O tempo empregado será o estritamente necesario, incluíndo o de desprazamento, e considerarase para todos os efectos como tempo efectivo de traballo no caso das probas de carácter obrigatorio. Nestes suposto os gastos de transporte correrán a cargo do Concello.

7. No suposto de probas ou exames obrigatorios, efectuados fóra da xornada laboral, o tempo empregado nos mesmos será compensado deducíndose da súa xornada laboral.

Artigo 126. Saúde pública.

1. O Concello desenvolverá as accións e medidas, en materia de seguridade e saúde laboral, que sexan necesarias para lograr unhas condicións de traballo que non afecten a saúde do persoal municipal.

2. A formulación destas accións e medidas deberá estar encamiñada a lograr unha mellora da calidade de vida e ambiente de traballo, a desenvolver obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación de riscos na súa orixe, a participación sindical nos centros de traballo, e a dotarse dunha planificación preventiva de acordo coa Lei de Prevención de Riscos Laborais. Os representantes do persoal participarán e velarán polo seu cumprimento en todo momento.

3. As técnicas preventivas deberán tender á eliminación do risco para a saúde da persoa traballadora desde a súa propia xeración, tanto no que afecta ás operacións que se realicen como nos elementos empregados no proceso.

4. A formación en materia de saúde laboral e o adestramento profesional son uns dos elementos esenciais para a mellora das condicións de traballo e seguridade: as partes asinantes do presente acordo significan a importancia da formación como elemento de prevención e comprométense, así mesmo, a realizala de forma eficiente.

Artigo 127. Roupa de traballo.

1. O Concello facilitará a todo o persoal ao seu servizo, de acordo coa representación dos empregados, a roupa de traballo e calzado profesional homologados e de uso obrigatorio. Tamén facilitará os equipos de protección individual axeitados para o desempeño das súas funcións, cando as condicións e a natureza do traballo o requiran.

2. Os equipos de protección individual deberán empregarse cando os riscos non se poidan evitar ou non se poidan limitar por medios técnicos de protección colectiva, ou mediante medidas, métodos ou procedementos de organización do traballo. Os equipos de protección individual repoñeranse sempre que sexa preciso.

3. O Concello facilitará cada ano, naqueles postos que resulte preciso, un equipamento completo de inverno e outro de verán, que serán entregados en outubro e maio, respectivamente. No caso de rotura dalgún dos elementos do equipo, este será substituído.

Artigo 128. Formación dos traballadores e traballadoras.

1. O Concello de Teo, directamente, ou a través dun servizo externo, impartirá ao seu persoal a formación teórica, e práctica, suficiente e axeitada en materia preventiva, adaptada aos riscos propios do seu posto de traballo ou función, tanto no momento da súa incorporación como cando se produzan cambios nas súas funcións.

2. Esta formación tamén será impartida cando se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo, e repetirase periodicamente, de ser necesario.

3. A formación referida neste artigo impartirase sempre dentro da xornada de traballo. No caso de non ser posible, o tempo investido será descontado da mesma.

Artigo 129. Plan de prevención de riscos laborais.

1. O Concello de Teo elaborará e aprobará un Plan de prevención de riscos laborais, segundo o establecido no artigo 16 da Lei de prevención de riscos laborais e demais normativa aplicable, ao respecto, en cada momento

2. O devandito plan incluirá, en todo caso:

- A política de seguridade e saúde laboral do Concello.

- Os responsables da organización da prevención de riscos laborais.

- As funcións dos responsables da organización da prevención de riscos laborais.

- Plans de emerxencias.

- Avaliacións de risco. Procedementos de realización, aprobación e establecemento de medidas correctoras.

- Actuacións no caso de accidentes laborais.

- Formación e sensibilización do persoal do Concello en materia de prevención de riscos laborais.

- Revisión periódica do propio plan.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
D.A. 1ª. Revisión de condicións de traballo.

As disposicións previstas no presente acordo, en relación co réxime retributivo, carreira profesional e promoción interna, provisión de postos de traballo e avaliación do desempeño do persoal municipal, serán revisadas para adaptalas ao que, para estes efectos, estableza a Lei da Función Pública Galega, en desenvolvemento da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público.

D.A. 2ª. Consolidación do emprego temporal.

O Concello poderá realizar convocatorias extraordinarias para a consolidación de prazas ou postos de carácter estrutural, que se atopen dotadas orzamentariamente, e que estean a ser desempeñadas por persoal interino con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005. Os criterios xerais aplicables ao desenvolvemento destes procesos, que, en todo caso, deberán adaptarse ao establecido na normativa de aplicación, serán obxecto da oportuna negociación coa representación do persoal.

Os procesos de consolidación de emprego temporal se regularán en base aos seguintes criterios básicos:

a) De non dispor de instrumentos de ordenación de recursos humanos, o Concello comprométese a elaborar e aprobar, no prazo máis breve posíbel, unha relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar, no que se garantirá a participación do persoal, e que servirá de referencia para determinar os postos estruturais.

b) Son procesos extraordinarios que só poderán ser desenvolvidos coa finalidade, características e alcance establecidos neste acordo e na normativa de aplicación.

c) Os procesos garantirán os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

d) O contido das probas relacionarase coas tarefas e funcións habituais a desenvolver nos postos ou prazas obxecto de consolidación.

e) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concurrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste acordo e na normativa de aplicación.

f) Na fase de concurso poderá valorarase, entre outros méritos, o tempo de traballo prestado nas Administracións Públicas e a experiencia nos postos ou prazas obxecto de convocatoria. En calquera caso, a valoración de méritos, que só se aplicará aos aspirantes que superasen a fase de oposición, só poderá outorgar unha puntuación proporcionada que non determinará, por sí mesma, o resultado do proceso selectivo.

g) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación dos procesos de consolidación.

D.A. 3ª. Funcionarización de persoal laboral.

1. Os procesos de funcionarización terán como obxectivo regularizar aquelas situacións nas que tarefas e funcións que, segundo a normativa vixente, deberían de ser prestadas por persoal funcionario, estean a ser desempeñadas por persoal laboral.

2. Os procesos de funcionarización respectarán os seguintes aspectos básicos, con independencia daquelas outras cuestións e criterios que, en aplicación da normativa vixente, deban de ser respectados en cada momento.

a) Os procesos de funcionarización regularanse polas bases específicas da convocatoria, que serán obxecto de negociación coa representación do persoal.

b) Poderán participar nos procesos o persoal laboral fixo que desempeñe funcións propias de persoal funcionario, e reúnan os requisitos xerais de acceso ao emprego público establecidos no presente acordo e na normativa aplicable.

c) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación dos procesos de funcionarización

D.A. 4ª. Singularización dos postos de traballo.

Sen prexuízo da potestade de organización dos órganos da Corporación Municipal, no prazo de dous anos, dende a entrada en vigor do presente acordo, o Concello de Teo procederá, no ámbito dunha relación de postos de traballo ou instrumento similar de xestión de recursos humanos, á ordenación do cadro de persoal, mediante a singularización dos postos de traballo que estean a desempeñar funcións de coordinación, responsabilidade ou xefatura dentro dos servizos ou unidades administrativas do Concello.

Os postos de traballo singularizados serán cubertos mediante convocatoria pública, polos mecanismos de provisión de postos previstos na lexislación vixente para o persoal funcionario da Administración Local.

D.A. 5ª. Plan de Igualdade.

O Concello de Teo asume como principio reitor da súa actuación a igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres. Non existirá, entre os traballadores dun ou outro sexo, diferenza algunha por razón de xénero, en materia retributiva, de clasificación profesional, de sistema de traballo ou de xornada. Durante a vixencia do acordo o Concello de Teo adoptará medidas concretas para lograr a efectividade deste principio.

O Concello comprométese a cumprir estritamente coa Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; en especial, todo o recollido no título IV da Lei, que recolle o dereito ao traballo en igualdade de oportunidades.

O Concello e a representación legal dos traballadores elaborarán un plan de igualdade. O devandito plan fixará os obxectivos concretos de igualdade a acadar, as estratexias e prácticas a adoptar para a súa consecución, así como o establecemento de sistemas eficaces de seguimento e avaliación dos obxectivos fixados. Para a consecución deses obxectivos, o plan de igualdade deberá contemplar, entre outras, as materias de acceso ao emprego, clasificación profesional, promoción e formación, retribucións, ordenación do tempo de traballo, para favorecer, en termos de igualdade entre mulleres e homes, a conciliación laboral, persoal e familiar, e prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo.

A tal efecto, crearase unha comisión de traballo para a igualdade de trato formada por tres membros en representación do comité de empresa e delegados de funcionarios e outros 3 membros en representación do Concello.

D.A. 6ª. Actualización das contías das retribucións.

Durante o período de vixencia do presente acordo, as retribucións establecidas no mesmo experimentarán o incremento que determine a lexislación do Estado para o persoal ao servizo das Administracións Públicas, sen prexuízo das adecuacións necesarias para asegurar que as asignadas a cada posto de traballo garden relación co contido, especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade ou penosidade do mesmo, así como as que se deriven do grado de consecución dos obxectivos fixados e do resultado individual da súa aplicación.

En todo caso, durante a vixencia do presente acordo, o Concello de Teo comprométese a que o poder adquisitivo dos salarios do persoal ó seu servicio non se vexa diminuído por mor da desviación do Índice de Prezos ao Consumo, en relación coas revisións salariais derivadas da cláusula anterior.

D.A. 7ª. Adaptación organizativa e funcional da Policía Local.

Coa finalidade de cumprir coas esixencias legais referidas á estrutura e organización do Corpo de Policía Local, e ante a necesidade de subsanar a problemática derivada da inexistencia dunha escala executiva, coa conseguinte carencia das funcións e competencias correspondentes, acórdase proceder, con carácter transitorio, á materialización dos cambios organizativos, legalmente posibles, ata que dita situación poida ser finalmente normalizada.

Con este obxecto, acórdase proceder a atribución temporal das funcións de mando operativo e supervisión da tarefas do Corpo, propias da escala executiva, tal como se sinala na normativa de referencia, en favor da praza de maior categoría, que neste caso, resultaría ser a única praza de oficial existente. Dita atribución, motivada pola excepcionalidade da situación estrutural e organizativa existente, terá carácter transitorio e meramente temporal, ata que as circunstancias que a xustifican sexan subsanadas, mediante a incorporación das prazas ou postos que, por esixencia legal, deban responsabilizarse das funcións sinaladas.

A materialización desta atribución temporal de funcións, previa aceptación formal do/da empregado/a en cuestión, implicará a percepción das retribucións complementarias que corresponderían ao posto, ou praza, que debería ter formalmente atribuídas estas funcións. Neste senso, considerando que as características poboacionais do Concello obrigan a que se cree a praza de Inspector, pertencente á escala executiva e, polo tanto, sendo a que formalmente tería que asumir as funcións atribuídas temporalmente, deberían ser as súas retribucións complementarias as que proceda aboar ao Oficial afectado por esta situación. Non obstante, dado que esta praza non aparece contemplada no cadro de persoal nin existe relación de postos de traballo na que se incorpore, procederase a realizar unha valoración económica do que seria un modelo tipo do posto de Inspector, no Concello de Teo, utilizando a metodoloxía propia de calquera proceso de elaboración de RPT e valoración dos postos.

A proposta de compensación económica pola atribución temporal de funcións será obxecto de negociación colectiva coa representación do persoal funcionario. En calquera caso, a contía finalmente determinada terá carácter transitorio e temporal, deixando de ter efecto no momento en que as funcións atribuídas temporalmente pasen a ser exercidas formalmente polo ocupante doutra praza ou posto.

Así mesmo, o Concello de Teo comprométese a incorporar e cubrir, no seu cadro de persoal, coa maior celeridade posible, e dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes, unha praza de Inspector, co fin de que as circunstancias que motivan esta atribución temporal de funcións deixen de existir.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 
D.T. 1ª. Implantación do novo sistema educativo.

En tanto non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios a que se refire o artigo 76 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, para o acceso aos grupos de clasificación definidos neste acordo seguirán sendo válidos os títulos universitarios oficiais vixentes á entrada en vigor do propio Estatuto Básico do Empregado Público.

En base ao disposto na disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, será de aplicación, co carácter transitorio estipulada na mencionada disposición, o modelo de equiparación sinalado a tal efecto para os grupos profesionais existentes con anterioridade á entrada en vigor desta normativa, sen prexuízo das modificacións que proceda realizar como consecuencia do desenvolvemento normativo que sexa de aplicación para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

DISPOSICIÓNS FINAIS

 
D.F. 1ª. Entrada en vigor.

O presente acordo regulador entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación oficial. En calquera caso, a vixencia daquelas cuestións relativas a materias retributivas e que supoñan unha variación respecto da situación anterior á entrada en vigor deste texto, comezará a surtir efectos xunto co exercicio orzamentario de 2010, e polo tanto, con data de 1 de xaneiro dese ano.

En Teo, a 15 de xaneiro de 2010.

Polo Concello:

Martiño Noriega Sánchez

Alcalde-Presidente do Concello de Teo

Polas organizacións sindicais:

CIG

Xavier Picón Picallos

UGT

Juan Carlos Fernández Fernández

CC.OO.

M.ªPilar Ferreiro Pérez

2010/5261